ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.642
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.498

Sánchez Aríns: "a xente nova e adolescente ten curiosidade e sensibilidade: interésalles falar da memoria, a guerra civil, a represión, a ditadura e os anos da fame"

A Deputación celebrou hoxe a segunda xornada de ‘A (des)memoria nas aulas' para compartir entre docentes experiencias inspiradoras e de éxito con alumnado de institutos de Pontevedra, Redondela, Cuntis e Boiro

30 de abril de 2022 , Memoria histórica
Desmemoria nas Aulas

"A xente nova e adolescente ten curiosidade. Ten sensibilidade. Si lles interesa falar da memoria, si lles interesa saber do pasado. A guerra civil, a represión, a ditadura e os anos da fame son temas que lles interesan totalmente". Así de contundente se amosou hoxe a docente e escritora Susana Sánchez Aríns no seu relatorio nas xornadas ‘A (des)memoria nas aulas' organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación para a comunidade docente da provincia.

Aríns animou ao profesorado a incluír a memoria no temario das súas aulas e argumentou a súa afirmación na súa experiencia co alumnado tanto nas presentacións que fai como autora do libro ‘Seique', coma polo seu labor docente no C.P.I. Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. Neste último campo puxo sobre a mesa o traballo feito dende o departamento de lingua castelá e lingua galega en 4º da ESO do seu instituto, co que fixo un proxecto de investigación no que abordar o impacto do golpe do 36 na vida local e familiar.

Este traballo incluíu o visionado de documentais e visitas ao centro de día de maiores de Cuntis onde persoas descendentes de represaliadas contaron ao alumnado as súas vivencias da represión. "As rapazas e rapaces déronse conta da cercanía. De que pasaran cousas preto da súa casa ou que tiñan situacións na súa propia casa. Ubicaron e visualizaron lugares onde houbo paseos, rapas, nos que apareceron cadáveres en estradas polas que pasan a diario... e despois viñan á biblioteca a consultar nos ordenadores por se atopaban información sobre a súa familia na páxina web do proxecto ‘Nomes e voces' da USC", apuntou.

A escritora destacou que é preciso que a comunidade docente aborde a memoria nas aulas para eliminar o trauma de falar da represión. Asegurou que a primeira xeración reacciona ante a barbarie do acontecido pensando que é inexplicable, a segunda de maneira innominable (calando), e a terceira asegurando que é impensable, "tal cousa non puido ter acontecido na nosa casa". "Coa actual cuarta xeración -xente nova e adolescentes- hai que facer un labor que poida rachar co silencio e falar do tema tranquilamente", subliñou.

Aríns falou tamén da súa obra ‘Seique' (Através Editora, 2015) que foi traducida ao castelán e recibiu o premio de mellor obra narrativa na Gala do Libro Galego. Trátase dunha peza que afonda na súa historia familiar, investiga un pasado que se mantivo silenciado na súa familia durante anos: as historias e atrocidades que o seu tío avó Manuel García Sampayo, membro da Falanxe de Cambados, cometera durante o franquismo. Para a autora foi "un exercicio de reparación e xustiza poética" que na súa versión en castelán, Dicen (DeConatus 2010) recibiu o premio dos libreiros de Madrid ao mellor Libro de Ficción de 2019.

Experiencias escolares inspiradoras

Ademais da experiencia concreta de Aríns en Cuntis, tamén houbo lugar nas xornadas ‘A (des)memoria nas aulas' para falar de proxectos de éxito e experiencias inspiradoras que se están a desenvolver noutras localidades do país: Pontevedra, Redondela e Boiro.

Anxos Rial Vidal e Conchi Di´az Canda´n, docentes de lingua e literatura galega do IES Sa´nchez Canto´n de Pontevedra falaron do proxecto "Na súa memoria, na nosa memoria", realizado neste curso 2021-2022 co alumnado de 4º da ESO, destinado a que o alumnado investigue sobre a memoria das mulleres da contorna de Pontevedra, como continuación do proxecto "Mulleres bravas á beira do Lérez", realizada o ano pasado sobre mulleres singulares da Boa Vila. A iniciativa aúna as actividades Comité de Igualdade, de Normalización Lingüística, os Clubs de Lectura e o Departamento de Lingua e Literatura.

Tamén da vila do Lerez, a profesora de Historia do IES Frei Marti´n Sarmiento Cristina González Pérez, despois de reflexionar sobre o significado de memoria e Historia o o currículo escolar da ESO e Bacharelato, relatou a súa motivación persoal e académica para desenvolver proxectos arredor da memoria co seu alumnado e a experiencia de participar en distintas iniciativas do programa "A memoria das mulleres" entre 2014 e 2020: roteiros, obradoiros, presentacións de libros, conferencias… así como diversas iniciativas vinculadas á memoria da emigración e do exilio realizados no centro. Amosou, ademais, diversos vídeos de testemuños de maiores cos que traballou co alumnado.

 "Memorias da illa: Cesantes, un tesouro por descubrir" foi o proxecto sobre o que Verónica Camiña, docente no CEIP de Reboreda de Redondela, traballou na aula de sexto de primaria a partir dos intereses do propio alumnado máis novo. A iniciativa, que amosa que a memoria non ten que tratarse só nos IES, desenvolveuse a partir de actividades moi sinxelas que implicaban ás familias, que foron achegándose á contorna buscando os vínculos emocionais.

A rapazada levou ao centro a familiares que traballan na zona: mariscadoras, mariñeiras, biólogas, avós e avoas para coñecer a historia, pero non coma a contan os libros, senón a través das súas propias vivencias. Así, "descubriron que as bisavoas de algúns alumnos e alumnas foron lavandeiras en San Simón, que os avós se agocharon durante meses no Monte do Cuco por ser republicanos ou coma as mulleres de Cesantes impediron que unha empresa catalá se fixese co control da praia de Cesantes", asegurou a profesora.

Finalmente, Berta Go´mez Lo´pez, docente do IES A Cachada de Boiro, explicou a experiencia "Memorias cruzadas" que naceu do intercambio que realizou o centro co Collège Alain Jacques (Picardie, Francia) e que involucrou a medio cento de estudiantes cada ano que, desde 2012, investigou e realizou actividades sobre a memoria histórica dos dous países.

Traballaron sobre o golpe militar e a Guerra Civil, a ditadura franquista e a represión, a Transición e tamén sobre a Primeira e Segunda Guerra Mundial. Entre outras actividades, visitaron espazos memorialísticos coma o lugar onde estivo el campo de concentración de Rianxo ou o presidio e campo de concentración de San Simón, ou traduciron cartas das persoas que estiveron neses campos e tamén noutros franceses. O proxecto foi coordinado polo profesorado de Historia, Francés e Español dos dous centros.

Recursos para traballar a memoria histo´rica na aula: lectura e audiovisual

Pilar Sampedro, mestra e especialista en literatura infantil e xuvenil, foi a encargada de facer

percorrido pola literatura infantil e xuvenil galega, destacando diversos autores e obras desde os que tratar a memoria nas aulas. Entre outros citou autores como Agustín Fernández Paz, An Alfaya, Fina Casalderrey, Eva Mejuto, Margocha Amorro, Manolo Rivas ou Pepe Caccamo.

Sampedro sinalou que na literatura galega infantil e xuvenil teñen desaparecido temas tabú porque as obras naceron da necesidade de persoas "que precisan encher ocos de temáticas e que teñen unha carga na mochila de valores democráticos dentro de movementos de renovación pedagóxica". Destacou que é fundamental aproveitar a literatura para falar de memoria porque é un recurso que ten resultados como a chuvia miúda: "chove maino pero molla", xa que é máis efectivo entrar na memoria con "personaxes máis que cos conceptos.

Pola súa banda, Mari´a Xesu´s Lo´pez Escudeiro, docente retirada e investigadora que formou parte de proxectos de recuperación de memoria histórica como "A memoria das mulleres" do Concello de Pontevedra, "Vivas e Visibles" do Concello de Sarria ou "Mulleres do Miño", fixo un percorrido por diversos proxectos audiovisuais, quer documentais quer de ficción, para ofrecer ao profesorado recursos na rede para poder traballar a memoria. Entre outros, citou os nomes de Antón Caeiro, Xan Leira ou Margarita Ledo.

A xornada ‘A (des)memoria das aulas' rematou pola tarde cunha viaxe e ruta pola illa de San Simón guiada por Matías Rodríguez da Torre, docente e especialista en memoria histórica.