ATOPO
Registros actuales: 1.328.828
Objetos digitales disponibles: 490.698

"O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo": un libro para retomar o legado da vangarda galega previa a 1936

Participan na obra outras nove investigadoras e investigadores do país con análises dende o eido económico, político, social e cultural

09 de junio de 2021 Memoria histórica
O pasado por vir

A Deputación botou hoxe a mirada atrás para facer reconto das oportunidades perdidas na Galiza causa do golpe de Estado do 1936 e amosou o seu ánimo para recuperar aquel legado das vangardas galegas. Fíxoo a través da presentación do libro ‘O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o Franquismo' editado polo departamento de Memoria Histórica.

Na obra, baixo a coordinación de Montse Fajardo, participan autoras e autores que realizaron unha análise do país dende o eido económico, a política, os movementos sociais, a cultura, e o ensino: Marcelino Abuín, co artigo ‘A conquista da democracia'; Carlos Francisco Velasco Souto, co artigo ‘Cara a umha humanidade libertada. O projeto emancipatorio da II República e a construçom de umha sociedade galega consciente e dona de si'; Dionisio Pereira, autor de ‘Cómpre botar de menos á xente que o país perdeu'; Xosé Álvarez Castro, autor de ‘A parroquia como xerme. Agrarismo e Cultura'; Manuel Igrexas, que fala sobre ‘A Tera de Deza: o proxecto do Seminario de Estudos Galegos que nunca viu a luz'; Raúl Soutelo, que escribiu sobre ‘A memoria da emigración a América e da súa pegada na modernización da socieade galega anterior á Guerra Civil); Ricardo Gurriarán, co artigo ‘Da luzada ao ‘apagón' de 1936 ("¡Es general!"): A Facultade de Ciencias da universidade Galega (Sección de Química, 1922): principal foco científico do país'; María Victoria Martíns, co artigo ‘Educación Física e deporte feminino no primeiro terzo do s. XX'; e Carme Vidal, co escrito ‘As mulleres que escriben para recuperar a memoria'.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega foi a encargada de presentar a publicación agradecendo a súa participación a todas as persoas que a fixeron posible, tanto a Montse Fajardo, ás e aos investigadores, como aos departamentos provinciais (Patrimonio Documental e Bibliográfico, Comunicación, Lingua), á autora da fotografía da cuberta Alba Díaz, así como ao Museo de Pontevedra pola cesión de imaxes, e a outras entidades e persoas colaboradoras.

Destacou que a obra está editada dentro do programa homónimo ‘O Pasado por Vir' que pretende investigar e divulgar as vidas de persoeiros irrepetibles do primeiro terzo do século XX e traer ao presente as ideas vangardistas que puxeron a Galiza no panorama internacional.  "É unha obriga para con as xeracións máis novas, para establecer un vínculo entre aquel tempo de esperanza - a primavera republicana-, e o presente, que debe ser xérmolo dun futuro prometedor para o noso país", dixo.

"Este libro pretende facer un percorrido por eses avances que hoxe hai que retomar, porque o Franquismo supuxo unha clara perda de oportunidades para as xeracións seguintes, incluída a actual, e hai que loitar contra calquera tipo de convivencia co fascismo e contra a impunidade, que hoxe en día segue ferindo á memoria das vítimas, os sentimentos das súas familias e que non nos deixa camiñar con liberdade cara a unha democracia madura e sólida", subliñou Ortega.

Pola súa parte, a coordinadora do libro, a xornalista e escritora Montse Fajardo destacou  tamén que o libro ‘O Pasado por Vir'  segue a mesma liña que deu pulo ás actividades contra a impunidade da Deputación: facer xustiza ás vítimas do franquismo avanzando na memoria e ampliando o seu relato, poñendo de relevo tanto o que lles pasou como por que lles pasou: cal era o obxectivo da súa loita e como era a sociedade que estaban intentando construír e que o fascismo botou por terra.

Fajardo incidiu en que a represión non foi un drama persoal ou familiar das persoas represaliadas, senón tamén na sociedade xeral "daquela Pontevedra efervescente na que Castelao quería pintar paisaxes, Bóveda ideaba unha Galiza dona de seu e Ernestina Otero, como outras mestras da República, traballaba en prol dunha escola para todos os nenos e todas as nenas. Foi un drama  para todo o país, pois o fascismo tornou esa Galiza en cor na Galiza negra que tan ben retratou Castelao nos álbums de guerra que substituíron as paisaxes".

A autora subliñou a necesidade de entender a memoria non como un exercicio nostálxico senón como unha ferramenta de construción de futuro. "Non miramos atrás para ficar no pasado senón para transmitir ás novas xeracións o legado de que nos precedeu e poder así avanzar na creación dunha sociedade máis xusta, como a que soñou a xente da Galiza republicana", incidiu.

Interviu tamén na presentación –que encheu o Salón de Plenos do Pazo Provincial- o autor Xosé Álvarez Castro, quen salientou o papel que tiveron as parroquias como núcleos tanto asociativos no agrarismo para reivindicar a defensa dos dereitos dos agricultores, como tamén impulsoras do movemento cultural, "con todas as iniciativas que puxeron en marcha e que quedaron frustradas e están esquecidas a pesares de que algunhas delas son importantes".

Tamén tomou a palabra Carlos Velasco, quen animou ás persoas investigadoras a dedicar máis esforzos a coñecer a fasquía  do proceso de mudanza social anterior ao 1936. "Aquelas mulleres e homes, vellos e mozos, imaxinando o seu futuro estaban a construír o seu presente. Arestora ese presente feito pasado , por máis utópico que fose, énos impresdincible para construír o futuro", dixo, para engadir que é preciso implicar á mocidade nos temas de .

Para pechar, Ricardo Gurriarán destacou que antes do "apagón" de 1936 a provincia de Pontevedra e a Universidade de Santiago eran dous focos de empresariado científico e coñecemento que rachaban coa obsolescencia formativa anterior.