ATOPO
Rexistros actuais: 1.335.086
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.460

17 de decembro. Día da Edición

Editorial da Deputación

17 de decembro de 2020 Editorial

A partir de 1940, a Deputación asumiu, dentro da súa función de apoio á cultura e o fomento da lectura, a produción propia de títulos. En 1986 creouse o Servizo de Publicacións que foi evolucionando ata a actual Editorial.

No campo da edición vimos traballando desde hai xa case 35 anos desde que o orixinal chega ó noso servizo e se inicia o proceso de Edición ata que sae cara ó seu destino final… Os títulos da Editorial, unha vez terminado o proceso de impresión, envíanse de balde a todas as institucións públicas e ós organismos que posúan un centro de lectura aberto ó público de maneira que as publicacións estean dispoñibles nas bibliotecas da provincia pontevedresa e, cando é posible segundo a tiraxe de exemplares, tamén nas de fóra da provincia, especialmente nas universitarias. Tan só unha porcentaxe mínima de exemplares se destina á venda, chegando deste xeito ás librerías e outros puntos de venda.

A Editorial da Deputación de Pontevedra trata de desenvolver unha clara diversificación nas súas publicacións, que se fai patente nas numerosas coleccións que integran o seu fondo editorial.

O decidido apoio ó mundo da investigación e o notable incremento, tanto en cantidade como en calidade, de estudos neste campo motivou a edición de publicacións periódicas, unha nova fonte de información periódica e actualizada que acolle interesantes e novidosos artigos sobre diferentes temas que atinxen á nosa provincia. Nesta serie insírense dúas revistas, publicacións seriadas compostas por artigos e traballos de investigación do campo das Ciencias sociais, Humanidades e Sociolingüística: Pontevedra. Revista de estudios provinciais e Pontenova. Revista de novos investigadores.

Sempre desde as premisas de reivindicación e igualdade eo respecto á diversidade, a Editorial da Deputación traballa en:

· Difundir a realidade histórica, social e cultural galega. Galicia é o eixe fundamental de estudo e, máis concretamente a provincia de Pontevedra.

· Impulsar o idioma galego.

· Fomentar a diversificación de información, con revistas caracterizadas pola variedade de áreas de estudo, temas e autores.

· Promover as publicacións periódicas, fontes de información rápida, debido á brevidade das exposicións, e actualizada.

· Estimular e difundir a investigación, tanto entre destacados investigadores e investigadoras (Pontevedra) como entre a xente máis nova (Pontenova).

· Permanente adecuación ó cambio, fortalecendo a biblioteca tradicional e incorporando paulatinamente a biblioteca virtual. A través desta páxina web os cidadáns e cidadás poderán consultar o catálogo dos fondos editoriais e así mesmo, acceder ó contido das últimas revistas en liña, utilizando deste xeito as novas tecnoloxías ó servizo da universalización do acceso á información.

A Editorial conta no seu catálogo con case 800 títulos de narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía, etc. Un amplo catálogo que conta con coleccións interesantísimas como son: A provincia en imaxes, Arte, Arte & Estética, Benito Soto, Ensaio e Investigación, Especiais, Fillos ilustres da provincia de Pontevedra, Helenes, Heráldica e Xenealoxía, Infantil, Natureza Galega, Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra, Plan de Organización de Arquivos Municipais, Poesía e narrativa, Publicacións periódicas, Reedicións e Facsímiles, Poesía Tambo, Poesía Cíes.

O noso catálogo Editorial está á vosa disposición na web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico na que estamos a traballar para adaptala ós novos tempos e facela máis accesible e atractiva para a cidadanía. Así mesmo estamos a engadirlle descriptores a todas as publicacións para que as buscas sexan moito máis sinxelas por temas, ou localización xeográfica entre outros. É un ambicioso proxecto para que se pida consultar e navegar a través dela con cantidade de contidos moi interesantes, unha xanela para asomarse a todo un catálogo de publicacións que está xa á vosa disposición.