ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.156
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.759

Acta de sesión 1997/12/04_Extraordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.358/2.1997-12-04_Extraordinaria

  • Título Acta de sesión 1997/12/04_Extraordinaria

  • Data(s) 1997-12-04 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: 89,96 Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 4 de decembro de 1997 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día catro de decembro de mil novecentos noventa e sete, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Carmen Avendaño Otero, D. Xosé Manuel Barros González, D. Adolfo Campos Panadeiros, Dona Ramona Castaño López, D. Xosé Costa Díaz, D. Xoán Carlos Chillón Iglesias, D. José Luis Fernández Lorenzo, Dona Carmen Ferro Carballo, D. Lino Fontán Mariño, Dona Ana Gandón Menduíña, D. Emilio González Iglesias, D. Oswaldo Lino González Pereira, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. Mario López Martínez, D. Rafael Louzán Abal, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Santiago Pazos Moreira, D. Amado Ricón Virulegio, D. Julio Sayáns Bugallo, D. Ramón Sestelo Fernández, D. Santiago Tirado Serén, D. Pablo Vázquez Caride, D. Roberto Vázquez Souto e D. Manuel Vilar Márquez, co obxecto de celebrar sesión extraordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asiste o Sr. Deputado, D. Julio Pedrosa Vicente. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Vamos a escomenza-lo Pleno extraordinario convocado para o día de hoxe, catro de decembro. 1.4150.- APROBACIÓN DA NOVA ESTRUCTURA ORGANIZATIVA, CADRO DE PERSOAL, CATÁLOGO DE POSTOS DE TRABALLO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL E PLAN DE EMPREGO Sr. Presidente.- Non aparece a aprobación da acta da sesión anterior porque non houbo tempo de transcribila e pasala ós grupos correspondentes, polo tanto a acta do Pleno pasado enviarase e aprobarase posteriormente. Pasamos polo tanto ó primeiro punto da orde do día: "Aprobación da nova estructura organizativa, cadro de persoal, catálogo de postos de traballo da Deputación Provincial e plan de emprego". Ten a palabra o Sr. Vilar. Sr. Vilar Márquez.- Muchas gracias Sr. Presidente. No primeiro lugar quero dicir que a actual estructura organizativa que tiñamos na Deputación Provincial data do ano 1984, que sufriu diversos cambios como consecuencia de toda unha serie de modificacións lexislativas, de convenios que se fixeron con outras administracións públicas ou institucións, pero sobre todo debido á reducción que experimentou o cadro de persoal coa transferencia dos hospitais Provincial e do Rebullón. Todas estas circunstancias nos obrigaron a adecua-lo novo cadro de persoal á nova situación, á situación real que presentan actualmente os diferentes centros que compoñen a Deputación en función das necesidades dos servicios e das actividades que veñen desenvolvendo algún deles. A estructura básica de organización establecida no ano 84 practicamente segue tendo vixencia plena na maioría dos servicios, se ben é certo que hai algún destes servicios que foron reestructurados máis en profundidade, como é o Servicio Agrario ou a actividade que veñen desenvolvendo as fincas de Areeiro e Mouriscade, o mesmo que o Arquivo Provincial. Por outra banda, tamén foi necesario adecua-la estructura organizativa do Servicio de Vías e Obras e do Parque de Maquinaria debido á transformación profunda que veñen sufrindo estes servicios, sobre todo coa prestación que se lle presta ós diferentes Concellos da provincia. Teño que aclarar tamén que deste estudio se exclue o organigrama da Cidade Infantil "Príncipe Felipe", posto que hai designada unha comisión especial que está levando a cabo o estudio que esperemos se aborde con toda seguridade para o vindeiro ano 98. Desta análise, desta situación real dos diferentes servicios levamos a cabo as actuacións de diseñar un novo cadro de persoal, adaptando, repito, as necesidades reais da institución, e o que é máis novedoso, entendemos, que é confeccionar un catálogo de postos de traballo do que carecía esta Deputación Provincial e no que se recollen tódolos requisitos para delimita-las funcións, as formacións específicas, as retribucións dos postos, complementos de destino, etc., deste novo cadro de persoal. Tamén se van a unifica-las categorías profesionais transformando ou reconvertindo diversos postos de traballo así como a dependencia xerárquica que debe existir en cada un dos servicios, e adecuar ós funcionarios ós postos de traballo a través do proceso da reclasificación, por iso trátase dunha banda de prestar aprobación á nova estructura organizativa da Deputación co novo cadro de persoal, e por outro adaptar ó persoal laboral e funcionario ás prazas e postos de traballo dese novo cadro de persoal. Para iso vaise facer mediante adscripción automática do persoal en activo a prazas de igual denominación con respecto ó cadro anterior, que eses non va a sufrir modificación; e a adecuación do persoal que figuraba no cadro anterior ás prazas e postos de traballo do novo e do mesmo grupo de clasificación que cambian de denominación e categoría, efectuando, por suposto, as transformacións correspondentes. Tamén vaise aprobar un plan de emprego para a reclasificación do persoal que desempeñaba postos de traballo de superior categoría; para iso se van aprobar, a continuación, noutro punto da orde do día, as bases dos concursos correspondentes que van a afectar a vintecinco postos de traballo, e en tanto non se resolvan todos estes procesos selectivos as retribucións van a ir con cargo ás prazas vacantes xa existentes. A nova estructura organizativa do cadro de persoal con catálogo e postos de traballo, tanto de funcionarios como de persoal laboral, foron negociadas ó longo destes dous últimos meses coas organizacións sindicais que presentaron o apoio e conformidade ó mesmo, polo tanto vainos quedar regulado o cadro de persoal da Deputación Provincial por 528 funcionarios, 19 laborais fixos, 2 de emprego e 1 de alta dirección. Este plan de emprego, que ten por obxecto, repito, adecuar ós funcionarios ós novos postos de traballo, inclue unha reclasificación que vai a utiliza-lo concurso de méritos restrinxido, fundamentalmente, posto que se trata dunha medida que vainos a permitir racionalizar todos estes efectivos e non se pode admiti-la posibilidade de acceso ás prazas de nova creación do persoal externo a través da oficina de emprego xa que dalgún xeito tratamos de adaptarnos á lexislación vixente nesa materia. Todo este cadro que se vai a someter a votación plenaria entendemos que é un esforzo importante de diálogo da Deputación coas organización sindicais, e supón un paso importante para adaptarnos ás necesidades de traballo, ás necesidades reais que presenta nestes momentos a Deputación Provincial de Pontevedra. Por iso se vai a someter a este Pleno; esperemos que conte co apoio de tódolos grupos por ser un traballo, repito, de mutuo acordo entre non só o equipo de goberno senón as propias organizacións sindicais; era algo que se viña reclamando nestes últimos anos. E nada máis, moitas gracias Sr. Presidente. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Vilar. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias, bós días. Estamos ante un punto que pode parecer, de entrada, técnico, sindical, funcionarial, orgánico, de organización da Deputación, e o é, pero só en parte. O cadro de persoal, a estructura organizativa dunha institución vén delimitada en parte pola herencia que haxa, neste caso moitisimo pola herencia, xa o recoñeceu o Sr. Vilar cando dixo que a estructura básica mantíñase a do 84, pero sobre todo e fundamentalmente vén determinada polas áreas de funcións, os obxectivos que a Corporación, o Presidente, o grupo de goberno, pretendan para esa institución. Con máis detalle, se por exemplo entendéramos que o Parque de Maquinaria debe cubrir só as estradas provinciais e o resto se vai transferir ás Mancomunidades ou ós Concellos, evidentemente a plantilla sería outra; se entendéramos, por exemplo, que o Servicio Agrario é unha competencia exclusiva da Xunta, se deben facer convenios coa Xunta, a plantilla sería outra; se entendéramos que vamos a facer, por exemplo, un plan cultural moi intenso con actividades propias, a plantilla sería outra; se entendéramos que vamos a facer promoción do turismo, por exemplo, con plantilla suficiente para facer actividades realmente serias a plantilla sería outra. Quero dicir con isto que a plantilla vén determinada polo tipo de funcionamento e polos obxectivos que se fixan, polo tanto non hai nada neutro nin nada absolutamente sindical, é algo xeral, quitando despois o aspecto técnico, de clasificación de cada posto, do que significa, etc., etc. Como comprenderá nós non compartimos en absoluto nin o funcionamento, nin os obxectivos, nin o que se pretende nin o que se está a facer con esta Deputación, polo tanto non compartimos a plantilla que se aproba hoxe. E en segundo lugar, en canto ó plan de emprego, é unha cuestión en certo modo pasada, pero non pasada, porque segue sendo vixente. En certos postos se pon a certa xente, as veces por méritos; desempéñase un tempo, entón hai que resolvelo dalgunha maneira para que o adscriban; pero noutros casos se pon pola afinidade ó proxecto político ou partido do que está gobernando a institución, incluso cando non entrou directamente por esa vía. E agora esto vén a santificar eses privilexios que nalgúns casos están xustificados e noutros responde única e exclusivamente ó que dixen antes. Pero claro, son situacións de feito que están aí. En base a iso, a nosa postura sería votar en contra, pero dado que hai moitisimas situacións xa heredadas, que no seu momento foron xeneradas como foron xeneradas e que agora están aí e que hai que resolver dalgunha maneira, porque tampouco se van a resolver deixándoas sobre a mesa, era unha demanda axusta-la plantilla, facer este catálogo, é algo que debería xa estar feito antes, pois en principio vámonos a abster. Nada máis. Sr. Presidente.- Sr. Juanes Rodríguez. Sr. Juanes Rodríguez.- Bós días, gracias Sr. Presidente. Eu creo que despois de moitas lexislaturas gobernando o Partido Popular nesta casa, e creo que si algo era unha absoluta desfeita era a política de persoal, creo que en poucas institucións había tantos tratos de favor, tanto amiguismo e tanto enchufismo, tivo que ser alguén do propio PP quen lle puxera coto á política dos seus antecesores. De aí que hoxe queramos aprobar aquí un cadro de persoal novo, unha nova catalogación de postos de traballo e un plan de emprego que adecue ese cadro de persoal ó catálogo de postos de traballo. Nós non queremos facer debate político deste tema, os Socialistas somos moi respetuosos coas negociacións bilaterais entre organizacións sindicais e os que teñen a responsabilidade de soluciona-lo problema e creo que na mesa de negociación, en principio, se chegou a un acordo que nós non vamos a por en cuestión, pero sí queremos facer unha serie de matizacións. Vamos a ver. Hai uns problemas importantes como son o tema das dedicacións plenas. As dedicacións plenas non son outra cousa que uns sobresoldos. Eu entendo que as organizacións sindicais teñan as veces que tragar sapos para tratar de chegar a un acordo. Antes eran 50 ou máis de 50 as dedicacións plenas; agora se quedan en 34, que son uns sobresoldos que implican nada máis e nada menos que 40 millóns de pesetas ou cerca deles, que é unha cantidade importante. Hai dentro do catálogo de postos de traballo un contrato de alta dirección que nós inda non acabamos de entendelo, o Xerente do CPAM, que son 8 millóns de pesetas. E non queremos esquecer algo que nos parece realmente importante con este novo cadro de persoal, esta nova catalogación de postos de traballo. Hai amortización de prazas nesta casa; supoño que tería que ser outro sapo que tiveron que traga-las organizacións sindicais, pero é certo, e iso vai un pouco contra o principio que defendemos os socialistas de defende-lo emprego público. Nesta casa se van a amortizar prazas de conductores e prazas de peóns. A postura deste grupo desde logo non vai a ser entrar no fondo da cuestión, en cuestións técnicas porque é fruto da negociación colectiva, que nós aplaudimos. Nos vamos a abster desexando que esa política de tratos de favor, de amiguismo, de enchufismo, de que realmente se contrataba a alguén para unha categoría e despois desempeñaba unha función que non era a da súa categoría, desexarlle ós mellores éxitos, pero realmente somos escépticos. Nos permitirá que así o digamos porque foron moitos anos cunha dinámica de funcionamento de persoal que creo que vai a ser realmente difícil porlle coto. Non se lle puxo con esas tres cuestións tan importantes como é o tema das dedicacións plenas; o tema dese contrato de alta dirección que é significativo que se lle está pagando 8 millóns de pesetas, que a ver quen gana neste país 8 millóns de pesetas por leva-la xerencia dun CPAM que eu realmente inda hoxe non sei para que realmente sirve; e o que sí é certo é que nesta institución se están amortizando prazas, non se está defendendo o emprego público como nós, os socialistas, creemos que se debe defender. Xa digo que as organizacións sindicais tiveron que tragar para chegar a un entendemento, pero o erro creo que neste caso é do propio equipo de goberno. Noso voto vai se-la abstención, unha abstención escéptica e expectante e esperemos que ese escepticismo, esa expectación que vai ter se diluia e que todo funcione a mar de ben, pero témolas nosas dúbidas. Gracias. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Juanes. Ten a palabra o Sr. Vilar. Sr. Vilar Márquez.- Eu quería, en resposta á intervención dos diferentes grupos, sobre todo congratularnos de que practicamente hai un acordo unánime neste tema, se ben é certo que o Sr. Mosquera aludiu a apreciacións subxectivas sobre afinidades dos funcionarios ó grupo político do goberno, entendemos que non se mira iso porque iso está moi superado. En canto ó que di o Sr. Juanes, portavoz do Partido Socialista, quería aclararlle que cando se fala de dedicacións plenas creo que aquí hai que ter en conta que máis que dedicación plena vai ser unha dispoñibilidade para que o funcionamento da Deputación non se vexa mermado nin dificultado. Creo que neso estaban incluso as propias organizacións sindicais. En canto á amortización de prazas, eu direille que practicamente a incidencia é mínima posto que vai quedar con 528 funcionarios e que poden descende-lo persoal laboral en 8, é dicir, que o número de funcionarios se mantén igual e o persoal descende en 8, polo tanto hai un descenso mínimo de prazas, o que quere dicir que practicamente mantemos a mesma plantilla. Nada máis. Moitas gracias Sr. Presidente. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Vilar. Procedemos polo tanto á votación do punto número un, "Aprobación da nova estructura organizativa, cadro de persoal, catágolo de postos de traballo da Deputación Provincial e plan de emprego". ¿Votos en contra?, non hai. ¿Abstencións?, Partido Socialista e BNG. ¿Votos a favor?. Apróbase coa maioría do Partido Popular. Resultando que a estructura organizativa desta Excma. Deputación Provincial, aprobada no ano 1984, sufriu profundos cambios como consecuencia de distintas modificacións lexislativas, asunción de novas competencias, subscrición de convenios de colaboración con outras administracións públicas ou institucións e, sobre todo, da reducción que experimentou o cadro de persoal con motivo da transferencia dos hospitais Provincial e Rebullón. Resultando que un estudio pormenorizado da situación real na que se atopan os distintos centros desta Excma. Deputación Provincial, realizado en función das necesidades dos servicios que a integran, das actividades que se desenvolven nestes, e do que reclama cada un deles en termos de obxectividade e atendendo a criterios de eficacia, puxo de manifesto a conveniencia de levar a cabo unha modificación da estructura organizativa desta Deputación, do cadro de persoal e da relación de postos de traballo do persoal funcionario e laboral. Considerando que os artigos 4.1 e 33.2 da LBRL, o artigo 129.3 do TRRL e o artigo 70.3 do ROF lle atribúen ó Pleno da Corporación Provincial a organización da Deputación, así como a aprobación do cadro de persoal e a relación de postos de traballo, reservados a funcionarios, persoal laboral e eventual, a través dos trámites contidos nos artigos 150 e seguintes da LRHL. Considerando que, de conformidade coa disposición adicional 6ª da Lei 22/93, as Corporacións locais de acordo coa súa capacidade de autoorganización poderán adoptar plans de emprego que conterán tódalas provisións e medidas precisas para resolve-las necesidades de xestión do persoal e consegui-la óptima utilización dos recursos humanos nos termos sinalados no art. 18 da LRFP modificado pola Lei 22/93. Considerando que esta Excma. Deputación Provincial deseñou un plan de emprego que ten por obxecto adecua-lo funcionario ó posto, mediante a reclasificación do persoal que desenvolve maiores funcións ou desempeña postos de superior ou distinta categoría profesional por concursos de méritos restrinxidos ó ámbito afectado, ó tratarse dunha racionalización de efectivos xa existentes que non admite a posibilidade de acceso ás prazas de nova creación de persoal externo, a través de ofertas de emprego, nin de persoal alleo ó dito ámbito, a través de procesos de mobilidade, coa finalidade de acada-los obxectivos que se pretenden. Considerando que, consonte ó previsto no art. 27 da LRFP, para levar a cabo a racionalización da estructura organizativa é posible unificar categorías profesionais de igual grupo de clasificación e distinta escala cando para o acceso a estes se esixisen os mesmos requisitos de capacidade profesional, igual titulación académica, probas de selección de contido equivalente, tribunais de composición similar e a estes se lles asignasen funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico. Considerando que, a teor do disposto no art. 169.1, último apartado, do TRRL, os postos de traballo atribuídos á subescala subalterna poden ser desempeñados por funcionarios de servicios especiais que, por idade ou outras razóns, teñan disminuída a súa capacidade para misións de particular esforzo ou penosidade, pero que conserven a requirida para tarefas de subalterno. Considerando que, en cumprimento do previsto no art. 32 da Lei 9/87, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, o cadro de persoal, a súa relación de postos de traballo, o plan de emprego e demais actuacións foron obxecto de negociación con tódolos representantes sindicais. Considerando todo o anterior e demais normas de pertinente e concordante aplicación, o Pleno acorda por maioría de votos do Grupo Popular e coa abstención do Grupo Socialista e BNG: I.- Aproba-la nova estructura organizativa, o cadro de funcionarios, a súa relación de postos de traballo, o cadro de postos de traballo de persoal laboral fixo e o catálogo de postos de traballo de funcionarios e persoal laboral, conforme se determina no Anexo I. II.- Amortizar tódalas prazas e postos de traballo do actual cadro de persoal desta Excma. Deputación Provincial aprobado no presuposto 1997, así como de tódolos postos de traballo incluídos no cadro de persoal laboral fixo. III.- Adapta-lo persoal funcionario e laboral fixo existente ás prazas e postos de traballo do novo cadro de persoal mediante: 1) A adscrición automática do persoal en activo a prazas de igual denominación con respecto ó anterior. 2) A adecuación do persoal que figuraba no anterior cadro de persoal ás prazas e postos de traballo do novo, do mesmo grupo de clasificación, que cambian a denominación e a categoría, e nalgúns casos, de escala, subescala e clase, en virtude do disposto no art. 27 LRFP, tal e como se detalla a continuación: - Transformación de 7 prazas de axudantes de ceremonial do grupo E, adscritas ó Servicio Central e encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios en 7 prazas de ordenanzas do grupo E encadradas na escala de Administración xeral, subescala subalterna, clase subalternos. - Transformación de 1 praza de operario agrícola do grupo E, adscrita ó Servicio Agrario e encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios en 1 praza de axudante agrícola do grupo E encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 1 praza de operario de servicios varios do grupo E, adscrita ó Servicio Agrario e encadrada na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios en 1 praza de axudante agrícola do grupo E encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 2 prazas de axudante camareiro limpador do grupo E, adscritas ó Castelo de Soutomaior e encadradas na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios en 2 prazas de axudantes de limpeza e vixiancia do grupo E encadradas na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 1 praza de garda nocturno conserxe do grupo E, adscrita ó Castelo de Soutomaior e encadrada na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios en 1 praza de axudante vixiante encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 1 praza de informático operador do grupo C, adscrita ó Servicio de Proceso de Datos e encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase auxiliar, en 1 praza de programador do grupo C, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico auxiliar. - Transformación de 3 prazas de axudante xardineiro-varredor do grupo E, adscritas ó Castelo de Soutomaior e encadradas na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios en 3 prazas de axudantes agrícolas do grupo E, encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 47 prazas de operario do grupo E, adscritas ó Servicio de Vías e Obras e encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios en 47 prazas de operarios especialistas do grupo E, encadradas na escala de Admón. especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. - Transformación de 2 prazas de operario legoeiro do grupo E, adscritas ó Servicio de Vías e Obras e encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios, en 2 prazas de operario de servicios operativos do grupo E, encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios. 3.- A aprobación dun plan de emprego para a reclasificación do persoal que desempeña postos de traballo de superior ou distinta categoría profesional a través de concursos restrinxidos. 4.