ATOPO
Rexistros actuais: 1.114.717
Obxectos dixitais dispoñibles: 419.124

Arquivo Deputación de Pontevedra

Área de identificación

  • Identificador ES.GA.36038.ADPO.

  • Forma(s) autorizada(s) do nome Arquivo Deputación de Pontevedra

  • Forma(s) paralea(s) do nome Arquivo Deputación de Pontevedra

Área de contacto

Arquivo da Deputación de Pontevedra (ADPO)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

Ana María Vicente Rivas (Xefa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

José Luis Castro Carpintero (Xefe de Sección Arquivo Deputación)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

Lourdes Pérez Santamarina Feijóo (Xefa de Sección Arquivos da Provincia)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

María Eugenia Valenzuela Senn (Xefa de Sección de Fondos Especiais)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

Elena Aguete Landín (Técnico de arquivo e biblioteca)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

Alberto Aramburu García-Pintos (Técnico auxiliar de arquivo)

  • Enderezo Enderezo (rúa) Rúa Padre Amoedo, 1 Localidade Pontevedra Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36002

Área de descrición

  • Historia A maior parte dos fondos conservados no Arquivo da Deputación de Pontevedra teñen relación co desenvolvemento no territorio provincial das funcións de fomento e administración da provincia e dos seus intereses. Inclúense ademais algúns fondos de institucións anteriores, así como de centros benéficos e asistenciais vinculados á Deputación, dos que asumiu funcións e competencias unha vez suprimidos ou transformados. Complementan estes fondos algunhas coleccións documentais de varias persoas, familias e casas, que moitas veces superan o espazo territorial provincial e alcanzan outras zonas da comunidade galega. Salientar a inexistencia da documentación dos primeiros antecedentes da deputación provincial nos períodos liberais, inicialmente con sede e capitalidade en Vigo. A instalación definitiva da Deputación en Pontevedra tería lugar o 12 de febreiro de 1836. O arquivo como entidade nace unido á propia Deputación Provincial, manténdose ata a actualidade, na que se atopa integrado no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, xunto coa Biblioteca e a Editorial. A instalación dos primeiros fondos do arquivo institucional sitúanse, nos comenzos, nunha casa arrendada ao efecto, sita no corazón da cidade vella, na rúa da Costa de Santa María. Nesta primeira fase, xunto co interese pola conservación dos primeiros documentos houbo unha preocupación por recuperar a documentación correspondente a primeira Deputación Provincial instalada con capitalidade en Vigo e durante o trienio liberal. Así, formulouse na sesión do 3 de xullo de 1836 a correspondente reclamación que nunca, lamentablemente, alcanzaría o seu obxectivo. A finais do mesmo ano de 1836 a documentación e a propia institución establecerán a súa sede no desamortizado ex-convento de franciscanos da cidade, onde se mantería ata o seu traslado ao novo e primeiro pazo provincial, contruído para esta finalidade na Alameda, actual Avenida de Montero Rios. Podemos falar de arquivo como tal a partires de 1845, ano en que se produce a Real Orde do 24 de outubro, pola que se crea o Arquivo, que acollerá os documentos da Deputación Provincial, Xunta Provincial e Goberno Civil, e coa mesma noméase para a súa custodia a un oficial. É necesario agardar ata o ano 1852 para obter o primeiro nomeamento de arquiveiro que recae na persoas de D. Pablo Chocano, decretado por Real Orde de 21 de outubro de 1852, quen emitiría un informe denunciando as penosas condicións nas que se atopaba o Arquivo, conseguindo levar adiante dúas reformas no mesmo ano. Foi cesado en 1854 e sucedeulle Lamberto Lucero, igualmente cesado ós dous meses pola supresión da praza, ata que por Real Orde de 15 de febreiro de 1857 se nomea a D. Juan Fernández Gil, que igualmente denunciaba a lamentable