ATOPO
Registros actuales: 1.018.796
Objetos digitales disponibles: 388.814

O pasado por vir

Mulleres na manifestación do 1 de maio do 36 en Pontevedra

"O pasado por vir" pretende ser un proxecto plurianual desenvolvido polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra baixo a premisa de que a investigación e a divulgación da historia do primeiro terzo do século XX en Galicia ten que servir para construír unha sociedade acorde co país soñado por aquela xeración devastada polo fascismo.

Trátase de dar a coñecer as iniciativas que se estaban a poñer en marcha desde o eido económico, probabelmente o máis descoñecido, a política, os movementos sociais, a cultura e, por suposto, o ensino, co obxectivo de que a constatación da gran perda que supuxo o cambio de réxime para toda a sociedade sirva como alicerce no intento de recuperar non só a memoria dos nomes, dos rostros e das biografías da xeración esmagada, senón tamén e, sobre todo, dos seus ideais devastados, do país que querían construír e que tamén foi aniquilado.

O albor do século XX foi un tempo esperanzador para Galicia, e Pontevedra rexistrou algúns dos grandes fitos da época, moitos deles cunha fonda relación coa propia Deputación, coma a inauguración do Museo ou o traslado á cidade da Misión Biolóxica. Se non se esnaquizasen as iniciativas empresariais, as políticas transformadoras e os emerxentes movementos sociais e culturais, a situación actual sería ben distinta.

"O pasado por vir" pretende, polo tanto, ser un programa de estudo, divulgación e homenaxe da Pontevedra de principios do século que desbaratou o fascismo, sempre mantendo a perspectiva de xénero e de clase.

ESQUEMA DE OBXECTIVOS

  1. Afondar e dar a coñecer:
    • As ambiciosas transformacións políticas, socioeconómicas e culturais que se produciron en Galicia entre 1900 e 1936, especialmente no relativo á provincia de Pontevedra
    • A contribución da Deputación de Pontevedra a estas transformacións.
    • Os principais fitos históricos que simbolizan esta mudanza.
    • As repercusións negativas que tivo para o conxunto da sociedade a brutal represión iniciada tras o golpe de Estado do 36 e a perda de oportunidades que supuxo para as xeracións seguintes, incluída a actual
    • Os nomes e as biografías dunha xeración, única e irrepetíbel, que por mor da súa visión transformadora sufriu a persecución do fascismo ata a aniquilación do soño colectivo.
    • O protagonismo das mulleres, tanto as pioneiras coma as de perfil obreiro, no novo tempo e os avances en materia de dereitos e liberdades que se estaban a acadar e que o franquismo destruíu
    • O cambio que esas mudanzas provocaron no ámbito local e comarcal, estudando e poñendo en valor as iniciativas de cada zona. Para acadar este obxectivo é fundamental e prioritario traballar man con man coas entidades sociais e culturais que actúan no territorio, así como coas institucións continuadoras daquel tempo coma a Misión Biolóxica ou o Museo de Pontevedra, dándolles protagonismo e visibilidade no labor de recuperación da memoria histórica
  2. Establecer o vínculo entre aquel tempo de esperanza —sobre todo a primavera republicana— e o presente. Transmitir a idea de que, aínda que arrasasen cos proxectos e mesmo aniquilasen as persoas, as súas ideas e o seu legado segue vivo e debemos coidar e celebrar a herdanza que nos deixaron. Somos o porvir daquel tempo, o froito da semente que deixaron e temos que traballar para cumprir o proxectado
  3. Completar as labores de pescuda e divulgación con homenaxes ás mulleres e homes que puxeron en marcha aqueles proxectos polos que aínda hoxe devecemos.