ATOPO
Registros actuales: 1.332.948
Objetos digitales disponibles: 490.503

Foliada da Memoria

2 de xullo de 2022

A Deputación de Pontevedra, a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, vai facer unha homenaxe á música represaliada, a artistas de todo o país que padeceron a represión franquista.

E vaino facer con alegría, devolvendo a música furtada e centrando o discurso na vida das vítimas para contar o soño colectivo daquela sociedade efervescente de inicios do século XX que tronzou o franquismo.

Será cunha ‘Foliada de Memoria' o vindeiro sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín)

Será un acto interxeracional, como a propia transmisión da memoria, no que se pretende contar con veciñanza de distintas idades.

Haberá actividades todo o día para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar.

A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.

E todo conducido por Xurxo Souto.

Medre a memoria!

Nota: Haberá autobuses para toda a xente doutros lugares da provincia que queira desprazarse a Moneixas. Terán que anotarse antes do 20 de xuño no enderezo electrónico memoriahistorica@depo.gal indicando o lugar de orixe.

PROGRAMA (Pdf)

 

O PORQUÉ DUNHA FOLIADA

Homenaxeamos ás vítimas - non só da nosa provincia senón de todo o país- cunha foliada para recuperar a festa que nos furtaron.

Porque pensamos que non hai mellor xeito de lembralos que coa súa música, con festa e alegría.

E  ninguén mellor para facer de mestre de cerimonias que Xurxo Souto.

ONDE A FACEMOS

Escollemos Moneixas, en Lalín, por ser de alí a agrupación que tantos actos fixo con Xesús Froiz, no tempo en que pensaban que aínda era posible o soño da República e do Estatuto.

Non puideron acalar as súas gaitas. A agrupación volveu rexurdir e malia os atrancos aínda hai hoxe unha formación que leva por todo o país o nome dos Dezas de Moneixas, e ademais con moita xente moza, e crianzas que garanten que a memoria ten futuro (Medre a memoria que diría Xurxo Souto!)

LOCALIZACIÓN

QUEN NOS AXUDA

A agrupación Os Dezas de Moneixas está totalmente implicada con esta homenaxe e tamén o Concello de Lalín. A ambos, grazas. Tamén a Eli García, ilustradora do cartaz.

QUE IMOS FACER?

Unha festa o día enteiro!

VÍTIMAS QUE LEMBRAREMOS EN MONEIXAS

  • Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral, asasinado en decembro do 36 no Castro de Vigo, xunto ao seu pai, Manuel Moreda Outeiral, e o seu irmán, José Moreda Vázquez.
  • Manuel del Río Mandayo experto carpinteiro e gaiteiro afeccionado, detido e paseado o 5 de outubro de 1936, por ser o responsable local da UXT e do PSOE de Ordes.
  • José Gómez Avelaira, integrante dos gaiteiros de Xinzo da Costa (Maceda), paseado en Sarreaus (Ourense).
  • Xesús Froiz, promotor dos Dezas de Moneixas, que sempre o acompañaban nos mitins do Partido Galeguista, tamén asasinado.
  • As irmás Pastora e Cándida Cordal que, cantando, bailando e tocando a pandeireta, eran o centro de todas as festas. Pero naquel verán do 36 en que se impuxo o silencio quedaron na casa e os falanxistas sacáronas da cama e obrigáronlles a tocar a pandeireta e bailar espidas unha xota. No campo da Festa para que todo o mundo as vira.
  • Pilar Navieira Golán, muller do gaiteiro paseado en Ordes, a quen tamén lle gustaba tocar a pandeireta. E a a súa irmá Maruja del Río Mandayo,. E a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas. Logo de rapalas, obrigáronas a desfilar polas rúas facendo o saúdo fascista e dando vivas a España e a Franco, entre as burlas dos falanxistas. 

O PROGRAMA, PASO A PASO

01.- ALBORADA: Empezaremos a xornada con catro agrupacións da comarca (Os Dezas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos) que percorrerán a parroquia de Moneixas en alborada festiva.

