ATOPO
Registros actuales: 1.334.599
Objetos digitales disponibles: 490.498

Fondos

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1

  • Título DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

  • Data(s) 1610-2022 (Creación)

  • Volume e soporte 45350 unidades de instalación e 211566 expedientes, rexistros ou agrupacións documentais en soporte papel na súa práctica totalidade.

Área de contexto

  • Nome do produtor Deputación de Pontevedra(1836-) En Galicia, a primeira Deputación constitúese o 19 de marzo de 1813, presidida polo marqués de Campo Sagrado, contando cun vicepresidente e sete vogais representando as sete cidades capitais das antigas provincias. O nacemento da provincia como entidade local con vida propia data da Constitución de Cádiz, aprobada no ano 1812, que estableceu por vez primeira no seu artigo 325 unhas institucións, as deputacións provinciais, concibidas como órgano rector de cada unha delas, presididas polo xefe superior e con funcións básicas de control e vixilancia da administración dos lugares que integran aquela. Haberá que esperar ata o decreto das Cortes de 27 de xaneiro de 1822 para que se plasme unha nova división provincial que divide a Galicia nas catro provincias actuais, con pequenas variacións, asignándose a capitalidade da provincia actual á Vigo, onde se constituirá a Deputación Provincial o 24 de maio de 1822, chegando a funcionar algo máis dun ano, data na que volven ser suprimidas pola restitución do rei Fernando VII. Co decreto de 30 de novembro de 1833, inspirado por Javier de Burgos, iníciase o proceso definitivo que culmina coa restitución das catro provincias galegas actuais e a constitución das Deputacións actuais, sendo o 12 de febreiro de 1836 cando se constitúe definitivamente a de Pontevedra, logo de certas disputas coa cidade de Vigo, reticente a perder a capitalidade. Desde o ano 1836 ata hoxe, a Deputación vén desempeñando con total continuidade un amplo abano de funcións e actividades, que foron variando de acordo coa lexislación aplicable en cada momento. Inicialmente, a Constitución de Cádiz asígnalle as funcións de aprobar os repartimentos das contribucións dos pobos da provincia, velar polo axeitado investimento dos fondos públicos, coidar o establecemento dos concellos, propoñerlle arbitrios ó Goberno, promover a educación, a agricultura e a industria, formar o censo e a estatística provincial, coidar dos centros benéficos e dar conta das infraccións que xurdan na provincia. A lexislación actual asígnalle as competencias propias de coordinar os servizos municipais entre si para garantir a súa prestación adecuada; a asistencia xurídica, económica e técnica ós concellos; a prestación de servizos públicos de carácter supramunicipal e, en xeral, o fomento dos intereses particulares da provincia. Este cúmulo de xeneralidades que se vén mantendo en toda a lexislación local provocou unha serie de actuacións moi diversificadas, das que quedarán moitos testemuños documentais e que se reflicten no cadro de clasificación do fondo documental desta institución. As modificacións alcanzaron tamén a propia organización da institución e a designación, competencias e denominación dos seus órganos de goberno e órganos administrativos. O órgano unipersoal que dirixe a Deputación é inicialmente o xefe político, antecedente directo do gobernador civil, sendo o primeiro presidente desta institución D. Miguel del Pino. En 1863 establécese que a Corporación elixa entre os seus membros un presidente para cada sesión, pero logo o sexenio revolucionario volve á figura do gobernador civil- presidente de facto. Será a lei de 1870 a que estableza a figura do presidente para un período de sesións, sendo nomeado polo propio gobernador civil ou pola Corporación dependendo do momento. Con posterioridade, na maior parte das ocasións será o gobernador o que nomee directamente ó Presidente e non será ata o ano 1950 cando apareza a figura do presidente da Deputación como órgano diferenciado e independente do gobernador civil, que aínda así e todo permanecerá como presidente nato da institución ata 1978. No período democrático o presidente e un órgano electo, de forma indirecta, entre e polos deputados provinciais. Nun principio o número de deputados que integraban o Pleno da Corporación era de sete, un por partido xudicial, variando sucesivamente tanto a fórmula de elección coma o número total destes, alcanzando na actualidade un total de 27 deputados, como representación proporcional ó número de habitantes dos 13 partidos xudiciais. Esta estrutura complétase con outros órganos colexiados estables, ademais das variables comisións informativas e especiais creadas en cada período.

  • Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra

  • Historia arquivística O Arquivo, xunto cos demais servizos da Deputación instálase provisionalmente nun local arrendado na rúa da Costa na cidade vella de Pontevedra, para trasladarse posteriormente ós locais do desamortizado convento de San Francisco onde permaneceu até 1890, ano no que a Deputación e o arquivo trasládanse á súa nova sede, o actual Pazo Provincial. Aínda que a Deputación sempre tivo persoal responsabilizado do seu arquivo, permitíuse , seguramente por problemas de espazo, que se iniciara unha disgregación dos seus fondos pasando parte da sección de Goberno Civil ó Arquivo Histórico Provincial do Estado e outra ao Museo Provincial, aínda que a maior parte dos fondos do arquivo permanecerá no Pazo Provincial. Podemos falar do Arquivo da Deputación como tal a partires de 1845, ano en que se produce a Real Orde do 24 de outubro, pola que se crea o Arquivo, que acollerá os documentos da Deputación Provincial, Xunta Provincial e Goberno Civil, e nomease para a súa custodia a un oficial. É necesario agardar até o ano 1852 para obter o primeiro nomeamento de arquiveiro que recae en D. Pablo Chocano, decretado por Real Orde de 21 de outubro de 1852, quen emitiría un informe denunciando as penosas condicións nas que se atopaba o arquivo, conseguindo levar adiante dúas reformas no mesmo ano. Foi cesado en 1854 e sucedeulle Lamberto Lucero, igualmente cesado ós dous meses polar supresión da praza, até que por Real Orde. de 15 de febreiro de 1857 se nomea a D. Juan Fernández Gil, que igualmente volvia a reiterar a denuncia reativa ao lamentable situación de amontonamento e descontrol dos documentos do Arquivo. En abril de 1862 é nomeado por D. Carlos Méndez Osorio quen cesou ós 14 días, pasando a reemprazalo D. Luciano Escarpazo, que aguantaría no cargo até marzo de 1864, volvendo a encargarse D.Carlos Méndez até agosto de 1865. Seguiulle D. Felipe Carlos Rivas, quen mantivo o seu posto até decembro de 1866, substituíndoo inmediatamente D. Rogelio Lois, até o mes de outubro no que tomou posesión D. Joaquín Rivadulla, quen alomenos se mantivo no cargo até o ano 1875. En 1882-1883 o Arquivo e a Deputación estrearán novas dependencias no Pazo provincial construido a tal efecto, trasladándose tanto a documentación propia da Deputación como a do Goberno Civil e instalándose o Arquivo na pranta baixa do novo edificio. Coñecemos a existencia do arquivero profesional Fernández Villamil, quen compartiu os seus traballos na Deputación co Arquivo Histórico Provincial do Estado, a Biblioteca Pública e a sua cátedra no Instituto, até 1955. Con Fernández Villamil producíuse unha boa parte da dispersión documental e bibliográfica, depositándose fondos no Arquivo Histórico Provincial así como a maior parte dos volúmes da biblioteca e boletíns oficiais na Biblioteca Pública. Pero foi posteriormente cando a Deputación, sen ningún profesional ao frente, por falta de espazo, segundo se alegou, decide depositar no Museo de Pontevedra unha boa parte da documentación de maior antigüidade. En dito lugar sofre unha expoliación de improntas e selados e a conseguinte desorganización dos seus atados, ademais de expurgarse indiscriminadamente, co que o volume documental dende finais do século XIX e até mediados do XX queda absolutamente mermado. A partir de 1977 cúbrese a praza polo actual arquiveiro, Miguel Pereira Figueroa. A partires de aqui intentase recompoñer o arquivo. Refórzanse as instalacións do Pazo Provincial na pranta alta, recupérase a totalidade da documentación depositada no Museo e abrense novas instalacións, no Convento de Xesuitas xunto con algúns locais mais, manténdose os do Pazo Provincial. Impulsoúse o traballo de instrumentos descriptivos, amplióuse considerablemente o persoal, melloráronse as instalacións e ampliáronse os fondos con novos ingresos por depósito e compra. No ano 2008 lévase a cabo a reforma integral do edificio da rúa Padre Amoedo, o que proporciona unhas instalacións modernas e amplas, adecuadas para o desenvolvemento das actuacións e servizos que se veñen prestando. Entre as premisas do proxecto destaca o resalte da edificación mediante unha fachada na que destaca a parte central, que se transforma nun corpo transparente e diáfano, combinando cobre e pedra, que abre o edificio á cidade. O proxecto, obra do arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, da como resultado unha nova distribución interna con cinco plantas: dous sotos para depósito de fondos documentais cunha superficie de 1.100 m2, nos que se instala estante compactada; unha planta baixa cun gran patio distribuidor central, despachos e zonas de servizos comúns, como o salón de usos múltiples. Nas andares superiores van as zonas de traballo e consulta das diferentes seccións do Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico: arquivo, biblioteca e publicacións, cada un deles cos seus medios e instalacións inherentes

