ATOPO
Registros actuales: 1.328.828
Objetos digitales disponibles: 490.698

A Deputación pon o foco das III Xornadas Contra A Impunidade na restitución ás vítimas da represión económica do franquismo

A deputada María Ortega afirma que evidenciar a presencia no IBEX das empresas que apoiaron a ditadura e poñer de relevo os espolios locais "é cumprir o mandado de verdade, xustiza e reparación"

26 de noviembre de 2021 , Memoria histórica
III Xornadas contra a Impunidade

A Deputación de Pontevedra puxo hoxe o foco das ‘III Xornadas contra a impunidade' na importancia da restitución das vítimas da represión económica do franquismo. Tamén situou no centro do debate como as empresas afíns ao réxime se beneficiaron durante a ditadura e permanecen hoxe en democracia con reputación e fortuna intactas, relatou espolios locais a pequenos negocios de persoas non afectas na comarca de Pontevedra, e analizou como o NODO representaba unha imaxe de Galiza ‘tipista' e folclorista co ánimo de lexitimar ao caudillo.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega, organizadora das xornadas, deu a benvida subliñando que o obxectivo da cita é acabar coa impunidade que seguiu amparando os delitos do franquismo trala morte de Franco.  "O noso compromiso absoluto con esta loita convértenos nunha institución pioneira dentro da administración do país e o Estado.  E non debería ser así", subliñou.

A nacionalista destacou que a loita contra a impunidade "ten un inimigo peor que o silencio, o relato falso, un relato intencionado para branquear a imaxe da ditadura e a súa herdanza", que no día de hoxe se puxo en evidencia cos relatorios do escritor Antonio Maestre, o historiador Xosé Álvarez Castro e a antropóloga Beatriz Busto.

Segundo Ortega, as xornadas, ao analizar a presencia no IBEX 35 das empresas que se lucraron co traballo escravo e o apoio a unha ditadura xenocida; ao evidenciar que coa xefatura de Estado a monarquía borbónica herdou tamén as maneiras corruptas do ditador; ou ao poñer na mesa a complicidade da Igrexa Católica coa represión, "non facemos máis que cumprir o mandado que nos fai a legalidade internacional: verdade, xustiza e reparación para as vítimas e as súas familias".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou na súa intervención que dedicar unhas xornadas a poñer sobre a mesa cuestións como o enriquecemento de certas empresas afíns, moitas delas galegas, ou poñer o foco sobre a corrupción e o enriquecemento ilícito, amais do espolio cultura e o roubo decotío por parte do franquismo, "supón un esforzo valente e necesario".

O rexedor municipal insistiu en que é preciso non esquecer que o franquismo soubo xerar e sustentar unha represión económica sistemática contra certas familias do bando republicano, "un xeito de facer dano terríbel, de impedir medrar, de impedir vivir e que supuxo un drama estendido no tempo". "Se xa lle foi negada a condición de vítimas a todos aqueles que sufriron violencias físicas, que non houbo proceso penal contra eses criminais fascistas, cómpre dicir que este tipo de represión é aínda máis descoñecida para o presente e as súas xentes", salientou.

Antonio Maestre: A oligarquía empresarial franquista continúa hoxe no IBEX

O xornalista e escritor Antonio Maestre, autor do libro ‘Franquismo SA', fixo no seu relatorio en Pontevedra un percorrido sobre como se constituíu o capitalismo español trala victoria franquista no 39 e como esas empresas se constituíron a través da súa afinidade persoal co réxime, por casos de corrupción, traballo escravo, represión directa ou incautación das propiedades das persoas represaliadas.

Sinalou que se coñece o nome de ministros, militares e incluso relixiosos favorables e contrarios ao réxime, mais apenas se fala sobre os poderes económicos que sustentaron a ditadura e nunca fixeron a Transición, non habendo cambio de garda empresarial na democracia cando se cotexa o IBEX 35 na actualidade.

Puxo nomes sobre a mesa e destacou que un caso paradigmático de empresas relacionadas con Franco en Galicia é o da familia Barrié de la Maza, que "mediante diferentes artes" beneficiouse da incautación da empresa eléctrica de Pepe Miñones, un deputado republicano fusilado no 36, facéndose coa propiedade de Unión Eléctrica Coruñesa, que incorporou en Forzas Eléctricas do Noroeste (Fenosa), denominada logo Gas Natural Fenosa e Naturgy na actualidade.  Maestre lembrou tamén que foi Barrié o que fixo a "cuestación popular" para o Pazo de Meirás.

O escritor instou a impulsar unha reflexión profunda e subliñou a necesaria institucionalización das políticas de reparación e responsabilidade das empresas que colaboraron coa represión franquista para conformar fortunas persoais e empresariais. Asegurou que as familias beneficiadas, coa grande endogamia que existe entre elas, deberían non ter máis remedio que pedir perdón, avergonzarse e incluso devolver o patrimonio, restituír ou indemnizar ás vítimas, tal e como se fixo en Alemania tras o nazismo, "xa que aínda é posible".

Xosé Álvarez. As sancións económicas dos asasinados, herdadas pola familia 

Xosé Álvarez Castro puxo o punto local ao falar sobre a represión económica e as súas distintas modalidades durante a guerra e a posguerra en Pontevedra. O historiador apuntou que fundamentalmente os modos de presionar economicamente na zona foron as incautacións de bens e as multas gubernativas; o sistema de subscricións, colectas e doazóns que parecían voluntarias pero na realidade non o eran; e tamén o sistema económico da autarquía que  favoreceu a sectores relacionados co réxime mediante o gran estraperlo e se utilizou como castigo e control para os sectores non afectos que coincidían -moitas veces- cos que xa foran represaliados ou próximos ás ideas republicanas.

