Fondos
-
4. COMISIÓN PERMANENTE. COMISIÓN DE GOBERNO. XUNTA DE GOBERNO
2004-09-24_Ordinaria. Acta de sesión 2004/09/24_Ordinaria
Acta de sesión 2004/09/24_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.33.371/2.2004-09-24_Ordinaria
Título Acta de sesión 2004/09/24_Ordinaria
Data(s) 2004-09-24 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido Folla: XUNTA DE GOBERNO Sesión do día 24 de setembro de 2004 --------o0o-------- En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as dez horas do día vinte e catro de setembro do ano dous mil catro, baixo a Presidencia do Sr. D. José Manuel Figueroa Vila, Vicepresidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, D. Xosé Crespo Iglesias, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. José Juan Durán Hermida, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Ramón Campos Durán, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Antonio Landín Eirín e D. Alfredo Rodríguez Millares, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto D. Carlos Cuadrado Romay, Secretario Accidental e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asiste o Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.12437.- ACTA ANTERIOR Acórdase por unanimidade, aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 17 de setembro do ano 2004. ------ Folla: 2.12438.- ADXUDICACIÓN DO CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DE "DIVERSAS OBRAS DO PPC 2004". Vista a acta de cualificación da documentación xeral e apertura de plicas, formulada pola Mesa de Contratación do concurso convocado para a contratación de "Diversas obras do PPC 2004"; visto o informe emitido polo Enxeñeiro Director de Vías e Obras, no que se valoran as distintas ofertas presentadas, de acordo cos criterios de valoración que figuran no prego de condicións económico-administrativas que rexeron no concurso; e, vista a proposta de adxudicación formulada pola Mesa de Contratación, acórdase por unanimidade: - Adxudicar a CONSTRUCCIÓNS, OBRAS E VIAIS, SA a obra "EP 0403 Carballedo-Rebordelo (Cotobade) (PPC 2004)" na suma de 142.097,07 Euros, IVE incluído, que oferta un prazo de execución de tres meses, melloras valoradas en 16.052,81 Euros e un período de mantemento de trinta e catro meses. - Adxudicar a CONSTRUCCIÓNS, OBRAS E VIAIS, SA a obra "EP 2405 Cerquido-Budiño (Porriño)" (PPC 2004) na suma de 197.060,00 Euros IVE incluído, que oferta un prazo de execución de dous meses, melloras valoradas en 21.591,66 Euros e un período de mantemento de trinta e catro meses. - Á certificación liquidación de cada obra engadiráselle certificación independiente das melloras ofertadas xustificándose así a súa realización ou subministro. Os adxudicatarios deben constituir fianza definitiva por importe do 4% do prezo de adxudicación, na forma que determina o art. 36 do RDL 2/2000, de 16 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, que establecerá na Tesourería da Deputación dentro do prazo de quince días naturais, contados a partir da notificación desta Resolución. Caso de non cumprirse este requisito declararase resolto o contrato. Así mesmo, o adxudicatario debe ingresar na Tesourería da Deputación, de acordo coa base 14ª do prego de condicións económico-administrativas que rexeron no concurso, a cantidade de 293,81 Euros correspondente á publicación de anuncios do concurso no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia. Contra este acordo que pon fin á vía administrativa poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que o dictou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta notificación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, ou perante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia segundo o disposto nos artigos 8 e 10 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, Reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa, e todo eso no prazo establecido no artigo 46 da citada Lei. Todo iso sen prexuízo de que poida utilizar calquera outro recurso que estime conveniente. ------ Folla: 3.12439.