Novos fondos históricos do Concello de Vigo dixitalizados polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico
Nesta actuación abordáronse dous conxuntos documentais de especial relevancia. Por unha banda, os fondos correspondentes ao Hospital de Pobres, que constan de 4 unidades de instalación e 59 expedientes, con documentación que ofrece un testemuño directo da asistencia social e sanitaria na cidade desde finais do século xix. Estes documentos reflicten a xestión da beneficencia municipal e as condicións de vida dos sectores máis vulnerables da poboación.
As instalacións do hospital estaban situadas nun edificio da denominada rúa da Oliva, construído durante a invasión inglesa de 1719. Funcionou ata 1834, cando, por acordo plenario do Concello, os seus caudais, documentos e enxovais pasaron á Xunta de Caridade.
Tras a desamortización de Mendizábal, en 1839 cedeuse ao convento de San Francisco do Berbés para instalar un novo hospital e hospicio.
Por outra banda, levouse a cabo a dixitalización da documentación da Banda de Música Municipal de Vigo, integrada por 5 unidades de instalación e 347 expedientes. Este fondo recolle a actividade cultural, institucional e social vinculada á formación musical, peza clave na vida cultural viguesa durante décadas.
O antecedente da banda musical de Vigo encontrámolo na Banda do Hospicio, que desenvolverá a súa actividade entre xaneiro de 1878 e comezos do ano 1883. A súa desaparición supón a posta en marcha dunha nova agrupación, impulsada polo propio alcalde de Vigo, Jacobo Domínguez Iglesias, aínda que non terá carácter municipal ata o ano 1898. En maio de 1883 o colectivo xa estaba plenamente constituído, e o seu director era Enríquez Paz.
En 1888 foi nomeado director da banda José Borrero Pérez, e, a partir da súa municipalización, estiveron ao seu cargo, como directores, Juan Serrano, Marcial Rodríguez Mariño, Wenceslao Menegón Miranda e Mónico García de la Parra Téllez, entre outros.
Este último foi nomeado en 1912, dentro do proceso de reorganización da banda de música, o que deu inicio a unha etapa de éxito musical e creativo. O declive da agrupación iniciarase en 1958, coincidindo coa partida do citado director, e en 1993 desaparece definitivamente.
Con este proxecto, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa modernización dos arquivos e coa posta en valor do patrimonio documental dos concellos da provincia.