ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.728
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.461

A Deputación organiza unhas xornadas para debater se a nova lei de memoria democrática garante o acceso das vítimas do franquismo á xustiza

O acto contará coa presenza dos avogados de CeaQUA Jacinto Lara e Paloma García, así como do querelante Miguel Ángel Gómez ‘Gus' e integrantes das familias de Alexandre Bóveda e Ramiro Paz

21 de outubro de 2022 , Memoria histórica
Avogado Memoria Histórica

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar unhas xornadas para informar e debater sobre os cambios que a entrada en vigor da nova lei de memoria democrática (Lei 20/2022, publicada no BOE do pasado 20 de outubro) introduce na reparación dos crimes do franquismo. Preténdese analizar se o novo texto garante o acceso á xustiza das vítimas ou é insuficiente, tal e como denuncian expertos na materia e moitas das asociacións de memoria.

O encontro, no que participarán colectivos memorialistas do país, será o vindeiro venres 28, a partir das 16.00 horas no Edificio Administrativo da Deputación. Estarán presentes, ademais da deputada de Memoria María Ortega, o avogado Jacinto Lara Bonilla e a avogada Paloma García Varela, integrantes do equipo xurídico madrileño que se está a ocupar da querela arxentina. Ambos explicarán os pasos a seguir tras a entrada en vigor da nova Lei de Memoria Democrática para conseguir a efectiva reparación xudicial dos crimes franquistas e informarán sobre o estado actual da querela arxentina.

Cabe lembrar que co auspicio da propia Deputación, integráronse na querela arxentina varias familias pontevedresas,  como a do presidente do organismo provincial Amancio Caamaño, cuxas netas asinaron a adhesión en novembro de 2019, xunto a familiares de Ramiro Paz e Alexandre Bóveda, que tamén estarán presentes no encontro do vindeiro 28 de outubro.

O debate contará tamén coa presenza de vítimas que presentaron querelas ante tribunais estatais, sen conseguir amparo, como o veciño de Vigo Miguel Ángel Gómez Álvarez Gus. Gómez presentou por vía penal unha demanda por delito de torturas e delitos de lesa humanidade que foi admitida a trámite pola xuíza, por primeira vez na historia da democracia do 78, mais a titular do xulgado incorporouse aos tres meses e arquivouno. Isto provocou un recurso de Gómez Álvarez ante a audiencia provincial de Madrid que tamén foi desestimado, e posteriormente un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, que tampouco foi admitido a trámite, alegando que non afectaba a ningún dereito fundamental. Incansábel na loita, Gómez recorreu ao Comité de Dereitos Humanos na ONU, con sede en Xenebra, trámite do que aínda non tivo resposta.

O debate

A nova Lei de Memoria Democrática declara, no referente á xustiza, "a ilegalidade dos tribunais franquistas de excepción e a nulidade da súas sentenzas", o que, segundo o texto, dá dereito "a obter unha declaración de recoñecemento e reparación persoal". Ademais, recolle "o dereito á investigación das violacións de dereitos humanos da guerra  da ditadura ata a promulgación da Constitución de 1978". Por último, impulsa a creación dunha fiscalía da sala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática na Fiscalía General do Estado como "instrumento da investigación".

Porén, segundo explican desde CeAqua, coordinadora que agrupa as vítimas que acudiron á xustiza arxentina "non resolve os problemas que se nos presentan nos tribunais estatais cada vez que unha vítima do franquismo lles pide amparo". O principal escollo, din, "é a lei de amnistía e a nova norma non aborda a súa derrogación nin modificación. Tampouco se avanza na necesaria e obrigada aplicación do ordenamento internacional nos casos concernente a crimes franquistas". Rexeitan ademais o período temporal que aborda a lei, considerando que tiña que chegar ata os anos 80.