- Aproba-la convocatoria e as bases dos seguintes concursos para a reclasificación do persoal afectado polo Plan de emprego: Anexo II. - 1 oficial delineante, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase auxiliar e integrada no grupo D. - 1 vixiante, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 vixiante control de calidade, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 encargado planta aglomerado, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 adxunto xefe parque, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 encargado de almacén, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 encargado de mantemento, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 2 xefes de brigada, encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integradas no grupo D. - 1 oficial de mantemento, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 oficial pintor, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 oficial de almacén, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 oficial teclista, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 3 oficiais agrícolas gandeiros Mouriscade, encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integradas no grupo D. - 1 oficial agrícola gandeiro Areeiro, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo D. - 1 axudante de almacén, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo E. - 2 operarios servicios operativos, encadradas na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integradas no grupo E. - 1 axudante servicios operativos, encadrada na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios e integrada no grupo E. - 2 axudantes de limpeza e vixiancia, encadradas na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios e integradas no grupo E. - 1 programador, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase auxiliar, e integrada no grupo C. - 1 operador de sistemas, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase auxiliar, e integrada no grupo C. 5.- Culminados os procesos selectivos tódalas prazas e postos de traballo que resulten vacantes do plan de emprego serán amortizadas e reconvertidas á situación de orixe. IV.- Nomear funcionarios interinos ó persoal que ocupaba provisoriamente postos de traballo laboral fixo en virtude dun contrato laboral eventual de interinidade formalizado ata a súa cobertura definitiva, ó producirse na nova estructura organizativa a reconversión destes postos de traballo en prazas do cadro de persoal de funcionarios. V.- Adscribir, con fundamento no sinalado no art. 169.1 de TRRL, ós funcionarios D. Vicente Martínez Martínez, conductor maquinista do grupo D; D. Alvaro Monteagudo Durán, peón agrícola do grupo E e D. Francisco Portela Piay, legoeiro do grupo E, integrados na escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase persoal de oficios, ás prazas e postos de traballo de ordenanza do grupo E, pertencentes á escala de Administración xeral, subescala subalterna, clase subalterno. A estes funcionarios acreditaránsellelas retribucións correspondentes ó novo posto de traballo, sen prexuízo de recoñecerlle a D. Vicente Martínez Martínez, que descende de grupo, o dereito a percibi-las diferencias económicas existentes entre unha e outra praza a través dun complemento persoal, modificándose neste senso o acordo adoptado polo Pleno da Corporación sobre os postos de traballo de 2ª actividade. VI.- Mentres non se resolvan os procesos selectivos, retribuirase con cargo ós créditos das prazas vacantes existentes ó persoal que figuraba nas prazas e nos postos de traballo suprimidos cando se aprobou o novo cadro de persoal. ------ Folla: 96,98 2.4151.- APROBACIÓN DA CONVOCATORIA, BASES E PROGRAMAS PARA CUBRIR EN PROPIEDADE DIVERSAS PRAZAS VACANTES NO CADRO DE PERSOAL Sr. Presidente.- Pasamos ó punto número dous da orde do día, "Aprobación da convocatoria, bases e programas para cubrir en propiedade diversas prazas vacantes no cadro de persoal". Ten a palabra o Sr. Vilar. Sr. Vilar Márquez.- Moitas gracias Sr. Presidente. Con relación a este punto quería aclarar que hai que ter en conta que nos dous últimos anos practicamente non houbo ningunha convocatoria pública ata que estivera ultimada esta nova reestructuración administrativa do cadro de persoal. Pois ben, unha vez elaborada esta nova reestructuración do cadro de persoal se sacan agora toda unha serie de bases xerais e específicas para convocatoria destas prazas. Para iso vaise facer unha oferta agora con cargo a este 97, incluso coa posibilidade de aproveita-lo ano 97, e intentar tamén que no ano 98 poida sacarse outra nova convocatoria de 3 prazas de Administrativos, 2 de Auxiliares de Administración Xeral que van ir por concurso-oposición, 1 de informático, de técnico, por concurso-oposición, 1 de operador-ordenador e 1 de oficial carpinteiro, en total son 8. Estamos limitados pola Lei do 25% que vostedes coñecen e creo que se cumpre todo o pactado coas organización sindicais para ir adecuándonos e sacando todas estas prazas que temos pendentes nestes momentos na Deputación. Este é un pouco o motivo e a vontade como complemento do punto anterior. Nada máis, moitas gracias Sr. Presidente. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Vilar. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias. Temos as bases para acceder á función pública, a funcionarios, son 8 creo, e son as de sempre, por non variar. O tribunal segue sendo o de sempre, a posibilidade de que participe algún Deputado da oposición é nula, e con respecto ó idioma segue sendo o de sempre, de 1 a 3 puntos, cando os outros son de 1 a 10, e o último exercicio, ou sexa que non vale absolutamente para nada. Non é cuestión de repetir aquí toda a argumentación que nos levou outras veces a votar en contra; creo que con esas dúas pinceladas supoño que chegará para recorda-lo que dixemos outras veces e para xustifica-la nosa postura que xa mantivemos noutras convocatorias. Vamos votar en contra. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Mosquera. Ten a palabra o Sr. Juanes. Sr. Juanes Rodríguez.- Vamos a ver. Por un lado é a oferta de emprego e por outro é a aprobación das bases que van a regular tanto o plan de emprego como todo o demais. A oferta de emprego é realmente ridícula, son 8 prazas, que quedarían para acceso libre 5 porque 3 serían para promoción interna. É preocupante, por iso falábamos antes de escepticismo, un escepticismo creo que ben fundamentado. No seguinte punto, cando falemos da aprobación inicial do Presuposto este Pleno vai a facultar ó Presidente para que poda facer contratacións laborais por un número de 30 traballadores. Nós sempre estivemos en contra dese tipo de dinámicas e de formas de actuar; creo que as cousas hai que facelas con absoluta transparencia e ó mellor nos van a da-la razón que eses contratos temporais é a típica porta falsa, desgraciadamente, pola que entra xente a traballar nesta institución. En canto ás bases, os tribunais calificadores debían ser máis transparentes. A Xunta de Persoal ten dereito a un membro, pero sen voto. Os grupos da oposición xa non é que esteamos sen voto é que non participamos absolutamente para nada en velar pola transparencia dos procesos de selección. Por todo iso, o Grupo Socialista vai votar en contra, porque cremos que non se dan as bases para que estes procesos se fagan coa suficiente transparencia, e ese é un problema de vontade, de vontade do equipo de goberno do Partido Popular. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Juanes. Soamente unha aclaración: esas trinta persoas das que vostede fala para contrata-lo Presidente, son unha reserva para contratar substitucións, fundamentalmente no "Príncipe Felipe", que temos bastantes. Non é o mesmo substituir un Auxiliar Administrativo, que ó mellor no fai falta substituílo porque nos arreglamos, que substituir persoal de "Príncipe Felipe". Non é polo tanto para contratar porque si, senón que é para ter un presuposto para estas necesidades de contratacións temporais para substitucións ou baixas. Procedemos polo tanto á súa votación. Punto dous: Aprobación da convocatoria, bases e programas para cubrir en propiedade diversas prazas vacantes no cadro de persoal. ¿Votos en contra?. Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego. ¿Votos a favor?. Grupo Popular. Apróbanse pola maioría do Partido Popular. Ó amparo do establecido no art. 91 da LBRL, art. 19 da LRFP e art. 133 do TRRL, e de conformidade co disposto no RD 896/91 de 7 de xuño e RD 364/95 de 10 de marzo, en virtude das atribucións que confire o art. 68.7 do ROF o Pleno da Corporación acorda por maioría de votos do Grupo Popular e cos votos en contra do PSOE e do BNG, aproba-la convocatoria, bases e programas das prazas e postos de traballo que a continuación se relacionan: - 2 de Administrativo de Admón. Xeral (promoción interna), encadradas na Escala de Admón. Xeral, Subescala Administrativa, Clase Administrativo e integrada no Grupo C. - 1 de Administrativo de Admón. Xeral, (turno libre), encadrada na Escala de Admón. Xeral, Subescala Administrativa, Clase Administrativo e integrada no Grupo C. - 2 de Auxiliares de Admón. Xeral, encadradas na Escala de Admón. Xeral Subescala Auxiliar, Clase Auxiliar e integrada no Grupo D. - 1 de Informático Técnico de Sistemas, encadrada na Escala de Admón. Especial, Subescala Técnica, Clase Técnico Superior e integrada no Grupo A. - 1 de Operador de Ordenador Persoal, (promoción interna), encadrada na Escala de Admón. Especial, Subescala Técnica, Clase Técnico Auxiliar e integrada no Grupo C. - 1 de Oficial Carpinteiro, encadrada na Escala de Admón. Especial, Subescala Servicios Especiais, Clase Persoal de Oficios e integrada no Grupo D. ------ Folla: 98,122 3.4152.- APROBACIÓN INICIAL DO PRESUPOSTO 1998 Sr. Presidente.- Pasamos ó punto tres da orde do día. Aprobación inicial do Presuposto de 1998. Lamento que non estea o Vicepresidente Económico, que está na cama cunha gripe, polo tanto vou a ser eu mesmo o encargado, se mo permiten, de facer unha introducción e unha análise xeral do Presuposto que o equipo de goberno da Deputación Provincial hoxe somete para aprobación inicial ó Pleno desta Excma. Deputación O Presuposto alcanza unha cantidade de 14.040 millóns de pesetas; a esto hai que engadi-los presupostos dos Organismos Autónomos que ascende a 981.067.000 pesetas, e o Presuposto consolidado polo tanto desta Institución ascende a 14.558.613.116 pesetas. Sométense así mesmo á aprobación as Bases de Execución do Presuposto, plantilla de funcionarios, relación de postos de traballo, cadro de persoal laboral e anexo de inversións. Centrándonos no Presuposto da Deputación, eu suliñaría unhas cantas características. A primeira, facer referencia ó crecemento bruto do presuposto que se sitúa nun 4,39%. Dicir que é ó noso entender un presuposto racional, non podía ser doutra maneira, pois cumpre os dous principios básicos, un legal que ten que cumprir loxicamente, que é que sexa un presuposto nivelado; e un segundo, que sexa un presuposto saneado, e isto cúmpreo porque non se parte de ningún déficit inicial e porque os ingresos correntes superan ós gastos correntes e polo tanto hai un aforro bruto de 5.158.000.000 de pesetas. Destacaría tamén nos presupostos o saneamento que se pretende de seguir aminorando ano a ano, cada día máis, a débeda, para lograr un saneamento importante desta Institución e para dispoñer no futuro de máis diñeiro que vaia a inversión e non tanto a intereses. Neste sentido contémplase nos presupostos unha amortización para o ano 1998 de 1.555 millóns de pesetas. Esto vai supoñer un aforro aproximadamente en intereses ó longo do ano de 300 millóns de pesetas e vai a supoñer tamén unha débeda viva ó final deste exercicio aproximadamente duns 12 mil millóns de pesetas. Outra importante característica é que é un presuposto, ó noso entender, tamén inversionista; é unha tendencia que nestes tres últimos anos vense mantendo e así no ano 96 a inversión creceu un 8%, no ano 97 un 17% e neste ano un 21%. Non vou aquí a pararme porque está no anexo de inversións as que se va a destinar fundamentalmente este capítulo de inversións, e non as vou a repetir porque xa dispoñen delas, pero si falar un pouco das grandes cifras, aínda que sexa moi someramente. Falando en concreto de ingresos, no capítulo 1 auméntanse as previsións nun 6,8% o que supón sobre o presuposto do ano anterior uns 44 millóns de pesetas. No capítulo 3 prevense incrementar un 2,4% o que supón 200 millóns sobre o recadado o ano pasado. No capítulo 4, Transferencias Correntes, hai un incremento contemplado de 6,6% previsto dalgunha maneira no proxecto dos Presupostos do Estado e unha maior participación nas quinielas, para entendernos. Calculamos neste senso ingresos por 10.448 millóns de pesetas. No capítulo 5, Ingresos Patrimoniais, un 2% de ingresos que van a supoñer aproximadamente 153 millóns de pesetas, contando loxicamente neste caso cos intereses das contas bancarias e contando xa tamén cos ingresos pequenos, pero que están contabilizados, do futuro canon ou futuro arrendamento da Pousada de Soutomaior. Esto sería no capítulo de ingresos as cifras globais. En gastos, o capítulo de persoal sube un 3,9% derivado do 2,1% de subida xeral contemplada no Presuposto Xeral do Estado e como consecuencia das novas plantillas. Hai que ter en conta que esta subida débese en parte moi significativa ós contratos que nestes momentos temos co INEM, polo tanto o capítulo 1 queda cifrado en cifras globais en 88 millóns de pesetas pero de aí había que restar, posto que temos ingresos pola mesma contía, os 54 do INEM e os 18 do Gabinete de Normalización Lingüística. Iso quere dicir que non superamos a masa salarial bruta nun 2,1%. No capítulo de Gastos Correntes aumentamos 240 millóns de pesetas debido fundamentalmente a que o presuposto inicial do Parque de Maquinaria en subministros increméntase en 156 millóns de pesetas, que se ben están no capítulo 2 son destinados a reparación e conservación de carreteras provinciais e camiños veciñais. En capítulo 3, Gastos Financeiros, disminúen un 24% como consecuencia do que dixen nas características do presuposto, é dicir, que vamos a pagar posiblemente por debaixo do que está calculado; entendemos que se van a pagar uns 816 millóns de pesetas frente ós 1.074 que se pagaron o ano pasado, como consecuencia da amortización trimestral dos 1.555 millóns que contemplan o proxecto de Presupostos. No capítulo 4, Transferencias Correntes, suman 2.111 millóns; subimos un 10% e aquí habería que destacar unhas cifras importantes, por exemplo, 18 millóns que supón o 2,1% nos compromisos que temos co SERGAS no tema da transferencia dos hospitais; 62 millóns de pesetas que aumentamos en transferencias a Concellos; e 32 millóns de pesetas a deportes. No capítulo 6, Inversións Reais, aumentan, como dixen antes, un 21% sobre o ano pasado; alcanza a cifra de 2.296 millóns de pesetas. Capítulo 7º, Transferencia de Capital, supón 3.223 millóns de pesetas. Aquí están tódolos plans que implican inversión pero que, para entendernos, non contrata esta Deputación Provincial senón que contratan fundamentalmente os Concellos. O capítulo 8º manténse exactamente igual, e no capítulo 9º segue a mesma cantidade, porque aquí contémplanse os 1.555 millóns de pesetas de amortizacións da débeda que neste momento ten a Deputación Provincial. Polo tanto, en resume, podíamos dicir que os ingresos correntes serían 11.900 millóns de pesetas; gastos correntes 6.800 millóns de pesetas; un aforro bruto de 5.158 millóns de pesetas; aforro neto, se aquí restamos a amortización da débeda, de 3.602 millóns de pesetas; e a carga financeira absoluta sería, polo tanto, un total de 2.371 millóns de pesetas. Isto, en liñas xerais xunto co que dixen ó principio de as Bases, plantilla, relación de postos de traballo, cadro de persoal e o anexo de inversións é o que sometemos para aprobación deste Pleno no día de hoxe. Nada máis. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias, Sr. Presidente. Esa cantinela de que esta Deputación ten aforro e de que se fan uns Presupostos inversionistas teño exactamente o recordo de que en tódolos Presupostos de tódolos anos desta Deputación se nos contou, e o que non se di é que xa sería absolutamente caótico que unha Deputación non tivera aforro, dado que non ten obrigas. Nun Concello pode ser que os gastos correntes se coman os ingresos correntes, porque ten o servicio de vasoiras, servicio de auga, etc., etc.; na Deputación non o teñen, non teñen así obrigas concretas e iso leva a que haxa esas cifras, incluso nos peores anos desta Deputación houbo cifras de aforro, se non iguais si semellantes ás deste ano. Pero non era iso o eixo central destes Presupostos. O certo é que hoxe o debate dos Presupostos nunha institución local é o debate máis importante de todo o ano, e en certo modo substituie ó que é, por exemplo, no Parlamento do Estado é o Debate do Estado da Nación, ou o Debate da Autonomía, o Debate de Estado na Autonomía, etc. Debe ser así, aquí se recollen unha serie de cousas, se recolle toda a política que se está facendo e que se pensa facer e polo tanto debería convertirse, polo menos esa é a nosa idea, nun debate sobre como está funcionando isto e como se recolle nos Presupostos e cales son as previsións de funcionamento para o ano que vén. Neste sentido o panorama non pode ser máis preocupante e máis negativo. Eu non sei se o propio Presidente. Polo menos tivemos a esperanza de que cando tomou posesión a nova Corporación e saiu elexido Presidente, o que actualmente o é, de que houbese algún cambio, algunha liña de actuación novidosa, de que houbese algún xiro no funcionamento desta casa, e incluso o primeiro ano houbo algún síntoma, moi pequeniño e igual forzado por voa vontade ou pola esperanza de ver que cambiaba o funcionamento desta casa, ou quixemos ver, se cadra, con voa vontade, algún síntoma de que algo parecía que ía cambiar, algo, anque fora moi pouquiño, pero a realidade, e xa este é o terceiro Presuposto que aprobamos, foinos desengañando e a realidade foi virando cara a unha situación na que sen medo a ser esaxerados, quero insistir moito nesto, sen ningún temor a pecar de esaxerados, nestes momento o que é o funcionamento da Deputación reflexado na documentación que vén cos Presupostos e reflexado no funcionamento que estamos a padecer, é quizais a peor da historia, polo menos a que eu coñezo desta casa, é a peor, porque a pesar que o grupo de goberno actual quere ter unha actitude de ese rostro amable, evita-la crispación de pasadas épocas, pode ser que a crispación se evite en parte, que se está evitando, co cal nos congratulamos, pero a realidade é exactamente a suma de todo o peor das realidades anteriores. Explícome. As competencias que se quitaron ó Pleno e que veñen reflexadas nas Bases de Execución, en principio foi un castigo e son as peores que houbo nunca na historia desta institución. Foi no ano 94, e o actual grupo de goberno mantenno en tódolos seus términos, sisando absolutamente tódalas competencias que pode sisar ó Pleno e tódalas posibilidades que hai de participación de toda a oposición. As Bases de Execución, desde logo, son terroríficas; é difícil topar unhas Bases de Execución así detalladas e elaboradas nas que contemple exactamente dunha maneira tan clariña que tódalas competencias posibles son do Presidente ou da Comisión de Goberno, en caso de dúbida resolve o Presidente da Comisión de Goberno. Eso practicamente é o resume desto. As competencias do Pleno en disposición e autorización de gasto xa as lin o ano pasado e polo tanto non ten moito sentido, este ano cambiáronlle algo, pero é exactamente o mesmo, ou sexa ó Pleno quédalle o restante máis en caso de calamidade pública ou unha cousa así, bueno, menuda desgracia, ogallá non teñamos que dicir nada neste aspecto. Non lle quedan practicamente ningunha competencia. Se xuntamos a eso que é un mecanismo de control, case o único en certas áreas desta casa, léase o Parque de Maquinaria e Vías e Obras, case o único mecanismo de control que pode haber é pasarse o tute de estudiarse a Conta Xeral do Presuposto e despois esa Conta Xeral non está exposta nin a do 91, nin a do 92, nin a do 93, nin a do 94, nin a do 95, nin a do 96. E non se me veña co conto de que houbo un cambio no programa informático porque a do 91 estivo preparada, maquillada incluso, e non se chegou a expoñer por decisión política; e a do 92 idem de lienzo e as seguintes en fila correlativa. Non se expoñen porque, a pesares de que poida prepararse a documentación segundo conveña, non se estimou ou estimouse que era perigoso, e era perigoso porque a oposición ou calquera, calquera cidadán, que para eso son expostas ó público, calquera cidadán podía dedicarse a mira-lo que pasaba e se cadra descubría que o que pasaba non correspondía con esa amabilidade ou esa suposta transparencia que non existe, xa digo, en grandes áreas. Se a eso sumamos que a maquinaria administrativa de Vías e Obras está absolutamente engrasada e sumada á causa, que para eso lle deixamos que faga os proxectos dos Concellos que despois supervisan, para eso lle deixamos que anden ás súas anchas e entramos nese cambalache, fírmase o que faga falta. Pois resulta que o control real que hai do funcionamento desta Institución é exactamente o mesmo que houbo sempre, ou sexa, ningún. E dá un panorama que é exactamente igual, empeorado, dígoo sinceramente, Sr. Presidente, é peor do que cando eu entrei aquí. É peor, peor, hai algúns detalles bonitos, como dicir que nos manda a lista dos materiais e da maquinaria, pero mándano un mes e outro non, nun faltan os materiais, noutro sobran, hai detalles dese tipo que xa houbo. E dígolle máis, Sr. Presidente, eso pódeo ratificar seguramente o compañeiro Emilio. Nestes momentos o que é negociar, falar, plantexar algún tema coa oposición hai menos que nos momentos máis tensos desta casa cando estaba de Presidente o Sr. Mera, menos. Ese panorama é o que hai exactamente nestes momentos e os presupostos responden exactamente a esa concepción. E responden a esa concepción, e incluso a propia tramitación destes presupostos responde exactamente a esa concepción. Se nos dan os presupostos o venres pola tarde; irregular Sr. Presidente; cando se convoca unha Comisión debe esta-la documentación, hai un mínimo legal e para unha Comisión ordinaria, onde hai un tema que ó fin e ó cabo se despacha en dous minutos, é obrigatorio que estea a documentación cando se convoca. Esta convocouse e para un tema tan gordo como este, non estaba a documentación. Se convoca a Comisión o luns e se pregunta ¿van vostedes a estudiar algunha emenda?, que nós as traíamos por certo e, no Pleno se queredes, aquí non hai que falar, son os mellores presupostos do mundo, a votar e punto. Eso foi exactamente o que pasou na Comisión.Votamos e nos marchamos. E repito que a tramitación, tal como se fixo, é exactamente reflexo desa concepción. E nestes momentos a Deputación está exactamente seguindo a política ancestral en versión empeorada, maquillada con algún detalle de suposta transparencia, con mandar algún papeliño de material ou suavizar asperezas cando se teme que vai habelas. Pero non houbo ningunha novidade, en todo caso empeorou. Podíamos recordar, por exemplo, a elección de Conselleiros para a Caixa de Aforros, e dígolle, Sr. Presidente, que nunca esta Institución estivo peor que agora. En canto á transparencia e demais nunca estivo peor, nunca. E o outro día lle recordaba a saída do Pleno, e aproveito aquí para recordarlle, que cando saen os Plans, vostedes convocan ós Alcaldes, lle explican, e os Deputados nin tan sequera, ou sexa que vostedes antes de toma-la decisión danna por suposta e nin tan sequera nola comunican. Eso é así unha vez e outra vez. Reitero que lamento moito telo que dicir; a nosa espectativa non era que sucedera esto, pero xa levamos dous anos e medio e con boas palabras non se resolven os problemas de fondo cando non hai vontade de arranxalos e unha vez e outra nos topamos sempre coa mesma situación. Efectivamente, nesta política ancestral empeorada e reforzada vamos ir estudiando o que sucede. Por exemplo, nos topamos con que ano tras ano disminuen os Plans públicos e obxectivos. Se quere le-lo anexo de inversións, disminuen todos. O único pecado que teñen é que son públicos e obxectivos, ese é o pecado que teñen eses Plans e polo tanto disminuense. Chega a broma de que sumando o POS e a Rede Viaria Local, que agora ponposamente se lle chama PPC, ou sexa, xa temos que sumar unha sigla máis, se di que é para unificar Plans, resulta que os dous xuntos dan o que daba o POS do ano pasado. Ou sexa, recórtase o POS seriamente e recórtase tamén a Rede Viaria Local, polo menos as previsións. Por esta vía non é que se vaian a unificar Plans, é que van desaparecer todos e queda máis ou menos un que é o que vostedes están potenciando ano tras ano, que son as partidas discrecionais, as partidas que non teñen un reflexo público, non hai que elaborar un Plan, non hai que planificar, senón que se pode dispor delas cando e como ó grupo de goberno ou o Presidente lle pareza ben. Sr. Presidente, invertirase máis para o ano que vén, invertirase non tan significativo como vostede quere resaltar, pero do que se invirte, case 2.500 millóns, practicamente dependen do momento e do dedo que vostede queira utilizar. Se nunha Institución coma esta eso é de recibo, esto é practicamente os peores anos desta Deputación, repito, estamos chegando xa a cotas dun nivel, xa digo, terriblemente preocupante. Relátollas, esa partida de asfalto que vostede quere como inversións, que son 500 millóns, eso dispón o Presidente ou en quen delegue, ou o aparato do Partido Popular como ben lle conveña. O Plan de Acción Comunitaria, que son 100 millóns, dispón como ben lle conveña, e xa vimos exactamente a política que fixo o ano pasado; foi a mesma que se fixo no 90, no 91 e no 89, ou sexa, copiada, calcada. Onde non temos Alcaldía, lle damos ás Asociacións, e lle damos menos ó Concellos. Onde temos Alcaldía dámoslle ó Concello e demais. Calcada, calcada, ou sexa, que ningunha novidade, versión de sempre, exactamente de sempre. Os Fondos Propio, ese Plan de Fondos Propios, que non se sabe se son para estradas provinciais ou para estradas na provincia, nunca houbo ningún Plan que se dixera a principios de ano, agora vai ir para esta. Vai cando e como conveña. Igual podíamos falar de partidas de Cultura, na que teoricamente se vai a subvencionar, pero son menores, actividades culturais. Se rematan subvencionando desfiles de modelos de empresas privadas e cousas polo estilo; eso non sei se é o Presidente ou en quen delegue, pero en total o certo é que hai unha cantidade de Plans que se van a distribuir con discrecionalidade no momento que conveña dunha maneira altamente preocupante. E xa o colmo dos colmos, é que nunca o dixeron no Pleno, é que cando no PAM había un prazo para entregar documentación, resulta que houbo tres Concellos non gobernados polo PP que presentaron fóra de prazo e se lle estivo torturando seis meses. Todo se sabe e resulta que Concellos do PP pediran máis fóra de prazo e se lle dou inmediatamente, que xa é de traca, en concreto por exemplo o de Marín ou se non cítolle outros, e eso tenno que firma-lo Sr. Presidente, e se llo colou alguén; en todo caso eu dubídoo moito. Eso é unha política clarisima, os feitos están aí e a eles me remito. Entón, cando agora se lle colleu o gusto a este tipo de funcionamento desta Deputación, non é de estrañar que nos topemos cos presupostos que nos topamos. Que o que se aumentan son as partidas discrecionais, as partidas nas que se pode arrear de receta cando e como se queira; se disminúen os Plans obxectivos e neste contexto non é casualidade o desprecio absoluto que se demostra pola oposición na tramitación. Se estivéramos discutindo de finalidades obxectivas, se estivéramos discutindo dun plan de prioridades, igual había interese en que nos enteráramos, en que se entera toda a Corporación e en discutir se é mellor esto ou outro, aínda que vostedes teñen maioría para resolvelo. Cando hai interese en todo o contrario, en ocultar todo o posible, ou sexa, facer discrecional todo o posible e despois que a oposición ande buscando por aí, mendigando, rastrexando algún papeliño a ver se topa esa información, porque o obxectivo de fondo é ter precisamente esa bolsa de discrecionalidade e poder utilizar a fondo esta Institución asociada ó aparato político do Partido Popular, entón evidentemente mellor que no nos enteremos de nada, mellor dá a última hora. Non hai nada que falar e polo tanto caemos no que caemos. Non é casualidade por moito que se siga a dicir. E en canto ó Presuposto en si, que practicamente eu creo que está diagnosticado como foi concebido e para que serve, na práctica é mante-los compromisos adquiridos, eses 15 millóns para conservatorios, para basuras, para pavillón feiral, para universidades, etc., mante-los compromisos adquiridos, algún tarde, mal e a rastro como o de basuras, e aquí quero facer un inciso que xa raia nun cinismo absoluto. Resulta que nos meten 115 millóns e non sabemos se é unha partida, dúas ou tres. Teñen o programa informático, mire que dá traballo facer eso. Vostede vai a un servicio e topa 60 millóns para Cultura, 20 son para tal finalidade, 15 para tal, 15 para cual. Eso saiu do programa informático; téñenno feito para que á hora de da-la documentación ós Deputados eso se funda todo nunha partida e non sepamos exactamente a finalidade. ¡Que xa manda truco!. E eso foi inventado no seu momento e aplicado agora. Eso está aí, e se non vamos ó servicio e pedímoslle o presuposto que saiu do ordenador e comparámolo co noso e vemos que non son iguais. Un está detallado, outro non está detallado, non vaia ser que nos enteremos para que dedican cada cousa. Ó non enterarnos, cambianno, fan da capa un sallo, que é o que pretenden. Nesa liña disminúen os plans obxectivos; é un control absoluto do grupo de goberno nas bases de execución. Este tipo de estructura discrecional asociado ó Partido Popular, asociado a repartir subvencións, repartir prevendas, repartir asfalto á través das peticións ou da influencia do Partido Popular funcionoulle ben coas autonómicas; fixeron unha campaña bárbara á conta desta Deputación, igual que no 89, igual que no 91, exactamente igual, e seguimos na mesma liña, cara traballar ás municipais. Non podo deixar de pasar, tamén, que creo que é interesante do que é as prioridades e para que se utilizan as cousas nesta casa, que toda a documentación, reiterando os vicios doutros anos, veña en perfecto castelán cando gastamos 18 millóns nun Servicio, aínda que nolo subvencionan, de normalización lingüística. Tampouco hai que referir que o IAE sigue igual, aínda que aumenta, etc., etc., o mesmo, é exactamente o mesmo. E evidentemente o que non se fai de ningunha maneira é atacar un plan de prioridades, ter uns obxectivos políticos, saber exactamente onde vai actuar esta Deputación, e para que vai actuar e para que non vai actuar, en función das súas competencias ou da delimitación de áreas que se definan. Eso é o que non hai de ningunha maneira. Por exemplo, sigue sen haber nada en absoluto que compense ós Concellos que queden excluídos do PAE. Podían estar excluídos do PAM, podían tal, nada, sigue sen haber nada. Esto xa é un tema absolutamente clamoroso, que teremos que aguantar que nos van aquí co Xacobeo 99, presentacións, convenios de última hora dun millón de pesetas, non sei que maravillas. O presuposto do Patronato mantense, pero algo que se ten falado, o anterior Presidente e este Presidente, que sempre se dixo, por exemplo sinalizar ou facer un plan de sinalización e de aproveitamento e mellora dos recursos turísticos, nada de nada. Cando un vai pola provincia e como non sexan aqueles letreiros que se puxeron creo que alá polo 74, non hai nada. Ou sexa, un non sabe onde están as cataratas da Toxa, non sabe nada, pregunte a un paisano que se acaso sabe e é suficientemente listo igual topa, e o que vai, se sabe desapacharse polas pistas, xa o topará. Deso nada, deso nada porque debe ser que á estructura do PP non lle interesa ou lle parece que non dá votos. Non hai un programa de prioridades; un ve que unha partidiña engorda en función da presión do Deputado ó que interese, ou se dá a subvención e entón interesa da-la subvención. ¿É rentable a subvención para o Partido Popular?, si, vale, entón aquí aumentamos un pouco. E eso realmente é o trasfondo exacto dos presupostos. É exactamente o trasfondo dos presupostos e non fai falta ver máis que a intervención do Presidente ou a memoria da Presidencia. Suponse que o grupo de goberno ten, máis ou menos aínda que non sexa moi ben definido, un programa de goberno. Nesta memoria da Presidencia vostede nos debía dicir que é, que parte do programa dentro dos obxectivos vai cumprir para o ano que vén. Este é un documento técnico nada máis que o único que fai é ocultar, é dicir, aumenta un 5%, disminúe un 3%, aumenta un 2% como consecuencia das quinielas ou como consecuencia do pacto local que se acaba ou do pacto local que non se acaba. Pero o que é exactamente ¿que é o que pretende, cales son as grandes liñas de actuación desta Deputación para o ano que vén?. Nada de nada de nada. Si que o hai, claro que o hai, clarisimo, pero eso non se pode dicir, o que queremos é ter cartos discrecionais para usalos segundo nos conveña en función dos intereses. Desde logo, a memoria da Presidencia é paradigmática do ben que poden le-los datos os servicios técnicos, pero do mellor que se pode ocultar as aspiracións do grupo de goberno cando non son excesivamente explicables ou publicables porque os fins son outros. Os fins é ter todo nunha bolsa que se vaia aumentando ou disminuindo aquí ou alá. E mentras tanto nos topamos agora que é unha discusión en vigor, verdade, e que non sei se algún Deputado, supoño que si, a maioría, igual ata saben máis que min, que se está falando do famoso pacto local. Estase falando do famoso pacto local porque hai un compromiso de que a Administración Central transfire o 5 e pico cada ano segundo o IPC. Había ese pacto, que se acaba, e xa o Goberno Central está recortando en plans, recorta as transferencias en plans, e acórdome perfectamente que o anterior Presidente soltara unha monserga terrible contra o Goberno Central porque baixaba aportacións a plans. Agora que é o Partido Popular quen está recortan plans, resulta que todo está ben e é absolutamente maravilloso, cando esto é consecuencia, a subida de ingresos, do anterior pacto local. E o que é, xa que se está falando agora do pacto local, da FEM, da FEGAMP e demais, o que segue sendo absolutamente espectacular é o batiburrillo de competencias ou de non competencias, ou de inxerencias e demais. Esta Deputación colabora cos edificios universitarios, cousa que tal como está a situación nos parece ben, non nos parece ben o procedemento pero nos parece ben o obxectivo. Colabora no Pavillón Feiral. A Xunta pon cartos nas estradas provincias. Esta Deputación pon cartos en "Príncipe Felipe" que é competencia de non sei que. E esta Deputación, que é o que me vou referir, se dedica a pisar clarisimamente, a invadi-las competencias dos Concellos cando vai arranxar camiños veciñais por libre a través da estructura do PP. Fose por libre ou non, non se debería facer. Viva a Administración Única, que é que cada administración fai o que lle dá a gana en calquera ambeto de competencias, parece ser a traducción, en vez de que cada administración se encargue dunhas competencias e ninguén llas pise, e se encargue e teña responsabilidade. Eso é o que está a pasar nestes momentos. O que fai falta realmente é un gran pacto administrativo, o que faría falta é que esta Deputación, por exemplo, adicara, dos 1.500 millóns que vai adicar a asfalto e obras varias, gran parte ás estradas provinciais e o resto llo transferira ós Concellos e non andivera por aí con esa imaxe tétrica da maquinaria invadindo competencias municipais; e se me vai a dicir coa autorización do Alcalde, xa me gustaría ver que autorización e en que forma, coa autorización de quen sexa, invadindo competencias. E o resto facer transferencias incondicionadas e cada Concello se encargue, cada administración penque coa súa vela. Ou sexa, que se a unha Mancomunidade esta Deputación lle axuda a comprar maquinaria, e estamos falando de que o anterior Presidente empezou a traballar nesa liña, que nestes momentos está practicamente frenada, estamos peor que daquela, repito. Se lle transfiren x millóns para o asfalto, acabouse, a Deputación se encarga do que se debe encargar, das vías provinciais, e non anda invadindo competencias en todos lados en función dos intereses. Foi tamén unha emenda do ano pasado neste sentido, que como as demais, tiveron a santa virtude de que rechazáronnas todas. Poderíamos recordar, por exemplo tamén, unha promesa feita a este Pleno. O Presidente, o Sr. Abeledo, nese sentido é moi educado e cando ve que unha cousa é contradictoria promete que o vai estudiar con premura, despois pasan anos e nunca se soubo máis. Cando foi por exemplo o dos bombeiros do Deza-Tabeirós, os Concellos que tiñan obriga de ter parque de bombeiros, non a teñen, e lle pagan practicamente todo entre a Deputación e a Xunta; naquel momento dixo que os demais Concellos podían acollerse. Eu non vín absolutamente ningún duro nos presupostos para que iso se poida facer e evitar unha discriminación grave entre os Concellos de máis de 20.000 habitantes, léase Pontevedra, Cangas, Vigo, Marín, e os Concellos de máis de 20.000 habitantes de certa zona, non vexo absolutamente ningún peso aínda que no Pleno se nos dixo que se estudiaría con premura e no seu momento. Miren vostedes, se queren falar en serio dos Presupostos e o que non queren é colarnola, renegociemos e non presentamos unha emenda para que non se diga que é esaxerada; renegociemos as competencias do Pleno, renegociemos as bases de execución, definamos unhas liñas de actuación, definamos ámbitos de actuación e para iso conte con nós. Agora, para entrar a avalarlle ou non avalarlle, para entrar incluso a discutir partidas concretas deste Presuposto, entón non conte con nós; para nós este Presuposto é unha falta de respeto absoluta pola traxectoria que houbo previa, pola propia tramitación e polo propio contido destes Presupostos. Polo tanto, o que pedimos é a devolución deles e sentarnos a negociar, que sería moi breve, podería facerse en relativamente pouco tempo; algo que realmente poida responder ó que nós cremos que debe ser un programa de prioridades políticas, que sería o seu, sería o seu porque son maioritarios, pero polo menos que axudara a recorta-la discrecionalidade, a devolverlle competencias a este Pleno e capacidade de control ós Deputados, que realmente temos obriga de cumprir esa función. Isto non é un problema de votar un Presuposto a favor ou en contra, porque se está na oposición ou no goberno, é un problema moito máis fondo; para nós é unha auténtica tomadura de pelo que nos meta estes Presupostos na forma que nos meteu, coa historia previa que hai e co contido exacto que teñen estes Presupostos. Nada máis por

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición