ATOPO
Rexistros actuais: 1.618.514
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 2005/09/09_Extraordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.365/3.2005-09-09_Extraordinaria

  • Título Acta de sesión 2005/09/09_Extraordinaria

  • Data(s) 2005-09-09 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 9 de setembro de 2005 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e dez minutos do día nove de setembro do ano dous mil cinco, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, D. Ramón Campos Durán, Dona Francisca Canal Gómez, D. Raúl Emilio Castro Rodríguez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Julio César García-Luengo Pérez, D. Emilio González Iglesias, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. José Antonio Landín Eirín, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Xabier Toba Girón e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión extraordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Accidental, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor Accidental, D. Antonio Graña Gómez. Non asiste o Sr. Deputado D. Xosé Carlos Pazos Docampo. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Damos comezo á sesión extraordinaria do Pleno da Corporación Provincial. ------ Folla: 2.5266.- TOMA DE POSESIÓN DO DEPUTADO PROVINCIAL D. JULIO CÉSAR GARCÍA-LUENGO PÉREZ POR RENUNCIA Ó CARGO DE D. JOSÉ ANTONIO LORENZO RODRÍGUEZ Sr. Presidente.- Segundo punto. Toma de posesión do Deputado Provincial D. Julio César García-Luengo Pérez por renuncia ó cargo de D. José Antonio Lorenzo Rodríguez. Que suba entón e cédolle a palabra ó Secretario. Sr. Secretario.- La Junta Electoral Central ha remitido credencial a favor de D. Julio César García-Luengo Pérez y en Secretaría ha realizado la declaración de bienes patrimoniales y la declaración de posibles causas de incompatibilidad. Sr. Presidente.- Muchas gracias Sr. Secretario. Puede entonces usted jurar el cargo. Sr. García-Luengo Pérez.- Juro por mi conciencia y honor cumplir las obligaciones del cargo de Diputado Provincial con lealtad al Rey y guardar y hacer guardar la Constitución como norma fundamental del Estado. Sr. Presidente.- Moi ben. O Sr. Presidente procede a pórlle o colar e a insignia e seguidamente pasa a ocupar o seu escano. ------ Folla: 3.5267.- TOMA DE POSESIÓN DO DEPUTADO PROVINCIAL D. RAÚL EMILIO CASTRO RODRÍGUEZ POR RENUNCIA Ó CARGO DE D. JOSÉ COSTA DÍAZ Sr. Presidente.- Punto número 3. Toma de posesión do Deputado Provincial D. Raúl Emilio Castro Rodríguez por renuncia ó cargo de D. José Costa Díaz. Ten a palabra o Sr. Secretario. Sr. Secretario.- Si, igualmente se ha recibido de la Junta Electoral Central el acta de Diputado, credencial, a favor de D. Emilio Castro Rodríguez y el mismo también ha realizado la declaración de bienes patrimoniales y la declaración de posibles causas de incompatibilidad. Sr. Presidente.- Adelante D. Raúl Emilio. Sr. Castro Rodríguez.- Prometo pola miña conciencia e honor cumprir as obrigas do cargo de Deputado Provincial con lealdade ó Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado. Sr. Presidente.- Moi ben, procedemos entón ... O Sr. Presidente procede a pórlle o colar e a insignia e seguidamente pasa a ocupar o seu escano. ------ Folla: 4.5268.- APROBACIÓN INICIAL DO PROXECTO "TERMINACIÓN EP 7106 FOLGOSO-FORCAREI (CERDEDO-FORCAREI)". EXPOSICIÓN PÚBLICA DO MESMO. DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA DA OBRA. SOLICITUDE Á XUNTA DE GALICIA DE DECLARACIÓN DE URXENTE OCUPACIÓN. MOTIVACIÓN DA URXENCIA Sr. Presidente.- Punto número 4. Aprobación inicial do proxecto "Terminación EP 7106 Folgoso-Forcarei (Cerdedo-Forcarei)". Exposición pública do mesmo. Declaración de utilidade pública da obra. Solicitude á Xunta de Galicia de declaración de urxente ocupación. Motivación da urxencia. Se non hai intervencións procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. O proxecto pertencente a fondos propios 2005 e que está dotado dun orzamento para coñecemento da administración de 47.957,15 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 32.975,75 euros e capítulo de expropiacións por importe de 14.981,40 euros, ten por obxecto a terminación do ensanche de dita estrada, así como a mellora do firme actual. Á vista do informe emitido polo Servizo de Intervención, no que se certifica a existencia de crédito dispoñible na partida 05/511.511-612.02 para facer fronte ó gasto da obra e das expropiacións que implica, e do informe emitido polo enxeñeiro técnico xefe da zona norte advertindo da necesidade de acometer dita obra, o Pleno acorda por unanimidade: 1.- A aprobación inicial do proxecto "Terminación EP 7106 Folgoso-Forcarei" dotado dun orzamento para coñecemento da administración de 47.957,15 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 32.975,75 euros e capítulo de expropiacións por importe de 14.981,40 euros. 2.- A súa exposición pública e do expediente expropiatorio que implica, polo prazo regulamentario, para efectos de posibles reclamacións, entendéndose aprobado definitivamente, de forma automática, en caso de non producirse estas. 