- ADXUDICACIÓN DO CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO DE "ORDENADORES E IMPRESORAS DA PRIMEIRA ANUALIDADE DO PLAN DE ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO INFORMÁTICO E PROGRAMAS PARA OS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA" Visto o acordo adoptado pola Xunta de Goberno na sesión do día 16 de xullo de 2004 polo que aprobou o expediente de contratación, mediante concurso, procedemento aberto, para o subministro de ordenadores e impresoras da primeira anualidade do plan de adquisición de equipamento informático e programas para os concellos da provincia de Pontevedra, cuxo anuncio do concurso foi publicado no Boletín Oficial da Provincia número 140 do día 22 de xullo de 2004 e no Diario Oficial de Galicia número 149 do día 3 de agosto de 2004. Vista a acta de cualificación da documentación xeral e de apertura de plicas presentadas e admitidas ó lote número 1 correspondente ó subministro de ordenadores, así como ó lote número 2 para subministro de impresoras, suscrita pola Mesa de Contratación con data 11 de agosto de 2004. Vistos os informes emitidos para cada un dos lotes, ambos de data 15 de setembro de 2004, polo Técnico de Informática do Centro Provincial de Asesoramento Municipal (CPAM) sobre valoración das distintas ofertas admitidas ó concurso de acordo cos criterios de valoración establecidos nos pregos de condicións que rexeron o concurso. Vista a proposta formulada pola Mesa de Contratación na reunión do día 22 de setembro de 2004 para que se lle adxudique os lotes do concurso ás empresas, Algoritmos Procesos y Diseños, SA (lote nº 1) e Coremain, SL (lote nº 2), por resultar as ofertas máis vantaxosas das presentadas e admitidas, de acordo cos informes técnicos para cada un dos lotes emitidos polo Sr. Técnico de Informática do Centro Provincial de Asesoramento Municipal (CPAM), ambos de data 15 de setembro de 2004. Acórdase por unanimidade adxudicar os lotes do concurso para contratación do subministro de ordenadores e impresoras da primeira anualidade do plan de adquisición de equipamento informático e programas para os concellos da provincia de Pontevedra, ás seguintes empresas: LOTE NÚMERO 1.- Á empresa ALGORITMOS PROCESOS Y DISEÑOS, SA (APD) (CIF.- A-28634046), que oferta o subministro de 46 ordenadores, coas melloras que figuran na proposta, polo prezo de SESENTA E OITO MIL NOVECENTOS DEZAOITO EUROS (68.918,00) (IVE incluído), ó resultar a oferta máis vantaxosa de entre as presentadas e admitidas, segundo os criterios de valoración establecidos nos pregos de condicións e reunir os requisitos esixidos en dito concurso. LOTE NÚMERO 2.- Á empresa COREMAIN, SL (CIF B-15313505), que oferta o subministro de 61 IMPRESORAS, coas melloras que figuran na proposta, polo prezo de CORENTA E OITO MIL CINCOCENTOS EUROS (48.500,00 Euros) (IVE incluído), ó resultar a oferta máis vantaxosa de entre as presentadas e admitidas, segundo os criterios de valoración establecidos nos pregos de condicións e reunir os requisitos esixidos en dito concurso. O pago do subministro dos ordenadores e impresoras, efectuarase no seu día ós adxudicatarios de cada un dos lotes, con cargo á partida, 04/551.551.762.13, do vixente Orzamento Provincial. A empresa adxudicataria do lote número 1, ALGORITMOS PROCESOS Y DISEÑOS, SA, deberá constituir unha fianza definitiva equivalente ó 4% do prezo de adxudicación por importe de 2.756,72 Euros e a empresa adxudicataria do lote número 2, COREMAIN, SL, deberá constituir así mesmo unha fianza definitiva equivalente ó 4% do prezo de adxudicación por importe de 1.940,00 Euros, que ambos adxudicatarios ingresarán na Tesourería da Deputación en calquera das formas previstas no artigo 36 do RDL 2/2000, de 16 de xuño, do texto refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, no prazo de quince días naturais contados dende a notificación deste acordo. No caso de non cumprirse este requisito por causas imputables ó adxudicatario, dará lugar a resolución do contrato. Así mesmo acórdase a devolución das fianzas provisorias constituídas polos licitadores que non resultaron adxudicatarios. As fianzas provisorias das empresas adxudicatarias devolveranse unha vez teñan constituída a fianza definitiva. Cada un dos adxudicatarios dos lotes números 1 e 2, deberán ingresar na Caixa desta Deputación as cantidades de 32,25 Euros e 102,38 Euros (total 134,63 Euros) por gastos de anuncios no Boletín Oficial da Provincia e Diario Oficial de Galicia, respectivamente. ------ Folla: 4.12440.- SOLICITUDE DE PRÓRROGA DO CONCELLO DE LALÍN, PARA A XUSTIFICACIÓN DA OBRA: "DEMOLICIÓN E ACONDICIONAMENTO ANTIGÜO CEMENTERIO PARROQUIAL DE GOIÁS", INCLUÍDA NO PAM/03 Apróbase por unanimidade a solicitude do Concello de Lalín, pola que interesa a concesión dunha prórroga, para xustificar a obra incluída no PAM/03, co número 196/642, denominada "Demolición e acondicionamento antigüo cementerio parroquial de Goiás", subvencionada con 59.998,62 Euros, por Resolución Presidencial de 04-09-03. Concédese un aprazamento na súa xustificación ata o 30.06.05, con carácter improrrogable. ------ Folla: 5.12441.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D. GUMERSINDO PAZ REY, AVOGADO, EN NOME E REPRESENTACIÓN DE DONA DOLORES PÉREZ FERREIRA, POR DANOS EN ACCIDENTE DE TRÁFICO NA ESTRADA PROVINCIAL 8001, DIRECCIÓN CALDAS DE REIS Dada conta que con data de Rexistro de 11 de xuño de 2004 tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por D. Gumersindo Paz Rey, avogado, con enderezo na rúa Rey Daviña nº 43-3º B de Vilagarcía de Arousa, en nome e representación de Dona Dolores Pérez Ferreira, por danos padecidos en automóbil da súa propiedade, marca Daewoo Nubira Compact, matrícula 0606-BFM, na estrada provincial 8001 dirección Caldas de Reis, o día 15 de novembro de 2003, cando era conducido coa debida autorización da súa propietaria, por D. Carlos Alfonso Sanjuán Perez, e que individualiza economicamente en 577,03 euros. Resultando que con data 15 de xuño de 2004 e a través de comunicación da Presidencia requeríuse ó devandito letrado para a subsanación da solicitude mediante presentación do oportuno apoderamento. Resultando que o 8 de xullo de 2004 tivo entrada no Rexistro Xeral escrito do citado letrado, Sr. Paz Rey, ó que acompañaba copia de poder notarial outorgado ó seu favor por Dona Dolores Pérez Ferreira. Resultando Que con data 9 de xullo de 2004 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do R.D. 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 171 do RD 2568/86, solicitouse ó Servizo de Vías e Obras informe sobre os seguintes extremos: - Se na data do 15 de novembro de 2003, na e.p. 8001, en dirección a Caldas de Reis, á altura do quilómetro 3, foi retirado polas Brigadas, unha árbore. - Onde se atopaba, na súa localización, antes da caída, a citada árbore. Resultando que con data 11 de agosto de 2003 o Servizo de Vías e Obras emite informe, no que textualmente dise: "Que no fue realizado por nosotros, fue un pequeño árbol que dieron aviso y cuando llegó la brigada no estaba". Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e pasiva e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do R.D. 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que non quedou acreditada a relación de causalidade (artigos 139.1 da Lei 30/92 e 13.2 do R.D. 429/93) co material probatorio aportado ó expediente, antes ó contrario, queda demostrada a non responsabilidade desta Deputación no evento lesivo, por canto o acaecido adáptase de xeito perfecto a un suposto de forza maior ou caso fortuito non imputable a un funcionamento normal dos servizos públicos desta Deputación, que, cómpre recordalo, actuaron coa debida dilixencia para retirar a árbore en evitación de posibles danos a outros vehículos, facendo polo tanto todo o que era esixible e estaba no seu ámbito competencial de actuación xa que o acaecemento dun feito natural, que non é na súa propia esencia previsible nin evitable, libera a esta Deputación de calquera obriga indemnizatoria, pois aceptar o contrario suporía asumir que a caída dunha árbore é feito previsible, e, polo tanto, evitable, o cal atópase alonxado da máis elemental lóxica xurídica. Considerando.- Que as Administracións Públicas réxense en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e ss. da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do R.D. 2568/86 e R.D. 429/93. Considerando.- Que no presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do R.D. 429/93, referido á desestimación argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade desestimar a reclamación. ------ Folla: 6.12442.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D CÁNDIDO DAVILA BRUN POR DANOS EN ACCIDENTE DE TRÁFICO NA ESTRADA DE URGAL-MEDIAALDEA (BAIONA) Dada conta que con data de Rexistro de 10 de agosto de 2004 tivo entrada nesta Deputación Providencia do Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Baiona, remitindo reclamación presentada por Don Cándido Davila Brun, por danos padecidos en automóbil da súa propiedade matrícula PO-2624-BN, na estrada de Urgal-Medialdea, daquel Municipio, que individualiza economicamente en 167,01 euros. Resultando que con data 16 de agosto de 2004 solicitouse informe ó Servizo de Vías e Obras, manifestándose por este que para poder emitir o mesmo era preciso que o reclamante indicara o punto exacto do accidente, a fin de identificar correctamente o lugar. Resultando que con data 23 de agosto 2004 e por medio de escrito da Presidencia requeríuse ó interesado en dito sentido, cumprimentando a petición mediante escrito con Rexistro de entrada 27 de agosto seguinte. Resultando que con data 9 de setembro emítese o oportuno informe polo Servizo de Vías e Obras, que textualmente dí: "En visita realizada el día 07/09/04 al lugar indicado por el reclamante, personal de vigilancia de este Servicio ha podido comprobar que en el mismo se aprecia la reposición con hormigón del pavimento de una zanja de acometida de saneamiento al colector general. Tal conexión ha sido realizada, sin permiso de este Servicio, razón por la que ha sido denunciado, por el propietario de la vivienda. La zanja abierta en su momento pudo haber sido, antes de su correcta reposición, la causante del accidente que, por lo tanto, exime de responsabilidades a este servicio, pues, como se ha dicho, fue ejecutada por un particular y sin permiso". Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e pasiva e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do R.D. 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que non quedou acreditada a relación de causalidade (artigos 139.1 da Lei 30/92 e 13.2 do R.D. 429/93) co material probatorio aportado ó expediente, antes ó contrario, queda demostrada a non responsabilidade desta Deputación no evento lesivo, por canto do tenor literal do informe de "Vías e Obras" dedúcese de maneira meridianamente clara que a zanxa aberta no seu momento foino POR UN PARTICULAR E SEN AUTORIZACIÓN desta Deputación, polo que tal feito exonéraa de calquera obriga indemnizatoria, e iso sen prexuizo da acción que en vía civil e en virtude do artigo 1902 do Código da mesma orde compete ó particular prexudicado para dirixirse contra o autor/es da zanxa e da responsabilidade do ente provincial para incoar o expediente sancionador -se non se tivera xa incoado- contra o infractor pola comisión dunha falta contra a Ordenanza Reguladora do Uso e Defensa das Estradas Provinciais, aprobada por acordo plenario de 27 de outubro de 1995 e publicada no Boletín Oficial da Provincia de 16 de xaneiro de 1996. Considerando.- Que as Administracións Públicas réxense en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e ss. da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do RD 2568/86 e R.D. 429/93. Considerando.- Que no presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do R.D. 429/93, referido á desestimación argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade desestimar a reclamación. Cúrsese traslado desde acordo á Sección correspondente de Vías e Obras ós efectos de que se identifique ó responsable da realización da zanxa, e se incoe o pertinente expediente sancionador, se non se tivese xa efectuado. ------ Folla: 7.12443.- CONCESIÓN DE AXUDA ECONÓMICA PARA ASISTIR A CURSO Visto o escrito presentado no Rexistro Xeral desta Excma. Deputación Provincial o 17 de agosto de 2004, polo funcionario D. José Luis Castro Carpintero, Arquiveiro Bibliotecario adscrito ó Servizo de Arquivo, Biblioteca e Publicacións, interesando unha axuda económica destinada a sufragar os gastos de inscripción en dous cursos organizados pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) sobre "O Patrimonio Cultural e a súa xestión" e "Lectura e interpretación da cartografía española a través das novas tecnoloxías", cuxo importe ascende a 250,40 Euros e 252,52 Euros, respectivamente, acórdase por unanimidade, ó amparo do establecido nas normas aprobadas pola Comisión de Goberno o 11 de novembro de 1983, artigo 16.6.a) do IV Acordo Regulador-Convenio Colectivo do 8 de xaneiro de 2001, conceder ó interesado unha axuda económica por importe de 252,52 Euros en concepto de gastos de inscripción para poder matricularse no curso de "Lectura e interpretación da cartografía española a través das novas tecnoloxías" e ó propio tempo denegarlle a axuda solicitada para o curso de "O Patrimonio Cultural e a súa xestión", ó decidirse nas últimas reunións da Xunta de Goberno conceder unicamente unha axuda económica para o ano en curso. ------ Folla: 8.12444.- COMUNICACIÓNS. Non houbo. ------ Folla: 9.12445.- ROGOS E PREGUNTAS Non se formularon. FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa unánime declaración de urxencia, adoptáronse os seguintes acordos: ------ Folla: 10.12446.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO O pasado día 29 de maio celebrouse o I Día da Ciencia na Rúa na cidade de Vigo, patrocinado por esta Deputación Provincial, baixo a coordinación da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias de A Coruña. Este evento era a primeira vez que se desenvolvía nunha cidade da provincia de Pontevedra, e por conseguinte programáronse unha serie de actividades cuxo custo económico non era posible coñecer ata despois de realizado o evento, toda vez que se descoñecía o número de nenos participantes nese Día. Por conseguinte, apróbase e declárase de aboo, as seguintes facturas do mencionado Día da Ciencia na Rúa: Grupo Norte 12.947,20 El Molino 2.140,00 Sermasa 417,60 Autos González 401,25 Fantasía 1.740,00 Disman 480,76 Serramar 1.372,00 Automóviles P. Pombo 963,00 O total destas facturas, ascende á cantidade de 20.461,81, con cargo á partida 451-451-226-11. "Programas Culturais Xacobeo 2004". ------ Folla: 11.12447.