ATOPO
Registros actuales: 1.333.566
Objetos digitales disponibles: 490.494

A corrupción e impunidade de Juan Carlos I e a relación igrexa-ditadura centran o segundo día de relatorios nas xornadas de memoria da Deputación

Rebeca Quintáns: "A monarquía en España ten mal salvar polo seu desprestixio. Non a salva nin Dios"

27 de noviembre de 2021 , Memoria histórica
III Xornadas contra a Impunidade

O segundo día de relatorios das ‘III Xornadas Contra a Impunidade' organizadas polo  departamento de Memoria Histórica da Deputación tiveron hoxe sábado como protagonistas a corrupción e impunidade de Juan Carlos I, a relación da igrexa e o franquismo, así como a loita veciñal contra o espolio dos montes comunais que pretendía o réxime, ademais dun coloquio no que se falou sobre a recuperación de Meirás e do ‘cortijo' de Gamboaz en Andalucía nun proceso similar ao galego.

A xornada comezou coa intervención da profesora e escritora Rebeca Quintáns, autora da biografía non autorizada do rei emérito ‘Juan Carlos I. A biografía sen silencios', quen dixo que "a monarquía en España ten mal salvar polo seu desprestixio" e "non a salva nin Dios". Subliñou que a relación coa ditadura foi moi íntima e fixo un relatorio de todos os supostos delitos e faltas non investigados nin xulgados cometidos por Juan Carlos I.

Segundo Quintáns o emérito puido cometer ‘rebelión e alta traición' pola súa implicación no 23F a pesares de que moitas persoas cren que a súa actuación serviu para "salvar a democracia". Tamén o relacionou con ‘delitos de sangue', a morte do seu irmá, e tamén a de unha das súas amantes que quedou embarazada e sorpresivamente faleceu caendo dun balcón mentres regaba as prantas.

Puxo sobre a mesa a ‘malversación de fondos públicos' por recibir cartos en  B dos fondos do Estado, así como por pago de chantaxes a cambio de silencio polas acusacións de Bárbara Rey, e tamén polos pagos de aloxamentos e gastos de Corinna, dúas figuras que o denunciaron por ‘ameazas e acoso'.

Fixo especial fincapé Quintáns no capítulo de ‘tráfico de influencias' e salientou o cobro de comisións ilegais que comezaron antes de morrer Franco polo petróleo e seguiron pola venda de armas. Tamén subliñou a ‘evasión fiscal e branqueo' que se xulga en Suíza e que a Fiscalía española vai arquivar. Finalmente, e ademais dos presuntos delitos, nomeou tamén os fillos  non recoñecidos  e as "amizades perigosas" con empresarios condenados por corrupción, relacións que continúa -segundo subliñou- Felipe VI.

Insistiu en que a Transición foi "unha máquina de fabricar impunidade" e fixo fincapé en que na permanencia das ‘cousas como están' influíron tanto os medios de comunicación, a xudicatura como a clase política, que no caso dos partidos de ámbito estatal, deron protección á monarquía durante todos os gobernos dende a morte de Franco.

A igrexa:  unha relación cambiante co Estado

 O catedrático Xosé Ramón Rodríguez Lago fixo na súa intervención un percorrido polas diferentes relacións entre a igrexa e os diferentes estados que se deron en España, así como unha valoración do que supón a igrexa española dentro da globalidade mundial, rebaixando tópicos e subliñando as complexidades.

Partindo desa base, Rodríguez Lago indicou que a igrexa é unha "experta en supervivencia" que soubo adaptarse aos tempos que lle tocou vivir e que se aliou ao franquismo polo seu propio interese, identificándose cos sublevados no momento da guerra civil e facendo valer o relato da cruzada para salvar o cristianismo, identificando ser "bo español" con ser católico e tradicionalista.

Falando da identificación e lexitimación do réxime coa chamada cruzada, lembrou que o primeiro bispo que utilizou o termo nun discurso para xustificar o golpe e a guerra civil foi o Arcebispo de Santiago en agosto do 36. Feito que fixo que Galiza sentase un precedente na construción do relato franquista por ser unha das zonas máis rapidamente dominadas polo exército franquista e polo tanto, importante para a construción dun estado que naquel momento non existía, xa que aínda era unha grande incógnita quen ía gañar a guerra.

O profesor subliñou que o discurso de cruzada por parte da igrexa foi moi importante non só para xustificar a guerra no exterior ante as e os católicos do resto do mundo, incluídos os das democracias, senón para xustificar o peso do catolicismo no novo estado, porque o que temía unha parte do catolicismo era que o novo estado seguise o modelo alemán ou italiano e fose un estado fascista afastado da relixión: "A cruzada non só sirve para lexitimarse ante o exterior, senón para lexitimarse no interior dentro do estado e dicir que esa era unha guerra polo catolicismo, non unha guerra polo fascismo, unha idea que aínda permanece hoxendía en moitos sectores".

Segundo o profesor, a igrexa foi unha das esferas que tivo independencia propia durante o franquismo -igual que a Falanxe ou o exército-, xa que podía destinar os fondos que cedía o réxime sen ter que render contas nin dar explicacións sobre os seus gastos. "Isto sorprende como mínimo" en Europa, lembrou, xa que non hai pago de impostos por Patrimonio nin IBI e iso ben hoxe do franquismo.

