ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.156
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.759

Acta de sesión 2011/05/27_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.827/3.2011-05-27_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2011/05/27_Ordinaria

  • Data(s) 2011-05-27 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión. 20 follas

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A C T A Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 27 de maio de 2011 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e dez minutos do día vinte e sete de maio do ano dous mil once, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, Dona Francisca Canal Gómez, D. Carlos Comesaña Abalde, D. Xosé Crespo Iglesias, D. Pauliño Damián Del Río Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. José Amador Eiras Paz, D. Jesús María Fernández Portela, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Juan A. González Pérez, D. Salvador González Solla, D. Rafael Lores Rosal, D. Gabriel Martínez Giráldez, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. José Antonio Olmedo Granja, D. Juan Luciano Otero Besada, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. Severino Reguera Varela, D. Daniel Rodas Chapela, D. Perfecto Rodríguez Muíños, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asiste o Sr. Deputado D. Francisco Xabier Alonso Pérez. Da fé do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.6073.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Damos comezo ó Pleno da corporación provincial co primeiro punto. A aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de abril de 2011. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de abril de 2011. a) Parte resolutiva: 2.6074.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MONDARIZ-BALNEARIO A FAVOR DO ORAL PARA EXERCER AS FACULTADES DE XESTIÓN, INSPECCIÓN, LIQUIDACIÓN E RECADACIÓN DO IMPOSTO SOBRE O INCREMENTO DO VALOR DOS TERREOS DE NATUREZA URBANA E DAS ALTAS NO IMPORTE SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA, ASÍ COMO A RECADACIÓN EN VÍA EXECUTIVA DOS INGRESOS DE DEREITO PÚBLICO QUE SE ATOPEN PENDENTES DE COBRO NA TESOURERÍA MUNICIPAL Sr. Presidente.- Punto número 2. Delegación de competencias do concello de Mondariz-Balneario a favor do ORAL para exercer as facultades de xestión, inspección, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e das altas no importe sobre vehículos de tracción mecánica, así como a recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería municipal. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno do concello de Mondariz-Balneario na sesión celebrada o día 24 de febreiro de 2011 acordou a delegación na Deputación de Pontevedra-ORAL das facultades de xestión, inspección, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e das altas no importe sobre vehículos de tracción mecánica, así como a recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería municipal. Resultando que o Consello Reitor do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL), na sesión que tivo lugar o 26 de abril de 2011 acordou aceptar a delegación efectuada polo Pleno do concello de Mondariz-Balneario, para exercer as facultades de xestión, inspección, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e das altas no importe sobre vehículos de tracción mecánica, así como a recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería municipal. Considerando o previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais e o establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e tendo así mesmo en conta que a citada delegación figura dentro dos servizos que o artigo 4 dos Estatutos reguladores do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) enumera como obxecto a prestar polo ORAL. O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: 1. Aceptar a delegación que en materia de recursos locais realizou o concello de Mondariz-Balneario, por acordo do Pleno de data 24 de febreiro de 2011, para que a Deputación Provincial de Pontevedra exerza as facultades de xestión, inspección, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e das altas no importe sobre vehículos de tracción mecánica, así como a recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería municipal. 2. Esta delegación do concello de Mondariz-Balneario será levada a cabo polo Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) e sométese ás condicións establecidas nas bases para prestación do servizo aprobadas polo Pleno desta Deputación en sesión de data 20 de xullo de 1992, á Ordenanza Reguladora da taxa por prestación de servizos polo ORAL aprobada polo Pleno desta Deputación en sesión de data 22 de decembro de 2009 e ós Estatutos do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) publicados no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra en data 26 de agosto de 2004. 3. Facúltase ó Ilmo. Sr. Presidente para que formalice o correspondente convenio co concello de Mondariz-Balneario así coma os demais documentos que procedan. 4. A delegación efectuada polo Pleno do concello de Mondariz-Balneario, para exercer as facultades de xestión, inspección, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e das altas no importe sobre vehículos de tracción mecánica, así como a recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería municipal, publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. 