ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.728
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.461

A Comisión Xestora 1931-1949

Preto de dúas décadas levando o temón provincial

04 de novembro de 2021 Memoria histórica
A Comisión Xestora 1931-1949

Logo da exposición virtual ofrecida polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico a través da súa antiga web, hai apenas un ano, reincidimos na información relativa á Comisión Xestora na procura de darlle permanencia nesta nova vía de difusión coa que agora contamos.

O Arquivo da Deputación en virtude da vocación principal de servir que o caracteriza, achega deste xeito de forma permanente toda unha detallada reportaxe agora redeseñada, ampliada, e mellorada do citado órgano colexiado da dirección provincial pontevedresa entre a Segunda República e a Posguerra. Trata de ser unha porta aberta de par en par onde os investigadorese investigadoras e acidadanía en xeral, poden indagar, pescudar e coñecer, a través das diversas fontes documentais; libros de actas e de acordo,  expedientes e rexistros, lexislación ou regulamento administrativo, as competencias, as atribucións, servizos e intereses que condicionaban ou marcaban o funcionamento da Comisión Xestora, que ía ser transitoria pero que durou case que dúas décadas.

Así pois, mergullándonos na documentación podemos asistir a dous períodos ben diferenciados: a primeira etapa democrática da Segunda República ata 1936 e o segundo período desde 1936 pasando polos inicios da ditadura franquista ata 1949, no que logo dos os comicios corporativos e de conformidade coa nova Lei de Bases de Réxime Local se produciría a definitiva desaparición deste órgano.

Ofrécese tamén un percorrido cronolóxico e gráfico dos diferentes presidentes que se sucederon na dirección da dita Comisión provincial achegando datos biográficos ou de signo político de cada un deles.

En definitiva,  unha viaxe pola historia verdadeiramente interesante a golpe de click por medio dos recursos de difusión como a nosa  web, o portal atopo e como non, coma sempre nas instalacións físicas do propio Arquivo onde se pode consultar tanto o patrimonio documental dixitalizado, como aquel que non foi obxecto aínda de dixitalización, ademáis de desfrutar e percibir a maxia do contacto directo coa documentación.