ATOPO
Registros actuales: 1.335.669
Objetos digitales disponibles: 490.455

Fondos

  • ES.GA.36055.ACHDT.1.. ARQUIVO CAPITULAR DIOCESANO DE TUI

ARQUIVO CAPITULAR DIOCESANO DE TUI

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36055.ACHDT.1.

  • Título ARQUIVO CAPITULAR DIOCESANO DE TUI

  • Data(s) 1071-2005 (Creación)

  • Volume e soporte As unidades de instalación ocupan uns 120 metros lineais de estantes en soporte de pergameo e papel

Área de contexto

  • Nome do produtor Diócese de Tui-Vigo(1095-) A diocese é unha parte do Pobo de Deus que se confía a un bispo para que a apaciente coa colaboración do seu presbiterio. Así, unida a un pastor, que a reúne no Espírito Santo por medio do Evanxeo e a Eucaristía, constitúe unha Igrexa particular. Nela está verdadeiramente presente e actúa a Igrexa de Cristo unha, santa, católica e apostólica. (Cristus Dominus nº 11) A tradición reitera que a historia da nosa Diocese arrinca co episcopado de S. Epitacio no século I; pero, só contamos con apoio documental para establecer a sucesión dos seguintes bispos e os seus nomes, a partir de finais do s. VI. Eles estamparon as súas firmas ao pé das actas dos Concilios de Braga: Anila, en tempo dos suevos, e logo Neufila, Gardingo, etc. Bispos no desterro Durante as invasións árabes e normandas a presenza episcopal na sede tudense resultou moi dificultosa, por mor das continuas devastacións. Os bispos, con moita frecuencia, víronse obrigados a “desterrarse e refuxiarse” acollidos á hospitalidade dos seus irmáns veciños, unhas veces en Iria Flavia (Padrón), outras en Labrugia (Portugal) ou en San Esteban de Ribas do Sil (Ourense). Así do prelado Naustio (ca. 926-932) di unha escritura atopada en 1112 que os normandos e sarracenos penetraban na cidade de Tui polo río Miño e causaban moitos danos ao noso pobo, por iso o bispo retirouse ao mosteiro de Labruxe (Labrugia) para evitar sobresaltos, gobernando desde alí a diocese. O mesmo tiveron que facer Oveco (ca. 932-936), Vimara (936-948), Baltario (ca. 942-950) e Vilulfo (950-1002). Por iso os historiadores falan de “restauración” da diocese de Tui a finais do século XI, porque ata chegara a estar xuridicamente vinculada á de Santiago polo menos desde 1024. A recuperación da estabilidade con presenza episcopal definitiva acontece en 1095 cando os Condes de Galicia, D. Ramón de Borgoña e a súa esposa Dna. Urraca (a filla de Afonso VI) outorgan ao Bispo D. Aderico o “señorío de Tuy”, que excedía amplamente a liña do Miño. De Rebordáns á Catedral en Tui No citado ano 1095 menciónase a sede de “Santa María de Tui”, aínda cando parece que esta habería que situala entón en Rebordanes (actual igrexa de S. Bartolomeu) onde residía o Bispo. Porque é ao sucesor de Aderico, D. Afonso II, a quen algúns atribúen a iniciación das obras da Catedral actual (1120-1125) reinando Afonso VII “O Emperador”, fillo de Dna. Urraca. Outros con todo, asignan a honra de comezar a construción da Catedral ao Bispo D. Pelayo cara ao 1131 (el crearía segundo parece un mosteiro en Rebordanes baixo a regra de S. Agustín, no que vivían “cóengos da mesma igrexa”). Está claro historicamente que será o rei Fernando II (1170) quen mande trasladar a cidade “a un lugar máis alto e máis seguro” -o emprazamento actual- deixando a cidade antiga e outorgando ao Bispo novas doazóns “para que o Bispo D. Beltrán e o Cabildo poidan levantar -así di o documento real- un alcázar e torre xunto ao palacio episcopal e continuar a fábrica da Catedral”. A Catedral, cofre de “S. Telmo” Corresponderá ao Bispo D. Esteban Egea, esta vez co apoio do rei Fernando III “O Santo” e da súa nai Dna. Berenguela, terminar a obra e consagrar a Catedral na festividade de san Andrés do ano 1225, aínda que se fixou o 1º de decembro como día hábil litúrgicamente para conmemorar a dedicación. Foi o Bispo D. Lucas de Tui quen elixiu o lugar de honra que é a nosa Catedral para depositar nela (cara aos anos 1246-1249) o corpo do que agora é Patrón da Diocese, o Beato Pedro González vulgarmente coñecido como “San Telmo”, cuxas reliquias serían trasladas solemnemente á Capela actual, o 27 de abril de 1579. Momento crítico e azaroso na historia da Igrexa e consiguientemente da Diocese foi o do cisma de Occidente (1378-1417), pola división creada tamén entre os membros do Cabildo, adscritos a favor dos distintos pontífices. Así tras a polémica, a Colexiata de Valença do Minho con 230 parroquias en territorio portugués se desgaxarían do Obispado de Tui. Outras dúas Colexiatas existiron tamén na dioceses dedicadas ambas a Santa María: a de Baiona a Real (elevada a ese rango en 1482) e a de Vigo (en 1497). Ambas deixaron de ser “colexiatas” en virtude do Concordato de 1851 que fixo desaparecer esas categorías. Diocese de Tui-Vigo desde 1959 Hai unha data histórica recente da que acabamos de cumprir as Vodas de Ouro, o 25 de xuño de 1959, pola Bula “Quemadmodum impiger”, o Papa XOÁN XXIII concede á Diocese a dobre titularidade de Tui-Vigo e rango de Con-catedral ao templo vigués de Santa María. O Bispo Frei José López Ortiz trasladou desde entón a Residencia Episcopal, a Curia diocesana e o Seminario Maior á cidade de Vigo, o que orixinou tamén un só Cabildo con dobre sede. “Tui dará a Vigo a súa experiencia milenaria -dicía Frei José- e Vigo achegará á actividade diocesana o seu ritmo puxante de conquista activa e emprendedora”. A partir da dobre denominación da Diocese de Tui-Vigo ocuparon a sede diocesana quen son agora xa Bispos eméritos: D. José Delicado Baeza (1969-1975); D. José Cerviño Cerviño (1975-1996) e D. José Diéguez Reboredo (1996-2010). O territorio da Diocese -que en diversos momentos comprendeu terras hoxe de Portugal e do Ribeiro ourensán-, abarca na actualidade 1.721 quilómetros cadrados do sur da provincia de Pontevedra e é a máis pequena das dioceses españolas do territorio peninsular en extensión, aínda que non en poboación. Dividida en 276 parroquias, o último censo atribúelle unha poboación de 517.658 habitantes. Para a atención pastoral dos fieis dispón a Diocese de algo máis de douscentos sacerdotes entre os seculares e os relixiosos. O Seminario Maior "de San xosé" (Vigo) ten 15 seminaristas e no Seminario Menor “de S. Pelayo” ( Tui) estudan 18 aspirantes ao sacerdocio. Arquitectura e arte na Catedral Sobre a arquitectura da Catedral-fortaleza baste dicir que foi inicialmente románica e adaptada ás posibles necesidades defensivas; pero moi pronto se viu afectada polas novas correntes de transición ao gótico. Anótese tamén que o espléndido pórtico da fachada principal, no que están representadas escenas da Natividade, non sería concluído ata 1236. E na imposibilidade de enumerar todas as obras de arte encerradas na Catedral, invitamos a admirar a beleza artística e a teoloxía do misterio da encarnación genialmente expresada no retablo da Expectación, obra do redondelano Antonio do Villar (1722), que se acha no brazo sur do cruceiro xunto á porta que dá acceso ao Claustro; a detallada exposición da vida e milagres de San Telmo, na sillería do coro, obra de Francisco Castro Canseco (1699); tamén polo seu simbolismo, a sede desde a que nos preside o Bispo (obra de Domingo Rodríguez de Pazos, 1712) e os frontais do altar, que son do século XV, de inspiración mudéjar. A Igrexa Catedral é aquela en a cal o Bispo ten situada a súa Cátedra, signo do maxisterio e da potestade do pastor da Igrexa particular, como tamén é signo da unidade de todos os crentes na fe que o Bispo anuncia como pastor da grey». (Cerimonial dos Bispos nº 4)