3.6075.- EXPEDIENTE DE SUPLEMENTO DE CRÉDITO NÚMERO 1/2011 DO ORGANISMO AUTÓNOMO LOCAL MUSEO DE PONTEVEDRA Sr. Presidente.- Punto número 3. Expediente de suplemento de crédito número 1/2011 do Organismo autónomo local Museo de Pontevedra. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Consello Reitor do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra” da Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 26 de abril de 2011, acordou aprobar o expediente de modificación de créditos número 1/2011, por importe global de 134.700,00 euros, motivado pola necesidade de atender a unha serie de gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte. Resultando que este expediente de modificación de créditos número 1/2011 finánciase con cargo ó remanente de tesourería procedente da liquidación do orzamento do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra” correspondente ó exercicio de 2010. Resultando que no informe de Intervención de data 15 de abril de 2011, figura que este expediente cumpre cos requisitos previstos na normativa de aplicación, tanto en relación cos gastos que se pretenden financiar como cos recursos que os financian, así como que o expediente respecta o equilibrio orzamentario. Considerando o disposto no artigo 177 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, nos artigos 34 a 38 do Real Decreto 500/1990, de 20 de abril e na base 8ª de execución do vixente orzamento do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra”, en canto á competencia e tramitación a seguir na aprobación do expediente de modificación de créditos número 1/2011 do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra”, o Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por maioría, cos votos a favor do PP e do PSdeG-PSOE e coas abstencións do BNG: 1.- Aprobar o expediente de modificación de créditos número 1/2011 do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra”, por un importe global de 134.700,00 euros, que resumido por capítulos presenta a seguinte estrutura: Capítulo 2º Gastos en bens correntes e servizos 131.200,00 euros Capítulo 6º Investimentos reais 3.500,00 euros Total variacións por capítulos 134.700,00 euros O detalle do expediente é o seguinte:  Suplementos de crédito: APLICACIÓN DENOMINACIÓN IMPORTE SUPLEMENTO 11/833.333.221.04 Vestiario 8.000,00 € 11/833.333.225.02 Tributos Locais (IBI) 13.500,00 € 11/833.333.226.02 Publicidade e propaganda 5.000,00 € 11/833.333.635.01 Adquisición de mobiliario 3.500,00 € 11/833.334.212.00 Pintura de salas para exposicións 7.000,00 € 11/833.334.223.00 Transportes para exposicións 16.000,00 € 11/833.334.224.00 Seguros para exposicións 3.100,00 € 11/833.334.226.01 Atencións protocolarias en exposicións/encontros 6.700,00 € 11/833.334.226.01 Aloxamentos e viaxes en exposicións/encontros 3.400,00 € 11/833.334.226.02 Publicidade e propaganda en mostras 13.000,00 € 11/833.334.226.06 Honorarios en encontros e seminarios 2.900,00 € 11/833.334.227.06 Fotografías 3.500,00 € 11/833.334.227.06 Catálogos 35.500,00 € 11/833.334.227.06 Montaxes 13.600,00 € Total suplementos de crédito 134.700,00 € 2.- O expediente de modificación de créditos número 1/2011 do Organismo Autónomo Local “Museo Provincial de Pontevedra” será exposto ó público, para efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. 4.6076.- EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITO NÚMERO 2/2011 DO ORGANISMO AUTÓNOMO LOCAL DE XESTIÓN E RECADACIÓN DE RECURSOS LOCAIS (ORAL) Sr. Presidente.- Punto número 4. Expediente de modificación de crédito número 2/2011 do Organismo autónomo local de xestión e recadación de recursos locais (ORAL). ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Consello Reitor do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL), na sesión que tivo lugar o 24 de maio de 2011 acordou aprobar o expediente de modificación de créditos número 2/2011, por importe global de 914.000,00 euros, motivado pola necesidade de atender a unha serie de gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte. Resultando que este expediente de modificación de créditos número 2/2011 finánciase con cargo ó remanente de tesourería procedente da liquidación do orzamento do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) correspondente ó exercicio de 2010. Resultando que no informe de Intervención de data 23 de maio de 2011, figura que este expediente cumpre cos requisitos previstos na normativa de aplicación, tanto en relación cos gastos que se pretenden financiar como cos recursos que os financian, así como que o expediente respecta o equilibrio orzamentario. Considerando o disposto no artigo 177 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, nos artigos 34 a 38 do Real Decreto 500/1990, de 20 de abril e na base 8ª de execución do vixente orzamento do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), en canto a competencia e tramitación a seguir na aprobación do expediente de modificación de créditos número 2/2011 do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), o Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por maioría, cos votos a favor do PP e do PSdeG-PSOE e coas abstencións do BNG: 1.- Aprobar o expediente de modificación de créditos número 2/2011 do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) por un importe global de 914.000,00 euros, que resumido por capítulos presenta a seguinte estrutura: Capítulo 2º Gastos en bens correntes e servizos 764.000,00 euros Capítulo 3º Gastos financeiros 150.000,00 euros Total variacións por capítulos 914.000,00 euros O detalle do expediente é o seguinte:  Suplementos de crédito: APLICACIÓN DENOMINACIÓN IMPORTE SUPLEMENTO 11/893.932.213.00 Reparacións-Maquinaria, Instalacións e utillaxe 15.000,00 € 11/893.932.220.02 Material informático non inventariable 5.000,00 € 11/893.932.222.01 Comunicacións postais 300.000,00 € 11/893.932.226.99 Gastos diversos - outros 2.000,00 € 11/893.932.227.06 Estudos e traballos técnicos 442.000,00 € 11/893.932.310.00 Intereses contra operación de tesourería 100.000,00 € 11/893.932.352.00 Intereses de demora – devolucións de ingresos 50.000,00 € Total suplementos de crédito…………………….. 914.000,00 € 2.- O expediente de modificación de créditos número 2/2011 do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) será exposto ó público, para efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. 5.6077.- ASUNTOS FÓRA DA ORDE DO DÍA Sr. Presidente.- Fóra da orde do día non temos. Non houbo. b) Parte de información e control: 6.6078.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS PRESIDENCIAIS Sr. Presidente.- Dar conta das resolucións varias. Sr. Secretario.- Tenemos los extractos de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre el 26 de abril y el 23 de maio. Queda enterado o Pleno das seguintes: - De extractos de Resolucións Presidenciais ditadas pola Presidencia entre os días 26 de abril e o 23 de maio do ano 2011 e que foron trasladados ós Voceiros dos distintos grupos políticos. 7.6079.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Pasamos ó apartado de rogos e preguntas. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Xa sabemos que este Pleno é así de absoluto trámite, por razóns obvias, pero quería aproveitar para facer un par de preguntas. Paso á primeira, que é unha pregunta de servizo e non necesaria, para tomar medidas complementarias no momento que isto suceda, que é, ¿cando está previsto máis ou menos que se poida poñer en funcionamento a ponte, o vial de Monteporreiro, que está facendo esta Deputación como resultado dun convenio co concello de Pontevedra?. Máis ou menos. Aproximadamente. Sr. Presidente.- Home, eu, dar datas non é moi oportuno, onte pasei por alí, cando ía para ó padroado da UNED, pola información que teño dos técnicos, do mércores, pois esperamos rematala en cuestión de non moitas semanas. Pero non me preocupa tanto iso, si me preocupa máis, que en principio hai xa un acordo con Fomento, para que a segunda actuación a poidamos recibir, o proxecto, perdón, o anteproxecto, e poñer en marcha o concurso e obra dende o Monasterio de Lérez ata a rotonda de Médico Ballina. Iso si, é o que me preocupa, que se faga con rapidez, é necesario alí a inversión de 1,2 millóns de euros, para poder rematar esa actuación que os cidadáns van a valorar cando se remate a ponte. Pero van a valorar de maneira definitiva e determinante cando se conecte con esa actuación fundamental, para esa estrada, que é a rotonda de Médico Ballina. Por iso que eu espero que, xa digo, é cuestión de semanas, o que pasa que non é botarlle o pavimento a unha estrada, porque agora os dous pilares están totalmente rematados, e agora falta unir, que se unira cunha plataforma que se vai a construír encima mesmo do río, e se levará nas próximas semanas unir as dúas columnas que agora están levantadas a marxe do río Lérez. Pero xa digo, dicir unha data non é unha cuestión nada fácil, iso habería que dalgunha maneira dicirllo ós técnicos, pero creo que a parte máis importante está feita. Polo tanto, agora vén a parte que ten unha complexidade técnica, bueno, pois tamén, que vai a determinar a rapidez da execución do remate, entón non sabería, é difícil poñer unha data hoxe para poder dicir cando vai a estar rematada, eu quero que estea canto antes, porque así darémoslle servizo ós veciños de Monteporreiro, que tanto levan demandado esta actuación, e estaremos pois, todos satisfeitos. Sr. Mosquera Lorenzo.- Ben, grazas en todo caso, a ver se pode avisar dende esta casa, cun mes de antelación, máis ou menos, digo, para poñer en marcha as medidas complementarias para que funcione. Ben, e outra cousa, eu vin oficialmente ou formalmente, pero por abaixo vin ó Presidente extraordinariamente optimista, con respecto á situación económica desta casa, vino moi optimista, explícome, é dicir, chega información de cantidade de concellos nos que a súa xente, por dicilo dalgunha maneira, dicían que se ganaba a candidatura do Partido Popular, pois a Deputación ía facer, todo iso que ía facer, pois sumado, pois me parece que é, podemos sacar como conclusión, que esta Deputación vai a ter unha capacidade enorme para facer certas cousas. En todo caso, o agardamos, que se eses compromisos, que se adquiriron cunha serie de colectivos e unha serie de grupos, pois se manteñan, e esixiremos que se manteñan independentemente de que despois a lista que ía asociada a esa actuación pois ganara ou non ganara, ¿non?, sei que a actuación era boa, en fin, en Pontevedra hai unhas cantas, noutros concellos tamén, hai algunhas por aí que agardo que se manteñan, independentemente de que despois os resultados foran os que se asociaran, se gana A entón vamos facer, ou a Deputación vai facer, agardo que se manteñan, estamos convencidos, aínda que igual non é o momento máis oportuno, porque isto vai a ter unha elección, e despois das eleccións pois o recordaremos, pero os feitos foron así, vostede sabe que foron así, e agardemos que esta Deputación teñan botado ben as contas, e como previsiblemente parece que vai a repetir vostede de Presidente, pois xa lle recordaremos eses compromisos para que poida executalos. Sr. Presidente.- Bueno, Sr. Mosquera, eu sei que ese comentario, porque vostede leva xa moitos anos, e ese comentario me soa a querer poñer a venda antes da ferida. ¿E a que me refiro?. Me refiro a que me din que a situación, no concello de Pontevedra é moi complicada dende o punto de vista económico, por non dicir unha palabra máis aguda, entón vostede quere, vamos a intentar, a ver se desviamos a atención ata a Deputación, dicindo a ver se é quen de cumprir os compromisos ou non. Eu sei que vostede, que como xa nos coñecemos hai algún tempo, pois, quere desviar a atención ata aquí, cando o problema está a 300m desta casa, pero a realidade é esa, vostedes teñen problemas económicos serios, como teñen a maior parte dos concellos, pero vostedes, porque ó mellor sacáronse os pés fóra máis do que a manta tapaba, entón, iso vai a haber que explicalo, e vai a haber que dicilo, eu sei que, bueno, vostedes terán que dar as explicacións oportunas ó caso. Polo tanto, eu llo digo como o penso, ese comentario que vostede acaba de facer, sei que vén en relación a iso, porque xa me comentaron varios, non unha persoa sola, de varios, que me trasladan a situación preocupante do momento que ten dende o punto de vista económico o concello de Pontevedra. Polo tanto, se ese pacto vai adiante, pois, xa digo, terán que dar moitas explicacións no apartado económico, porque incluso no ámbito do Partido Socialista se di o mesmo, se di que a situación é moi preocupante. Xa ve que son palabras, que non quero entrar en palabras máis contundentes, ¿verdade?, para que cada unha se entenda como queira, pero a realidade é esa. E en relación ós compromisos desta casa, pois non fomos, porque non o fixemos nunca, nin o íamos a facer agora tampouco, ir prometendo o que non vamos a cumprir, se hai algo que dalgunha maneira se pode facer, e se pode cumprir de xustiza, que fose proposta, pois se fará, se dalgunha maneira, pois non se fará nada que non se, xa digo, que previamente non teñan a xustificación necesaria de que sexa algo imprescindible, que os momentos son os que son, e polo tanto o que toca pensar agora é, de poñer medidas e canles posibles, para que as persoas saian da difícil situación que teñen de paro e de crise económica profunda. Por iso, que nese apartado pode estar ben tranquilo, eu sei que vostede está preocupado pola situación que ten a casa, na que vostedes levan gobernando agora mesmo 12 anos, preocupación que está na rúa, preocupación que o Partido Socialista, e bueno, eu sei que vostede ten que dar explicación a ese contexto, pero bueno, xa digo, terán un tempo para explicalo. Polo tanto, lle dou a palabra ó D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Sr. Presidente, a ver, fai o avión que mete medo, cousa que xa é coñecida, hai que coñecerlle as artes, e as mañas e as habilidades dos adversarios, non me estaba referindo para nada a iso, pero para a súa tranquilidade, o concello de Pontevedra cun orzamento a metade desta casa, este ano tivo os mesmos remanentes que esta casa, en Tesourería ten o mesmo ou algo máis que esta casa, e o endebedamento aquí, case o triple proporcionalmente, o 100%, cando o concello de Pontevedra é o 40, si, iso son cifras preocupantes, non se preocupe. E tamén, lle podo dicir, que moi posiblemente nos próximos 4 anos, se como é previsible, pois hai un goberno, o que se supón que vai a haber, pois posiblemente vaia a andar, teña capacidade para facer un investimento de se cadra 70 ou 80 millóns de euros. Dígollo, anúnciollo para que o sepa, e que quede tranquilo, que xa sei que lle gusta moito a política municipal de Pontevedra, pero quédese tranquilisimo nese sentido, absolutamente tranquilo, só ten un problema o concello de Pontevedra, que é que a Xunta firmou unha serie de convenios, de que ía poñer uns cartos que non os pon, que os ten que pagar o concello, ata aí ten capacidade, xa terá que decidir se segue poñéndoos ou non, nada máis, non ten ningún máis, ningún máis, pode estar seguro, ningún, absolutamente ningún máis. Non, eu referíame a outras cousas, referíame a outras cousas, entón vostede fai o avión, e se cadra non era eu, nin o sabe, pero, por exemplo, foron os seus por aí dicindo que, ó, vamos, ó equipo de fútbol de Salcedo, de que se gañaba a súa lista lle ían facer un campo de fútbol de herba sintética en Salcedo, por exemplo, iso foi unha promesa que fixeron os seus, non sei se vostede directamente ou non, parece que si, pero bueno, pode facer o avión, vale, pero así directamente, se gana Telmo Martín ou gana o PP, entón vamos a facer isto, ben, eu o que agardo, o que quero dicir é que eses compromisos que adquiriu ou que dixo, o que soltou, o que sexa, que non é só iso, é algún