ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Concello de Lavadores

Área de descrición

  • Datas de existencia 1836-1941

  • Historia Lavadores é unha parroquia do concello de Vigo lindeira ás freguesías de Teis, Candeán, Cabral, Bembrive, Sárdoma e Vigo centro. Ten unha poboación de 18.000 habitantes aproximadamente e conta con quince entidades de poboación. Entre 1836 e 1941 foi un concello independente conformado polas parroquias de Lavadores, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán e San Paio. Non obstante, a súa orixe remóntase a Idade Media e Idade Moderna como unha parroquia pertencente á xurisdición do Val do Fragoso que estaba composta por quince freguesías (Lavadores, Cabral, Oia, Matamá, Navia, Castrelos, Comesaña, Candeán Sárdoma, Alcabre, Freixeiro, Teis, Chapela, Saiáns e Trasmañó), estendéndose desde Oia-Saiáns até Trasmañó. Coa chegada do Réxime Liberal a Xurisdición do Val do Fragoso comezaría a súa desmembración. Durante o período gaditano (1812-1814 e 1820-1823) independizaríanse as freguesías de Teis, Lavadores (só a parroquia) e Cabral. Xa que logo, a altura de 1813 e 1820 xa aparece o Concello de Lavadores como tal. Tras a aprobación da división de provincial de Javier de Burgos en 1833 e a aprobación do RD do 23 de xullo de 1835 estableceríanse os concellos constitucionais de “nova planta” no que se incluía o Concello de Lavadores composto por sete parroquias, a saber: Lavadores, Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Valadares e Zamáns. A pesar de se configurar definitivamente no ano 1836, haberá reclamacións de diferentes parroquias para modificar o repartimento territorial. Así, por exemplo, en 1837 os veciños de Teis e Candeán solicitan segregarse para constituíren un concello propio. Posteriormente, en 1844, serán os veciños de Valadares e Zamáns os que se pretenderán segregarse e formar un concello de seu. Nese mesmo ano, a parroquia de Teis solicitará a segregación do Concello de Vigo e a súa agregación a Lavadores, circunstancia que se fará realidade mediante a aprobación do RD de 11 de xaneiro de 1846. Alén destes intentos de modificacións dos lindes do Concello de Lavadores, tamén podemos facer mención á efémera anexión do Concello de Lavadores, e tamén de Bouzas, ao Concello de Vigo tras a Revolución Gloriosa de 1868. Non obstante, esta integración ficou sen efectos ao pouco de se producir. Xa no século XX, o Concello de Lavadores sufrirá novos intentos de segregación como o solicitado polos veciños de Beade en 1925 coa intención de unirse ao Concello de Vigo. Non obstante, esta solicitude non prosperou pero animou ao consistorio vigués a reclamar a anexión do Concello de Lavadores, tal como acontecera coa vila mariñeira de Bouzas. En 1931 será a parroquia de Bembrive a que solicitará constituírse como entidade local menor aínda que a inexistencia desa figura legal impedirá a súa constitución. Aínda así, ostentará a condición de “pobo agregado”, dependente do Concello de Lavadores pero coa súa propia Xunta Administrativa. En 1932 o concelleiro vigués Manuel Costas formula a idea da anexión da parroquia de Teis ao Concello de Vigo, aínda que a proposta non sairá adiante. Tres anos despois o Concello de Lavadores sufriría a segregación desa parroquia pero conformando un concello de seu. Este durará un período moi curto de tempo xa que en 1936 voltaría formar parte de Lavadores ao prosperar o contencioso administrativo presentado polo concello matriz. Finalmente, tras o Golpe de Estado e a Guerra Civil o Concello de Vigo conseguiría finalmente anexionarse o Concello de Lavadores, feito que terá lugar mediante o acordo do Consello de Ministros do 27 de marzo de 1941.

  • Lugares Galicia – Pontevedra – Comarca de Vigo - Lavadores

Área de control da descrición

  • Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)