  • Institución arquivística Arquivo Diocesano de Tui

  • Historia arquivística A salvagarda dos títulos de propiedade do cabido e da catedral fixo que o seu arquivo fora obxecto de especialísima custodia. Todo parece indicar que en tempos antigos a documentación se conservaba na sala capitular; e a máis prezada gardábase nun arcón de ferro (“burras” se chaman en Portugal), o seu acceso era moi restrinxido, pois pechábase con tres chaves, que gardaban tres prebendados. Todo transcorría con certa normalidade ata que en 1809 as tropas de Napoleón ocuparon a cidade e o arquivo se espallou. A posterior recuperación do patrimonio bibliográfico e documental, que non se perdera, foi un labor lento e laborioso dos bispos e do cabido de Tui. En 1797, baixo o pontificado de D.Juan García Benito, construírase o pazo de contaduría, que pasados algúns anos sería a sede definitiva do Arquivo Capitular. Por 1923 o eminente investigador Pascual Galindo Romeo, catedrático da Universidade de Santiago e posteriormente da Central de Madrid, levou a cabo a redacción do catálogo dos documentos medievais co propósito de que se producise a súa inmediata publicación. O plano trazado polo profesor Galindo non se cumpriu pois o catálogo non se publicou, pero consérvanse as súas case mil fichas manuscritas, rigorosamente cubertas con referencias precisas á Historia Sagrada do Padre Flórez e a Ávila y la Cueva, nas que describe e identifica os catrocentos pergameos e diversas escrituras dos dous libros Tumbo da catedral e Dos protocolos notariais. No ano 1987 os profesores Joám Trillo e Carlos Villanueva concluíron e publicaron o catálogo completo das composicións musicais da catedral tudense. En torno a 1983, para mellorar o ordenamento físico do arquivo capitular, habilitáronse novos estantes, e en 1994 o mesmo edificio acolleou tamén o Arquivo Histórico Diocesano.

  • Forma do ingreso Por transferencia directa.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A documentación máis antiga sufriu tantos avatares, debido ás guerras e ás invasións, que non é posible calcular as perdas ocasionadas no devir dos séculos. Certamente, a mellor conservada foi aquela que dependía máis directamente do cabido, como son os libros de actas e os libros de apeos dos bens da mesa capitular.

  • Valoración, selección e eliminación Non se fai ningún tipo de selección, a non ser para reclasificar os documentos indebidamente incorporados nalgúns legaxos e libros.

  • Novos ingresos Son escasos. Cabe mencionar os acordos do cabido e as copias dos proxectos e memorias que entrega o Plan director da catedral.

  • Organizació

    CADRO DE CLASIFICACIÓN DO ARQUIVO CAPITULAR:
    
    1.- PERGAMEOS:
    
    1.1.- Privilexios
    1.2.- Bulas pontificias
    1.3.- Foros
    1.4.- Protocolos
    
    2.- CÓDICES:
    
    2.1.- Pontifical iluminado
    2.2.- Pasionario
    2.3.- Comentario ós salmos
    2.4.- Cantorais
    2.5.- Tombos ou Becerros
    
    3.- CABIDO CATEDRALICIO
    
    3.1.- Actas capitulares
    3.2.- Acordos espirituais
    3.3.- Libros sinodais (constitucións)
    3.4.- Limpeza de sangue
    3.5.- Expedientes canónicos e beneficiais
    3.6.- Capelanías e obras pías
    
    4.- HAXIOGRAFÍA:
    
    4.1.- Proceso de San Telmo
    4.2.- Auténticas de reliquias
    4.3.- Cerimonial de Alcoba
    
    1.5.- CONFRARÍAS:
    
    5.1.- Santísimo Sacramento
    5.2.- Ánimas
    5.3.- Doce nome de Xesús
    5.4.- Virxe da Soidade
    5.5.- Virxe do Carme
    5.6.- Virxe das Dores
    5.7.- San Telmo
    5.8.- San Bieito
    5.9.- San Roque
    5.10.- San Crispín e Crispiniano
    5.11.- Santo Antón abade
    
    6.- LIBROS ADMINISTRATIVOS:
    
    6.1.- Libros de fábrica
    6.2.- Libros de contas
    6.3.- Inventarios
    6.4.- Libros de colecturía
    6.5.- Padroados
    6.6.- Foros e décimos
    
    7.- FUNDACIÓNS:
    
    7.1.- Capelanías
    7.2.- Obras pías e aniversarios
    
    8.- DOCUMENTACIÓN NOTARIAL:
    
    8.1.- Protocolos notariais
    8.2.- Preitos
    
    9.- DOCUMENTACIÓN MUSICAL SS. XV-XIX
    
    9.1.- Libros de facistol (cantorais)
    9.2.- Libros de polifonía
    9.3.- Partituras
    
    1.10.- DOCUMENTACIÓN CARTOGRÁFICA SS. XVII-XX
    
    10.1.- Mapas
    10.2.- Planos
    
    11.- MISCELÁNEAS
    
    11.1.- Apuntes biográficos
    11.2.- Manuscritos de Francisco Ávila y la Cueva

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Aos documentos poden acceder os investigadores e todo aquel que xustifique a súa utilización por motivos persoais. Deben atenderse as limitacións das leis vixentes e do Regulamento dos arquivos eclesiásticos españois.

  • Condicións de reprodución A reprodución está moi limitada para evitar o deterioro e garantir a integridade da documentación. Existen uns impresos para solicitar fotocopias e a reprodución dixital.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos Pergameo e papel, cun bo estado de conservación. Aprécianse bastantes perdas de documentos.

  • Instrumentos de descrición Ficheiro temático, guías e inventarios, parcialmente informatizados.

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Coñécese a existencia de outra documentación orixinal nos arquivos a seguir: Arquivo Histórico Nacional. Arquivo Historico Provincial. Museo de Pontevedra. Arquivo Histórico Diocesano. Arquivo da Curia Diocesano. Fundación Penzol.

  • Existencia e localización de copias Non se coñece a existencia de copias

  • Unidades de descrición relacionadas Existe outra documentación relacionada nos arquivos a seguir: Arquivo Vaticano. Arquivo Histórico Nacional. Museo de Pontevedra. Arquivo Capitular de Ourense. Arquivos parroquiais. Arquivo da Curia Diocesana.

Área de notas

  • Nota O Arquivo Capitular comparte sede co Arquivo Histórico Diocesano, e como poden considerarse arquivos vivos, a curto prazo ficará colapsado. Por iso se informou ó Plan Director da catedral da necesidade dun novo edificio ou da ampliación dos espazos do actual. Parece que os proxectos se decantan pola segunda opción.

Puntos de acceso

Área de control da descrición