máis, pois que o manteña, non me estaba referindo a nada máis, e vostede se me di agora coa cabeza e me di que si, pois resulta que o avión o fixo perfecto, porque me estaba referindo a iso, me estaba referindo a iso, non se preocupe, non se preocupe pola situación económica do concello de Pontevedra, que non sei se é a mellor de toda a Provincia, de todos os concellos, pero me parece, que senón é a mellor non anda nada lonxe, non se preocupe. Moitas grazas. Ou sexa, a pregunta é, ¿vai a manter eses compromisos?, tanto en Pontevedra coma noutros lados, e non quería referirme só a Pontevedra, porque hai máis por aí, hai máis por aí, compromisos dese tipo, que é terriblemente desleal e terriblemente partidario, uso partidario das institucións, é dicir, se gana non sei quen, entón vouno a facer, pero se non gano ou non sei que, a ver se o mantén, só me estaba referindo a iso. Entón, conteste a iso e deixémonos de elucubracións sobre outras cuestións que non creo que sexa o lugar nin o foro axeitado, nin tan sequera o momento. Moitas grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Esas prácticas que vostede acaba de dicir, non sei de quen son, iso de “si gana”, miñas non, pero á parte de non ser miña, eu o que lle digo, porque, me parecen ademais razóns máis que suficientes as demandas, e lle teño que volver a dicir, xa o dixen publicamente, o vou a reiterar aquí e o vou a dicir onde se me escoite, que vostedes no que é o labor de infraestruturas deportivas en Pontevedra, fixeron cero, ou menos cero. Entón, por que xurde esa iniciativa de Salcedo, por exemplo, xurde porque vostedes pois decidiron meter o plan E en cuestións que, respectables todas elas, pero no que é o deporte en Pontevedra non inverteron nada, e vostede o sabe ben, e as únicas iniciativas que hai no ámbito de deportes das infraestruturas, as liderou a Deputación de Pontevedra. Despois vostedes foron a remolque porque non lles quedou máis remedio, e polo tanto ó non quedarlle máis remedio pois esa é a realidade. Pero iso é unha débeda que teñen con Pontevedra, levan 12 anos gobernando, entre outras, plan xeral cero, solo industrial cero, infraestruturas deportivas cero, e vostede o sabe ben, tres ceros. Polo tanto, ese déficit está aí, existe e vostede sei que por iso me trae a colación iso, dicindo que sabe que iso é un déficit que teñen con Salcedo, por exemplo, ou con tantas outras parroquias de Pontevedra, con miles de habitantes, e que non lle deron nin unha sola infraestrutura deportiva, nin lle deron, por non dar non lle deron nin un bote de pintura para que pintaran os vestiarios. Por iso, que xa digo, nós, aínda que non sexa razoable, e vostede xa o comprobou, porque lideramos nós, igual que vamos a liderar agora o de Marcón, que tampouco por parte do goberno municipal se fixo nada nese apartado, non, e, bueno, pois, vámolo a liderar, vámolo facer, porque o concello para que quere firmar ese convenio que ten que firmar, que vamos a facer, porque o concello parece que quere firmar ese convenio que ten que firmar, etc., ou sexa, aquilo que sexa de sentido común, vostede sabe que aquí, igual que fixeron os cidadáns, o domingo foron as eleccións do sentido común, e polo tanto puxeron a cada quen no seu sitio e sen ningún problema. Sr. Mosquera Lorenzo.- Mire, non lle vou a sacar un relatorio nin lle vou a entrar en, só lle digo unha cousa, Sr. Louzán, estamos abertos a, xa que o seu portavoz, o xefe da oposición en Pontevedra, parece ser que se retira, a buscar a maneira de que vostede exerza, pero xa de maneira institucional, non sei se de concelleiro non electo ou portavoz da oposición ou o que sexa, a ilusión que lle fai é enorme e nós agradecémolo profundamente, e estamos dispostos a abrirlle as portas para que sexa portavoz da oposición en Pontevedra, que o fai moi ben, a min gústame facer de portavoz da oposición aquí, gustaríame máis gobernar, pero bueno, é o que toca, pero a vostede encántalle ser portavoz da oposición en Pontevedra, polo tanto, buscamos a vía, non se preocupe que o falamos, que algunha fórmula ha de haber, e creo que vamos a saír gañando todos, sobre todo vostedes con respecto ó portavoz actual que teñen. Moitas grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera, pero non vaia a ser, que aínda o teñamos que converter a vostede en portavoz da oposición en Pontevedra, porque faltan uns días ata o día 11, non vaia a ser, non vai a ser, porque hai que pedirlle permiso a uns que están na bancada inferior, pero todo parece indicar que van a estar aí no goberno, de feito fagocitaron claramente ó Partido Socialista en Pontevedra, pero nós aínda así, a pesar diso, o Partido Popular ganou as eleccións en Pontevedra, e dende o punto de vista de partido é para estar pois moi optimistas. Bueno, teño aquí algunha pregunta máis. Sr. Martínez Giráldez. Sr. Martínez Giráldez.- Bo día a todos e a todas. É un rogo Sr. Presidente. Sigo insistindo, que creo que os criterios dos diferentes tribunais de contratación de persoal da Deputación, sexan públicos e estean expostos con anterioridade á convocatoria das prazas, non se pode seguir permitindo o que está pasando coa contratación de persoal na Deputación, que cada tribunal ten uns criterios para elixir a xente, e se está metendo a xente a dedo, os amigos, e os afiliados do Partido Popular, creo que vai sendo hora de que acabemos con iso na Deputación, e lle pido incluso ós medios de comunicación que se fagan eco deste tipo de casos que están pasando constantemente na Deputación, é un escándalo ver a contratación de persoal da Deputación. Sr. Presidente.- Eu creo que as súas manifestacións …, non, non. Nestes intres escoitase falar ó Sr. Martínez Giráldez co Sr. Presidente, pero sen micrófono, e non se entende o que din. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Martínez Giráldez. Pero vostede entenderá, … non, pero déixeme contestarlle a isto primeiro, vostede quere que non lle conteste, pero a decisión de contestar ou non me corresponde a min. Polo tanto, verter acusacións, calumniar e todas esas historias é moi fácil, ademais nun momento que eu sei que pode haber, bueno, feridas, que están vostedes, pois na situación que están, polo tanto é normal, para desviar a atención, vamos a dicir, pois que hai que desviar a atención agora, polo que pasou o domingo, e vamos a dicir que a Deputación non sei que. Entón, calumniar non é bo, porque ademais vostede non acaba de dar nin un só argumento, en todo iso que acaba de dicir nin un só argumento, é como se eu digo calquera manifestación pública en contra de vostede. Polo tanto, como non acaba de dar nin un só argumento, nin un só, porque se dixera, non, é que están metendo …, vamos, déame un só argumento, pero non deu ningún, dixo vou a calumniar, e que os medios de comunicación, que están diante, que recollan que …, ¿que é o que van a recoller os medios de comunicación?, ¿recollan que?, pois diga nomes, apelidos e dalgunha maneira quen foi, ou quen actuou desta maneira. E polo tanto, xa lle digo, pídolle que sexa responsable coas manifestacións que fai, en primeiro lugar. En segundo lugar, dicirlle que o ataque que vostede está facendo non é contra os políticos desta casa, é contra os funcionarios, polo tanto, ese ataque que vostede está dirixindo é contra os funcionarios que están nos tribunais, porque reitero que nos tribunais non hai ningún político. Polo tanto, eu transmitirei que vostede está atacando directamente ós funcionarios desta casa, que ese ataque vai dirixido ós funcionarios desta casa, coas manifestacións que vostede acaba de facer agora mesmo. Polo tanto, lle pido prudencia, responsabilidade, e en todo caso que sexan os propios funcionarios quen llo aclaren, porque non é unha cuestión dos políticos que estamos aquí neste pleno da corporación provincial. Segundo rogo. Sr. Martínez Giráldez.- Mire, xa que quere debate sobre o tema, lle direi o seguinte: non estou calumniando nin estou ferindo, estou dicindo a verdade e con probas, e as probas están aí, vostede, lévolle solicitado que me entreguen a documentación coa contratación do persoal da Deputación, durante os 4 anos non foron capaces de dar nin un só papel, Sr. Presidente, nin un só papel, entón, ¿que máis probas quere?. Na última contratación que fixo a Deputación, lle pedín en persoal cales eran eses criterios, e sabe o que me dixo a técnica de persoal, que non había criterios, cada tribunal poñía os seus criterios. Sr. Presidente, ¿que probas quere?, como lle vou a presentar as probas, senón mas dan, ¿quere nome e apelidos?, collan vostedes a lista de persoal que meteron e alí comproban que relación teñen cos familiares dos Deputados ou cos familiares da xente do Partido Popular, ¿que probas quere vostede?, déame a lista e eu lle digo os nomes, este, este, este, e este, facilíteme vostede a lista que lle dou eu os nomes. ¿Por que non me deu vostede a lista?, non lla pedín hoxe, levo 4 anos, Sr. Presidente, 4 anos pedíndolla, e ten vostede a cara de dicir que estou mentindo, home, por favor, sexa vostede un pouco máis serio, eu non estou atacando ós funcionarios, a Presidencia, e a Deputación, o equipo de goberno ten que marcar uns criterios na contratación de persoal, non son os funcionarios quen marcan eses criterios, iso é o que estou pedindo, os funcionarios van ó tribunal, pero o tribunal ten que ter uns criterios claros e expostos ó público, que calquera persoa que se entreviste sabe por que van a valoralo, iso é do que estou falando Sr. Presidente, que vostedes non o están facendo, e en función de quen sexa amigo se contrata ou non se contrata, Sr. Presidente. Sr. Presidente.- ¿Cal era o segundo rogo?. Sr. Martínez Giráldez.- O segundo rogo é en relación a unha moción que presentamos aquí no seu momento, o Grupo provincial do BNG, sobre a estrada EP-4005, que vai dende Alxén en Salvaterra ata Areas, Ponteareas. Vostedes comprometéronse a levar a cabo un estudo para ir acondicionando as beirarrúas por tramos, e ata este momento non se fixo nada ó respecto. Entón que e retome ese tema. Sr. Presidente.- Repita o nome da carretera. Sr. Martínez Giráldez.