ATOPO
Registros actuales: 1.622.693
Objetos digitales disponibles: 504.735

23 de abril Día do Libro


Coincidindo coa celebración do Día do Libro, que como cada ano se conmemora o 23 de abril, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de habilitar a través do portal web Atopo o acceso en liña á versión pdf dos 82 títulos publicados ata agora referentes ao patrimonio documental provincial.

Os denominados inventarios (froito do traballo de asistencia técnica levado a cabo desde 1980), que ata agora estaban dispoñibles na biblioteca da Deputación na modalidade de préstamo, foron dixitalizados e están xa accesibles a través dos correspondentes rexistros bibliográficos de Atopo nos que, ademais dos datos de cada publicación e do pdf descargable, inclúese tamén unha ligazón á actualización do correspondente inventario somero.

Os 82 títulos distribúense en dúas coleccións diferentes:

  • A primeira, Plan de Organización de Archivos Municipales, publicada en castelán (1988-1992) e composta por unha vintena de títulos, recolle a información referente aos concellos de Cotobade, Ponte Caldelas, Baiona, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Poio, Tui, Vilaboa, Bueu, Ribadumia, Meis, A Lama, Ponteareas, Cerdedo, Soutomaior, Caldas de Reis, Valga, Cambados e Nigrán.
  • A segunda colección (1995-2006), xa en galego, leva por título Patrimonio documental da provincia de Pontevedra e consta de 62 volumes que fan referencia concretamente aos concellos de Mondariz, Gondomar, Salceda de Caselas, Silleda, Campo Lameiro, Agolada, Catoira, Tomiño, Mos, As Neves, O Grove, Covelo, Crecente, A Guarda, O Rosal, Forcarei, Arbo, Meaño, Mondariz-Balneario, Dozón, Vila de Cruces, Barro, Rodeiro, Cuntis, Portas, Sanxenxo, Moaña, Pontecesures, Moraña, Cotobade, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Cambados, Caldas de Reis, Pazos de Borbén, A Cañiza, Meis, Vilaboa, Poio, Cerdedo, A Lama, Valga, Oia, Salvaterra de Miño, Lalín, Redondela, Fornelos de Montes, A Estrada, O Porriño, Baiona, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Bueu, Nigrán e Tui.

Ademais, inclúense nesta colección catro títulos dedicados a unha serie de institucións específicas: as Irmandades de labradores e gandeiros, os Xulgados de Paz, a Cámara Agraria Provincial de Pontevedra, Irmandades e Cámaras Locais de Pontevedra e de Vilanova de Arousa e o arquivo do Instituto de Pontevedra.

A estrutura dos libros é semellante en todos os casos, constando de tres partes claramente diferenciadas: unha pequena guía (que amosa brevemente a realidade do patrimonio documental conservado, o proceso de organización e as instalacións nas que se localiza), o cadro de clasificación (primeiro e máis xenérico instrumento de descrición, no que se inclúen as series documentais conservadas dentro de cada sección e subsección, xunto cos datos referidos ao período cronolóxico que comprenden e a indicación das unidades de instalación nas que se atopan) e o inventario somero (que reflexa o contido do arquivo correspondente, facendo unha descrición correlativa das unidades de instalación cunha información básica articulada nun formato que achega datos sobre a clasificación, a identificación da unidade, unha breve descrición de contido e as datas extremas da súa documentación).

En definitiva, trátase dunha serie de publicacións fundamentais para achegarse á realidade documental da provincia de Pontevedra en xeral e dos seus diferentes concellos en particular, e que agora pasan a estar dispoñibles a texto completo a través da seguinte ligazón.

Por outra banda, queremos lembrar que todas aquelas persoas interesadas en subscribirse ao boletín de novidades da biblioteca pódeno facer a través do correspondente formulario.