ATOPO
Registros actuales: 1.334.499
Objetos digitales disponibles: 490.497

A nova Lei de Memoria Democrática, tachada de "cosmética", "simbólica" e "inefectiva" polas xuristas expertas en memoria histórica

A Deputación acolleu hoxe unha xornada para valorar se o novo texto legal garante o dereito á tutela xudicial efectiva das vítimas

28 de octubre de 2022 , Memoria histórica
Xornada Lei Memoria Histórica

A nova Lei de Memoria Democrática supón un avance con respecto á lexislación anterior, pero non garante "en ningún caso" o dereito á tutela xudicial efectiva das vítimas do franquismo: apenas é "simbólica", "edulcorada", "de limitado alcance" e queda "fóra dos estándares internacionais".

Así quedou de manifesto hoxe nas xornadas ‘Galiza ten memoria' organizadas polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación nas que participaron os avogados Jacinto Lara Bonilla e Paloma García Varela, integrantes da equipa xurídica de CeaQUA, a avogada María Del Pilar Moledo –en nome do Colexio de Avogacía de Pontevedra- e o querelante Miguel Ángel Gómez ‘Gus', xunto a colectivos da provincia e familiares de figuras representativas para a memoria na Galiza, entre outras, a de Moncho Reboiras.

A deputada de Memoria María Ortega explicou que a Deputación organizou a xornada de hoxe ante a recente aprobación da nova lei (en vigor dende o 20/10), "para que as vítimas e as súas familias coñezan as posibilidades legais que existen para obter a reparación xudicial que lle garante a legalidade internacional da man de persoas expertas na materia". Instou a seguir avanzando na loita contra a impunidade a pesares dos obstáculos, lembrando "ás vítimas dos primeiros anos só, desgraciadamente, poderán obter reparación a través das súas descendencias- e ás vítimas dos últimos anos, como Gus. Porque ata os últimos momentos de vida, e incluso desde máis alá, estivo o ditador torturando demócratas".  

Sobre o fondo do asunto, a pregunta de se a nova lei garante a tutela, as expertas foron rotundas na súa negativa. Todas as persoas que sufriron violacións dos dereitos humanos durante a ditadura franquista, a transición e incluso máis alá "non teñen opcións de que as súas denuncias vaian adiante", fundamentalmente porque "non se toca" a Lei de Amnistía, un obstáculo que están a invocar os tribunais do Estado español para impedir a investigación e o enxuizamento dos crimes franquistas.

Segundo explicou Jacinto Lara, a simple creación dunha Fiscalía tampouco garante "nada" porque depende directamente do Fiscal Xeral do Estado e polo tanto o único que se podería garantir é o dereito á investigación dentro do ámbito da propia fiscalía, pero non nos tribunais.

Así mesmo, subliñou Lara, existe unha disposición adicional na que se regula o acceso á xurisdición voluntaria, que é unha declaración sobre feitos do pasado nun ámbito estritamente civil e sen que se poidan sinalar ningún responsable dos crimes.

"Ese deseño da lei non cumpre cos estándares internacionais esixidos en materia de dereito internacional e dereitos humanos. Evidentemente cando estamos a falar de crimes contra a humanidade... a xurisdición competente é a xurisdición penal, non a civil, que non está sometida a contradición ou controversia. Segundo, tampouco hai posibilidade de determinar con claridade unha declaración de feitos probados ou unha condena para os responsables que sigan vivindo", explicou o avogado.

Para o experto, o que a nova Lei de Memoria Democrática establece é un proceso xudicial "edulcorado, totalmente inefectivo e que non responde ás necesidades da investigación e enxuizamento de crimes contra a humanidade conforme está no dereito internacional. Non cumpre en ningún caso", sentenzou, explicando que queda en algo "simbólico máis que efectivo" porque ten un limitado alcance, sendo "cosmética e maquillaxe para ofrecer algo ás persoas que levan demandando xustiza tantos e tantos anos".

"Na realidade non hai unha materialización nin un recoñecemento efectivo a ese dereito á xustiza. Queda máis no simbólico ou o que podemos denominar xustiza restaurativa, que non ten nada que ver coas esixencias marcadas polos organismos internacionais e que o Estado español debe cumprir porque subscribiu convenios e tratados internacionais que o obrigan", dixo.

Lara insistiu en que, na realidade, a situación actual vai seguir igual. "É fundamental que as persoas e a sociedade respondan de forma axeitada ao contido da lei e seguir demandando xustiza en maiúsculas, non en minúsculas. Con esta lei non vamos obter resolucións xudiciais favorables. Iso ímolo constatar en canto comecemos a presentar novas querelas. Teremos novas inadmisións a trámite", explicou o avogado.