ATOPO
Registros actuales: 1.328.828
Objetos digitales disponibles: 490.698

A Deputación reclama un proxecto curricular no ensino co que abordar a historia recente da Galiza cunha perspectiva memorialista

A deputada María Ortega manifestou hoxe nas xornadas ‘A (des)memoria nas aulas' o seu compromiso coa comunidade docente para achegarlles recursos cos que falar ao alumado do que aconteceu tras o golpe do 36

29 de abril de 2022 , Memoria histórica
Desmemoria nas Aulas

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada de Memoria Histórica María Ortega, reclamou hoxe un proxecto curricular no ensino galego que aborde a historia recente da Galiza cunha perspectiva memorialista. Así o fixo na apertura das xornadas ‘A (des)memoria nas aulas' organizadas polo departamento provincial que se desenvolverán entre hoxe e mañá para achegar á comunidade docente da provincia recursos cos que abordar co alumnado o acontecido tras o golpe do 36.

As xornadas responden, segundo á deputada, á teimade que as novas xeracións coñezan o acontecido no país após do golpe do 36, o relato completo máis alá do transmitido polo bando vencedor. Afirmou que "non se pode esquecer para non repetir e máis agora que se produce un claro rearme da ultradereita. É preciso insistir", e criticou a eliminación do estudo da Xeografía e Historia de Galicia no currículo de segundo de BAC: "Coñecer a España do século XVII non debería ser incompatíbel con coñecer a Galiza do século XX, e as súas irmandades da fala. Ou as revoltas agrarias que legou o XIX".

A nacionalista asegurou coñecer e compartir o enfado do profesorado do país "ante esta incomprensible decisión do goberno galego" e por iso aproveitou o foro para reiterar o seu compromiso de achegar ás aulas todas as ferramentas que dispoñíbeis para poder abordar esa etapa. 

"Son consciente de que nada compensa a ausencia dun proxecto curricular que incida na nosa historia recente. Pero sabemos que sodes moitas as persoas que o facedes, de igual maneira, e cun sobrecusto en horas e esforzo que en ningún caso é esixible. Por iso agardamos que as ferramentas e experiencias que se amosarán nestas xornadas vos sexan de utilidade e animen outras persoas e centros a abordar esta temática", apuntou, para subliñar que "non se me ocorre ningún sitio mellor" que comezar unhas xornadas coma estas no edificio que no tempo da República unha Escola Normal, "o lugar onde o profesorado se formaba co convencemento de que só unha sociedade instruída podía reducir as desigualdades e afondar no benestar. Pero chegou o golpe de Estado, e estes mesmos cuartos que acollían aulas foron convertidos pola intolerancia en celas, que tamén acolleron mestres. E foi a propia escola, a escola libre, a máis grande vítima do franquismo. Acabouse aí o soño de formar homes e mulleres con espírito crítico e apareceu a formación do espírito nacional, a memorización das consignas e o pensamento único, especialmente único, e gris, no caso das mulleres", rematou.

Na xornada de hoxe participou o vicerreitor da UVigo Jorge Soto na inauguración –polo recoñecemento curricular das xornadas-, así como o investigador Xosé Álvarez Castro, que falou sobre ‘De que falamos cando falamos de memoria', seguido de  Kiko Dasilva, ilustrador e editor, Eva Mejuto, escritora e Xulia María Barros, escritora, que abordaron os traballos feitos sobre a ‘Memoria ilustrada de San Simón'. Despois falou o escritor Manuel Rivas co relatorio ‘As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras' e finalmente realizouse a proxección do documental ‘Dores', que contou con Coral Piñeiro, directora e guionista, e Maite Martínez Prieto, produtora e guionista.

Xosé Álvarez: Os mitos da inevitabilidade da guerra e a equiparación dos bandos

O investigador Xosé Álvarez Castro reflexionou na súa intervención sobre as memorias colectivas e as individuais, afondará na definición de diversos conceptos memorialísticos e tratará a relación da memoria coa Historia. Tratou, así mesmo, como foron usadas as memorias pervertidas da II Republica e do Franquismo para entender as bases da Transición e a situación actual. Concluíu cun apartado para desmontar os "mitos arredor da memoria, ás veces perpetuados polos propios libros de historia".

Neste sentido falou da idea da inevitabilidade da guerra, "un sino tráxico para as persoas do país paraas que parecía que a democracia non servía porque sempre motivaba enfrontamento", e tamén da equiparación de bandos, igualando a República e a defensa da legalidade co bando golpista que se levantou e non cumpriu o seu xuramento de fidelidade á República. "Todos estes mitos hainos que desmitificar", sentenzou.

Por outra banda, Álvarez tamén quixo aclarar outro aspecto: que na Galiza non houbo Guerra Civil, senón un xenocidio. Subliñou que no país non houbo fronte de guerra, senón que se deron prácticas xenocidas que eliminaron sectores que se identificaban cos plantexamentos da Fronte Popular. "Non houbo persoas asasinadas por parte dos defensores da República, pero si sobre 5.000 mortos axusticiados polos sublevados, dos que dous terzos foron paseados sen xuízo", asegurou.

Álvarez amosouse moi partidario das xornadas de formación do profesorado no ámbito da memoria. Subliñou que é fundamental formar a unha cidadanía o máis obxectivamente posible e o profesorado é chave.

Manuel Rivas: o compañeiro de escola que de maior quería ser emigrante

O escritor Manuel Rivas foi protagonista da segunda charla da tarde, ‘As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras', un título evocador da figura de Ulises demostrándolle a seu pai que era el en persoa na súa volta de Ítaca, devolvéndolle a memoria ao citar cantas árbores había na súa horta cando el era pequeno.

Rivas fixo unha comparación da memoria humana e da memoria da natureza reflexionando sobre os paralelismos entre a extinción e a súa recuperación. Tamén salientou a idea de que o esquecemento é outra forma de memoria, xa que "somos o que lembramos, pero tamén somos o que esquecemos".

Neste sentido, asegurou que o activismo da memoria é fundamental para a democracia e unha "ferramenta fundamental para a saudade do porvir", sendo necesaria unha reflexión conxunta sobre a memoria.

Rivas tamén lembrou algunhas anécdotas escolares propias relacionadas coa memoria. Destacou que na súa etapa de  7 ou 8 anos estudiaba no extrarradio de A Coruña nunha escola na que había pingueiras e frío porque as fiestras non tiñan vidros. O mestre era un propagandista do Réxime que aseguraba que "España volvía ser un imperio no que non se poñía o sol". "Nós mirabamos pola ventá a chuvia e  sentiamos o frío e diciamos ‘ogallá'", comentou.

Tamén lembrou a vez que o mesmo mestre preguntou que querían ser as e os alumnos de maiores e un dos pequenos contestou "emigrante", un desexo e soño que tiñan entón moitas familias para escapar da situación no país, deixando ao profesor ‘tocado'. O rapaz e a súa familia emigraron ao ano seguinte a Inglaterra.

Mañá traballarase nas xornadas sobre os ‘Recursos para traballar a memoria histórica na aula: lecturas e propostas audiovisuais' a cargo de Pilar Sampedro, especialista en literatura infantil e xuvenil, e María Xesús López Escudeiro, investigadora, para seguir coa escritora e docente Susana Sánchez Aríns, que falará de ‘Seique" falamos de memoria na escola'.