3.- A declaración de utilidade pública da obra, con base no informe emitido polo enxeñeiro técnico xefe da zona norte advertindo da urxencia que reviste a execución da obra. 4.- A solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e terreos afectados pola referida obra. 5.- A motivación da urxencia que se pretende dar ás expropiacións que xera dita obra, en base ó informe emitido o 25 de agosto de 2005 polo enxeñeiro técnico xefe da zona norte no que se sinala que "a Deputación Provincial está a acometer as obras de ensanche e mellora da capa de rodamento da EP 7106 Folgoso-Forcarei, vial que discorre polos concellos de Cerdedo e Forcarei e que enlaza coa estrada nacional 541 Pontevedra-Ourense, coa EP 7201 Folgoso-Silleda e coa EP 7001 A Estrada-Forcarei, iniciándoa no ano 2002 cun investimento de 666.754,29 euros e no ano 2004 continúase cunha 2ª fase que acada o investimento de 190.000 euros. Dadas as limitacións económicas os terreos necesarios para levar a cabo as citadas obras conseguíronse por unha achega dos veciños, conscientes da mellora que esto supoñía para a comunicación da zona ó unir dúas vías cunha importante densidade de tráfico. Non obstante o anterior, e como é lóxico nun tramo de 8 quilómetros, hai 7 propietarios que por razóns de diversa índole decidiron non ceder parte das súas parcelas polo que se fai necesario redactar o referido proxecto co fin de iniciar a expropiación dos terreos necesarios e así concluír a obra de ensanche e mellora da EP 7106 Folgoso-Focarei. A urxencia da tramitación do expediente xustifícase porque unha vez ensanchado en practicamente a súa totalidade o citado vial quedan pequenos tramos que se converteron en puntos negros, motivados polo aumento de tráfico, ademais de supoñer un cambio brusco na sección da estrada, pese á sinalización existente. Como consecuencia faise necesario acometer con urxencia unhas obras que permitirían finalizar esta importante estrada provincial, co que se incrementaría notablemente a seguridade viaria, tanto de vehículos coma de peóns, ademais de mellorar as comunicacións nos municipios de Cerdedo e Forcarei. Sr. Presidente.- Os puntos números 5, 6, 7, 8 e 9 corresponden neste caso á colaboración de materia catastral e se todos os grupos estamos de acordo poderíanse votar conxuntamente. Que son: o número 5, adhesión do Concello de Sanxenxo ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral, igual no Concello de Pontecesures, no Concello de Mos, no Concello de Mondariz e no Concello de O Rosal. Procedemos á votación dos puntos números 5, 6, 7, 8 e 9. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbanse por unanimidade. ------ Folla: 5.5269.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE SANXENXO Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do día 22 de xullo de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de Sanxenxo, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por Resolución do Alcalde de Sanxenxo de data 30 de xuño de 2005, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do Concello de Sanxenxo ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 6.5270.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE PONTECESURES Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do día 22 de xullo de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de Pontecesures, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo do Pleno do Concello de Pontecesures adoptado na sesión do día 24 de xuño de 2005, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do Concello de Pontecesures ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 7.5271.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE MOS Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do 22 de xullo de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de Mos, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo da Xunta de Goberno do Concello de Mos adoptado na sesión do día 4 de maio de 2005, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do Concello de Mos ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 8.5272.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE MONDARIZ Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do día 22 de xullo de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de Mondariz, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo do Pleno do Concello de Mondariz adoptado na sesión do día 25 de xuño de 2005, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do Concello de Mondariz ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 9.5273.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE O ROSAL Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do día 22 de xullo de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de O Rosal, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo da Xunta de Goberno do Concello de O Rosal adoptado na sesión do día 5 de maio de 2005, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do Concello de O Rosal ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 10.5274.