ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

Proxecto fotográfico "E se fose hoxe?"

2 de xuño de 2023
  • Do 5 ao 22 de xuño
  • Praza de España. Pontevedra

Este proxecto sitúa as persoas actuais nas situacións de represión vividas polas vítimas do golpe de Estado de 1936.

Búscase centrar a atención sobre dous obxectivos:

  • Darlles a coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano á poboación en xeral e á mocidade en particular, para que entendan que non eran distintas a nós , que non fixeron nada máis que defender unhas ideas na loita por unha sociedade máis xusta
  • Alertar do perigo do avance do fascismo e ilustrar as consecuencias que tería o golpe de Estado se fose hoxe

O proxecto conta con doce participantes que posaron para homenaxear a quen ocupaba daquela o seu mesmo cargo ou realizaba a mesma profesión e que representan distintos tipos de represión:

  • Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, representa as persoas que tiveron que esconderse para salvar a vida. En concreto, a Manuel García Filgueira, alcalde de Pontevedra no momento do golpe, que estivo trece anos nun tobo: desde xullo de 1936 ata 1949.
  • Carmela Silva representa a quen no momento do golpe de Estado era o presidente da Deputación, Maximiliano Pérez Prego. O seu xuízo suspendeuse porque morreu no Hospital, sen que se coñecese a súa doenza.
  • Luís Bará, parlamentario, representa a Bibiano Fernández Osorio-Tafall, quen tamén foi presidente da Deputación. No momento do golpe era deputado. A súa historia reflicte moi ben o exilio: non volveu ver a súa familia.
  • Kiko Da Silva. O debuxante pontevedrés representa a Castelao e as penurias económicas que pasou no exilio.
  • Cano Paz, libreiro, representa a incautación de bens, en concreto, o seu avó Ramiro, a quen fusilaron para logo quitarlle o prelo á súa familia.
  • Ánxos Rial, profesora do IES Sánchez Cantón, personifica a docente comprometida que é expulsada das aulas, coma Ernestina Otero ou tantas outras. Aparece acompañada do alumnado do seu centro de secundaria con caixas de "mudanza" mentres a miran marchar.
  • María Ortega (e outras mulleres coma a actriz Aire Quinteiro ou a cantante Uxía Senlle). A deputada representa a vilagarciá Juana Otero, que foi  rapada xunto a todas as mulleres que padeceron vexacións sexistas.
  • María Ramallo Vázquez (PP), Félix Juncal e Leticia Santos Paz (BNG), e Victoria Portas Mariño (Alternativa Canguesa de Esquerdas), titulares das alcaldías do Morrazo en Marín, Bueu, Moaña e Cangas, respectivamente, representan a Antonio Blanco, Johan Carballeira, José Fandiño Pidre e Agustín Jorge Etcheverri, que foron asasinados. Buscouse que fose un proxecto plural, con representantes de distintos grupos políticos, porque todas as forzas democráticas deben involucrarse na defensa da memoria.
  • Alba Díaz, fotógrafa do proxecto "E se fose hoxe?", representa o consignatario vilagarcián Dámaso Carrasco, como cara visible de todas e todos os presos da illa de San Simón, que el mesmo fotografou. Se non fose por el, moitos rostros se terían perdido.

Elenco

Fotografías: Alba Díaz

Escenografía: Amanda Seijas

Como se fixo: Canal Rías Baixas

Contidos: Área de Memoria Histórica

Deseño gráfico: Servizo de Comunicación

Desenvolvemento da campaña: Comunicación Vicepresidencia

Agradecementos:

Miguel Anxo Fernández Lores, Carmela Silva, Félix Juncal, Leticia Santos, María Ramallo, Victoria Portas, Luís Bará, Kiko da Silva, Cano Paz, Anxos Riveiro, alumnado do IES Sánchez Cantón, persoal de Saraiva, persoal da D. O. Rías Baixas, Carlos González (Adif), Aire Quinteiro, Uxía Senlle, Luísa Márquez, Carmen Abeledo, Lois Pérez, Eva Blanco, Carolina Neira e Tensi Gesteira.