ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.158
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.486

Presentación do libro disco de Acorda

28 de maio de 2022

A Deputación de Pontevedra vén de editar un libro-disco cos traballos realizados dentro do proxecto ‘Acorda'para dar a coñecer e poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música.

A nova publicación, baixo o título ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra', inclúe un pendrive coa peza audiovisual baixo a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo e outro dispositivo coas cancións interpretadas polas voces diversas e reivindicativas de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido.

Na parte da edición inclúense textos de Montse Fajardo e Lois Pérez, e fotografías do como se fixo o documental de Alba Díaz.

No proxecto ‘Acorda' preténdese achegar ao público xeral a memoria histórica a través dun formato non habitual: no documental faise un percorrido por diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na provincia de Pontevedra, ben por ser lugares nos que se produciron execucións, de enterro ou relacionados coa República: a antiga ‘Escola Normal' en Pontevedra; a Ponte Regueiro, en A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura; e finalmente a Illa de San Simón.

O acto de presentación do libro-disco será este sábado ás 12 do mediodía no salón de plenos do Pazo Provincial en Pontevedra.

Contará coa actuación especial de dúas das artistas que participaron no documental, Uxía e Sheila Patricia, e tamén cos autores do resto do material: a escritora Montse Fajardo, a fotógrafa Alba Díaz e o escritor e guionista Lois Pérez.

A entrada ao evento, no que se agasallará cun exemplar ao público asistente, é de balde, mais é precisa inscrición previa.