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE VALGA A FAVOR DO ORAL PARA A XESTIÓN, LIQUIDACIÓN, INSPECCIÓN E RECADACIÓN DOS INGRESOS MUNICIPAIS DERIVADOS DA ORDENANZA FISCAL SOBRE LIMPEZA E RETIRADA DE RESIDUOS (SANCIÓNS) E DA ORDENANZA FISCAL SOBRE CIRCULACIÓN (VADOS E SANCIÓNS) Sr. Presidente.- Delegación de competencias do Concello de Valga a favor do ORAL para a xestión, liquidación, inspección e recadación dos ingresos municipais derivados da ordenanza fiscal sobre limpeza e retirada de residuos (sancións) e da ordenanza fiscal sobre circulación (vados e sancións). ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Visto o acordo do Consello Rector do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 22 de xullo de 2005, sobre aceptación da delegación do Concello de Valga para a xestión, liquidación, inspección e recadación dos ingresos municipais derivados da ordenanza fiscal sobre limpeza e retirada de residuos (sancións) e da ordenanza fiscal sobre circulación (vados e sancións), o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: Aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de xestión, liquidación, inspección e recadación dos ingresos municipais derivados da ordenanza fiscal sobre limpeza e retirada de residuos (sancións) e da ordenanza fiscal sobre circulación (vados e sancións), realizou o Concello de Valga, por acordo do Pleno de data 3 de xaneiro de 2005, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 7 do citado Real decreto lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 11.5275.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MONDARIZ A FAVOR DO ORAL PARA A RECADACIÓN EXECUTIVA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS Sr. Presidente.- Tamén o punto número 11, delegación de competencias do Concello de Mondariz a favor do ORAL para a recadación executiva do imposto sobre construccións, instalacións e obras. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Visto o acordo do Consello Rector do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 12 de agosto de 2005, sobre aceptación da delegación do Concello de Mondariz para a recadación executiva do imposto sobre construccións, instalacións e obras, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: Aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de recadación executiva do imposto sobre construccións, instalacións e obras, realizou o Concello de Mondariz, por acordo do Pleno de data 25 de xuño de 2005, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 7 do citado Real decreto lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 12.5276.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MOS A FAVOR DO ORAL EN RELACIÓN CO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS Sr. Presidente.- O punto número 12, delegación de competencias do Concello de Mos a favor do ORAL en relación co imposto sobre construccións, instalacións e obras. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Visto o acordo do Consello Rector do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 12 de agosto de 2005, sobre aceptación da delegación do Concello de Mos para realizar as facultades inspectoras en materia do imposto sobre construccións, instalacións e obras, así como a xestión e recadación, tanto en período voluntario como executivo, das liquidacións definitivas de dito imposto, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: Aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de inspección do imposto sobre construccións, instalacións e obras, así como da xestión e recadación, tanto en período voluntario como executivo, das liquidacións definitivas de dito imposto, realizou o Concello de Mos, por acordo do Pleno de data 30 de xuño de 2005, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 7 do citado Real decreto lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 13.5277.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE PONTEAREAS A FAVOR DO ORAL, PARA A XESTIÓN, LIQUIDACIÓN, INSPECCIÓN E RECADACIÓN DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS E DAS TAXAS POR EXPEDICIÓN DE LICENZAS URBANÍSTICAS Sr. Presidente.- O punto número 13, que sería a delegación de competencias do Concello de Ponteareas en favor do ORAL para a xestión, liquidación, inspección e recadación do imposto sobre construccións, instalacións e obras e das taxas por expedición de licencias urbanísticas. Retírase porque falta un informe. Retírase da orde do día asunto relativo á delegación de competencias do Concello de Ponteareas a favor do ORAL, para a xestión, liquidación, inspección e recadación do imposto sobre construccións, instalacións e obras e das taxas por expedición de licenzas urbanísticas. ------ Folla: 14.5278.- EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS NÚMERO 4/2005 Sr. Presidente.- E pasamos xa ó punto número 14. Expediente de modificación de créditos número 4/2005. Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Traemos un expediente de modificación de créditos por un importe de 13.860.000 ¤, onde a transferencia máis importante que será financiada cunha operación de crédito por importe de 11.500.000 ¤ é para o IPESPO, para o desenvolvemento dos parques industriais que temos neste momento en marcha.Tamén hai outras contías que son traballos realizados por outras empresas, facturas que había pendentes, uns estudios e traballos técnicos, uns estudios de viabilidade para o circuíto de alta velocidade entre Mondariz e Pazos de Borbén, tamén un estudio medio ambiental de obras de limpeza do río Umia, que foi unha Moción aprobada neste Pleno. Tamén unha das necesidades que nestes momentos están plantexando na bisbarra de Vigo e no Morrazo, que é o estudio de viabilidade do ferri Vigo-Cangas, que é unha proposta que fixo no seu momento o Alcalde de Cangas, o Sr. Sotelo. Tamén reparación, mantemento e conservación de infraestructuras e bens naturais, vías e obras; inversións xestionadas para outros concellos; transferencias ó Servizo Agrario; transferencias a Cultura; asistencias a tribunais, contías pequenas pero que estaban pendentes; transferencias a concellos para cooperación e tamén atención de asistencias sociais; e, un convenio con AFRIFOGA. Esto suma un importe de 13.860.661 ¤, pero como dicía ó principio da miña intervención, a contía máis importante é para a transferencia do IPESPO, que pensamos que este Instituto pode traballar e desenvolver solo industrial do que tan necesitados estamos na provincia de Pontevedra. Está en marcha creo nestes momentos xa Barro-Meis e se seguirá con outros máis que están solicitados, Covelo e algún máis, e pensamos que é unha inversión importante, que estamos buscando o financiamento porque consideramos que esta é un financiamento, é unha inversión que se pode recuperar a medio prazo, e que ademais vai a por a disposición das empresas da nosa provincia pois solo industrial que tan necesitados estamos nestes momentos e sobre todo, bueno, pois eu que coñezo perfectamente a Comarca de Vigo, pois estamos esperando polo Plan Xeral pero esta é unha demanda importante, pero tamén o coñecemento que teño polos compañeiros, tanto da Corporación como do equipo de goberno, pois na comarca de Pontevedra tamén se necesita de solo industrial para que se poidan instalar empresas, para a creación de emprego e que esto ó final é importante, é unha novidade dentro desta casa, pero pensamos que ó final os obxectivos que nos marcamos se poidan cumprir e polo tanto estamos falando dun deses programas estrelas, un deses programas que dentro desta casa nunca se levaron a cabo, pero que pensamos que pode redundar en beneficio de todo o desenvolvemento económico e social da nosa provincia e en concreto dunha maneira determinante na zona de Barro-Meis que é na comarca de Pontevedra. Esta é a modificación de créditos, o expediente que traemos hoxe a aprobación do Pleno. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Ben, este é un expediente de modificación de créditos menor a pesar da súa contía ou maior, segundo como que se queira mirar, porque había unha serie de compromisos xa adquiridos por acordos previos que era basicamente neste caso sacar o polígono de Barro-Meis, que se leva pois máis do 80% da modificación. E tamén se recorre a crédito, é unha cuestión da súa política económica, nós nunca, foron vostedes os que prometeron que non ían recorrer a crédito e demais, despois cambiaron, despois se prorrogaron ademais, se é para un fin que se considere necesario non nos parece desaxeitado recorrer ás fontes de financiamento que se necesiten en cada momento, en todo caso alá vostedes co que dixeron e co que despois desdixeron, que é unha cuestión, ... Evidentemente o polígono este que é o que se leva a maioría das, a través do IPESPO, a maioría do financiamento que se dota con esta modificación de créditos, é un polígono estratéxico que non creo que vala a pena recordar a historia, no sentido de que nós estamos convencidos de que este é un polígono que deberían ter afrontado no seu momento pois Xestur ou a Xunta, un polígono que para a zona noroeste da provincia de Pontevedra, non só para a comarca de Pontevedra senón o Salnés, pola súa ubicación, polas súas infraestructuras de comunicación que ten e polo seu tamaño, pois estamos falando de 2.000.000 de metros cadrados ou máis e con posibilidades incluso de ampliación, se fose necesario pois dá unha infraestructura dun calibre, vamos que é moi difícil de substituír, moi difícil de buscar outra ou demais, preferiu no seu momento a Xunta facer esforzos noutros polígonos menores e máis dispersos, e en fin, xa forma parte da historia e esta Deputación e os Concellos colleron a iniciativa de sacalo adiante co cal o asunto é que salga para adiante. Por esta parte nós non teríamos ningún problema en votar a favor desta modificación, pero no resto, que non é que sexan grandes cantidades, pero son, son case máis dun millón e medio de euros, pois estamos con máis do mesmo, ou sexa, eu sei que previsións fan ó principio de ano pero parece que non hai partidas, teño que recorrer ó de sempre, porque sempre están ampliando, a do chapapote e outra serie de partidas, que non ten moito sentido o seguir ampliando así desta maneira, non se sabe cales son as previsións e á parte nin tan sequera ten ningún control, non houbo máis que ver as dificultades que houbo para coller información, que por certo nós aínda non a temos, a pesares de pedila, parece que hai que pedilo en cincuenta mil idiomas e polo tanto pois ímonos abster na modificación. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. González. Sr. González Iglesias.- Si, bos días. Sr. Presidente, nós mantivemos no debate do orzamento tanto este ano coma o ano pasado que o Grupo Socialista non entendía esa historia que plantexaba o Grupo Popular de vender coma unha grande labor o que non se acudía a crédito, concretamente o ano pasado. O dixemos naquel momento e seguimos mantendo que hai cuestións que nós si estaríamos, porque se acudiu a crédito e estaríamos dispostos a apoialas e hoxe na parte máis importante desta modificación esa é unha das cuestións, é dicir, o que se vai decidir hoxe é o financiamento, a posta en marcha real de verdade do IPESPO. Son once millóns e medio de pesetas cos que se vai acudir a crédito, tema no que nós estamos de acordo, o que ocorre é que se vostedes o mezclan co resto das cuestións que veñen aquí, pois loxicamente non podemos seguir mantendo o voto favorable. É dicir, é difícil aceptar un incremento do Plan de Acción Municipal en máis de 300.000 ¤ sen que se nos diga para que, ou aceptar un incremento de máis de 600.000 ¤ en temas de cultura sen que se nos diga para que, etc., etc.; por non falar de vías e obras con máis de 500.000 ¤, non sen que se nos diga para que, senón sen saber realmente no que se gastou o anterior porque a estas cuestións se lle sigue plantexando dificultades ós grupos da oposición. Hai temas que hoxe non veñen aquí, pero que aínda estes días foron obxecto de querer mirar a documentación por parte de Deputados do Grupo Socialista, que despois de torealos toda a mañá pois curiosamente se lle di que plantexen ese tema por escrito. Está plantexado por escrito pero seguimos sen ter contestación, é dicir, estamos nunha fase de política absolutamente oscurantista do Presidente, que iniciou coa cuestión de vías e obras, da maquinaria e demais, e que agora continúa con outras cuestións. Nós como lle dicía antes, aínda estando a favor do tema máis importante da modificación, non podemos votar a favor a modificación polo resto, polo tanto imos absternos. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Bueno, vamos a proceder polo tanto. Procedemos á votación, que é o punto número 14, desta importante modificación de créditos que como base fundamental ten a necesidade financeira do IPESPO que creará pois unha importante riqueza no que se refire sobre todo á creación de postos de traballo nunha zona estratéxica da provincia de Pontevedra. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Visto o expediente de modificación de créditos número 4/2005, dentro do vixente orzamento provincial, por un importe total de 13.860.661,40 ¤, motivado pola necesidade de realizar gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte, e ó non existir consignación suficiente no estado de gastos do orzamento corrente será financiado da seguinte forma: O crédito extraordinario que figura na partida 05/882.432.717.00, por importe de 11.500.000,00 euros, con cargo a unha operación de crédito a longo prazo. - Os demais créditos extraordinarios por importe global de 1.110.481,14 ¤ e os suplementos de crédito por importe total de 1.250.180,26 ¤, con cargo ó remanente de tesourería dispoñible. - A transferencia de crédito na partida 05/711.711.489.01, que se incrementa en 42.000,00 ¤, finánciase coa partida 05/711.223.462.01 que minora o seu crédito polo mesmo importe. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por maioría, cos votos a favor do PP e cos votos en contra do PSOE e do BNG, aprobar o expediente de modificación de créditos número 4/2005, que resumido por capítulos presenta a seguinte estructura: Capítulo 2º Gastos en bens correntes e de servizos 875.239,51¤ Capítulo 4º Transferencias correntes 186.420,00¤ Capítulo 6º Investimentos reais 640.001,89¤ Capítulo 7º Transferencias de capital 12.159.000,00¤ Total variacións por capítulos 13.860.661,40¤ Dito expediente será exposto ó público, para efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. ------ Folla: 15.5279.- MOCIÓN DA PRESIDENCIA SOBRE NOMEAMENTO DE REPRESENTANTES NO CONSORCIO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO DA COMARCA DO MORRAZO Sr. Presidente.- Punto número 14. Moción da Presidencia sobre nomeamento de representantes no Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Morrazo. Ten a palabra o Secretario. Sr. Secretario.