ATOPO
Registros actuales: 1.332.948
Objetos digitales disponibles: 490.503

A Deputación leva ao Val Miñor o documental "Acorda", teatro e un obradoiro de música represaliada para celebrar o "Mes da Memoria" do Instituto de Estudos Miñoráns

Os xoves 14, 21 e 28 ás 20 horas as actividades pasarán polo Auditorio Municipal de Nigrán, o de Gondomar, e o Multiusos de Sabarís en Baiona

11 de octubre de 2021 Memoria histórica
Mes da memoria Val Miñor

A Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica "O Pasado Por Vir", vai encher de actividades e contido o ‘Mes da Memoria' organizado Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) no Val Miñor coincidindo co aniversario dos asasinatos da Volta dos Nove. O departamento dirixido pola nacionalista María Ortega financiará a celebración de tres actividades: a proxección do documental ‘Acorda', a escenificación da peza teatral ‘A señora de Forcadela' a cargo de ‘Os Quinquilláns' e o desenvolvemento dun obradoiro de música represaliada da man de Xurxo Souto.

As actividades que a Deputación leva ao Val Miñor e que se xuntarán con outros actos propios do IEM, segundo explica Ortega, están dispoñibles no catálogo de actos de memoria de 'O Pasado Por Vir' (na web  arquivos.depo.gal) , e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica no centro do debate.

No caso do Val Miñor, os actos financiados pola Deputación comezarán este xoves día 14 de outubro ás oito da tarde no Auditorio municipal de Nigrán, onde se proxectará o documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra', unha peza audiovisual baixo a dirección artística de Uxía e Marina Carracedo, o guión de Lois Pérez, a dirección de Lucas Terceiro e o asesoramento de contidos de Montse Fajardo, que dá a coñecer lugares singulares para a memoria dentro da provincia a través da música. Participan as intérpretes Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre, Uxía e Su Garrido.

A sinopse do audiovisual, que foi seleccionado polo Festival de Cine de Ourense no ciclo ‘Panorama Galicia' explica que ‘Acorda' é "unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións. Toda historia de represión e inxustiza ten o seu relato de resistencia e esperanza. A nosa memoria acorda e renace nos lugares, na xente. No 36, o fascismo franquista quixo apagar a nosa voz e o noso pensamento, quixo roubarnos a chuvia. A historia escríbea quen vence, pero outras historias continuaron escribíndose tamén. Hoxe, coma quen acorda dun longo sono, volvemos a algúns dos lugares onde habitou o silencio, o medo, a perda e poboámolos de música, cancións e palabras".

O seguinte xoves, 21 de outubro, tamén ás 20 horas, no Auditorio municipal de Gondomar, será o momento da escenificación da peza teatral ‘A señora de Forcadela', unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36.

O xoves 28 de outubro, á mesma hora, e no Multiusos de Sabarís en Baiona terá lugar o obradoiro de música represaliada de Xurxo Souto que pretende servir para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a definir o presente. Buscarase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á socieade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estadod o 36 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión.