ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.388
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.762

Acta de sesión 2007/08/01_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.33.375/2.2007-08-01_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2007/08/01_Ordinaria

  • Data(s) 2007-08-01 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as dez horas e cinco minutos do día un de agosto do ano dous mil sete, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, D. José Manuel Figueroa Vila, D. José Enrique Sotelo Villar, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. José Juan Durán Hermida, D. Xosé Crespo Iglesias, Dona María Corina Porro Martínez e D. Silvestre José Balseiros Guinarte, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Así mesmo asisten os señores deputados, D. Julio Alén Montes, D. Severino Requera Varela, D. José Carlos Silva Mariño e D. Jesús Vázquez Almuiña. Da fe do acto D. Bernardo Sartier Boubeta, Secretario Accidental, e está presente o Sr. Interventor Accidental, D. Julio Souto Diz. Non asisten os señores deputados D. Jesús Mª Fernández Portela e D. Agustín Reguera Ocampo. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.15316.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE BARRO NO PAM/05, PARA A OBRA Nº2/11, DENOMINADA “ESCOLA INFANTIL DE CATRO UNIDADES EN BARRO, 2ª FASE”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº5) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 2.15317.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE BARRO NO PAM/05, PARA A OBRA Nº2/11, DENOMINADA “ESCOLA INFANTIL DE CATRO UNIDADES EN BARRO, 2ª FASE”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº6) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 3.15318.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE BARRO NO PAM/05, PARA A OBRA Nº3/140, DENOMINADA “ESCOLA INFANTIL DE CATRO UNIDADES EN BARRO, 1ª FASE”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO. (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº5) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 4.15319.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE BARRO NO PAM/05, PARA A OBRA Nº3/140, DENOMINADA “ESCOLA INFANTIL DE CATRO UNIDADES EN BARRO, 1ª FASE”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO. (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº6) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 5.15320.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE OIA NO PAM/05, PARA A OBRA Nº128/152, DENOMINADA “1ª FASE DA CASA DA CULTURA DE MABIA”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO. (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº1) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 6.15321.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE OIA NO PAM/05, PARA A OBRA Nº130/193, DENOMINADA “ACONDICIONAMENTO DO ENTORNO DAS ESCOLAS VELLAS”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO. (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº1) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 7.15322.- APROBACIÓN DO GASTO E DECLARACIÓN DE ABOO DE CANTIDADE PARA O PAGO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Ó CONCELLO DE SOUTOMAIOR NO PAM/05, PARA A OBRA Nº283/666, DENOMINADA “URBANIZACIÓN DO CENTRO MULTIUSOS DE ARCADE, 1ª FASE”, POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO. (CERTIFICACIÓN TÉCNICA Nº1) A Xunta de Goberno acorda por unanimidade deixar este asunto enriba da mesa pendente de mellor estudo. ------ Folla: 8.15323.- APROBACIÓN DA CONVOCATORIA E BASES QUE REXERÁN A SEGUNDA PARTE DO PLAN AGRUPADO DE FORMACIÓN PARA O PERSOAL DA EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL, ORGANISMOS AUTÓNOMOS E CONCELLOS DA PROVINCIA ADHERIDOS Ó MESMO No marco do IV Acordo de Formación Continua nas Administracións Públicas e con cargo á subvención que concedeu o INAP esta Excma. Deputación Provincial para o Plan Agrupado de Formación do ano 2007, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar a convocatoria e bases que rexerán a asistencia ás accións formativas programadas para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro deste año. Ditas Bases son como seguen: “DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA - PLAN AGRUPADO DE FORMACIÓN CONTINUA PARA OS MESES DE SETEMBRO, OUTUBRO, NOVEMBRO E DECEMBRO DO ANO 2007 No Marco do IV Acordo de Formación Continua nas Administracións públicas e con cargo á subvención do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) para o Plan Agrupado de Formación Continua do ano 2007, a Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial en sesión celebrada o día 1 de agosto de 2007, acordou aprobar a convocatoria das accións formativas programadas no Anexo I coa participación dos concellos interesados, Instituto Nacional de Administración Pública e Academia Galega de Seguridade, que se rexerá polas seguintes bases: B A S E S Primeira.- Destinatarios: Persoal da Deputación Provincial e dos Concellos que se adheriron ó Plan Agrupado de Formación, do que forman parte os Concellos de: Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Agolada, O Grove, Gondomar, A Guarda, Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa, así como o persoal que presta servizos no ORAL. En cada acción formativa do Anexo I detállase o perfil dos asistentes. Segunda.- Solicitudes: As persoas que desexen participar nos cursos programados deberán solicitalo no modelo oficial de instancia que figura ó final da Convocatoria, Anexo II cuberto en tódolos epígrafes. As solicitudes dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente da Corporación Provincial presentaranse a través do Rexistro Xeral deste Organismo Provincial antes do día 14 de setembro de 2007. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso e á imposibilidade de participar en calquera outro curso este ano. Terceira.- Selección: Os participantes serán seleccionados consonte os seguintes criterios: a. Que exista unha relación entre o contido do curso e as funcións exercidas polos solicitantes no seu actual posto de traballo. b. Proximidade xeográfica do lugar de impartición. c. Antigüidade. d. Ter realizado nos últimos cinco anos un menor número de cursos relacionados co contido temático do que se solicita. e. Os que posúan o menor número de cursos realizados nesta Deputación, Escolas, Institutos de Administración Pública ou outros similares. Cuarta.- Modificacións: A Deputación Provincial resérvase a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos cursos, así como de cancelalos se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización. Quinta.- Certificado de asistencia: Outorgaráselles un certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nos cursos, sempre e cando a súa inasistencia (con ou sen xustificación) non sexa igual ou superior ó 15 % das horas lectivas programadas. A superación deste límite, sexa cal sexa a causa, imposibilitará a expedición do certificado.” ------ Folla: 9.15324.- APROBACIÓN DE FESTAS DA BICICLETA E MARCHAS POPULARES EN DISTINTOS CONCELLOS DA PROVINCIA De conformidade co ditame favorable da Comisión Informativa de Xuventude e Deportes, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar a celebración de Festas da Bicicleta e Marchas Populares nos concellos seguintes: A LAMA 27/07/07 FESTA DA BICICLETA ARBO 04/08/07 FESTA DA BICICLETA A CAÑIZA 04/08/07 FESTA DA BICICLETA VILA DE CRUCES 05/08/07 FESTA DA BICICLETA FORNELOS DE MONTES 08/08/07 FESTA DA BICICLETA AGOLADA 10/08/07 FESTA DA BICICLETA CRECENTE 11/08/07 FESTA DA BICICLETA CUNTIS 12/08/07 FESTA DA BICICLETA PONTEVEDRA 15/08/07 MARCHA POPULAR COTOBADE 18/08/07 FESTA DA BICICLETA COVELO 18/08/07 FESTA DA BICICLETA PONTE CALDELAS 19/08/07 FESTA DA BICICLETA VALGA 25/08/07 FESTA DA BICICLETA ILLA DE AROUSA 25/08/07 FESTA DA BICICLETA DOZÓN 26/08/07 FESTA DA BICICLETA ------ Folla: 10.15325.- PREMIOS PROVINCIA DE PONTEVEDRA 2007 De conformidade coas Bases aprobadas por esta Xunta de Goberno, na súa sesión extraordinaria urxente do día 18 de xullo de 2007, a Xunta de Goberno, como consecuencia dos méritos que a continuación se transcriben, acorda por unanimidade conceder os Premios Provincia de Pontevedra 2007 ós seguintes candidatos: MODALIDADE DEPORTES: PRESIDENTE FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE PIRAGÜISMO Traxectoria Santiago Sanmamed Lora Naceu en Tetuán por motivos familiares (o seu pai estaba alí destinado), entón provincia española de Marrocos, o 3 de febreiro de 1949, de pai madrileño de orixe ourensá e nai coruñesa de orixe palentina. Iníciase no piragüismo ós 13 anos no club do seu barrio en Pontevedra, o S.C.D. Salcedo, compite en piraguas de lona ata os 17 anos que pasa ó club Naval e é o primeiro de Pontevedra que compite en piraguas olímpicas K-1 e K-2, chegando a gañar multitude de competicións en Galicia ademais de regatas a nivel nacional e formar parte da selección galega de piragüismo. Vivindo en Valladolid, tamén por motivos familiares, practicou o piragüismo. Dous anos no Cisne de Valladolid e crea o club Doiro en Tordesillas ademais de organizar unha regata nacional no río Doiro. No ano 1977 volve a Pontevedra e ocupa o cargo de secretario da federación provincial dende onde se inicia un traballo de promoción creando numerosos clubs como o Breogán do Grove, as Torres de Catoira, Kayak Tudense, Penedo … e organízanse competicións como o Trofeo Príncipe de Asturias de carácter internacional e a volta do Descenso de Miño de Tui. En 1983 créase a Federación Galega de Piragüismo sendo o seu primeiro presidente, conseguindo grandes resultados deportivos tanto a nivel selección, campións varios anos consecutivos do Campionato por Autonomías Copa da Súa Maxestade o Rei, como de clubs galegos e palistas a nivel internacional, crea a Copa Xunta de Galicia e o nivel do piragüismo Galego acada o seu nivel máis alto ano tras ano con numerosos clubs novos e diversos éxitos deportivos en diferentes competicións nacionais e internacionais. No ano 2000 preséntase ás eleccións á presidencia da Real Federación Española de Piragüismo, gañándoas por maioría absoluta, consigue cumprir as súas promesas electorais duplicando o número de infantís a nivel nacional e creando unha liga, o que orixina a creación de máis clubs en todo o territorio nacional, tamén consigue ampliar o orzamento da federación atraendo patrocinadores. No campo deportivo conséguense diversas medallas en distintos campionatos do Mundo e de Europa, destacar as dúas medallas Olímpicas de David Cal en Atenas 2004 despois de 20 anos de seca. Volve a ser reelixido Presidente da Federación Española no 2004 por maioría, nos últimos anos destaca o seu traballo por traer a Pontevedra o Campionato de Europa de Augas Tranquilas e como consecuencia a creación do complexo deportivo do Pontillón de Castro en Verducido, facendo así de Pontevedra a capital do piragüismo español e un dos puntos de referencia deste deporte en Europa. MODALIDADE EMPRESA: ASOCIACIÓN DE GRANITEIROS A Asociación Galega de Graniteiros foi constituída en 1970 por Octavio Ramilo. Actualmente está composta por máis dunha trintena de empresas transformadoras, que representan máis do 80% da facturación do sector do granito na Comunidade (220 millóns de euros). Galicia é líder do granito en España, producindo máis do 60% dun produto que xera na comunidade 2.800 empregos, dun total de 5.000 no conxunto de España. A galega é ademais a principal Comunidade exportadora de granito do país (máis do 70%), sendo a maior parte das exportacións de granito elaborado. Dos 24.448.000 m2 de granito que se elaboran en España, practicamente un 65% (15.752.000 m2) saen das factorías galegas. Na actualidade, ten como principal obxectivo potenciar o desenvolvemento do sector no ámbito nacional e internacional. Para acadar este obxectivo, a AGG centra os seus esforzos na mercadotecnia sectorial, no desenvolvemento de actividades de I+D+I, na prevención de riscos laborais e na protección do medio. MODALIDADE SERVIZOS SOCIAIS: ALECRÍN O Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller “Alecrín” é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en 1985 co fin de promover a total incorporación das mulleres na sociedade e de eliminar obstáculos que impiden ou limitan a plena integración. Dende a súa constitución no ano 2000 o Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller atendeu a un total de 28.194 rapaces e rapazas. O Centro Xove de Sexualidade Alecrín desenvolveu no ano 2006 unha actividade da que se beneficiou unha poboación total de 5.100 persoas, 780 máis que no ano 2005. Fins da Asociación: promover a participación e integración das mulleres na vida social, laboral, económica e cultural; remover os obstáculos que impiden a plena aplicación do principio constitucional de non discriminación por razón de sexo; promover actividades ou campañas de rexeitamento social á violencia de xénero; fomentar accións destinadas ó colectivo xoven no ámbito da saúde sexual e reprodutiva; planificar programas de atención permanente a mulleres con problemáticas específicas; auspiciar reformas lexislativas necesarias para conquerir a plena igualdade das mulleres. MODALIDADE CULTURA: ANTÓN LAMAZARES Antón Lamazares (Maceira-Lalín, Pontevedra, 1954) foi o autor dalgunhas das exposicións máis importantes da arte española contemporánea. Lamazares deuse a coñecer nas mostras colectivas da Praza da Princesa, auspiciadas polo Concello de Vigo, en 1973. A primeira mostra individual realizouna en Compostela ó ano seguinte. Tamén está na primeira edición de Atlántica, en Baiona, en 1980. Comeza a saltar fronteiras e expón en Bos Aires, ese mesmo ano. Consegue becas e é seleccionado para mostras moi restritivas, no Museo da Arte Contemporánea de Madrid. A súa obra viaxa a Brasil, Alemania, Francia. Antes de cumprir os trinta anos é xa unha celebridade, un nome imprescindible no panorama da xoven pintura española. Está representado en tódolos museos de Galicia e noutros de Europa e América. A obra do artista galego foi vista, tanto de forma independente como en exposicións colectivas en Bélxica, Estados Unidos, Francia, Portugal, Arxentina, México e Reino Unido. A súa obra figura na colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ademais de estar incluída na doutros museos e coleccións particulares. MODALIDADE TURISMO: GRAN HOTEL DA TOXA O Gran Hotel Hesperia A Toxa é un establecemento de cinco estrelas situado na Illa da Toxa no Concello de O Grove. No 2007 estase a celebrar o seu centenario, foi o primeiro hotel-balneario de 5 estrelas de España. Os seus mananciais acreditaron as súas propiedades terapéuticas dende o ano 1846 e dende 1928 contan coa declaración de utilidade pública. As instalacións foron completamente reformadas no 2005 e hoxe tradición e modernidade conviven nunhas instalacións dotadas da tecnoloxía máis avanzada. A condesa de Pardo Bazán intuía xa o destino turístico de Galicia ó referirse, nun dos seus escritos, á lenda do asno moribundo que recobrou a súa saúde revolcándose nos fungos da Illa da Toxa. Se aquela terapia resultaba milagrosa para os animais ¿por qué non para o home?. En 1907, o Gran Hotel Balneario da Toxa abriu as súas portas cun suxestivo menú de curas: baños de sal, lodos e algas, masaxes baixo control fisioterapéutico, sesión de UVA naturais na piscina, programas específicos de adelgazamento, antiestrés, artrite e reumatismo ó bordo do mar, etc. O establecemento recorda a belle époque do balnearismo europeo, cando a burguesía se aprestaba en verán a tomar os seus baños de lodo con canotier e un paraugas baixo o brazo. ------ Folla: 11.15326.- COMUNICACIÓNS Non houbo. ------ Folla: FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: 12.15327.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE OBRIGAS Visto o informe que formula a Intervención desta Deputación, de data 31 de xullo de 2007, para o recoñecemento extraxudicial das obrigas, de gastos efectuados polo Centros Xestores e dependencias desta Deputación e que se especifican na relación que se achega, e en virtude das facultades que lle confire a base 17-1, parágrafo cuarto das aprobadas para a execución do orzamento de 2007, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar e declarar de aboo: A relación de facturas, que figuran coa referencia 200700000742, e que conten vinte e oito facturas, que comeza coa de Leaseplan Servicios, S.A., por importe de 453,17 € e que remata coa de Pavimentos de Meaño, S.L., por importe de 2.007,82 €, obedecendo ó seguinte detalle: Importe total.............................................................. 39.261,42 € Descontos do IRPF.................................................. 0,00 € Descontos do IVE soportado deducible............... 0,00 € Total líquido............................................................... 39.261,42 € ------ Folla: FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: 13.15328.- APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA ADXUDICAR, MEDIANTE CONCURSO, POR PROCEDEMENTO ABERTO, A XESTIÓN DO SERVIZO DE CONCESIÓN DA ESCOLA INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE” A Deputación de Pontevedra debido á escaseza e demanda existente de prazas de gardaría para nenos de 0 a 3 anos pretende crear unha Escola Infantil, e cumprir así unha función social e educativa, proporcionado ós seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo, ou condición social, a través dun programa global que garanta o pleno desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos. O Pleno da Deputación aprobou, con data 27 de xullo de 2007, a creación e posta en funcionamento do servizo de gardaría na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”. Este servizo de gardaría preténdese que se xestione a través da xestión indirecta mediante unha concesión, polo que se inicia o pertinente expediente para a súa contratación. Visto o Informe emitido, con data de 27 de xullo de 2007, polo Secretario sobre o prego de cláusulas económico-administrativas particulares que ha de rexer no concurso, e visto así mesmo, o informe favorable de fiscalización do expediente emitido por Intervención, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: Aprobar o expediente de contratación para adxudicar mediante concurso, por procedemento aberto, a xestión mediante concesión da Escola Infantil “Príncipe Felipe”, coas seguintes tarifas máximas: TARIFAS IMPORTE Normal 110 €/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 100% e 150% do salario mínimo interprofesional 99 €/mensuais (Redución do 10%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar superiores ó 75% e inferiores ó 100% do salario mínimo interprofesional 66 €/mensuais (Redución do 40%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 50% e o 75% do salario mínimo interprofesional 33 €/mensuais (Redución do 70%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar inferior ó 50% do salario mínimo interprofesional 0 €/mensuais (Redución do 100%) Servizo de comedor 33 €/mensuais Así mesmo a Xunta de Goberno acorda: - Autorizar o pagamento mensual dunha subvención do 30% dos gastos de funcionamento que irá con cargo á partida 07/422.422.227.09 do vixente orzamento provincial, percibíndoa o concesionario a través dunha redución dos custos de funcionamento que se lle repercutirán mensualmente. - Aprobar os pregos de cláusulas administrativas e técnicas que rexerán o Concurso como lei fundamental. - Iniciar o procedemento de adxudicación para a devandita contratación, concedendo un prazo de quince días naturais para a presentación de proposicións, contados a partir do día seguinte á última publicación do anuncio deste concurso no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Dito prego é como segue: “PREGO DE CLÁUSULAS ADMINISTRATIVAS PARTICULARES QUE, COMO LEI FUNDAMENTAL DO CONTRATO, REXERÁ O CONCURSO PARA ADXUDICAR, POR PROCEDEMENTO ABERTO, A XESTIÓN MEDIANTE CONCESIÓN DUN SERVIZO DE ESCOLA INFANTIL NA CIDADE INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE” I.- Obxecto do contrato.- A xestión e prestación do servizo de escola infantil da Cidade Infantil “Príncipe Felipe” baixo a modalidade de concesión administrativa, sendo por conta do adxudicatario toda a xestión administrativa que carree o centro e a recadación das tarifas ós usuarios. A prestación do servizo terá que cumprir coas prescricións técnicas e regulamento, que se une como anexo a este prego. II.– Orzamento do contrato.- Non existe un orzamento base de licitación, ó ser a xestión do servizo a risco e ventura do contratista de conformidade co previsto no apartado a) do artigo 156 do Real Decreto Lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, de aquí en diante TRLCAP. Non existe consignación orzamentaria para este contrato por non orixinar gastos para esta administración, se ben existe unha subvención á escola infantil que se estipula na cláusula seguinte. III.- Financiamento.- O presente contrato financiarase con cargo ás tarifas aboadas polos usuarios, así como pola subvención da Deputación que financiará o 30% dos gastos de funcionamento da gardaría, ademais das subvencións que poida conceder a Xunta de Galicia. Enténdense por gastos de funcionamento a electricidade, auga, alimentación, teléfono, gas, etc., e calquera outro gasto xeral que sexa necesario para o funcionamento do servizo publico. A subvención da Deputación financiásese con cargo á partida 07/422.422.227.09 do vixente orzamento provincial e as correspondentes de exercicios futuros. IV.- Duración do Contrato.- A duración do presente contrato será de TRES ANOS, contado a partir da data da acta de inicio de prestación do servizo, acta que deberá levantarse dentro do prazo máximo dos tres meses seguintes á sinatura do contrato. Antes da finalización do prazo establecido, o contrato poderá ser prorrogado mediante acordo expreso de ambas as dúas das partes por sucesivos períodos, sen que a totalidade da duración do contrato poida exceder de vinte e cinco anos. No caso de vencemento normal do contrato, ou anormal pola súa resolución ou declaración de caducidade, o órgano de contratación poderá acordar que o concesionario continúe na xestión do servizo ata tanto o novo adxudicatario se faga cargo do servizo ou asuma directamente a administración concedente. A Deputación resérvase o dereito de rescatar a concesión, antes do seu vencemento, se o xustificaren circunstancias de interese publico. V.- Procedemento e forma de adxudicación do contrato.- A adxudicación do contrato levará a cabo mediante concurso, ó non se efectuar a selección do empresario exclusivamente en atención á oferta o prezo da cal sexa máis baixo, e por procedemento aberto, que permite que todo empresario interesado poida presentar unha proposición. (art. 73.2, 85 TRLCAP). VI.- Tarifas.- As tarifas que o concesionario terá que percibir dos usuarios do servizo deberán ser aprobadas polo órgano de contratación da Deputación. As tarifas máximas prefixadas sobre as que se terán que licitar son as estipuladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e que serán as que se establecen a continuación: TARIFAS IMPORTE Normal 110 €/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 100% e 150% do salario mínimo interprofesional 99 €/mensuais (Redución do 10%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar superiores ó 75% e inferiores ó 100% do salario mínimo interprofesional 66 €/mensuais (Redución do 40%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 50% e o 75% do salario mínimo interprofesional 33 €/mensuais (Redución do 70%) Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar inferior ó 50% do salario mínimo interprofesional 0 €/mensuais (Redución do 100%) Servizo de comedor 33 €/mensuais VII.- Prazas dispoñibles e horarios.- A Escola Infantil contará con 115 prazas, das cales se reservará 25 prazas para os fillos dos traballadores do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e outras 25 para os da Deputación Provincial de Pontevedra. As prazas reservadas que non se cubran reverterán a favor das de libre disposición, podendo calquera cidadán optar a elas. Os niveis educativos que escolariza e o número de unidades, en cumprimento da normativa vixente, será de 8 unidades e estando analizado do seguinte xeito: ANOS UNIDADES De 0 a 1 anos 2 De 1 a 2 anos 3 De 2 a 3 anos 3 O horario do centro será dende as 7:30 da mañá ata as 22:30 da noite, en horario continuado, sen prexuízo de que en función da demanda poida existir un servizo nocturno e dos posibles servizos complementarios á atención do coidado de día que oferte o licitador. VIII.- Obrigas do Concesionario.- O contratista estará obrigado polo estipulado no prego de condicións económicas-administrativas, regulamento e a oferta presentada, que terán carácter contractual. Así mesmo, tamén se establecen as obrigas básicas seguintes: a) Prestar o servizo público de gardaría coa continuidade convida e garantir ós particulares o dereito a utilizar a gardaría nas condicións que se estableceran e mediante o aboo da contraprestación económica comprendida nas tarifas aprobadas. b) Coidar da boa orde do servizo, podendo ditar as oportunas instrucións, sen prexuízo das funcións de policía que corresponden á administración. c) Prestar o servizo por si mesmo, e con continuidade durante o prazo de duración da concesión, sendo de conta do concesionario os gastos de inversión e de xestión que orixine o seu funcionamento. d) Conservar as instalacións e mantelas en perfecto estado de funcionamento, limpeza e hixiene ata que por conclusión da concesión deban entregarse á Deputación. e) O contratista deberá solicitar autorización ó organismo provincial para realizar calquera modificación ou obra nas instalacións. f) O concesionario subscribirá unha póliza de seguro polos danos que se puidesen causar a terceiros na prestación do servizo, e polos danos que durante o prazo concesional poidan sufrir as instalacións afectas ó servizo. g) Deberá responder ante terceiros dos danos que poidan irrogarse polo funcionamento do servizo concedido, salvo os que procedan de actos realizados en cumprimento de ordes impostas pola Deputación. h) Non enaxenar nin gravar sen autorización bens ou instalacións que deban reverter a administración. i) Así mesmo, o concesionario deberá presentar á Deputación toda a documentación que lle sexa requirida para a presentación do servizo; facilitar o acceso á documentación da empresa para os efectos da comprobación da plena legalidade dos aspectos laborais, fiscais, etc., entregar mensualmente o libro de reclamacións e denuncias, levar un libro de inspeccións dilixenciado pola Deputación na que se rexistrarán ordénelas relacionadas coa prestación do servizo. IX.- Dereitos do concesionario.- Son dereitos do concesionario os seguintes: a) Utilizar os bens de dominio público necesarios para o servizo. b) Percibir dos usuarios do servizo as tarifas aprobadas pola administración concedente. c) Presentar suxestións para a modificación ou dotación das instalacións e para a mellora do servizo. X.- Instalacións e bens mobles cedidos ó concesionario, e o Servizo de comedor.- A administración contratante porá a disposición do concesionario as instalacións destinadas á escola infantil que se atopan situadas na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”, e os planos da cal se achegan no anexo 1. Ditas instalacións están compostas de 5 aulas, despachos de persoal, cociña, comedor, enfermaría para urxencias e patio de recreo. O concesionario terá á súa disposición o mobiliario que se atopa relacionado no Anexo 2. O contratista utilizará o servizo de comedor (despensa, comedor e servizo de cociña) da Cidade Infantil “Príncipe Felipe” que porá á súa disposición a administración, e que será opcional para os usuarios por unha tarifa mensual de 33 euros. XI.- Gastos de funcionamento e Subvención da Deputación.- A administración financiará o 30% dos gastos de funcionamento da gardaría (electricidade, auga, teléfono, gas, tarifa mensual de comedor por usuario e amortización das instalacións e bens mobles) que se determinan en función do anexo III. A Cidade Infantil “Príncipe Felipe”, como titular dos contratos vixentes cos subministradores destes servizos, pagará a totalidade da facturación, repercutíndoa mensualmente ó concesionario. A esta liquidación dos custos aplicaráselle unha redución do 30% en concepto da subvención achegada pola Deputación referenciada na cláusula III. Cando se produza un exceso de consumo nos servizos de electricidade, auga, teléfono e gas por enriba da media das demais dependencias da CIPF, o contratista deberá realizar unha xustificación do consumo, reservándose esta institución o dereito de non aplicar a redución do 30% nos excesos en caso de considerar este consumo inxustificado. XII.- Reversión.- Unha vez finalizado o contrato por cumprimento ou resolución deste, o servizo reverterá a administración de forma inmediata, debendo o contratista entregar as instalacións e bens mobles en perfecto estado de conservación e funcionamento axeitado. No prazo anterior a un mes á finalización do contrato, un representante da administración verificará que as instalacións estean nun estado óptimo de conservación. No caso de que o concesionario ofertase bens mobles na oferta económica, os mesmos reverterán na Deputación sen indemnización ningunha. XIII.- Capacidade para contratar.- Están capacitados para contratar as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar ou acrediten a correspondente solvencia económica, financeira ou técnica nos termos dos arts. 16 e 18 do texto refundido do R.d.l. da LCAP e non estean afectados por ningunha das circunstancias que enumera o art. 20 como prohibitivas para contratar. XIV.- Garantía provisional.- Será de tres mil trinta e seis euros (3.036,00 €) e poderá ser constituída en calquera das formas que contempla o art. 35 do Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas. XV.- Garantía definitiva. - A garantía definitiva será de seis mil setenta e dos euros (6.072,00 €), e poderá constituírse de calquera das formas previstas no art. 38 do texto refundido 2/2000, da LCAP. Dita fianza terá que ingresarse exclusivamente na Caixa desta Deputación. A constitución da garantía definitiva deberá acreditarse dentro dos 15 días naturais seguintes á notificación da adxudicación do concurso. XVI.- Presentación de proposicións: Lugar e prazo de presentación, formalidades e documentación.- 16.1 º.- Lugar e Prazo de Presentación.- As proposicións presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación en horario de 9 a 13 horas, durante os 15 días naturais seguintes á publicación do último anuncio no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de presentación de proposicións coincidise en festivo, prorrogarase o prazo ata o primeiro día hábil seguinte. Tamén poderanse presentar por calquera dos procedementos establecidos polos artigos 38. 4 º da Lei 30/92 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e 80 do R.d. 1098/2001 do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas. Cando a documentación se envíe por calquera dos procedementos antes indicados, o empresario deberá xustificar a data e hora da imposición do envío e anunciar ó órgano de contratación a remisión da oferta mediante télex, fax (986804126) ou telegrama no mesmo día. 16.2.- Formalidades.- As proposicións constarán de dous sobres pechados denominados A e B e en cada un dos cales se fará constar o contido, na forma que se indicará, e o nome do licitador. A) Sobre A, denominado proposición económica, que se presentará pechado, podendo ser lacrado e precintado, a petición do interesado e deberá ter a seguinte inscrición: Proposición económica para o concurso da XESTIÓN MEDIANTE CONCESIÓN DUN SERVIZO DE ESCOLA INFANTIL NA CIDADE INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE”. Dito sobre deberá conter os seguintes documentos: 1. Proposición Económica que se axustará ó modelo contido na cláusula final. 2. Proxecto Educativo (programa a desenvolver cos usuarios da gardaría). 3. Plan de xestión (persoal a empregar, organización, etc.). 4. Estudo económico-financeiro que xustifique o prezo ofertado (custos previstos, persoal, financiamento, etc.). 5. Memoria de melloras. B) Sobre B, denominado de documentos, expresará a inscrición de: Documentos xerais para o concurso da XESTIÓN MEDIANTE CONCESIÓN DUN SERVIZO DE ESCOLA INFANTIL NA CIDADE INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE”, e conterá a documentación que sinala o art.79 do texto refundido do R.d.l. 2/2000, do 16 de xuño, da Lei C.A.P., e en todo caso, a seguinte: 1. Documento ou documentos que acrediten a personalidade do empresario e a representación, se é o caso, do asinante da proposición, consistentes: 1.1. Documento Nacional de Identidade do licitador cando se trate de persoas físicas ou empresarios individuais, por fotocopia compulsada por quen ostente a representación pública administrativa, ou Escritura de constitución da Sociedade Mercantil, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil, cando o empresario fose persoa xurídica. 1.2. Poder debidamente bastanteado. 1.3. En caso de concorrer á licitación varias empresas, constituíndo unha unión temporal, cada unha delas deberá acreditar a súa personalidade e capacidade, indicando os nomes e circunstancias dos empresarios que subscriben as proposicións, a participación de cada unha delas, designando a persoa ou Entidade que, durante a vixencia do contrato, ha de exercer a representación da unión ante a Administración. 1.4. As empresas non españolas de Estados membros da Unión Europea, de Estados signatarios de acordo sobre o Espazo Económico Europeo e restantes empresas estranxeiras deberán acreditar a súa capacidade de obrar na forma prevista na LCAP e demais normativa vixente. Todas as empresas estranxeiras, comunitarias ou non, deberán presentar unha declaración de sometemento á xurisdición dos tribunais e xulgados españois. 2.- Declaración do licitador, facendo constar que non se atopa incursa en ningunha das prohibicións para contratar enumeradas no art. 20 e concordantes do texto refundido do R.d.l.2/2000 da LCAP. 3.- Documentos que acrediten atoparse ó corrente do cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. 4.- Resgardo acreditativo da constitución da garantía provisional. 5.- Informe de institucións financeiras acreditativo da solvencia económica e financeira ou no seu defecto seguro de indemnización por riscos profesionais. 6.- Declaración das cifras de negocios globais de concesións ou servizos realizados nos tres últimos exercicios. XVII- Mesa de Contratación.- A Mesa de Contratación estará integrada ou constituída do modo seguinte: Presidente, que o será o da Corporación Provincial, ou membro en quen delegue. Vogais: - O Secretario. - O Interventor. - A Directora de Xestión da C.I.P.F. Secretario: O Técnico Adxunto do Servizo de Contratación, Facenda e Patrimonio. XVIII.- Cualificación da documentación e apertura de proposicións.- A Mesa de Contratación, en acto, que terá lugar ás 10 horas do segundo día hábil seguinte ó da finalización do prazo de presentación de proposicións, se este fose sábado o primeiro día hábil seguinte, procederá ó exame da documentación presentada polos licitadores nos sobres B, indicando ós licitadores excluídos as causas da súa exclusión e demais observacións que se recollerán na Acta. A continuación, en acto público, o Secretario da Mesa procederá á apertura dos sobres A e dará lectura das proposicións económicas formuladas e elevaraas ós Servizos Técnicos correspondentes para os efectos de que emitan o preceptivo informe. XIX.- Criterios base para a adxudicación.- Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación do concurso, por orde decrecente de importancia, serán: a) Proxecto educativo (considerarase a calidade de proxecto de funcionamento de servizo: calendario, proxecto educativo, organización e plans de traballo, recursos humanos, etc. A proposta de organización deberá prever unha atención puntual por horas do servizo obxecto da concesión), ata 15 puntos. b) Plan de xestión (avaliarase a cantidade e calidade do persoal posto a disposición do servizo, así como o compromiso asumido polo persoal para a realización da totalidade traballos que require o servizo), ata 10 puntos. c) Fiabilidade do estudo económico-financeiro presentado que garanta a prestación do servizo, ata 10 puntos. d) Outras melloras, ata 10 puntos. e) Redución de tarifas, ata 5 puntos. XX.- Adxudicación definitiva.– O Órgano de Contratación, recibida a proposta da Mesa de Contratación e avaliados os informes técnicos correspondentes, ditará alternativamente, dentro dos tres meses seguintes á apertura de proposicións económicas, resolución motivada adxudicando o contrato á proposición máis vantaxosa, sen atender exclusivamente ó seu valor económico, ou declarar deserto o concurso. A adxudicación definitiva, unha vez acordada, calquera que sexa o procedemento seguido e a forma de contratación empregada, será notificada ós participantes na licitación. O efectuar a notificación ó adxudicatario do contrato, requiriráselle para que constitúa a garantía definitiva, na contía e forma indicadas na cláusula XV. XXI.- Formalización do contrato. - A Administración e o contratista deberán formalizar o contrato en Documento Administrativo, dentro dos 30 días seguintes ó de notificación da adxudicación, constituíndo título abondo para acceder a calquera Rexistro. Non obstante o anterior, dito contrato administrativo poderá elevarse a Escritura Pública a petición do contratista e á súa costa. XXII.- Gastos a cargo do adxudicatario.- Serán de conta do adxudicatario os gastos dos anuncios e demais que xere o expediente. Orzaméntanse os gastos de publicidade na contía máxima de 600,00 euros. XXIII.- Revisión de prezos.- Vencido o primeiro ano de vixencia do contrato poderase revisar as tarifas se a Xunta de Galicia establece por Decreto unha a súa variación, podendo incrementalas o concesionario na porcentaxe que o realizara a administración autonómica. A revisión de prezos deberaa de solicitar o adxudicatario á Deputación, e tras a tramitación o pertinente expediente, o órgano de contratación resolverá sobre esta. XXIV.- Resolución do contrato.- O contrato poderá extinguirse por algunha das causas de resolución anunciadas nos arts. 111 e 167 do texto refundido do R.d.l. 2/2000, do 16 de xuño, da LCAP. XXV.- Réxime xurídico. - En todo o non previsto expresamente no presente prego de condicións, estarase ó disposto no R.d.l. 2/2000 polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos de las Administracións Públicas e demais normativa que resulte de aplicación. XXVI.- Xurisdición competente.- As cuestións litixiosas xurdidas sobre interpretación, modificación, resolución e efectos dos contratos serán resoltas polo Órgano de Contratación, as resolucións do cal esgotarán a vía administrativa e abrirán a vía Contencioso-Administrativa, a teor da Lei da devandita xurisdición. XXVII.- Modelo de Proposición.- Don...... maior de idade, veciño de....., con domicilio en ......, titular do DNI nº...... expedido con data. ......, en nome propio (ou en representación de........con domicilio en.........., conforme acredito con Poder Bastanteado) decatado do anuncio publicado no ___ nº... do día. .... para adxudicar mediante Concurso, a “Xestión mediante concesión dun Servizo de Escola Infantil na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”, comprométese a realizalo, con suxeición ó Prego de Cláusulas Particulares e ó regulamento, e de conformidade cos seguintes importes: TARIFAS IMPORTE Normal _____ €/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 100% e 150% do salario mínimo interprofesional _____€/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar superiores ó 75% e inferiores ó 100% do salario mínimo interprofesional _____€/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar entre o 50% e o 75% do salario mínimo interprofesional _____€/mensuais Persoas cunha renda per cápita da unidade familiar inferior ao 50% do salario mínimo interprofesional 0 €/mensuais (redución do 100%) (Data e sinatura do propoñente)” ------ Folla: FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: 14.15329.- CORRECCIÓN DE ERRO NO ACORDO Nº9.15163, DA XUNTA DE GOBERNO DE 25 DE MAIO DE 2007 Visto o erro tipográfico padecido no texto do acordo nº9.15163 adoptado pola Xunta de Goberno, na sesión celebrada o 25 de maio do ano en curso, referente á aprobación do convenio de colaboración entre a Excma. Deputación de Pontevedra e a Asociación de Empresarios do Deza para o acondicionamento do seu novo local. E resultando que as administracións públicas poden rectificar en calquera intre, de oficio, os erros existentes nos seus actos, todo iso segundo o disposto no artigo 105.2 da Lei 30/92, de 26 de novembro, do Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: Rectificar o erro no texto do acordo nº9.15163, onde se reproduce o convenio, na segunda cláusula referente ás obrigas da Deputación, no seguinte senso: - Onde di: “...irá con cargo á partida 07/451.451.489.05 do vixente orzamento provincial.” - Debe dicir: “...irá con cargo á partida 07/451.451.789.05 do vixente orzamento provincial.” Permanecendo invariable o resto do texto do acordo da Xunta de Goberno citado anteriormente. ------ Folla: 15.15330.- ROGOS E PREGUNTAS Non se formularon. E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas e trinta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, o Secretario que dou fe. O Presidente, O Secretario, ------

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición