ATOPO
Registros actuales: 1.333.957
Objetos digitales disponibles: 490.496

O documental de memoria histórica ‘Acorda', na sección oficial de ‘Cineuropa' por ser considerada parte "da produción audiovisual galega máis relevante" de 2021

A peza, idea orixinal do departamento de Memoria da Deputación, estará dispoñible a demanda na plataforma Filmin dende o 16 ata o 24 de novembro ao abeiro da selección feita pola organización

09 de noviembre de 2021 , Memoria histórica
ACORDA

O documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra', a peza audiovisual producida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música, segue o seu paso polos festivais de cinema galegos e proxectarase  o vindeiro luns 15 dentro da sección oficial ‘Panorama audiovisual galego' de Cineuropa tras ser considerada parte "da produción galega máis relevante" no último ano.

‘Acorda' foi previsualizada no Teatro Principal de Pontevedra e tivo a súa estrea oficial o Ourense Film Festival, optando ao  Premio Xacobeo, nas últimas semanas. No caso de ‘Cineuropa', a proxección terá lugar o vindeiro luns 15 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia de Santiago ás 19.15 horas, para despois dar lugar a un coloquio co público asistente. Alí estarán a deputada de Memoria e impulsora do proxecto María Ortega, a técnica provincial de Memoria e asesora de contidos Montse Fajardo, as directoras artísticas Uxía e Marina Carracedo, o director técnico Lucas Terceiro, o guionista e condutor Lois Pérez, e as intérpretes Sheila Patricia, Su Garrido Pombo e Eladio Santos.

Segundo explica a organización, dentro da sección ‘Panorama audiovisual galego' Cineuropa seguiu –desde as súas orixes na curtametraxe– aos creadores do Novo Cinema Galego Oliver Laxe, Lois Patiño, Alberto Gracia, Ángel Santos ou Alfonso Zarauza, entre outros, e a actrices e actores que labraron unha traxectoria merecedora de tributo como Luis Tosar, Mabel Rivera ou Antonio Durán "Morris". "En cada edición recompilamos a produción galega máis relevante e ofrecemos a estrea en Galicia dalgunha desas películas", apuntan, explicando que ‘Acorda' comparte sección con ‘Que hicimos mal?' de Liliana Torres; ‘Escribir o imposible' de Simone G. Saibene; ‘Jacinto', de Javi Camino; ‘Flanèur en Compostela' e ‘Malencolía' de Alfonso Zarauza.

A peza documental da Deputación de Pontevedra xurdiu trala idea orixinal do departamento de Memoria provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a dirección artística para a execución do proxecto a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, e a Lois Pérez no guión con Montse Fajardo  como asesora de contidos.

No proxecto  participan voces moi diversas e reivindicativas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.

O obxectivo primeiro de ‘Acorda' é achegar a temática da memoria histórica ao público xeral, neste caso a través dun formato como o audiovisual que non é habitual. No documental faise un percorrido por diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na provincia de Pontevedra, ben por ser lugares de execución, de enterro ou relacionados coa República: a antiga ‘Escola Normal' en Pontevedra; a Ponte Regueiro, en A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura; e finalmente a Illa de San Simón.

Emisión na plataforma Filmin

Ademais da proxección en sala física, ‘Cineuropa' tamén vén de seleccionar ‘Acorda' como unha das 15 pezas ás que facer difusión a través da plataforma de cinema en liña creada en España, ‘Filmin', que ofrece contidos audiovisuais, cinema de autor e independente baixo demanda en  streaming e de forma legal baixo subscrición.  O documental estará dispoñible dende o día 16 ata o día 24.

Posteriormente a estas emisións, ‘Acorda' seguirá dispoñible para ser proxectado a demanda de maneira pública e sen coste en función das solicitudes de concellos da provincia e de colectivos memorialistas, xa que está dentro do catálogo de actividades que a Deputación de Pontevedra pon a disposición das entidades totalmente de balde.

Fotos