- La moción es lo siguiente: Os Estatutos do Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Morrazo foron publicados no DOGA nº 148 da data 3 de agosto de 2005, e neles establécese no artigo 9, que o Pleno como órgano de goberno estará integrado por tres representantes da Deputación Provincial de Pontevedra designados por esta institución que poderán ser substituídos por tres suplentes designados así mesmo de entre os membros que compoñen a Corporación Provincial. Resultando que o Pleno en sesión de 29 de xuño de 2005 designou como representantes desta Deputación a Dona Francisca Canal Gómez e a Dona Nidia Mª Arévalo Gómez como titular e suplente, respectivamente, procede pois modificar o anterior acordo plenario e proponse ó Pleno o seguinte acordo: Primeiro, nomear a Dona Francisca Canal Gómez, Dona Nidia Mª Arévalo Gómez e Don Julio César García-Luengo Pérez, como representantes titulares desta Corporación no Pleno do Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Morrazo. Así mesmo desígnase como suplentes dos mesmos a Don José Juan Durán Hermida, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva e Don Alfredo Rodríguez Millares. E segundo, modificar, de conformidade co apartado anterior, o acordo plenario de data 29 de xuño de 2005 en relación coa designación dos representantes. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Esto é un dos nomeamentos que van na mesma liña de todos os que se están facendo e son nomeamentos da Corporación. E esta debe ser case a última Corporación na que se confunde os nomeamentos da Corporación cos nomeamentos do goberno, non sei que mal, dano ou problema existe en que como representantes da Corporación en certas institucións, en certos organismos, institucións, que hai moitisimos por outro lado, pois non poidan ser calquera tipo de Deputado ou Deputada sen discriminación en función da súa adscrición política, debe ser case das últimas, das últimas, noutras deputacións non sucede, na maioría dos concellos non sucede, vostedes seguen erre que erre, e demais. Bueno, se cadra a base de dez anos se cadra de batallar, ou quince, porque nos tribunais de oposicións pois debían estar todos os grupos ou polo menos outros grupos que non foran do goberno, pois bueno, foise conseguindo, bueno, esta batalla tamén leva bastantes anos, se cadra non hai que perder a esperanza, vostedes son persistentes e perseverantes, bueno, despois quéixanse de que están por aí, ata teñen, vamos, a cara de dicilo así, de queixarse, que despois teñen que ir, teñen que ir, que non teñen que ir, que teñen que ir por aí a cuestións de representacións de organismos que supón unha recarga, pero bueno, alá vostedes non é que queiramos quitarlle carga nin recarga senón defender un principio democrático de que a Corporación está formada por 27 e non só por 14, 15 ou 16. Polo tanto, en fin, como tampouco nos imos a meter en cuestións persoais de quen nomean ou non nomean, non imos avalar estes nomeamentos. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. González. Sr. González Iglesias.- Si, cando se trata do nomeamento dunha persoa para un posto nada máis pois normalmente o Grupo Socialista abstense porque entende que é unha cuestión do goberno provincial. Aquí estanse a nomear a tres representantes da Deputación, loxicamente nos parece que o grupo de goberno se esquece de que hai dous grupos máis na Deputación, e nomea a tres representantes do propio grupo popular, polo tanto nós rompendo a nosa forma de voto tradicional de absternos vamos a votar en contra porque estamos en absoluto desacordo co tema. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. González. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, bos días Sr. Presidente. Deputadas e Deputados eu estou un pouco sorprendido por estas dúas intervencións, non é habitual. En todo caso comentar que nos órganos, neste órgano concretamente, neste consorcio ou noutros consorcios nos que hai tamén representación da Deputación Provincial, está, supoño que nadie poderá contradicir o que vou dicir, perfectamente garantida a pluralidade, porque agora todos os grupos, sexa en concellos, sexan os membros do goberno coaligado da Xunta pois teñen unhas representacións e neste sentido penso que esa pluralidade, esa posibilidade de que se poidan escoitar as diversas voces en liza pois está plenamente xustificado. En todo caso cando dentro do ámbito ou das posibilidades de nomeamento do actual goberno da Xunta pois ó mellor empecen a aparecer nomeamentos tamén hacia persoas non do Bloque ou do BNG, perdón, do Partido Socialista, pois tamén se podería considerar pola nosa parte. Dende logo o que non nomeamos é profesores de Universidade. Gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Sr. González. Sr. González Iglesias.