ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.566
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

Unha xanela cara ós libros

A Editorial da Deputación conta no seu catálogo con case 800 títulos

23 de abril de 2020 Editorial

A difusión da cultura da nosa provincia e os seus concellos é un sinal de identidade desta Institución Provincial que vén contribuíndo cunha importante achega bibliográfica propia desde 1940 e que na actualidade abrangue os máis variados aspectos do noso patrimonio cultural.

A Editorial conta no seu catálogo con case 800 títulos de narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía, etc. Este catálogo está á vosa disposición na web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. Sobre ela neste tempo de confinamento séguese a traballar co obxectivo de facela máis accesible e atractiva para todos vós, formando parte dun ambicioso proxecto para que a poidades consultar de maneira sinxela e navegar en busca de contidos de interese e que cubren un amplo espectro de temas en diferentes formatos.

Con ela téntase abrir unha xanela na que asomarse a todo un abano de publicacións que moi pronto se presentarán dunha forma mellorada e actualizada.

Para celebrar o Día Internacional do Libro, nada como invitarvos a que vos mergulledes polos títulos que a Deputación de Pontevedra veu sacando á luz no afán de dar resposta ás inquedanzas por coñecer as diferentes arestas que presenta a nosa cultura, e para, nestes tempos, estarmos un pouco máis cerca.

A información das publicacións está dispoñible no noso Catálogo Editorial coa posibilidade de consulta por título, autor ou colección.