Álvarez puxo sobre a mesa a trama de corrupción e espolio que se montou arredor da Falanxe, de certas gardas cívicas, de persoas invididuais que se aproveitaron para beneficio propio, un tema novidoso sobre o que hai moi pouco publicado . Asegurou que a súa investigación está documentada en diferentes arquivos con información elaborada fundamentalmente polos propios sublevados. "Non hai lugar a elucubración", sinalou.

A impunidade foi unha das palabras que máis utilizou Álvarez no seu discurso. Indicou que todos os axentes da represión económica baseáabanse no terror para conseguir cartos dunha maneira moi diversificada: con atracos nocturnos ou con secuestros de persoas ás que lle obrigaban a asinar papeis para que apareceran como doazóns, entre outros. Insistiu en que poucos foron condenados por eses feitos xa que "se apelaba a que os sancionaran internamente disculpándoos polo seu ardor patriótico".

Sobre as persoas e casos concretos que se viviron na zona de Pontevedra, Álvarez falou da incautación e subastas de bens de comerciantes como Víctor Moldes, os Gama a quen lle inautan os ultramarinos, ou Ramiro Paz. Tamén mencionou entidades afectadas como as da parroquia de Lérez, na que se incautaron tres locais: o teleclube de Xuventude Lerezana, o edificio da Sociedade de Agricultores que estaba onde se ubica hoxe un parque infantil, e tamén a Caixa Rural que agora é o edificio da Farmacia e está en mans privadas.

Contou Álvarez tamén como despois de condenado e executado Ramiro Paz, incautáronlle a súa imprenta, que foi sacada a subasta xunto a outro negocio, un surtidor de gasolina. Insistiu que en casos como o seu as familias, sobre todo as mulleres, eran as que máis sufrían, porque ademais de perder ao seu familiar que moitas veces era a única fonte de sustento económico, aínda por riba tiñan que facer fronte ás sancións e incautacións. "A sanción non se esgotaba coa morte da persoa encausada, senón que era herdada pola familia, que tiña que facer fronte á extensión da culpa. Iso levou a que moitas destas familias tiveran que dedicarse a actividades como o pequeno estraperlo de subsistencia para poder saír adiante", subliñou.

Beatriz Busto. A cultura galega usada para lexitimar o Caudillo

 A investigadora e antropóloga Beatriz Busto explicou nas xornadas da Deputación o seu traballo sobre como o arquivo do No-Do "re-presentaba" a imaxe de Galiza centrándose no folclore, a cultura e o suposto uso do galego que facía o Réxime.

Busto deu a coñecer moito arquivo e exemplos do noticiario "porque a imaxe é moi potente e fala por si propia" . No seu discurso subliñou os conceptos de espolio, subalternidade e secuestro cultural de Galiza durante a ditadura, cando –segundo dixo- o propio pobo culturalmente non tiña posibilidade de dialogar con esa imaxe "parabólica e estereotipada que se producía dela".

Un dos exemplos concretos do arquivo do No-Do que proxectou foi o dun noticiario do 1943 no que se fala da visita de ‘El Caudillo en Galicia', en relación á inauguración da ponte do Pedrido en Betanzos. Explicou que se quería lexitimar "o seu propio poder como un poder de Estado benefactor, construtor, enxeñeiro, cando na realidade era un proxecto de enxeñería moi anterior ao franquismo, xa da I República".

Apuntou que nesa inauguración pódese comprobar o uso por parte poder político do folclore. "Faise un uso violento, un secuestro moi consciente de elementos culturais como a danza de arcos, un patrimonio que ten que ver coa vila de Betanzos, en beneficio do Caudillo. O que No-Do non conta é que os danzantes foron pagados. Buscan lexitimar o Caudillo e amosarlle a súa adhesión, amor, cariño ao líder máximo a través dese folclore".

Outra das reflexións de Busto foi canto do que antes pasaba co No-Do agora pervive na actualidade. Cuestionouse como o poder político segue a lexitimar a través do folclore actos nos que se utiliza o tipismo para definir identitariamente "o que somos". A antropóloga foi especialmente crítica coa reprodución das formas de facer e do modelo de representación patrimonial material ou inmaterial: "A administración pública é absolutamente responsable disto. É unha situación magoante e negativa porque non somos capaces de velo", finalizou.

A xornada de hoxe finalizou coa proxección do documental ‘Billy' de Max Lemcke, ao que seguiu unha intervención de Miguel Ángel Gómez ‘Gus', vítima de Billy El Niño.

Galería de fotos

Programa

Xornada do sábado

Mañá sábado está prevista a intervención de Rebeca Quintáns, profesora e escritora autora de ‘Juan Carlos I. La biografía sin silencios'; Xosé Ramón Rodríguez Lago, que falará sobre ‘Igrexa e ditadura da estreita alianza ao suposto despegue'; de Araceli Freire, que trarará ‘Resistir, sobrevivir e loitar polo común nunha longa noite de pedra', para dar paso despois a unha mesa redonda con Carlos Babío, Paqui Maqueda e Susana Sánchez Aríns, que intercambiarán experiencias sobre as súas herdanzas. Pola tarde visitarase o Val Miñor para coñecer o campo de concentración que houbo no Mosteiro de Oia e ‘A Volta dos Nove' en Baiona.

Os relatorios poden seguirse en directo en streaming a través de depo.gal.