  • Forma do ingreso Por transferencias anuais dende os diferentes servizos, centros e organismos da Deputación Provincial.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A riqueza e a variedade da información acumulada e o amplo período referenciado así como unha certa continuidade deste, excepto algunhas omisións dos anos do primeiro terzo do século XX, avalan a idoneidade desta documentación para multiplicidade de estudos e investigacións. E así merecen destacarse, entre outros, na sección de Goberno, os documentos que reflicten a creación e modificación dos diferentes concellos que integran a provincia, por ser este un proceso no que sempre interveu a Deputación; así como os libros de actas dos órganos colexiados, que recollen unha riquísima información e que se conservan integramente, mantendo a secuencia cronolóxica desde o período de sesións inicial (acta de constitución da Deputación de 12 de febreiro de 1836); as resolucións presidenciais, que son o resultado da capacidade normativa e resolutoria deste órgano unipersoal. Por outra parte, o fondo inclúe algunha documentación anterior á creación da Deputación por considerarse antecedente directo e ter a continuidade oportuna na mesma serie en épocas posteriores, destacamos as seguintes series: > Expedientes de visitas as devesas reais e plantíos desde 1750 > Expedientes de beneficencia desde 1786 > Expedientes de Contadoría de propios e arbitrios desde 1759 a 1856, referida ao control económico dos coutos, xurisdicións e concellos.

  • Valoración, selección e eliminación A documentación sofre o primeiro e único proceso selectivo nas propias oficinas que os producen, previamente ao envío ao arquivo, sen realizarse nos últimos anos ningún proceso de expurgo selectivo relevante nin xeral, excepto documentación de rendas (recadación) e exaccións (ORAL). Considérase inicialmente documentación de conservación permanente.

  • Novos ingresos Os distintos servizos fan transferencias de documentación segundo un calendario establecido e de forma periódica.

  • Organizació

    O fondo organizouse seguindo un criterio de clasificación orgánico-funcional, co resultado do actual cadro de clasificación, artellado arredor de catro seccións, referidas sucesivamente a xestión dos órganos de goberno colexiados e unipersoais, o funcionamento administrativo, a xestión de servizos e, por último ao control e xestión orzamentario. Cada unha destas seccións subdivídese en subseccións e estas en series e subseries, atendendo á variedade da tipoloxía documental a as series existentes.
    
    Cadro de clasificación
    
    1.- GOBERNO:
    
    1.1.- XEFE POLÍTICO/ GOBERNADOR CIVIL
    1.2.- PRESIDENTE
    1.3.- PLENO DEPUTACIÓN
    1.4.- COMISIÓN PERMANENTE/ GOBERNO
    1.5.- COMISIÓNS INFORMATIVAS E ESPECIAIS
    
    2.- ADMINISTRACIÓN:
    
    2.1.- SECRETARÍA
    2.2.- REXISTRO
    2.3.- PATRIMONIO
    2.4.- PERSOAL:
    
    2.4.1.- ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL
    2.4.2.- DISCIPLINA E CONTROL
    2.4.3.- CLASES PASIVAS/ SS / MUTUALIDADES
    2.4.4.- SELECCIÓN DE PERSOAL
    2.4.5.- REPRESENTACIÓN DO PERSOAL
    
    2.5.- ASESORÍA XURÍDICA
    2.6.- CONTRATACIÓN
    2.7.- ARQUIVO
    
    3.- SERVIZOS:
    
    3.1.- ARQUITECTURA
    3.2.- VIAS E OBRAS. URBANISMO
    3.3.- COOPERACIÓN
    3.4.- AGRICULTURA, FORESTAL, GANDARÍA, PESCA, INDUSTRIA,
     COMERCIO E TURISMO:
    
