ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

Éxito de público na presentación do libro de banda deseñada sobre memoria histórica ‘Regreso á Illa de San Simón'

A alta demanda da publicación coordinada por Kiko da Silva e realizada por autores e autoras do O Garaxe Hermético leva á Deputación a anunciar unha próxima reedición

15 de outubro de 2021

O Museo de Pontevedra encheuse hoxe ata onde o permitía o aforo do 90% para a presentación do libro de banda deseñada ‘Regreso á Illa de San Simón', a primeira publicación sobre memoria histórica editada pola pola Deputación de Pontevedra para chegar á xente moza. O  éxito non parou aí: a deputada María Ortega anunciou que se fará unha próxima reedición dada a alta demanda recibida tanto no Servizo de Publicacións provincial como na escola do Garaxe Hermético nos días pasados. 

A peza, que conta diferentes historias baseadas nos feitos acontecidos na Illa de San Simón dende 1936 ata 1943 como campo de presos da ditadura, foi coordinada polo ilustrador Kiko da Silva e creada por autoras e autores formados na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético: Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, Lorena Nikoli, así como Fernando Iglesias ‘Kohell' e Miguel Porto.

O obxectivo da iniciativa, segundo explicou a deputada María Ortega no Museo, foi achegarse á xente moza cun formato atractivo e diferente aos que se soen empregar no ámbito da memoria histórica, con colectivos e asociacións formadas principalmente por persoas de maior idade. Neste sentido, a nacionalista amosouse especialmente satisfeita e emocionada polo éxito acadado incluso antes da presentación, que ao seu entender amosa que hai interese por coñecer os feitos do pasado escuro na historia do país e tamén por reflexionar sobre o papel que rapaces e rapazas poden xogar nas reivindicacións de "verdade, xustiza, reparación".

Pola súa banda, o coordinador da publicación, Kiko da Silva, falou na presentación da idoneidade de utilizar a banda deseñada (BD) para falar da memoria histórica. Lembrou que a BD acadou a súa madurez a finais do século XX coa obra ‘Maus' de Art Spiegleman, que fixo que "comece a cambiar todo no gremio" por abordar o holocausto a partir das lembranzas do seu pai, xudeu que sobreviviu a Auschwitz. "Esa obra empezou sendo ‘underground', pero hoxendía xa é mundialmente coñecida e best seller porque é a única BD que acadou o Pullitzer de xornalismo", apuntou Da Silva. 

O ilustrador tamén fixo unha reflexión sobre o termo postmemoria da autora Marianne Hirsch, referido á relación entre dúas xeracións e a herdanza do trauma persoal e o colectivo recollido a través a imaxes inquietantes, obxectos, historias, comportamentos e afeccións transmitidos dentro da familia e da cultura xeral. 

Segundo explica Da Silva, o libro sobre San Simón foi feito por autores  e autoras que non viviron os feitos na familia directa salvo a excepción de un, Antonio Recuna, familiar do preso coñecido como o ‘Reisiño', de quen lle chegou o seu interese polo debuxo.  "Coñécense as cousas por pesquisas. O terror e o medo facían que non se falase disto na casa, polo que este é un libro desa postmemoria, falar da historia dende a investigación e documentos históricos que fan que non se perda o relato", subliñou o autor.

A presentación da BD ‘Regreso á Illa de San Simón' finalizou coas intervencións das autoras Zaida Novoa e Fonso Barreiro, que explicaron o proceso de creación das historias reunidas na publicación. Neste sentido, o propio Kiko da Silva salientou a calidade e profesionalidade do traballo, que se fixo nun tempo récord.