- DAR CONTA DE SENTENZA DO XULGADO DE 1ª INSTANCIA E INSTRUCCIÓN Nº 6 DE PONTEVEDRA, RECAÍDA EN AUTOS DE MENOR CONTÍA Nº 99/2000, PROMOVIDOS POLA ENTIDADE MERCANTIL "INMOBILIARIA DURÁN GÓMEZ, S.A. CONTRA O CONCELLO DE PONTEVEDRA E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL A Xunta de Goberno queda enterada de sentenza do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº 6 de Pontevedra, recaída en Autos de Menor Contía nº 99/2000, promovidos pola entidade mercantil "Inmobiliaria Durán Gómez, S.A." contra o Concello de Pontevedra e esta Deputación Provincial, sobre acción reivindicatoria e subsidiariamente de dominio en relación con finca sita en A Seca, termo municipal de Pontevedra, e na que se desestima totalmente a demanda formulada pola citada inmobiliaria, absolvendo ós codemandados, Concello de Pontevedra e Deputación Provincial. ------ Folla: 12.12448.- ADXUDICACIÓN, POR PROCEDEMENTO NEGOCIADO SEN PUBLICIDADE, DO CONTRATO PARA PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE EDICIÓN E IMPRENTA NO DIARIO DE PONTEVEDRA Visto o escrito do Sr. Xefe do Gabinete de Prensa de data 15 de xullo de 2004, polo que solicita que se leven a cabo os trámites necesarios para formalizar un contrato de prestación de servizos de edición e imprenta coa empresa Lérez Ediciones, S.L., editora do periódico "Diario de Pontevedra", para a publicación de 34 suplementos con temas culturais, de ciencia e humanidades referentes ó campus de Pontevedra e da provincia en xeral, cunha tirada de 3.441 exemplares por suplemento e un total de 117.000 exemplares, así como a publicación de 15 faldóns publicitarios de 5 módulos no suplemento HQR, con contidos que fagan referencia ás actuacións realizadas pola Deputación para o fomento do deporte base e a publicación de 6 medias páxinas de publicidade con contidos que reflexen as actividades e actuacións da Deputación Provincial de Pontevedra en todos os seus ámbitos de actuación como organismo dinamizador e promotor de ditas actividades, cuxo importe máximo cifra na cantidade de 84.790,00 Euros, IVE incluído. Visto o Documento RC expedido por Intervención de data 19-08-2004, certificando a existencia de crédito para facer fronte ó gasto; vistos así mesmo os informes do Sr. Secretario Xeral sobre o prego de condicións e o de fiscalización emitido polo Sr. Interventor e vista a proposta de adxudicación de data 23-09-2004 efectuada polo Xefe do Servizo de Contratación. De conformidade co previsto no artigo 210 b) do RDL 2/2000, de 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, acórdase por unanimidade: - Aprobar o expediente de contratación e o prego de condicións económico-administrativas, autorizar o gasto e adxudicar á empresa, LÉREZ EDICIONES, S.L. (CIF B-36.003.549), o contrato para Prestación de servizos de edición e imprenta no periódico "Diario de Pontevedra", pola cantidade global de OITENTA E CATRO MIL SETECENTOS NOVENTA EUROS (84.790,00 Euros), IVE incluído e de acordo ós prezos unitarios que figuran na oferta presentada pola empresa. A adxudicación motívase por ser a única empresa que pode realizar o contrato de acordo ó informe do Xefe de Gabinete de Prensa, así como por cumprir as condicións esixidas no prego. Así mesmo apróbase o gasto por importe de 84.790,00 Euros, que será librado no seu día con cargo á partida 04/111.111.226.02, número de Operación 200400060403, do vixente Orzamento Provincial. O adxudicatario deberá constituir unha fianza definitiva equivalente ó 4% do prezo de adxudicación por importe de 3.391,60 Euros, que ingresará na Tesourería da Deputación en calquera das formas previstas no artigo 36 do RDL 2/2000, de 16 de xuño, do texto refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, no prazo de quince días naturais contados dende a notificación deste acordo. No caso de non cumprirse este requisito por causas imputables ó adxudicatario, dará lugar á resolución do contrato. E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas e vinte e cinco minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, o Secretario que dou fe. ------
Ãrea de notas
Nota