02.- MANIFESTO-HOMENAXE aos gaiteiros e as pandereteiras que padeceron a represión franquista, con presenza de familiares e persoas expertas:

  • Leandro del Río, neto de Manuel del Río Mandayo, gaiteiro de Ordes asesinado, e de Pilar Navieira Golán, rapada- Tamén raparon e obrigaron a dar vivas a España e a Franco co brazo en alto a Maruja del Río Mandayo e Dolores Mandayo Montero.
  • Manu Igrexas investigador, experto en Xesús Froiz e os Dezas de Moneixas. Froiz era o responsable local do Partido Galeguista e levaba os Dezas a todos os mitins. Asasinárono no 36.
  • Xerardo Fernández Santomé, investigador experto en Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral, tamén asesinado. (Pode que veña o neto de Constante tamén)
  • Alberte Pérez, investigador experto en José Gomez Avelaira, gaiteiro de Maceda, tamén asesinado.
  • Montse Fajardo, falará das humillacións realizadas contra Pastora e Cándida Cordal, pandereteiras e bailadoras de Cambados que foron obrigadas a bailar e tocar a pandeireta espidas  nas festas de Corbillón (Cambados) por ser irmás do sindicalista Castor Cordal, logo asesinado.

03.- COMIDA E SERÁN POPULAR.

Concluída a homenaxe, empeza a festa. Tras unha sesión vermú amenizada pola agrupación de pandereteiras Boubas! xantaremos no souto no que haberá un polbeiro-que tamén terá á venda churrasco e empanada- e unha rosquilleira, como nas festas de toda a vida.

Haberá música das agrupacións comarcais que participaron na alborada, acompañadas polo grupo Os Xílgaros de Lugo e todas as agrupacións e intérpretes que se acheguen ao souto cos seus instrumentos.

04.- MOSTRA DE CREACIÓNS DE INSTRUMENTOS E TRAXES TRADICIONAIS

A Foliada da Memoria conta coa participación da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas, que coordina unha mostra de elaboracións de instrumentos e traxes tradicionais.

05.- ESPAZO INFANTIL

Haberá tamén un espazo infantil onde, durante toda a xornada, as crianzas poderán aprender ou practicar xogos tradicionais. Haberá xogos de destreza, habilidade, puntería e coordinación para toda a familia e tamén xogos de equipo. A chave, a billarda, o carrexo de espigas ou a táboa retáboa son só algúns exemplos.

06.- MONICREQUES

Outra actividade para gozar en familia será a dos monicreques, prevista para as catro da tarde. A compañía Viravolta Títeres porá en escena a obra "A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón" de Federico García Lorca.

07.- TALLERES DE BAILE E CANTO

Tamén agardamos que sexa interxeracional, como a transmisión da memoria, a participación nos talleres de baile e canto que terán lugar a media tarde. O de baile con Marta Mouriño e o de canto con Enrique Viz.

08.- HOMENAXE INTERXERACIONAL

Se pola mañá quixemos ter unha lembranza coas persoas represaliadas após o golpe de estado, no atardecer queremos homenaxear as persoas que recuperaron a tradición e posibilitaron que a semente dos Dezas de Moneixas seguise agromando ata o día de hoxe.

Lembraremos a José Benito González López, fundador. Tamén a súa irmá María, que bailaba, e aos seus irmáns Darío e Ismael, pois tamén formaran parte desa agrupación orixinaria dos anos 20, a que levaba Xesús Froiz aos mitins do Partido Galeguista. O mesmo pasaba co curmán, Manoliño González. Tocaba el nos vellos dezas, e tamén os seu irmáns Laureano, Celso  e Amancio, que morreu na fronte de Asturias. Tamén tiñan unha irmá bailaora, Isaura.

Alí estará a descendencia das dúas ramas da familia González, e dous fillos de Manoliño González, Alfonso e Mario González Iglesias, que formaron parte da agrupación que xa nos anos 40 tomou o relevo da orixinaria, xunto a Manuel Troitiño Fernández, Julio García e Manuel Lage. Estes dous últimos xa faleceron pero a súa descendencia estará tamén no Souto, con Alfonso, Mario e Manuel Troitiño.

Aos cinco renderalles especial homenaxe a agrupación actual, e as crianzas da escola, que amosarán que a música -e a sociedade- que o fascismo quixo silenciar, aínda permanece.

09.- FIN DE FESTA

Logo da homenaxe interxeracional, faremos un especial fin de festa con Bandaló! que nos fará recordar como eran aquelas verbenas tradicionais dos anos 30.

Spots