ATOPO
Registros actuales: 1.333.566
Objetos digitales disponibles: 490.494

A ‘Gala da Memoria' da Deputación reivindica con música comprometida "que queda moito por facer pola memoria histórica"

Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez protagonizaron un espectáculo de case dúas horas no que se amosaron "unidos á causa" de pedir ‘verdade, xustiza e reparación'

05 de noviembre de 2021 , Memoria histórica
Gala da Memoria

A ‘Gala da Memoria' organizada polo departamento provincial de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra amosouse hoxe como un evento "nada convencional" onde a música revindicou que "queda moito por facer pola memoria histórica". Sobre o escenario, con duetos, en grupo ou de maneira individual durante preto de dúas horas, artistas como Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez amosáronse "unidos á causa" de pedir ‘verdade, xustiza e reparación" para as vítimas da ditadura e a represión franquista.

O acto, presentado por Lucía Aldao e María Lado (Aldaolao), comezou coas intervencións institucionais da presidenta Carmela Silva e a deputada de Memoria María Ortega. Silva subliñou o esforzo e o traballo da Deputación de Pontevedra, unha das poucas administracións que fai memoria a día de hoxe, e insistiu na necesidade de traballar pola "decencia política" e por unha sociedade na que se repare ás vítimas e se demostre o posicionamento contra o que aconteceu no golpe de Estado e os 40 anos seguintes.

María Ortega, pola súa banda, puxo en valor o traballo das entidades memorialistas que levan anos traballando na recuperación da memoria e comprometeuse a que a Deputación camiñará sempre do seu lado e polas vítimas. A nacionalista insistiu en que a xente nova ten dereito a coñecer o seu pasado para reivindicar o seu futuro. Defendeu que a utilización de novos formatos –como a gala- é necesaria para chegar a novos públicos, sumando iniciativas que completan o traballo de investigación e de loita cotra a impunidade que tamén está a realizar o departamento provincial de Memoria Histórica.

Na parte artística, a directora da gala, Uxía, cualificou o evento como un espectáculo moi especial e non convencional que pretende sumar enerxías para "remar a favor da memoria". Destacou que non só se conseguiu un repertorio en homenaxe ás persoas represaliadas durante o golpe e a ditadura, senón que "moito máis que iso", xa que as e os artistas uníronse á causa e cadaquén expresou os seus sentimentos de repulsa e esperanza na reparación e a xustiza. "A música sempre conmove, pero sobre todo con temas así", dixo, en referencia a todas as actuacións mais en concreto sobre a peza ‘Los olvidados' de Pedro Pastor, cunha temática clara e directa sobre a represión e a reivindicación do papel das mulleres silenciadas.

As condutoras do acto tamén "tumbaron lugares comúns" sobre a memoria, cun guión irreverente co que deixaron claro que "parece que todo esta resolto e se pode pasar páxina, pero non é así". Juanma Lodo tamén achegou a súa parte de compromiso a través da orixinal videocreación que se foi proxectando en cada unha das intervencións musicais.

A ‘Gala da memoria' celebrouse este venres 5 de novembro no Pazo da Cultura coincidindo co chamado ‘Mes da Memoria', cando se cumplen 85 anos dos asasinatos da Caeira, lugar onde tamén mataron a Alexandre Bóveda, e onde fusilaron a mártires defensores da República e da liberdade, entre eles dúas persoas que presidiron a Deputación provincial, Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro, xunto a Ramiro Paz, Victor Casas,Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey e Juan Rico.