O SERVIZO
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico insírese no organigrama da Deputación de Pontevedra como natural desenvolvemento do Arquivo-Biblioteca, consecuencia da evolución e ampliación das funcións e actividades que, de forma específica, se levan a cabo nos campos documental e bibliográfico, co fin de difundir a información e a cultura.
Patrimonio Documental comprende dúas áreas de actuación, Arquivo da Deputación e Patrimonio documental da provincia
Patrimonio Bibliográfico conta con tres seccións diferenciadas: Biblioteca, Cartoteca e Audiovisuais
CARTA DE SERVIZOS E NORMAS DE FUNCIONAMENTO
Normas xerais de acceso e reprodución de fondos da Biblioteca
CONSULTA
Solicitude de información xeral
Solicitude de asistencia técnica en materia de patrimonio documental
INSTALACIÓNS
O Arquivo da Deputación ocupa o edificio situado entre as rúas Pai Amoedo, Pai Sarmiento e a edificación do antigo convento dos Xesuítas, á que se une nos puntos extremos.
Esta edificación reformouse entre os anos 1981 e 1983 para instalar o arquivo na planta baixa, as salas de exposicións do Museo e vivenda nas plantas superiores. No ano 2005 iníciase o proceso de restauración completa coa intención de dedicar a totalidade da edificación para as instalacións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.
No ano 2008 inaugurouse esta nova sede logo da reforma integral do edificio, o que proporciona unhas instalacións modernas e amplas, axeitadas para o desenvolvemento das actuacións e os servizos que se veñen prestando. Entre as premisas do proxecto destacaba o resalte da edificación mediante unha fachada na que se promove a parte central, que se transforma nun corpo transparente e diáfano, combinando cobre e pedra, que abre o edificio á cidade.
O proxecto, obra do arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, presenta como resultado unha nova distribución interna con cinco plantas: dous sotos para o depósito dos fondos documentais, cunha superficie de 1.100 m2, nos que se instalan os equipamentos necesarios para a súa específica función, todos eles con estantería compactada.
Na planta baixa disponse un gran patio distribuidor central, algúns despachos e as zonas de servizos comúns, coma o salón de usos múltiples.
Nas plantas superiores distribúense as zonas de traballo e consulta das diferentes seccións do Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico: Arquivo, Biblioteca, Gabinete de Normalización Lingüística e Editorial, cada un deles cos seus medios e instalacións inherentes.
Ademais desta edificación central dispón o Arquivo doutros dous espazos que complementan a capacidade de almacenamento documental, situado un deles no Centro Infantil "Príncipe Felipe", no que agora se depositan os mandamentos de pago e ingreso e os documentos contables da Deputación, e o outro no Edificio Administrativo, utilizado polos distintos Servizos (Contratación, Mobilidade, Recursos Humanos e Formación, ORAL.. ) para a custodia temporal da documentación de uso habitual no proceso previo á transferencia definitiva ao Arquivo da Deputación.

Unha das plantas e alzado das novas instalacións do Arquivo da Deputación atópase na rúa Pai Amoedo
Rúa Padre Amoedo, 1
36002, Pontevedra
España
Teléfono: 886 201 020
Horario xeral
9:00 - 14:00, luns a venres