situación de amontonamento dos documentos do arquivo. Posteriormente en abril de 1862 é nomeado D. Carlos Méndez Osorio quen cesou ós 14 días, pasando a substituílo D. Luciano Escarpazo, que aguantaría no cargo ata marzo de 1864, volvendo a encargarse D.Carlos Méndez ata agosto de 1865. Seguiulle D. Felipe Carlos Rivas, que mantivo o seu posto ata decembro de 1866, substituíndolle inmediatamente D. Rogelio Lois, ata o mes de outubro no que tomou posesión D. Joaquín Rivadulla, quen ao menos mantívose ata o ano 1880. En 1882-1883 o Arquivo e a Deputación estrearán novas dependencias no pazo provincial construído a tal efecto, trasladándose tanto a documentación propia da Deputación como a do Goberno Civil e instalándose o Arquivo na pranta baixa do novo edificio. Coñecemos a existencia do arquiveiro profesional Fernández Villamil, quen compartiu os seus traballos na Deputación co Arquivo Histórico Provincial do Estado, a Biblioteca Pública e a súa cátedra de instituto, ata 1955. Con Villamil producíuse unha boa parte da dispersión documental e bibliográfica, depositándose algúns fondos no Arquivo Histórico Provincial e a maior parte dos volumes da biblioteca e boletíns na Biblioteca Pública. Pero foi posteriormente cando a Deputación, sen ningún profesional ao fronte, por falla de espazo, según se alegou, decide depositar no Museo de Pontevedra unha boa parte da antiga documentación. En dito lugar sofre unha expoliación de improntas e selados e a conseguinte desorganización dos seus atados, ademais de expurgarse indiscriminadamente unha boa parte dela, co que o volume documental dende finais do século XIX e ata mediados do XX queda absolutamente mermado. A partir de 1977 cúbrese a praza de arquiveiro sendo nomeado D. Miguel Ángel Pereira Figueroa. A partires de aquí retómase con intensidade unha ambiciosa actuación na procura de recomposición do Arquivo e da Biblioteca Provincial. Refórzanse as instalacións do Pazo Provincial na pranta alta, recupérase a totalidade da documentación depositada no Museo e ábrense novas instalacións, no Convento de Xesuítas xunto con algúns locais provisionais máis, manténdose os do Pazo Provincial para a custodia e conservación da cada vez máis abundante documentación producida e transferida dende os Servizos adminsitrativos. O propio Arquivo-Biblioteca alcanza a condición de Servizo, ao que se lle engadirá máis tarde a editorial da Deputación; Impulsouse definitivamente o traballo de organización, clasificación, e descrición documental así como os esforzos pola súa difusión e posta en valor, ampliouse considerablemente o persoal, melloráronse as instalacións e ampliáronse os fondos con novos ingresos por depósito e compra. No ano 2010 procedeuse á reforma integral da actual sede do Arquivo e da Biblioteca no edificio da rúa Padre Amoedo,1 o que proporciona unhas instalacións modernas e espaciosas, adecuadas para o desenvolvemento das actuacións e servizos que se veñen prestando. Entre as premisas do proxecto destaca o resalte da edificación mediante unha fachada na que destaca a parte central, que se transforma nun corpo transparente e diáfano, combinando cobre e pedra, que abre o edificio á cidade. O proxecto, obra do arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, da como resultado unha nova distribución interna con cinco plantas: dous sotos para depósito de fondos documentais cunha superficie de 1.100 m2, nos que se instala estantería compactada; unha planta baixa cun gran patio distribuidor central, despachos e zonas de servizos comúns, coma o salón de usos múltiples. Nas plantas superiores van as zonas de traballo e consulta das diferentes seccións do Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico: arquivo, biblioteca e publicacións, cada un deles cos seus medios e instalacións inherentes.

  • Contexto xeográfico e cultural Comunidade Autónoma de Galicia e máis en concreto na provincia de Pontevedra, formada na actualidade por 62 concellos.

  • Atribucións / fontes legais A Administración Local é aquel sector da Administración Pública que compoñen unha serie de institucións dotadas de personalidade xurídico-pública, que xorden como asociación de homes e mulleres unidos por lazos de veciñanza, para a defensa xenérica dos seus intereses. A Constitución dedica o Capítulo Segundo do Título VIII á Administración Local (artigos 140 ao 142). O artigo 140 garante a autonomía dos Municipios, e define o seu goberno e administración, é dicir, o Concello composto por Alcalde e Concelleiros. O art. 141 define a Provincia como unha entidade local con personalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de Municipios, encomendando o seu goberno e administración ás Deputacións ou outras Corporacións de carácter representativo. O art. 142 establece que as Facendas Locais nutriranse só dos seus propios tributos e da participación nos do Estado e as Comunidades Autónomas.. O desenvolvemento da Constitución, no que respecta ao réxime local, realizouse a través da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local e do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido de Disposicións Legais Vixentes en Materia de Réxime Local (T.R.R.L.). Outras normas relativas ao Réxime Local son: O Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño, que aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais. O Real Decreto 1690/1986, de 11 de xullo, que aproba o Regulamento de Poboación e Demarcación Territorial de Entidades Locais. O Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, ou Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. Lei 39/1988, de 28 de Decembro, de Facendas Locais. O Real Decreto 896/1991, de 7 de xuño, polo que se establecen as Regras Básicas e os Programas Mínimos a que debe de Axustarse o Procedemento de Selección dos Funcionarios de Administración Local. En Galicia ademáis cóntase co propia Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia

  • Estrutura administrativa O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico insírese no organigrama da Deputación de Pontevedra como órgano encargado da planificación e desenvovemento das actuacións relacionadas co patrimonio documental e bibliográfico, resultado do natural das actuacións do Arquivo e da Biblioteca e coa finalidade básica de difundir a información e a cultura. O seu plantexamento organizativo inclúe tres grandes áreas de actuación: Patrimonio Documental, Patrimonio Bibliográfico e Editorial No relativo ao Patrimonio Documental conta con dúas seccións: 1.-Arquivo da Deputación: que ten como función básica consiste en recoller, organizar e servir a documentación producida polos propios organismos da Deputación e aqueles outros fondos recibidos por vías e causas diversas (compras, doazóns...). 2.-Patrimonio Documental Provincial: encargado da información e asistencia técnica permanente en todo o que atinxe ao patrimonio documental existente na provincia de Pontevedra, especialmente aquel ligado ás entidades locais segundo a función legal atribuída ás deputacións para lles proporcionar asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica ós concellos. O Patrimonio Bibliográfico xestiona o fondo bibliográfico xurdido a partir dunha política de adquisicións, doazóns e intercambio bibliográfico de monografías referidas á provincia de Pontevedra e a Galicia. Conta ademais entre as súas funcións a da salvagarda e divulgación do patrimonio cultural inmaterial deste territorio. Conta na súa organización coas sección de monografías de Galicia, hemeroteca, cartoteca, fondos sonoros e musicais, fondo gráfico e fondo audiovisual. A Editorial ten a función de darlle forma e funcionalidade á política desta Deputación no que respecta á edición e difusión das publicacións periódicas e dos fondos bibliográficos, nace o Servizo de Publicacións en 1986, que dispón dunha ampla gama de obras editadas, froito dunha coidada selección de coleccións e campos temáticos.

  • Xestión de documentos e política de ingresos A documentación ingresa no Arquivo por transferencia regular ou irregular, compra, depósito ou doazón. Cóntase cun calendario de transferencias con datas establecidas para os diferentes Servizos. Ademais ténse recibido documentación por acumulación de institucións desaparecidas das que do seu ámbito competencial pasou a ser herdeira e responsable a Deputación.

  • Edificio(s) 1.- Sede principal: Arquivo Deputación de Pontevedra: Rúa Padre Amoedo, 1 - 36002- Pontevedra 2.- Local no edificio administrativo da Deputación de Pontevedra: Avenida Montero Ríos, s/n - 36001 - Pontevedra 3.- Depósito documental complementario: Cidade Infantil Príncipe Felipe: Avenida de Montecelo s/n - 36164 - Pontevedra

  • Fondos O Arquivo da Deputación de Pontevedra conserva e dispón especialmente o fondo documental xerado pola institución no desenvolvemento das súas funcións e servizos. Xunto con este patrimonio dispón doutros fondos documentais debidamente individualizados que por vías e causas diversas recibidas no seu día, tanto de carácter público ou institucional coma privado e familiar. Por último, cóntase cun conxunto de coleccións audiovisuais en diferentes soportes, de gran valor informativo e a disposición de posibles usuarios. En setembro de 2021 forman o Arquivo da Deputación 44.475 unidades de instalación, con 221.602 rexistros que describen ous expedientes e agrupacións documentais dos seguintes fondos e coleccións: 1.- Fondo Deputación de Pontevedra (1708-2020) 38.618 unidades de instalación e 199.762 agrupacións documentais en soporte papel na súa práctica totalidade. O fondo organizouse seguindo un criterio de clasificación orgánico-funcional, co resultado do actual cadro de clasificación, artellado arredor de catro seccións, referidas sucesivamente a xestión dos órganos de goberno colexiados e unipersoais, o funcionamento administrativo, a xestión de servizos e, por último ó control e xestión orzamentario. Cada unha destas seccións subdivídese en subseccións e estas en series e subseries, atendendo á variedade da tipoloxía documental e ás series existentes. 2.-Casa Porto-Briallos (1516-1894): 7 unidades de instalación; 598 agrupacións documentais. 3.-Unión de Xornalistas de Pontevedra (1982-1985): 3 unidades de instalación; 12 agrupacións documentais. 4.-Xunta Provincial de Ordenación Económico-Social (1941-1961): 15 unidades de instalación; 346 agrupacións documentais. 5.-Colección Gaspar Massó (1535-1982): 1 unidade de instalación; 16 agrupacións documentais. 6.-Xunta de Axuda a Municipios (1945-1965): 99 unidades de instalación; 2.284 agrupacións documentais. 7.-Instituto Nacional de Colonización (1946-1966): 22 unidades de instalación; 1.211 agrupacións documentais. 8.-Familia Malvar (1512-1877): 15 unidades de instalación; 408 agrupacións documentais. 9.-Familia Mosquera (1674-1961): 1 unidade de instalación; 125 agrupacións documentais. 10.-Familia Caamaño (1411-1895): 138 unidades de instalación con 3.574 agrupacións documentais. 11.-Xunta Provincial de Electrificación (1954-1973): 33 unidades de instalación; 387 agrupacións documentais. 12.-Servizo Nacional de Inspección e Asesoramento das Corporacións Locais (1834–1985): 155 unidades de instalación con 810 agrupacións documentais. 13.-Padroádego de Vivendas de Funcionarios (1950-2006): 13 unidades de instalación; 100 agrupacións documentais. 14.-Gota de Leite (1931-1937): 3 unidades de instalación; 5 agrupacións documentais. 15.-Inclusa Provincial (1773-1958):122 unidades de instalación (71 libros de rexistro e 52 unidades de instalación); 2949 agrupacións documentais. 16.-Hospicio (1829-1979): 188 unidades de instalación (96 libros de rexistro e 92 unidades de instalación) con 1.254 agrupacións documentais. 17.-Familia Domínguez Sánchez (1650-1963): 2 unidades de instalación; 178 agrupacións documentais. 18.-Asociación da Prensa de Vigo (1930-1995): 82 unidades de instalación con 506 agrupacións documentais 19.-Familia Nores (1610-2005): 2 unidades de instalación; 18 agrupacións documentais. 20.-Augusto Bárcena Saracho (1631-2013): 31 unidades de instalación con 142 agrupacións documentais 21.-Marqueses de Leis (1502-2009 ): 9 unidades de instalación; 273 agrupacións documentais. 22.-Ateneo de Pontevedra (1966-2008): 10 unidades de instalación ; 45 agrupacións documentais. 23.-Pazo da Buzaca (1455-2013): 41 unidades de instalación; 876 agrupacións documentais 24.-Pazo Torre Quintáns (1505-1974): 23 unidades de instalación; 1.039 unidades documentais 25.-Barcia do Seixo (S XIV-XVIII) 1 unidade documental composta con 300 documentos 26.- Familia Gándara (Portas) (1784-2003) 7 unidades de instalación: 272 documentos 27.- Xosé Velo Mosquera (1926-1976) 3 unidades de instalación e un ficheiro USB con copias dixitais de fotografías e materiais audiovisuais

  • Instrumentos de descrición, guías e publicacións http://arquivos.depo.es/ Instrumentos de descrición: Cadro de clasificación Inventario somero Inventario detallado a nivel de unidade documental Publicacións: -"Los archivos de Galicia: estado de la cuestión"/ López Gómez, Pedro.- Iruñea, Décimo congreso de estudios vascos, Iruñea, 1987. -"Notas para una reorganización del Archivo de la Diputación Provincial de Pontevedra"/ López Gómez, Pedro.- Boletín de Anabad XXVII (1977). nº 4 oct.-dic., pp.43-53. -"La Diputación de Pontevedra: 1836-1986"/ Fariña Jamardo, X., Pereira Figueroa, M. A. - Pontevedra: Diputación Provincial,1986. -"Datos documentales de “Montes del Común” en el Archivo de esta Diputación"/ Pereira Figueroa, Miguel.- Pontevedra: Diputación Provincial, 1979. -"Han pasado 144 años"/ Pereira Figueroa, Miguel.- Pontevedra: Publicación semestral año 1981. 2º semestre. Nº 1-2, pp. 99-116.

Área de acceso

  • Horarios de apertura Horario ininterrumpido para os usuarios, de luns a venres, dende as 8´30 ata as 14´30 A sala de consulta do Arquivo atópase no primeiro piso, accedendo pola ala dereita, unha vez situado no espazo de recepción da planta baixa que permite contemplar o lateral do edificio Sarmiento.

  • Condicións e requisitos para o uso e o acceso Acceso libre sen requisitos específicos, agás os derivados da lexislación estatal e autonómica vixente. Todos os cidadáns teñen dereito a acceder ós arquivos e rexistros administrativos da Deputación conforme o art. 105 b) da Constitución e demais disposicións vixentes. O dereito de acceso a rexistros, arquivos e á información pode limitarse para aqueles documentos que segundo a lexislación conteñen datos ou información que, pola súa consulta pública poidan lesionar os dereitos doutras persoas ou colectivos.

  • Accesibilidade Localízase no casco antigo de Pontevedra, a carón do sexto edificio do Museo e anexo ao edificio Sarmiento, construído entre 1685 e 1714, que foi en orixe a sede do Colexio da Compañía de Xesús. A rúa Padre Amoedo é a prolongación cara o rio Lérez da rúa Cobián Roffignac. No edificio do Arquivo conflúen ademais as rúas Santa Clara e Sarmiento. O Arquivo e a Biblioteca contan con ramplas de acceso para cadeiras de rodas e ascensores para acceso ás dependencias e salas de consulta

Área de servizos

  • Servizos de axuda á investigación Servizos internos: Á propia Deputación, que inclúe a información, en calquera fórmula, ou o préstamo directo de todo documento orixinal. Servizos externos: Servizo a outras administracións públicas, mediante consulta, copias e certificacións, daqueles documentos que lles sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións recoñecidas por lei. Tamén a comunicación dos datos contidos no arquivo que necesiten por motivos históricos, científicos ou culturais. Servizo ós cidadáns, dende a premisa de que inicialmente os cidadáns poden consultar calquera documento, excepto aqueles que conteñan datos de acceso restrinxido pola lei. Inicialmente pode consultarse directamente ou obter informes, copias, certificacións e compulsas de todo documento de libre acceso, salvo que se prexudicara de forma sensible a conservación do documento, ou que entorpeza o normal desenvolvemento do servizo. Servizo ós investigadores, co fin de contribuír e fomentar a investigación histórica tanto da provincia de Pontevedra coma das diferentes entidades locais que a forman, estimulando especialmente o uso e consulta dos fondos documentais, sen límite temporal e co uso dos medios de información e reprografía dispoñibles.

  • Servizos de reprodución Para poder ofrecer os diferentes servizos dispón a arquivo dunha serie de recursos, medios e equipamentos: Sala de consulta, dotada con: Dezaseis postos permanentes de consulta, con catro puntos de acceso informático. Diferentes instrumentos de descrición, tanto en soporte tradicional -fichas e papel- coma informático. Lector-reprodutor de microfilme e microfichas. Reprografia: reprodución de documentos mediante fotocopia, tanto de papel coma de microformas e microfilmes. Biblioteca auxiliar especializada en arquivística para consulta dos usuarios constituída basicamente por manuais, obras de referencia e instrumentos de descrición e información doutros arquivos.

  • Espazos públicos Sala de usos múltiples Biblioteca especializada na provincia de Pontevedra, cunha sección técnica específica en Arquivos, bibliotecas e ciencias da información.