ATOPO
Registros actuales: 1.332.948
Objetos digitales disponibles: 490.503

A Deputación presenta en Moaña o catálogo ‘Máis alá da paisaxe' de Lito Portela

Será este venres ás oito da tarde no Eirado do Ferreiro e contará coa presenza do autor, da deputada de Patrimonio Documental María Ortega e a alcaldesa Leticia Santos, entre outros

07 de junio de 2022

A Deputación de Pontevedra presentará este venres en Moaña o catálogo ‘Máis alá da paisaxe' do artista Lito Portela, un libro editado polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico dirixido pola deputada María Ortega.

Será nun acto que contará coa presenza do propio autor, da deputada nacionalista, da alcaldesa Leticia Santos, e tamén con todas as persoas que participaron con textos na publicación: o escritor Manuel M. Romón, o historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, e o mestre Luís Nacidas. O evento será ao aire libre no Eirado do Ferreiro ás oito da tarde e estará aberto ao público ata completar cabida. As persoas que asistan poderán levar un exemplar da publicación de maneira gratuíta.

‘Máis alá da paisaxe' recolle as obras da última proposta creativa de Lito Portela, un artista de longo percorrido  que centra a súa obra no medio natural máis próximo, reflexionando e levando a cabo un exhaustivo traballo de campo, experimentando técnicas e formas de expresión. Na súa traxectoria mostrou especial predilección polas formas orgánicas, alternando etapas figurativas e abstractas.

Cunha longa carreira expositiva, o seu traballo foi premiado en numerosas ocasións (entre elas en 1991 coa bolsa Novos Valores da Deputación) e as súas pezas forman parte de importantes coleccións de arte tanto públicas como privadas.

En ‘Máis alá da paisaxe' utiliza a técnica da acuarela traballada dende un sentido ‘matérico' que consegue tirar dela calidades pouco habituais e matices grazas aos diferentes tipos de papeis que serven de soporte. Deste xeito, o pintor capta o medio mariño dunha maneira suxestiva, con novos significados.