Arquivo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Área de identificación
Identificador ES.GA.36057.AEMAO
Forma(s) autorizada(s) do nome Arquivo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Forma(s) paralea(s) do nome Arquivo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Área de contacto
María Jesús Cuesta de Pedro
Enderezo Enderezo (rúa) Avenida García Barbón núm 5 Localidade Vigo Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36201
Área de descrición
Historia O Arquivo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo nace parello á creación da Institución. O punto de arranque da expansión económica de Vigo pode situarse en torno aos anos 80 do século XIX, aínda que a explotación da riqueza piscícola da ría de forma industrial comezará na segunda metade do século anterior. No transcurso do século XIX, as industrias de salgadura van desaparecendo ou transformándose en modernas industrias de conservas, formándose un importante grupo empresarial. Tamén os emigrantes comezan a ter a súa importancia no desenvolvemento económico da cidade a través dos seus investimentos inmobiliarios. Ao longo do primeiro terzo do século XX, o sector industrial básico será a industria da conserva, e o seu crecemento e influencia apréciase na creación e expansión dun importante número de industrias, que, directa ou indirectamente, aparecen vinculadas a ela. En canto á construción naval, a comezos do século XX substitúense os artesáns carpinteiros por estaleiros, coas conseguintes innovacións tecnolóxicas que permiten un gran desenvolvemento deste sector. Ao aplicarse o vapor aos pesqueiros, empézanse a construír estes buques en Vigo e Bouzas, establecéndose tamén obradoiros mecánicos e ampliando os talleres e fundicións existentes. Os estaleiros vigueses crecen á sombra da industria da conserva, en torno á que se desenvolven outras industrias auxiliares como fábricas de envases e litografado, fábricas de xeo, de grellas e chaves para os envases, preparación de pechaduras de caucho, etc. A cidade contaba tamén, neses anos, con fábricas de xabón, de pastas e chocolates, de papel, serradoiros de madeira, empresas de curtidos, etc. ademais do comercio marítimo e a actividade do porto de pasaxeiros, así como a explotación das canteiras de granito dos arredores. Tamén nos anos 80 do século XIX ábrense as vías terrestres de exportación coa construción do ferrocarril a Madrid. Neste ambiente fúndase o 8 de xullo de 1884, con medios moi modestos, unha sociedade de artesáns chamada “A Cooperativa”, pertencente ás chamadas sociedades benéficas, na súa Xunta Directiva de 31-7-1885 suscita a idea de fundar unha Escola de Artes e Oficios, recollendo unha vella reivindicación das asociacións obreiras e agrarias que crearan na cidade a sensibilidade necesaria para o establecemento dun centro “... que se ocupase de formar ao artesán nas artes e os oficios, completar a súa formación a miúdo deficiente e perfeccionarse na técnica das súas respectivas profesións” A sociedade viguesa e os seus persoeiros deixaban constancia dese interese nas páxinas da prensa local (Faro de Vigo, A Concordia, O Eco de Galicia na Habana...,) conscientes da necesidade de elevar o nivel de instrución das clases traballadoras en beneficio do desenvolvemento da cidade. As motivacións para a creación do centro redunda na idea xeneralizada na Europa da segunda metade do século XIX, segundo a que a instrución é fundamental para o progreso material da sociedade, a mellora da industria pasa pola especialización e formación dos obreiros, imponse o avance técnico. Os descubrimentos científicos orixinan novas necesidades e nese contexto a sociedade viguesa de 1886, en plena expansión industrial e comercial, necesita dunha instrución técnica para os cadros que a están formando, desde os obreiros ata a burguesía emprendedora. Outro dos obxectivos do centro é mellora das condicións económicas e sociais dos obreiros. A inauguración da Escola tivo lugar o 26 de setembro de 1886, foi Eduardo Chao, presidente honorario da Cooperativa, quen doou o primeiro material de ensino: modelos en xeso, zinc e madeira, láminas adquiridas por el en París, así como o primeiro Regulamento polo que se rexeu a Escola Para ingresar na Escola, os alumnos debían superar unha educación primaria da que a miúdo carecían ou era moi deficiente, necesitábase un ensino compensatorio que viñese corrixir o déficit de escolas que padecía a cidade e a súa comarca e que elevase o nivel dos alumnos até o necesario para recibir unha formación técnica. Neses momentos a condición para ser alumno era: cumprir 14 anos, tendo preferencia os naturais do distrito municipal de Vigo e da provincia. Ao terminar todos os cursos da súa profesión ou oficio, o alumno recibe un Diploma que acredita os estudos feitos nela e a súa capacidade industrial. As ocupacións dos obreiros alumnos da Escola eran, en cada momento, un reflexo do panorama laboral da cidade. Á Escola acudían obreiros e aprendices de industrias moi variadas, aínda que en 1900 os maquinistas, axustadores e carpinteiros son os máis numerosos, outros oficios que tamén abundaban na comarca de Vigo e tiñan a súa representación na Escola eran os de ferreiro, albanel, pintor, canteiro ... este último moi relacionado xunto co de albaneis, pintores e carpinteiros co auxe da construción. Os ferreiros, mecánicos, axustadores e latoeiros estarían relacionados co desenvolvemento das industrias marítimas: estaleiros, pescarías, etc. Co tempo e debido aos cambios tecnolóxicos nas industrias navais, oficios como o latoeiro e axustador decaerían. O desenvolvemento comercial e demográfico do primeiro terzo do século XX, explica o aumento de empregados, así como o de escribentes, dependentes, oficinistas e os oficios relacionados co comercio. A modernización da sociedade tiña o seu reflexo na aparición de oficios como fotógrafo, dentista, delineante, debuxante, decorador, etc. As ocupacións dos alumnos da Escola responden ás características dunha cidade do litoral en pleno desenvolvemento industrial. As materias que elixen os alumnos varóns son as que serven de base á maioría dos oficios, especialmente debuxo xeométrico industrial, seguido polo debuxo lineal, debuxo de figura e adorno, tamén modelado, talla e baleirado. O interese que espertaban estas clases entre a poboación traballadora evidencia unha sensibilidade do pobo obreiro respecto da súa propia educación, a Escola ofrece a oportunidade de cumprir ese desexo de superación e vén ser unha representación do panorama obreiro da comarca. A Escola contribuíu ao desenvolvemento industrial, comercial e cultural da cidade desde finais do Século XIX. Aspectos como o número de alumnos e alumnas que se matriculaban cada ano, o amplo campo laboral ao que pertencían, con representación de todos os oficios, o interese das empresas e das sociedades de traballadores, etc. en fomentar a asistencia á escola, a presenza desta na prensa, con noticias e artigos sobre o centro, demostran a importancia desta institución para o progreso da cidade. Partindo da realidade dun alumnado cuxo nivel cultural é, xeralmente baixo, aplícase unha metodoloxía que combina aspectos tradicionais, como a lección maxistral e a memorización, coas prácticas aportadas polas novas correntes pedagóxicas xurdidas da escola nova, chegadas a través da Institución Libre de Ensino, baseadas nos principios da intuición, o descubrimento e a actividade. Un dos aspectos metodolóxicos máis interesantes é a utilización didáctica de exposicións, certames, excursións e visitas aos talleres para superar unha serie de obxectivos como son a aprendizaxe por observación, o intercambio de experiencias, o ordenamento das ideas, a aplicación do debuxo xeométrico, a adquisición de nocións de xeografía e historia, os coñecementos artísticos, o discernimento no campo das belas artes, o desenvolvemento do espírito crítico, etc. Neste sentido dependencias como o laboratorio, os talleres e especialmente a Biblioteca representaron lugares excepcionais de aprendizaxe. É destacable o papel da Biblioteca que sería o eixo cultural do centro, á vez que cumpría co alto cometido de ser durante moitos anos a única biblioteca pública da cidade. A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantiu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes. A finais dos anos setenta o concello decidiu revitalizar a Escola; no ano 1982 seguindo o exemplo doutras cidades converteuse en Universidade Popular, a adopción deste sistema fixo que o centro se constituíse nun organismo autónomo do Concello de Vigo. Isto supuxo a incorporación de actividades formativas e de animación sociocultural: música moderna e tradicional, vídeo, artes gráficas... que se desenvolveron en paralelo con as especialidades da antiga Escola de Artes como Talla en madeira, Pintura, Debuxo, Repuxado en coiro, Encaixe de Palillos, Ourivería ou Cerámica... En 1983 créase a Escola Obradoiro de Instrumentos Populares Galegos dirixida por Antón Corral. Neste período, dos cursos de gaita saíu en 1984 a Banda de Gaitas Xarabal. Tamén en 1996 comeza a súa andaina no Centro o Conservatorio de Música Tradicional, hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-Trad), no que se crea a Orquestra Folk Sondeseu. No Pleno do Concello de Vigo en sesión ordinaria do día 26 de outubro de 2015 decrétase a extinción de tres organismos autónomos entre eles o Organismo Autónomo da Escola Municipal de Artes e Oficios que pasa o 1 de xaneiro de 2016 á xestión directa dos Servizos Públicos de Educación. Na actualidade, a centenaria Escola é un centro de ensinanza para adultos, non regrada, cun programa que abrangue materias moi diversas desde o ámbito das belas artes ata os oficios máis artesanais, cunha orientación máis profesional. Salientar que o centro conta, desde o ano 2011, cunha sala de exposicións, O Espazo Emao, un equipamento necesario para abrirnos cara á cidade como centro formativo e ensinar o que temos que ofrecer como colectivo, cunha oferta expositiva variada para atraer a un público amplo e activo. No ano 2015 aprobase un novo plan de Estudos, que comeza a súa andaina no curso 2015- 2016, coa intención de que a centenaria Escola poda cubrir un lugar de oportunidade inédito, situado entre a demanda de formación profesional regrada en Arte e Deseño e a animación socio-cultural: o lugar dunha institución municipal de carácter educativo non formal, con fonda repercusión cultural no seu contorno e na que primen a procura da excelencia, a interdisciplinariedade, a creatividade e a formación sistemática para a construción individual dun entorno persoal de aprendizaxe permanente entre os seus graduados.
Contexto xeográfico e cultural Vigo ten unha poboación de case 300.000 habitantes aínda que, en realidade, a diario viven, traballan e estudan nesta cidade case medio millón de persoas, representando o 32% da poboación da provincia de Pontevedra e o 12% da poboación de Galicia. Ademais de ser a cidade máis poboada de Galicia, é tamén a que maior fluxo migratorio rexistrou en toda a súa historia. Polo porto saíron, no pasado, centos de miles de emigrantes cara a América, pero tamén ducias de miles quedaron aquí e fixeron súa esta cidade axudando a construíla. Vigo é unha urbe moi nova. A súa carta de cidadanía data de 1810 e o gran desenvolvemento urbano e demográfico produciuse no século XX, no que multiplica por vinte a súa poboación. A cidade de Vigo está situada na metade da ría, á que dá o seu nome. A Ría de Vigo é a que está máis ao sur das Rías Baixas e, sen dúbida, a de maior beleza. Desde as Illas Cíes até a enseada de San Simón, abríndose tras o estreito de Rande, no longo esteiro vigués esparéxense pintorescas vilas mariñeiras presididas pola urbe olívica, coñecida como “A Porta do Atlántico”. Os seus maiores atractivos son a gran cantidade de praias que posúe e as súas estupendas instalacións para os deportes náuticos e rutas pola ría. O municipio, de 110 km2, esténdese sobre unha orografía moi accidentada. Presidido polo monte do Castro e o monte da Guía, o seu perfil sinuoso xera as pintorescas costas do seu núcleo histórico e os magníficos miradoiros que, coa ría de protagonista, lle ofrecen ao visitante estampas de prodixio. Nesta superficie mestúrase unha consolidada estrutura urbana cunha morea de parroquias rurais. Xeralmente soleada, con veráns cálidos pero non sufocantes, Vigo goza dun microclima dentro de Galicia. É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente. A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.708 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente. O Concello de Vigo ten un gran núcleo urbano, no que prima a división administrativa baseada nos barrios. Pero tamén posúe unha importante zona rural, onde a división tradicional en parroquias, formada por aldeas e lugares, segue estando moi viva. As parroquias do Concello de Vigo son: Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, Sárdoma, Teis, Valadares e Zamáns. Bouzas, Coia, Freixeiro, San Paio e San Xoán do Monte non son parroquias administrativas do municipio pero pola súa tradición histórica as nomeamos nesta sección.
Atribucións / fontes legais A normativa legal aplicable aos arquivos municipais e aos fondos que estes custodian é a seguinte: > Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español. > Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. > Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. > Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Avaliación Documental de Galicia e o procedemento de avaliación e selección de documentos. As funcións atribuídas aos arquivos, de conformidade da normativa legal citada, son as seguintes: > A xestión documental e a información: Os arquivos públicos participan na xestión documental das administracións públicas e facilitan o acceso aos documentos e á información que conteñen, de forma presencial e a través de medios electrónicos, mediante a consulta, a reprodución directa ou a través dos instrumentos de referencia correspondentes. > Protección e promoción do patrimonio documental: Ademais das mencionadas no artigo anterior, son funcións dos arquivos públicos de carácter histórico as seguintes: a) Promover a recuperación ou reprodución dos documentos constitutivos do patrimonio documental galego ou de interese para Galicia que estean fóra da Comunidade. b) Promover a incorporación, por calquera medio legal, de fondos documentais privados que posúan interese cultural. c) Promover a conservación, organización e descrición dos fondos documentais de carácter permanente que custodien. d) Desenvolver accións de divulgación e de formación entre os cidadáns dos fondos documentais que custodien. e) Promover o desenvolvemento local mediante a colaboración cos centros educativos e asociacións culturais do seu contorno na divulgación do patrimonio documental.
Estrutura administrativa O Arquivo da Escola está integrado na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo que depende da Área Municipal de Educación-Concellería de Educación do Concello de Vigo
Xestión de documentos e política de ingresos Principalmente por transferencia directa.
Edificio(s) As dependencias do Arquivo encóntrase situadas en dous espazos, un deles no depósito da Biblioteca, e outro na sala multiusos do primeiro andar. Conta unha superficie total de 102 metros lineais de estantes aproximadamente. Pódese consultar na sala de lectura da biblioteca.
Fondos Escola Municipal de Artes e Oficios
Instrumentos de descrición, guías e publicacións
Área de acceso
Horarios de apertura > De outubro a xuño: Mañás: Mércores e venres: 9 a 12:30 h. Martes e xoves: 9 a 13 h. Tardes: Luns a xoves: 16:30 a 20:30 h. Venres: 16:30 a 19:30 h. > Xullo e setembro Mañás: 9 a 14 h (en setembro até o inicio das aulas)
Condicións e requisitos para o uso e o acceso Acceso libre e gratuíto para toda a cidadanía previa solicitude. A documentación é de acceso libre a excepción daquela afectada pola normativa legal vixente en materia de acceso, protección de datos de carácter persoal e seguridade do Estado.
Accesibilidade Acceso apto para persoas con discapacidade Accesible a través autobús urbano. Consulta de liñas e horarios en: http://www.vitrasa.es/php/index.php?pag=index
Área de servizos
Servizos de axuda á investigación O Arquivo pódese consultar na sala de lectura da biblioteca que conta con 32 postos de lectura e dous posto máis para a consulta de dous ordenadores con acceso a Internet. Nesta sala hai una sección local con materiais referentes á cidade de Vigo e a súa contorna
Servizos de reprodución A biblioteca conta cun escáner cun tamaño máximo de A3 polo que certa documentación poderá ser accesible a través de formato dixital.
Espazos públicos