Araceli Freire: a defensa do monte e a loita contra Celulosas

 A profesora da USC Araceli Freire explicou no seu relatorio ‘Resistir, sobrevivir e loitar polo común nunha longa noite de pedra' como a veciñanza da Galiza foi quen de paralizar o proceso de espoliación dos montes veciñais en man común por parte do franquismo.

Destacou que a actuación do pobo, inicialmente pasiva e logo activa, comezando con instancias de carácter administrativo, logo pasando por vía xudicial e finalmente pola vía violenta conseguiu que os montes foran devoltos á xente co paso do tempo, "se ben é certo que nunca puideron recuperar a produtividade do monte tal e como se viña realizando anteriormente, polo que foi un proceso agridoce".

Puxo sobre a mesa que o campesiñado e o rural galego levantouse, converténdose nun referente ante o réxime sen pretendelo, porque lle afectaba á súa supervivencia, porque estaban a quitarlles unha propiedade que era privada asignándoa en propiedade aos concellos. "Restábanlles aproveitamentos porque eles no monte facían pastoreos, recollida de froitos silvestres, caza, tiñan múltiples aproveitamentos que logo quedan inhabilitados no momento que a xestión do monte pasa a Patrimonio Forestal del Estado (PFE), o organismo franquista", apuntou.

Freire puxo exemplos e amosou documentación do acontecido en moitas localidades galegas onde as mulleres se lanzaron diante da maquinaria agraria para que os forestais non puidesen entrar no monte. Mulleres porque o discurso do réxime dicía que elas tiñan que ser as garantes da supervivencia do núcleo familiar e cando ían aos xuízos por enfrontarse aos gardas forestais por agredilos con pedras e paus tiñan un argumento forte: defender a supervivencia das súas familias.

A profesora trasladou estes feitos ao acontecido na ría de Pontevedra coa instalación da Celulosa, un tema moi vencellado co que acontecía nos montes, porque o aproveitamento forestal que pretendía o réxime tiña que ter saída. "Cando temos madeira haina que poñer en produción. Como? Pois co establecemento da Celulosas. E que fixo iso? Pois que se abandonase outro dos recursos fundamentais para a supervivencia das mulleres e dos grupos familiares que era o marisqueo", explicou. Lembrou tamén a diferencia no xogo de forzas nos enfrontamentos entre as mariscadoras e a Infantería de Mariña, que usaba os canóns para bombardear a estas mulleres "cando simplemente estaban arrincando as balizas para que non se puidese iniciar os traballos de construción da Celulosas".

O caso Gambogaz en Andalucía: unha réplica de Meirás

 Na última sesión da mañá nas Xornadas Contra a Impunidade tivo lugar unha mesa redonda baixo o título ‘Cando a herdanza é a memoria' na que participaron persoeiros que foron herdeiros de persoas vítimas da ditadura pero tamén moi significados na súa loita pública pola memoria: Carlos Babío, autor de ‘Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio', que fixo un percorrido polo acontecido co pazo galego; Susana Sánchez Aríns, autora de ‘Seique'; e Paqui Maqueda, presidenta da asociación andaluza ‘Nuestra Memoria' e integrante da Plataforma Gambogaz.

Maqueda explicou que a raíz dunha visita de Fernando Souto - secretario de la Asociación Memoria Histórica de A Coruña- a Sevilla explicando o proceso que seguiu a comisión pro Meirás para recuperar o pazo, en Andalucía decidiuse montar unha plataforma chamada Gambogaz. O seu doble obxectivo é estudar a situación xurídica do ‘cortijo' Gambogaz propiedade da familia de Queipo de Llano para aclarar o procedemento de adxudicación e propiedade e reverter esa propiedade ao pobo, e tamén denunciar a existencia da tumba de Queipo de Llano na basílica da Macarena, xunto á de Francisco Bohorquez -auditor de guerra-, que actualmente infrinxe un dos artigos da Lei de Memoria Histórica de Andalucía que di que calquera elemento fascista que dane ou ofenda ás vítimas que estea en lugar privado con proxección pública debe ser eliminado.

Maqueda indicou que agora mesmo estase intentando demostrar que houbo unha simulación na venda, porque á persoa a quen Queipo mercou o ‘cortijo' estaba en prisión nese momento "e cremos que salvou a vida perdendo a propiedade".
"Houbo igual arquitectura represiva no Sur e no Norte. Os procesos nosos parécense moito aos galegos porque en Andalucía non houbo guerra nin frontes, polo que o sistema represivo foi o mesmo, moi semellante. O noso obxectivo é que o ‘cortijo' sexa un museo de memoria e sexa devolto ao pobo".

As ‘III Xornadas Contra a Impunidade' pecháronse pola tarde cun percorrido polo Val Miñor no que foi denominado ‘Viaxe da Memoria', coa guía de Xosé Lois Vilar, visitando o Mosteiro de Oia -que foi un campo de concentración franquista' e o lugar coñecido como ‘Volta dos 9' en Baiona, onde foron fusiladas nove persoas e durante anos aparecían marcadas na terra nove cruces en sinal de recordo e reivindicación das súas figuras a pesares da represión franquista.

Galería de fotos

Programa