ATOPO
Rexistros actuais: 1.356.012
Obxectos dixitais dispoñibles: 500.221

A Deputación inicia a dixitalización dos fondos documentais dos arquivos municipais dos concellos de Pontevedra

O proceso comezou xa nos de Cotobade, Ribadumia e Cerdedo e o día 11 iniciarase no Concello de Lalín

06 de febreiro de 2013 Arquivos

A Deputación de Pontevedra, a través dos seus servizos de Novas Tecnoloxías e de Patrimonio Documental e Bibliográfico, iniciou os traballos de dixitalización dunha parte importante do fondo documental existente nos arquivos municipais dos concellos da provincia.

Esta iniciativa _enmarcada no proxecto "eDepo, a Administración nun Click" financiado polo Ministerio de Industria a través do Plan Avanza_ permitiu a creación dun "Centro de Coñecemento avanzado" para a dixitalización dos fondos documentais, gráficos, cartográficos, sonoros e audiovisuais do Arquivo Provincial e dos fondos documentais dos concellos da provincia, a excepción dos de Pontevedra e Vigo.

Coa creación deste centro de coñecemento perséguense dous obxectivos fundamentais:

• Contribuír á conservación dos fondos existentes no Arquivo Provincial e nos arquivos municipais da provincia, grazas á dixitalización dos mesmos.

• Por a disposición dos cidadáns o acceso por medios telemáticos aos fondos dixitalizados e crear un conxunto de e-Servizos que permitan acceder a todo o patrimonio cultural, contribuíndo desta forma á súa difusión.

O alcance previsto dentro desta iniciativa inclúe unha primeira fase que abarca a dixitalización dos fondos documentais, bibliográficos, gráficos, cartográficos, sonoros a audiovisuais do Arquivo Provincial. Esta primeira fase, en marcha na actualidade, iniciouse a finais do ano 2011 e o seu remate é inminente.

Por outra banda, o proxecto inclúe unha segunda fase que abarca a dixitalización dos libros de actas de plenos municipais e os expedientes de división territorial existentes nos arquivos municipais da provincia de Pontevedra.

Esta segunda fase iniciouse nos arquivos de Cotobade, Ribadumia e Cerdedo e comezará en Lalín o próximo luns día 11 de febreiro, contemplando no seu alcance todos os arquivos municipais da provincia a excepción dos de Pontevedra e Vigo. Para a realización dos traballos cóntase con escáneres cenitais de última xeración, recomendados para a dixitalización de fondos antigos e especialmente valiosos, que garanten un resultado final da máxima calidade.

Os procesos de dixitalización postos en marcha inclúen unha serie de tarefas orientadas, non só a dixitalización propiamente dita, senón tamén a garantir a correcta catalogación dos fondos co obxectivo de facilitar a localización e consulta dos mesmos. Entre as etapas mais relevantes que inclúe este proceso cabe salientar:

• A análise da información de catalogación dos diferentes recursos documentais existentes e a súa estandarización e normalización.

• A dixitalización dos fondos incluíndo a xeración dunha copia en alta resolución para a súa preservación e de copias de traballo a menor resolución e preparadas para a súa difusión na Internet.

• A xeración de metadatos descritivos de catalogación que permiten a correcta identificación, conservación e busca das obras dixitalizadas.

• A inclusión dos obxectos dixitais xunto cos metadatos no xestor documental da Deputación para dar soporte á explotación e difusión do patrimonio dixitalizado.

É importante salientar que as actividades postas en marcha constitúen o inicio dun proxecto concibido a longo prazo e que continuará cunha das iniciativas pertencentes ó proxecto "DepoTIC, a tecnoloxía nas túas mans", no cal está prevista a continuación do proceso de dixitalización así como a implantación dun novo sistema de xestión arquivística e bibliográfica que contribúa a mellorar o proceso de catalogación dos fondos e a súa difusión na Internet.

Según Amancio Varela, xefe de servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra "coa posta en marcha desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra garante a conservación dos fondos documentais xestionados pola institución e os concellos da provincia ao contar cos documentos en formato dixital, o que minimiza a necesidade de manipulación dos orixinais. Por outra banda, permitirá a difusión dos mesmos aos cidadáns grazas a implantación de ferramentas de consulta a través de internet".