- EP-4005, dende Alxén (Salvaterra) ata Areas (Ponteareas). E outro que se faga o paso de peóns elevado diante do colexio público de Leirado, na PO-4006 que xa llo levo recordado e pedido tamén outros 4 anos, e cando pase un accidente será responsabilidade exclusiva do Partido Popular na Deputación de Pontevedra. Nada máis. Gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Lle volvo a dicir, porque ademais os argumentos son máis contundentes que as palabras, e os argumentos que se xustifican por si solos, a día de hoxe a Deputación non ten ningunha reclamación, porque vostede está argumentando políticamente nada máis, non ten ningunha reclamación de ningunha persoa que se houbera presentado a un proceso de selección de contratación para os concellos, non hai ningunha reclamación de nadie, ¿vale?, en primeiro lugar. Polo tanto, iso quere demostrar que os funcionarios que están neses tribunais están levando a cabo un magnífico traballo, porque senón houberan protestado, vostede vén aquí a protestar políticamente, parece ser que está vostede desilusionado, eu sei que Arturo Grandal leva trinta anos gobernando en Salvaterra, e vostede, trinta e dous, e vostede pois está preocupado porque subiu un concelleiro máis, ¿e que quere que lle faga eu?, ¿que quere que eu lle faga?, vostede é incompetente, dixérono os cidadáns alí, está incompetente para asumir unha alternativa. Entón, eu sei que está, está doído e entón que lle vou a facer eu, a ver, que está doído e entón di, bueno, vamos a argumentar politicamente contra a política da Deputación, tal, tal, pero non hai argumentos, porque os que se presentaron, e vostede que eu recorde non se presentou a ningunha proba de selección, para ser contratado para traballar nos concellos, senón se presentou, e dos que se presentaron, centos, e centos, e centos, nadie presentou unha reclamación, nadie, non hai nin unha sola reclamación de nadie, e son centos e centos de persoas que se presentaron nesta casa para ser contratados. Polo tanto, vostede está argumentando algo que non ten, non se sostén, porque nadie o criticou, nadie criticou o que vostede está dicindo. Eu sei que, claro, vostede, claro, é preocupante, é desilusionante en definitiva, é desilusionante presentarse e non ter que, oe, pois 32 anos, ¿que lle vou facer eu?, ¿que quere que lle faga?, terá que falar cos veciños a ver se, oe, pois ó mellor, que sei eu, igual, pois para a próxima a ver se ten un pouco máis de sorte, ¿entende?, entón está preocupado, pero claro, xa digo, pero non calumnie, non, porque esa etapa xa pasou, as eleccións xa acabaron, o domingo, e vostede, claro, obtivo o resultado que de todos é coñecido, entón eu quixera, neste sentido, pois iso, darlle ánimos, que é o que pretendo, pero non podo facer outra cousa. Polo tanto, xa digo, sexa consciente da realidade, e xa digo, non culpe ós funcionarios, porque en todo caso son os propios funcionarios os que asumirían esta crítica que vostede está facendo, e espero que, xa digo, non lla teñan en consideración, que lla teñan dende o punto e hora de que é un calenturón de estar, pois iso, dolorido, e estar nesta situación, pero nada máis, que lle vou facer eu. Eu xa digo, eu quero intentar axudalo pero non calumnie contra nós nin faga cousas que realmente non son verdade, porque en todo caso non somos nós tampouco, que son, xa digo, que son os funcionarios quen están nos tribunais de selección. E en relación ó tema de Alxén, bueno, xa se lle pasou precisamente ós técnicos, vostede di que é un compromiso, bueno, é un compromiso desas aceras que se pretenden facer nesa estrada provincial, igual que o paso elevado, volveremos a reiterar para que se poida firmar ou articular un convenio co concello de Salvaterra para esta actuación, e a partir de aí, bueno, pois que, xa digo, nun período relativamente razoable, pois poida poñer en marcha. Sr. Pauliño Del Río. Sr. Martínez Giráldez.- Perdón, teño que dicir algo. Sr. Presidente.- A ver. Sr. Martínez Giráldez.- Mire, Sr. Presidente, vostede intenta desviar a atención, como sempre fai fenomenalmente, intenta desviar a atención, pero vostede non me fala por que motivos non son públicos eses criterios, que é o que eu lle pido, vostede está intentando desviar a atención co que pasa en Salvaterra ou deixa de pasar. Mire, eu o que lle estou pedindo, Sr. Presidente, que os criterios sexan públicos e que calquera cidadán que se presente a unha praza do concello ou, perdón, da Deputación, coñeza cales son os criterios polos que se vai a valorar, iso é o que lle estou pedindo, e déixese vostede dos resultados en Salvaterra. Para o BNG os resultados en Salvaterra foron satisfactorios, subimos 90 votos, cousa que non pasou noutros sitios, ¿entende?, entón a min non me ten que dar ánimos vostede, déallos en todo caso ós seus, onde baixaron, ¿vale?, estoulle falando, Sr. Presidente, dos criterios, estoulle falando, Sr. Presidente, das listas de contratación de persoal que vostede ocultou durante catro anos. Sr. Presidente, fáleme diso, dígame por que non mas deu e por que eses criterios non son públicos, non me veña a contar películas, por favor, que xa nos coñecemos todos. O acceso á documentación é pública, Sr. Presidente, é pública, calquera grupo político que solicita a documentación por escrito ten, así o recoñece no ROF, que ó cabo dos cinco días, senón hai ningún impedimento legal, temos dereito a mirala, e aquí se incumpriu iso, co beneplácito incluso de Secretaría, porque Secretaría ten que poñer á disposición esa documentación, Sr. Presidente, e non o fixeron, lles guste ou non lles guste, pero esa é a realidade. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Martínez Giráldez. Xa digo, os argumentos son bastante máis contundentes que as súas palabras e polo tanto non hai, non é necesario contestarlle. D. Pauliño Del Río. Sr. Del Río Iglesias.- Ben. Bos días. Gustaríame saber que pasa con dous proxectos que foron aprobados pola Deputación Provincial de Pontevedra e que son de importancia para o concello. Un é a ponte romana de Donas, ¿verdade?, que está, vostede sabe como, en que situación está, sei que estamos pendentes dun informe de Patrimonio. Gustaríame saber se chegou ese informe de Patrimonio, se empeza a, se se vai a empezar a actuar antes de que sexa o dano irremediable. E por outro lado, no último Pleno, aprobamos unha moción por unanimidade, polo tema da estrada de Gondomar a Chaín, tamén un vial da Deputación, quedamos en que se ía acometer unha primeira obra e se ía a facer un anteproxecto coas necesidades. Gustaríame saber en que situación están estas dúas obras. Grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Pauliño. A verdade é que si, é certo, que preguntarei ó saír de aquí, no caso da ponte de Donas, que está pendente. Supoño que chegaría xa ese permiso de que nos permitirá Patrimonio actuar, porque está metida dentro do plan de investimentos, aprobado aquí no Pleno, polo tanto agora preguntarei ós técnicos da casa, que me digan se está aquí xa ou non está, para poder empezar a actuar. E no caso de Gondomar-Chaín si se fixo unha primeira actuación, e agora si é certo que hai que facer un proxecto para continuar esa obra, a cal é unha prioridade ademais, e, polo tanto, pois, das que se inicien agora, a mellora, é unha das que se pretende acometer con maior rapidez, porque sei que ademais é necesaria, que a coñezo, e polo tanto eu o que podo dicir é que na medida das posibilidades, que a execución do presuposto nolo permita, vamos a facelo, coñezo ambos os casos, polo tanto non son descoñecidos incluso para min, non só para os técnicos, é por iso que vamos a poñernos en marcha, espero que con rapidez, e ademais me levo agora a nota para preguntarlle ós técnicos esta mesma mañá en ámbolos dous casos. Sr. Otero Besada. Sr. Otero Besada.- A miña pregunta vai en relación cunha invitación que me fixo vostede e que se vai a terminar a lexislatura e penso que non a vai a cumprir. É en relación cunha planta de reciclaxe de residuos industriais, no polígono de Sete Pías de Cambados, no ano 2009 vostedes anunciaron a inauguración desta planta, van alá máis de dous anos e non sabemos que pasa con ela. No mes de decembro, nun Pleno nesta casa, vostede díxome que me ía a invitar a visitala para ver como funcionaba. Eu non sei se se olvidou da invitación … Sr. Presidente.- Non, non, non me olvidei. Sr. Otero Besada.- … Ou que realmente non funciona a planta, entón quería saber cal é a situación desta planta despois de dous anos de ser “inaugurada”, entre comiñas. Sr. Presidente.- Primeiro dicirlle que ten razón, de que eu inviteino e eu, porque ademais eu tiña interese en ir a visitar o funcionamento da propia planta, pero naquel entón, cando se me fixo esa pregunta, se acababa, dous meses antes, de adxudicar a concesión a unha empresa, que foi a única que se presentou, tardáronse uns cantos meses, dende que se lle adxudicou, en conseguir os permisos de Medio Ambiente. Agora mesmo hai o permiso de Medio Ambiente, está todo listo, hai unha semana e pico, precisamente, que falamos, un día, nunha visita a Cambados, que non fomos nin á planta, non sei como está tampouco, porque ademais lle dixen que quero cumprir ese compromiso, que eu díxeno publicamente aquí, e que antes de que remate este equipo, pois, agora eu creo que empezou, aínda que a ritmo lento, o funcionamento, porque teñen que establecer contratos con empresas privadas para material de reciclaxe industrial non perigoso, e, polo tanto, xa teñen convenios en marcha, e están iniciando o proceso de funcionamento con normalidade. Xa digo, hai, eu creo que dúas semanas, tres semanas máximo, que teñen o permiso de Medio Ambiente concedido, que tivemos que acelerar, en certa maneira, porque entendíamos que a planta estando construída non ten sentido que estivera tanto tempo así, e finalmente vamos ir a velo, estea tranquilo porque eu lle vou chamar, porque eu tamén teño interese en saber como vai a funcionar e como vai a desenvolver o seu traballo, aínda que está en mans dunha empresa privada, que foi a que ganou o concurso, que se presentou, foi a única ademais que se presentou ó concurso público, e polo tanto pois vamos a facer esa visita, conxuntamente, na semana que vén ou máximo en quince días, é un dos compromisos que eu teño de ir a visitar. Polo tanto, gracias por recordarmo, e ten razón, xa digo, no comentario, porque eu creo que é necesario que esa planta funcione ben, sobre todo para o que é o impacto medio ambiental de vertidos industriais, etc., pois non o teñamos por aí abandonado senón que estea concentrado nun punto, que se fagan os procesos de recollida e sobre todo de reutilización de moito material que aí se leva, vaise a aproveitar para reutilizar, co cal pois é unha medida, eu creo que moi boa, que pon en marcha a Deputación de Pontevedra, que foi quen fixo ese investimento con fondos da Unión Europea. Bueno, pois non habendo nada máis, levántase a sesión, moi bos días e moitisimas gracias a todas e a todos. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e cincuenta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe.

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)

Área de control da descrición