ATOPO
Rexistros actuais: 1.653.493
Obxectos dixitais dispoñibles: 505.981

Novos fondos históricos do Concello de Vigo dixitalizados polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico

A Deputación de Pontevedra continúa avanzando no seu labor de preservar e difundir o patrimonio documental coa dixitalización, realizada por persoal técnico do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, de novos fondos históricos pertencentes ao Concello de Vigo; un traballo que permitirá mellorar a conservación dos orixinais e facilitar o acceso do público a documentación de gran valor histórico.

04 de février de 2026 Arquivos municipais

Nesta actuación abordáronse dous conxuntos documentais de especial relevancia. Por unha banda, os fondos correspondentes ao Hospital de Pobres, que constan de 4 unidades de instalación e 59 expedientes, con documentación que ofrece un testemuño directo da asistencia social e sanitaria na cidade desde finais do século xix. Estes documentos reflicten a xestión da beneficencia municipal e as condicións de vida dos sectores máis vulnerables da poboación.

As instalacións do hospital estaban situadas nun edificio da denominada rúa da Oliva, construído durante a invasión inglesa de 1719. Funcionou ata 1834, cando, por acordo plenario do Concello, os seus caudais, documentos e enxovais pasaron á Xunta de Caridade.

Tras a desamortización de Mendizábal, en 1839 cedeuse ao convento de San Francisco do Berbés para instalar un novo hospital e hospicio.

Por outra banda, levouse a cabo a dixitalización da documentación da Banda de Música Municipal de Vigo, integrada por 5 unidades de instalación e 347 expedientes. Este fondo recolle a actividade cultural, institucional e social vinculada á formación musical, peza clave na vida cultural viguesa durante décadas.

O antecedente da banda musical de Vigo encontrámolo na Banda do Hospicio, que desenvolverá a súa actividade entre xaneiro de 1878 e comezos do ano 1883. A súa desaparición supón a posta en marcha dunha nova agrupación, impulsada polo propio alcalde de Vigo, Jacobo Domínguez Iglesias, aínda que non terá carácter municipal ata o ano 1898. En maio de 1883 o colectivo xa estaba plenamente constituído, e o seu director era Enríquez Paz.

En 1888 foi nomeado director da banda José Borrero Pérez, e, a partir da súa municipalización, estiveron ao seu cargo, como directores, Juan Serrano, Marcial Rodríguez Mariño, Wenceslao Menegón Miranda e Mónico García de la Parra Téllez, entre outros.

Este último foi nomeado en 1912, dentro do proceso de reorganización da banda de música, o que deu inicio a unha etapa de éxito musical e creativo. O declive da agrupación iniciarase en 1958, coincidindo coa partida do citado director, e en 1993 desaparece definitivamente.

Con este proxecto, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa modernización dos arquivos e coa posta en valor do patrimonio documental dos concellos da provincia.