ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.529
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

A rapazada do CPI Santa Lucía de Moraña coñece a figura do xeógrafo Domingo Fontán

A Deputación, a través do departamento de Patrimonio, concedeu ao Concello unha das dez proxeccións do audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia' do ciclo que está a desenvolverse na provincia

Domingo Fontan CPI Santa Lucia Moraña

Preto dun cento de alumnas e alumnos de 3ºe 4º da ESO do CPI Santa Lucía de Moraña aprenderon hoxe sobre a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionaron sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro no estado realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX.

A actividade, realizada dentro do ciclo de proxeccións do audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia' xunto a unha conferencia e un coloquio explicativo, estivo organizada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación -dirixido pola deputada María Ortega-, que dispón dunha Cartoteca e unha Casa do Mapa que leva o nome do propio Domingo Fontán, na que se poden consultar diferentes materiais cartográficos e documentos, mapas e planos dentro dun importante fondo documental. A actividade da xornada de hoxe foi asignada ao Concello de Moraña por ser un dos dez municipios que máis rapidamente amosou interese cando se abriu o prazo de solicitudes para participar na iniciativa.

O documental proxectouse durante uns 45 minutos falando de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galiza, a Carta xeométrica de Galiza, labor ao que dedicou  dezasete anos da súa vida, ademais de ser secretario da Deputación Provincial de Galiza durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.

A peza audiovisual convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. No vídeo explícase que a Carta Xeométrica de Galiza é un mapa físico de Galiza realizado entre 1817 e 1834, e está considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).

Para cartografar Galiza, Domingo Fontán, segundo explicaron as persoas conferenciantes, aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos. No seu obxectivo tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo e recolleu a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.

O documental serviu para falar dunha época, o século XIX, esencial no desenvolvemento de Galiza e chea de acontecementos e figuras históricas salientables que se relacionan con Domingo Fontán.  A temática do coloquio enlazou ademais con temas de actualidade como o ‘big data' ou a xeolocalización.

A rapazada tamén puido manipular instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán, co fin de comparalo co que existe na actualidade, principalmente os teodolitos que utiliza o persoal que traballa en topografía.

Mañá realizaranse as últimas proxeccións do ciclo organizado pola Deputación en Poio e Pontecaldelas.

Fotos