ATOPO
Registros actuales: 1.328.828
Objetos digitales disponibles: 490.698

O colectivo ‘A Regaduxa' presenta este domingo da man da Deputación o proxecto para publicar o diario do vilaboés José Casal mentres estaba preso en San Simón

O acto ‘A Vilaboa resistente' será ás 12h no Adro de San Adrián de Cobres e pretende reactivar a actividade da asociación da memoria logo da pandemia

06 de septiembre de 2022 Memoria histórica
José Casal Vilaboa

O colectivo 'A Regaduxa' presentará este domingo o proxecto para a edición e publicación do diario que o preso vilaboés José Casal escribiu mentres durou a súa reclusión na Illa de San Simón durante a ditadura franquista. O acto desenvolverase co apoio do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra no seu empeño de recuperar e poñer en valor figuras sinaladas para a memoria da provincia.

Titulado 'A Vilaboa resistente', o acto servirá tamén para reactivar a actividade do colectivo 'A Regaduxa', que mermara durante o tempo que durou a pandemia. Será ás 12 do mediodía no Adro de San Adrián de Cobres e participarán o integrante da Regaduxa Carlos Ríos; Alberte Blanco Casal, escritor veciño de Cobres familiar de José Casal; a deputada de Memoria Histórica María Ortega; e a cantautora Sheila Patricia, que porá música á xornada.

Segundo explican dende o colectivo, o diario de José Casal é "un tesouro" que verá a luz logo da súa cesión por parte da familia á asociación. Trátase dun manuscrito que se publicará en vindeiras datas onde o preso conta as súas vivencias e sentimentos. A intención desta proposta é reivindicar a súa figura, darlle protagonismo á súa familia, e devolver a dignidade a unha persoa da vila cuxa memoria ata o de agora non foi divulgada como debería para dar a coñecer as penurias que moitas persoas coma el padeceron polos seus ideais.

Esta presentación da 'Vilaboa resistente' está aberta ao público e realízase xusto unha semana antes doutra iniciativa na que participa o departamento de Memoria Histórica da Deputación en Vilaboa: o Canteira Fest. Neste festival a Deputación porá en marcha un espazo de memoria destinado a informar e divulgar a memoria entre a xente moza a través de distintas actuacións: música, pintura, obradoiros, charlas e 'performance' teatrais.