ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

A Deputación publica ‘O fío vermello', un libro 100% fenimino nado da IX edición do Obradoiro de Tradución Poética de San Simón

A edición, que reúne obras de autoras de Eslovenia, Suíza, Polonia, Cataluña, Italia e China, foi presentada hoxe no Arquivo provincial

21 de xaneiro de 2022 Editorial
Presentación de 'O fío vermello'

A Deputación de Pontevedra vén de poñer a disposición do público un novo libro da Colección Cíes, ‘O fío vermello', que recolle o traballo realizado na IX edición do Obradoiro de Tradución Poética de San Simón, unha edición moi especial por terse celebrado en liña debido á pandemia e por ser cen por cento feminina, dende a totalidade da participación, ata o deseño gráfico pasando pola coordinación.

A presentación da publicación tivo lugar hoxe no vestíbulo do Arquivo da Deputación coa presenza da deputada responsable do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega e a xefa do servizo Ana Vicente, que destacaron a satisfacción da Deputación por continuar coa edición de traballos de tanta calidade e pola divulgación das últimas prácticas poéticas a nivel internacional co galego como lingua base.

Na presentación estivo presente a coordinadora lingüística e autora do limiar do libro, Lara Pazos, quen salientou que a publicación é unha pequena mostra da obra das poetas participantes e a súa tradución ao galego, "unha sorte de dobre arquitectura na lingua orixinal e mais na nosa".

Apuntou que por vez primeira se coñecen a través do galego poemas da poeta chinesa Zhou Zan, "que baixo unha aparente simplicidade cuestiona o xeito no que vivimos e configuramos a nosa identidade"; unha mostra da obra da italiana Laura Accerboni, "que cos seus versos esgazadora, achega o rostro máis cruel da sociedade humana, especialmente a occidental"; unha selección de pezas nos que a polaca Grazyna Wojcieszko fala de "desexo, do onírico e da nosa relación coa natureza sen renunciar á sorna"; unha escolla "descarnada" de poesía da catalá Laura Malo, "que desde unha ollada feminista atravesa a conformación da identidade, a maternidade ou o desexo"; e unha mostra do universo simbólico da eslovena Barbara Pogacnik, "que atende tamén á conformación da identidade e reflexionaa sobre as prioridades como sociedade e como individuos".

Segundo a tradutora Dopazo, o libro foi un resultado dun proceso "no que tecemos non só palabras, senón un camiño. Tendemos un fío vermello que uniu as nosas distancias como illas prendidas no medio do mar", dixo, para explicar que dese fío vermello tomou nome o volume, sendo unha das conversas máis interesantes do traballo conxunto como traducir ás diferentes linguas ‘o fío vermello' para que mantivese a cor, a referencia mitolóxica ás Ariadnas e os labirintos e o significado de fío condutor.

O traballo de ‘O fío vermello' estivo guiado, dixo Dopazo, "pola nosa barqueira particular", Yolanda Castaño, responsable da coordinación do obradoiro e editorial. A propia Castaño subliñou a importancia da Colección Cíes para "testar a actualidade poética no mundo a través da nosa lingua, facendo do galego a lingua anfitrioa para compañeiras de Eslovenia, Polonia, China, Italia e Cataluña.

A poeta e xestora cultural subliñou "o orgullo" ver que cada edición dos obradoiros ten personalidade propia: "Esta foi especial pola complicidade sororal", dixo, ao facer unha edición toda feminina, "mesmo aproveitando algunhas dificultades de conciliacións que tiñan algunhas poetas por ser nais ou ter traballos absorbentes. Atoparon todos os días da semana ocos para poder poñermos en común o traballo".

Castaño subliñou tamén que se existían certas prevencións de que o obradoiro en liña podía resultar máis difícil, máis frío ou máis farragoso a través das pantallas e a videoconferencia "puidemos comprobar felizmente que a complicidade sororal funcionaba e facía fluída a colaboración a atención, xa que o respecto entre elas era máximo e exquisito e creouse unha pequena comunidade moi emocionante".

A coordinadora subliñou, así mesmo, que cada edición "vai achegando algo e mellorando e subindo o nivel. A día de hoxe a través da Colección Cíes e dos libros froito deste obradoiro pódese asistir a unha colección de poéticas do mundo realmente magnífica".

Fotos