- Sr. Durán, para facer nomeamentos hai que telos antes. Mire, unha cuestión, unha cuestión, con ese plantexamento que acaba de facer vostede pois resulta que fai un ano aproximadamente, con ese plantexamento, tiñan vostedes que en vez de nomear representantes do Grupo Popular da Deputación, tiñan que haber nomeado os representantes da oposición, para garantir esa pluralidade. Porque se daba a circunstancia que vostedes gobernaban na Xunta e nomeaban os representantes da Xunta do Partido Popular, gobernaban nalgúns concellos e pasaba o mesmo, e na Deputación para garantir esa pluralidade tiñan que facer nomeamentos doutro xeito e non o facían. Polo tanto, mire, non vale agora ese argumento agora mesmo, quédalle moi ben dicilo pero se vota a vista para atrás uns meses mira que para nada garantizaban vostedes a pluralidade antes. E loxicamente que quere que lle diga, nós se se nomean tres representantes e hai tres grupos políticos nesta institución e que só os tres pertenzan a un só grupo político pois non nos parece de recibo e vamos a votar en contra loxicamente. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. González. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias. Supoño que os nomeamentos están feitos pola política do Grupo Popular e en concreto fixada basicamente polo seu Presidente. O Sr. Durán pois busca argumentación para saír, a verdade é que bastante ... É moi fácil, mire, pregúntelle por exemplo ó Vicepresidente Sr. Figueroa como se fai en Vigo e se se pensa que se nomean todos do grupo do goberno ou non grupo do goberno en función do que haxa. Non, repártense e páctanse, dígalle á Vicepresidenta Sra. Pedrosa a ver como se fai no Concello de Pontevedra, e se chega á acordos nos Consellos Escolares, nas Caixas de Aforros, bueno, cando había nomeamento e demais, se acorda ou non se acorda, pero polo menos hai un reparto e en xeral se acorda sen facer esas contas. Vostedes teñen aquí que acaparar absolutamente todo, absolutamente todo, parece que os demais, somos representantes da Corporación, eso é o que se lle esquece sempre, da Corporación, este debate xa o ten habido moitas veces e demais. Entón segundo a súa teoría, depende de para onde fora para onde non fora, collemos ou non collemos, non, mire, eso se acorda, se fai, e noutras deputacións presididas polo Partido Popular tamén se fai, tamén se fai, esta é das poucas institucións locais que quedan nas que cando hai que facer unha representación da Corporación vostedes entende que unicamente o Partido Popular representa á Corporación. Bueno, é a súa política, eu creo que a van volver atrás nalgún momento, se non ó tempo, por agora están dicindo que non, pero bueno, seguen vostedes erre que erre. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, ben, estamos nun consorcio que está en fase de constitución. Eu reiteraba a pluralidade do mesmo. Por suposto que no andar do tempo posiblemente haxa posibilidade de observar esa política de nomeamentos da Xunta que poida abrir á marxe á algunha forza política que non forme parte da maioría actual e tamén nós poderemos plantexar outro tipo de cuestións. Efectivamente si que hai concellos, pero hai concellos en funcións dunhas determinadas circunstancias e circunstancias que aquí non vemos que se dean. En todo caso vostedes terán e teñen representación e todos os partidos noutros organismos co cambio do goberno galego e poderemos dende ese punto de vista traballar. En todo caso, en todo caso, que quede claro, porque das súas intervencións pódese entender o contrario, que é unha prerrogativa absolutamente lexítima do grupo de goberno, do grupo maioritario ó designar a esa persoa, dá a sensación de que ten algún tipo de pega ou nace viciado dende algún punto de vista, dende o plantexamento que están facendo vostedes nesta decisión está proposto o grupo de goberno. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, é que, vamos a ver, non sigamos argumentando, vamos a ver, é que podemos poñer exemplos, maioría absoluta do PP en Vigo, Alcalde Manuel Pérez, se repartiu, con acordos con el pero se repartiu. En Pontevedra, maioría absoluta do Sr. Pedrosa, en conxunto cos independentes, se repartiu. En Pontevedra maioría absoluta agora de BNG-PSOE e se repartiu, é dicir, hai unha tradición de facelo e agora me resulta preocupante o seu, ou sexa, nalgúns sitios igual estarían dispostos a volver atrás. Que é lóxico repartilo porque son representantes da Corporación, da Corporación non do grupo de goberno. Pero bueno, vostedes seguen con esa política, pois segan, xa a coñecemos. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Dicirlles que o importante é que o Parque de incendios e salvamento da Comarca do Morrazo está a piques de entrar en funcionamento, que é un servizo que os cidadáns demandan, que esta Corporación e esta institución financia cunha contía importante e que ademais nese consorcio van a estar os concellos e polo tanto van a falar os representantes directos tamén dos cidadáns que serán os seus alcaldes que estarán alí representados no consorcio. Por eso que nese sentido non vai haber ningunha dúbida e creo que o importante é que esta casa puxo en marcha precisamente ese parque e vai a estar en funcionamento moi pronto. Procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Os Estatutos do Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Morrazo foron publicados no DOGA número 148 de data 3 de agosto de 2005 e neles establécense (art. 9) que o Pleno como órgano de goberno estará integrado por: "Tres representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, designados por esta institución, que poderán ser substituídos por tres suplentes designados, así mesmo, de entre os membros que compoñen a corporación provincial" Resultando que o Pleno en sesión de 29 de xuño de 2005 designou como representantes desta Deputación a Dona Francisca Canal Gómez e a Dona Nidia Mª Arévalo Gómez como titular e suplente, respectivamente. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Réxime Interior e Persoal, acorda por maioría, cos votos a favor do PP e cos votos en contra do PSOE e do BNG, aprobar a Moción da Presidencia modificando o anterior acordo plenario e adopción do seguinte: 1.- Nomear a Dona Francisca Canal Gómez, Dona Nidia Mª Arévalo Gómez e Don Julio César García-Luengo Pérez, como representantes titulares desta Corporación no Pleno do Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Morrazo. Así mesmo desígnase como suplentes dos mesmos a Don José Juan Durán Hermida, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva e Don Alfredo Rodríguez Millares. 2.- Modificar, de conformidade co apartado anterior, o acordo plenario de data 29 de xuño de 2005 en relación coa designación dos representantes. ------ Folla: 16.5280.- MOCION DA PRESIDENCIA SOBRE NOMEAMENTO DOS REPRESENTANTES DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA A CONSTITUCIÓN DO CONSELLO DIRECTIVO DA AGRUPACIÓN DE DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO EUROPEO "MERCURIO" Sr. Presidente.- Punto número 16. Moción da Presidencia sobre nomeamento dos representantes da Deputación de Pontevedra para a constitución do Consello Directivo da Agrupación de desenvolvemento do proxecto europeo "MERCURIO". Sr. Secretario. Sr. Secretario.- A moción é seguinte: O artigo 58.c) do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais, determina que corresponde ó Pleno a designación de representantes da Corporación en órganos colexiados. Para o desenvolvemento do proxecto europeo Mercurio faise precisa a constitución do Consello Directivo da Agrupación de desenvolvemento como órgano responsable da adopción de medidas de carácter estratéxico dentro do proxecto, debendo esta Deputación nomear dous representantes, titular e suplente, no referido Consello Directivo. Por todo iso esta Presidencia somete á consideración do Pleno a adopción do seguinte acordo: Nomear representantes, titular e suplente respectivamente, no Consello Directivo da Agrupación de Desenvolvemento do Proxecto Europeo Mercurio a esta Presidencia e á Sra. Deputada Provincial Dona Nidia Arévalo Gómez. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Secretario. Non habendo intervencións procedemos á votación deste punto. ¿Votos en contra?.¿Abstencións?. ¿A favor?. O Proxecto "Mercurio", integrado na Área Temática 3F da Iniciativa Comunitaria EQUAL, consiste nun proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra, que ten por obxecto, apoiar a adaptabilidade do comercio ós cambios nos hábitos de consumo e ó uso das novas tecnoloxías. Para o seu desenvolvemento, faise necesaria a constitución do Consello Directivo da Agrupación de Desenvolvemento, como órgano responsable da adopción de medidas de carácter estratéxico dentro do propio proxecto, debendo esta Deputación Provincial, nomear a dous representantes no mesmo, titular e suplente. Sendo competencia do Pleno, a teor do artigo 58.c) do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais, a designación de representantes da Corporación en órganos colexiados e de acordo co dictame da Comisión Informativa extraordinaria de Promoción Económica e Emprego de 7 de setembro de 2005, acórdase por maioría, cos votos a favor do PP e cos votos en contra do PSOE e do BNG, aprobar a Moción da Presidencia sobre o nomeamento de representantes da Deputación Provincial para a constitución do Consello Directivo da Agrupación de desenvolvemento do proxecto europeo "Mercurio" e adoptar o seguinte acordo: - Nomear representantes, titular e suplente respectivamente, do Consello Directivo da Agrupación de Desenvolvemento do Proxecto Europeo Mercurio ó Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial, D. Rafael Louzán Abal, e á Sra. Deputada Provincial Dona Nidia Mª Arévalo Gómez. Sr. Presidente.- Pois, non habendo máis asuntos e tratándose dunha sesión extraordinaria, levántase a sesión. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as doce horas e corenta e minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario Accidental, ------ Folla: 1.5265.- ACTAS ANTERIORES Sr. Presidente.- Primeiro punto. Aprobación dos borradores das actas das anteriores sesións, ordinaria do día 27 de xullo e extraordinaria do día 29 xullo do ano 2005. Apróbase. Acórdase por unanimidade aprobar os borradores das actas das anteriores sesións, ordinaria do día 27 de xullo e extraordinaria do día 29 de xullo, ámbalas dúas do ano 2005. ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición