ATOPO
Registros actuales: 1.627.435
Objetos digitales disponibles: 504.860

Delegación Provincial de Pontevedra. Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

Área de descrición

  • Datas de existencia s. XVIII-

  • Historia Non é doado facer unha historia da Administración Provincial da Facenda Pública pois carece dunha estrutura orgánica ata ben avanzado o s. XIX. Aparece máis centrada en cargos que en órganos, especialmente os intendentes e administradores. Na figura do intendente aúnanse funcións políticas xunto ás propiamente facendísticas e na Administración da Facenda Pública sucedéronse unha serie de oficinas e dependencias diversas e cambiantes coma a Contaduría de Propios, a Administración Provincial de Rendas, a Xunta Provincial de Desamortización, a Administración de Propiedades e Dereitos do Estado ou a Administración de Contribucións. A reforma de 1845 esixiu un cambio simultáneo na administración, que se levou a cabo baixo a etapa de Bravo Murillo: en 1849, polo Decreto de 28 de decembro, quedaron substituídos os antigos intendentes polos gobernadores civís que, desde entón, exerceron funcións de inspección e vixilancia coa colaboración dos administradores, tesoureiros e contadores de facenda. A Lei do 9 de decembro do 1881 crea o cargo de delegado de facenda, que exerce a autoridade económica superior nas provincias quedando patente así a independencia en asuntos económicos entre os delegados de facenda e os gobernadores civís. Dita lei foi derrogada pola do 24 de xuño de 1885, aparecendo a figura do administrador de facenda e, ó ano seguinte, polo R. d. do 14 de xaneiro, volveu restablecerse os delegados de facenda e a organización das oficinas principais nos mesmos termos, é dicir: unha Admón. de Contribucións e Rendas, unha Admón. de Propiedades e Dereitos do Estado, unha Tesourería e unha Intervención. Un decreto do 9 de xullo do 1892 amplía a estrutura das delegacións, incluíndo o avogado do Estado e unha dependencia de Inspección e Investigación. O regulamento do 13 de outubro do 1903 crea a inspección provincial e unha administración de Facenda que en 1910 se convertirá en Admón. de Propiedades e Impostos e, no 1924, en Admón. de Rendas Públicas. Son numerosas as sucesivas modificacións que afectan á estrutura orgánica da Admón. Territorial de Facenda. A primeira gran reforma da súa estrutura administrativa prodúcese polo Decreto 1178/65, e pola O. M. do 31 xaneiro de 1966, as delegacións de facenda quedan constituídas polas seguintes dependencias: Avogacía do Estado, Admón. de Servizos, Admón. de Tributos Directos e Indirectos, Intervención, Tesourería, Inspección, Patrimonio; e como órganos colexiados: Tribunal Económico Administrativo, Tribunal de Contrabando e a Xunta Arbitral de Aduanas. A Orde do 27 de maio do 1971 e a Instrución do 8 de decembro desenvolveron a estrutura orgánica das delegacións de Facenda, establecidas no art. 8 do D. 407/71 que se debían acomodar ós principios de economía, celeridade e eficacia. Na Admón. de Tributos refundíronse as administracións de tributos directos e indirectos e creouse a Admón. de Impostos Inmobiliarios. Máis recentemente, e tralas reformas democráticas do aparato do Estado vólvese reestruturar polo R.d. 489/79 do 20 de febreiro, que establece as delegacións de facenda especiais e as administracións de facenda, estas cun ámbito territorial inferior ó provincial. A orde do 23 de maio do 1980 establece o organigrama coas seguintes dependencias: Avogacía do Estado, Informática, Inspección, Intervención, Patrimonio, Relacións cos Contribuíntes, Servizos Xerais, Tribunal Económico Administrativo e Tesourería. A Lei 31/83 do 28 de decembro debe mencionarse pola cesión de tributos á Comunidade Autónoma de Galicia. Non podemos esquecer así mesmo (pola importancia da documentación transferida) a creación do Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria e as xerencias territoriais como órganos territoriais periféricos, segundo o R. d. 1279/85 do 24 de xullo, determinando a súa composición e funcionamento a Orde do 28 de xullo do 1986. Finalmente, a partir de 1991, ó crearse a Axencia Estatal Tributaria, as delegacións perden a favor destas as competencias en materia tributaria e aduaneira, reservándose as cuestións de intervención, tesourería e patrimonio. Polo Real decreto do 30 de decembro do 1990 cambian as delegacións a súa denominación pola de delegacións provinciais de Economía e Facenda.

  • Lugares Galicia - Pontevedra

Área de control da descrición

  • Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)