ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

A Deputación celebrará o 5 de novembro unha ‘Gala da Memoria' para revindicar e homenaxear ás vitimas da ditadura

Será nun espectáculo musical e audiovisual con colaboracións entre Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Pedro Pastor, Woyza e Serxio García MC. A entrada é de balde, con inscrición previa a través do formulario que se habilitará a vindeira semana na web da Deputación

19 de outubro de 2021 Memoria histórica
Uxía su Garrido

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vai celebrar o vindeiro 5 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra unha ‘Gala da Memoria' en homenaxe a todas as persoas asasinadas e represaliadas durante a ditadura e a represión franquista. Será un espectáculo musical e audiovisual no que se producirán de maneira única colaboracións entre artistas como Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Pedro Pastor, Woyza e Serxio García MC.

O acto foi presentado hoxe pola deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen destacou que o evento desenvolverase no mes de novembro por un mes de grande simboloxía en Pontevedra e no que este ano se conmemora o 85 aniversario do 1936, data na que foron asasinadas na Caeira mártires defensores da República e da liberdade, entre eles dúas persoas que presidiron a Deputación provincial: Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro.

Segundo dixo Ortega, a gala naceu inicialmente como un acto independente, pero pouco a pouco foi desenvolvéndose da man do documental Acorda, unha peza audiovisual que baixo a dirección artística de Uxía e Marina Carracedo percorreu con agrupacións e artistas galegas os lugares da memoria que foron escenarios do terror nos anos do medo. De ser pensada como a interpretación en directo das pezas do documental pasou a ser un espectáculo baixo a condución de María Lado e Lucía Aldao que incorporou tamén novas voces na pretensión de atraer xente moza.

"Vai haber colaboracións musicais ‘ad hoc' entre as persoas que participan con temas relacionados coa memoria, e polo tanto vai ser a única ocasión para escoitar esas voces con eses temas", explicou a deputada, que tamén salientou a satisfacción de contar co cantautor Pedro Pastor –fillo do tamén cantautor Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra-, "que foi ‘vetado' no oxímoron do ‘Madrid da liberdade'".

Para asistir á gala, totalmente de balde, será preciso inscribirse previamente no formulario que se habilitará a semana próxima na web da Deputación. Estase á espera de saber o aforo permitido, mais será dun mínimo do 90%. "Non hai escusa: haberá xente que é potencia no país, un elenco marabilloso e tamén moitas prazas, e todo de balde. Agardámosvos alí", convidou Ortega.

A directora artística da gala, Uxía, afondou nos detalles da gala e afirmou que a mistura de memoria e música "é unha ferramenta poderosa para concentrar público e xerar emoción". "Será unha gala de Memoria con grandes doses de rebeldía, humor, irreverencia, compromiso e beleza, ingredientes moi importantes para dar visibilidade a ese pasado que nos proxecte a un futuro por vir, para que as novas xeracións se sintan afíns e con vontade de traballar e apoiar ás asociacións de memoria", afirmou.

Ademais de lembrar a traxectoria das e dos artistas que xa participaron no documental Acorda e foron ‘rescatados' para a gala, Uxía, puxo en valor as incorporacións de Pedro Pastor, quen destacou que vai traer a Pontevedra a súa peza ‘Los olvidados' do seu último álbum; de Woyza, unha muller que definiu como de grande traxectoria, e que estará co seu proxecto ‘The galician messengers' interpretando versións de cancións tradicionais galegas; ou de Sergio García MC, un talento galego no hip-hop- con grande proxección latina que ten grande compromiso co idioma, a identidade do país e tamén a memoria. "Prometemos interacción, un tema conxunto final e sorpresa", apuntou Uxía, que tamén salientou o traballo de videocreación que está a facer Juanma Lodo.