ATOPO
Registros actuales: 1.332.943
Objetos digitales disponibles: 490.503

A Estrada Encantada: un libro para coñecer as historias "que nos foi transmitindo a xente maior"

A autora Clara Iglesias falou hoxe na presentación de como a ‘Compaña' non traspasa os límites parroquiais, dos mouros que viven nos castros, dos demos que aparecen no concello, das meigas e das lavandeiras da noite 

30 de septiembre de 2022 Editorial
A Estrada encantada

O MoME da Estrada acolleu hoxe a presentación do libro ‘A Estrada encantada. Contos, mitos e lendas' da escritora Clara Iglesias Cortizos e a Asociación Cultural Vagalumes. A publicación, editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, supón –segundo a deputada María Ortega- "unha ferramenta"  para coñecer historias que de maneira tradicional foi transmitindo a xente maior  pero que a día de hoxe corren risco de non seguir transmitíndose pola desaparición destas persoas".

A nacionalista subliñou que dende a Deputación defenderanse sempre publicacións como esta pola importancia de preservar o patrimonio cultural inmaterial da Galiza. "Temos que agradecer este teimoso esforzo de xente como Clara en prol da transmisión da cultura e a memoria desde o local pero con perspectiva de país", dixo, para asegurar que libros destas características serven de para achegar a tradición e o relato identitario do país á xente moza "a pesares de que a súa forma de relacionarse estea máis vencellada coas novas tecnoloxías que coas conversas ao pé da lareira".

A publicación editada pola Deputación, de feito, será repartida nas bibliotecas e puntos de lectura municipais, así como entre centros de ensino de Primaria, Secundaria e Bacharelato de toda a provincia para ser consultada por calquera persoa que estea interesada.

Na presentación, a autora Clara Iglesias, acompañada polos músicos Anxo Fernández e Gustavo Brea e o contacontos Marcos Borrageros, fixo un percorrido pola diferencia teórica entre contos, mitos e lendas, e puxo sobre a mesa varios temas, a ‘Compaña', os mouros, as mulleres, os demos, as meigas, e as lavandeiras da noite, sempre relacionando estes elementos máxicos con lugares e construcións do Concello da Estrada.

Sobre as lavandeiras da noite, Iglesias contou que o mito está estendido nos países celtas da Europa occidental e que na Galiza son espíritos de mulleres vellas e feas que lavan na beira dos ríos sábanas tinguidas de sangue, seres malignos que piden axuda aos camiñantes para retorcer os panos e que, de facelo mal, poden caer en desgraza ou sufrir a morte. A autora subliñou o carácter patriarcal deste mito que pon de relevo o control da sexualidade das mulleres, pois "esas lavandeiras son mulleres que abortaron e nunca van poder limpar o seu sangue". No caso da Estrada, sinalou a Fonte da Lavandeira ubicada na parroquia de Baloira, onde varias persoas informantes lle explicaron "que acontecían cousas máxicas".

Sobre o demo, Iglesias sinalou que a súa figura aparece moito no Concello da Estrada en diferentes formas: como porco, cabrito, año, ou lagarto. Explicou que non só existe un demo maior, senón moitos outros secundarios que na batalla entre os anxos bos e os malos quedaron atrapados na Terra facendo falcatruadas cando San Miguel mandou pechar as portas do ceo e as do inferno. Como complemento a esta explicación, Borrageros escenificou unha contada na que o demo apareceu en forma de nube negra a un veciño que movera un cruceiro á súa propiedade, convidándoo a meterse nun buraco negro e escuro que, na realidade ,era o propio cú do demo.

Durante a presentación non faltou tempo para falar das meigas boas e malas e dos mouros, seres míticos que viven dentro dos castros e que están aínda sometidos a encantamentos gardando as súas riquezas, defendéndoas dos roubos da xente. Segundo explicou Clara Iglesias, con esta idea da existencia de ouro, foron destruídos mámoas, castros e dolmens "pero sempre sen éxito, porque dado que os mitos serven para explicar e manter o equilibrio social, se calquera aldeán se fixera cun tesouro, produciríase un desequilibrio". Neste punto, a autora fixo unha parada para falar do papel desgraciado que as mulleres teñen na mitoloxía, sempre dende un punto de vista patriarcal, xa que elas sempre estropeaban os tratos entre mouros e homes, que intentaban facer intercambios de viño por ouro, e sembre acababan en desgraza.

Finalmente, fíxose unha curiosa exposición sobre a Compaña, da que Clara Iglesias explicou ten orixe nunha lenda xermánica e unha función "marcadora ou delimitadora dos límites parroquiais": sempre sae da igrexa parroquial e a procesión de difuntos e almas en pena móvese dentro dos lindes das parroquias e raramente traspasa dunha a outra. Sobre todo, insistiu na denominación de Santa Compaña, subliñando que o de ‘santa' é unha contaminación do mundo relixioso oficial, incluso un eufemismo.