    3.4.0.- ASUNTOS XERAIS SERVIZO AGRARIO
    3.4.1.- AGRICULTURA
    3.4.2.- FORESTAL
    3.4.3.- GANDEIRÍA
    3.4.4.- PESCA, CULTIVOS MARIÑOS
    3.4.5.- INDUSTRIA. COMERCIO
    3.4.6.- TURISMO
    3.4.7.- TRANSPORTES. COMUNICACIÓNS
    
    3.5.- SEGURIDADE CIDADÁ
    3.6.- SANIDADE
    3.7.- BENEFICENCIA E ASISTENCIA SOCIAL
    3.8.- EDUCACIÓN
    3.9.- CULTURA
    3.10.- DEPORTES
    3.11.- CPAM
    3.12.- QUINTAS E MILICIAS
    3.13.- ELECCIÓNS
    3.14.- FONDOS EUROPEOS
    
    4.- FACENDA:
    
    4.1.- INTERVENCIÓN:
    
    4.1.0.- ASUNTOS XERAIS INTERVENCIÓN
    4.1.1.- PRESUPOSTOS ORDINARIOS
    4.1.2.- PRESUPOSTOS ESPECIAIS
    4.1.3.- PRESUPOSTOS EXTRAORDINARIOS
    4.1.4.- PRESUPOSTOS DE INVERSIÓNS
    
    4.2.- FINANCIACIÓN E TRIBUTACIÓN:
    
    4.2.0.- ASUNTOS XERAIS RECADACIÓN
    4.2.1.- RENDAS E EXACCIÓNS
    4.2.2.- ARBITRIOS PROVINCIAIS
    4.2.3.- CONTRIBUCIÓNS / REPARTIMENTOS
    
    4.3.- TESOURARIA:
    
    4.3.1.- CAIXA
    
    4.4.- CONTROL ECONÓMICO DOS CONCELLOS
    
    4.5.- ORAL:
    4.5.1.  EXPEDIENTES DE ÓRGANOS DE GOBERNO
    4.5.2. EXPEDIENTES DE ADMINISTRACIÓN
    4.5.3.EXPEDIENTES INGRESOS DE DEREITO PÚBLICO
    4.5.4.EXPEDIENTES DE XESTIÓN PRESUPOSTARIA

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso O acceso é libre, coas restricións impostas na lexislación estatal e autonómica, é dicir, os documentos que conteñen datos persoais ou que afecten á intimidade das persoas. A documentación conservada nas dependencias do Arquivo na Cidade Infantil "Principe Felipe" (tomos encadernados dos mandados de pagamento e ingreso e documentos contables desde 1953 até 2005) requerirá para a súa consulta unha solicitude previa, e serán accesibles nun prazo de corenta e oito horas reservados para o seu traslado efectivo ás instalacións de Padre Amoedo.

  • Condicións de reprodución A reprodución está limitada polas condicións de conservación e polo normal desenvolvemento do Servizo

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos A documentación atópase en xeral en bo estado de conservación, sendo o soporte maiormente en papel.

  • Instrumentos de descrición Base de datos www.arquivos.depo.es

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Pode atopase documentación orixinal. Desta Deputación, por diferentes causalidades no Museo de Pontevedra, no Goberno Civil , no Arquivo Histórico Provincial e no Servizo de Montes da Consellaría de Agricultura.

  • Existencia e localización de copias A tramitación administrativa produce o envío dos documentos as diferentes administracións, local autonómica e estatal.

  • Unidades de descrición relacionadas Nos concellos da provincia existen documentos que reflexan a actividade de cooperación da Deputación con cada un deles, especialmente as series relativas a planificación, obras e urbanismo, acción social e recadación de taxas e contribucións.

Área de notas

  • Nota No propio fondo da Deputación inclúese algunha documentación anterior á súa creación por considerarse antecedente directo e ter a continuidade oportuna na mesma serie en épocas posteriores. Este é o caso da documentación da Contadoría de propios, que conserva documentación desde 1759 até 1856, referida ao control económico dos coutos, xurisdicións e concellos, función asumida xunto coa documentación oportuna pola Deputación Provincial e coa continuidade na serie de orzamentos especiais. Así mesmo, as subseccións de beneficencia desde 1786 o forestal, con expedientes de reais devesas e plantios, desde 1750.

Puntos de acceso

Área de control da descrición