Creador de
Delegación de Economía e Facenda de Vigo. Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
Área de descrición
Datas de existencia 1990-
Historia Pola Lei do 25 de xuño de 1926 créase a Subdelegación de Facenda de Vigo, xunto coas de Alcoi, Xixón, Haro, Linares e Reus. Estas subdelegacións dependen do delegado de facenda das respectivas provincias e das direccións xerais do ramo a que corresponden os servizos que se lles encomendan. Os servizos das subdelegacións desempeñan funcións similares ás das delegacións de facenda aínda que a súa competencia e xurisdición se cingue ó territorio do partido xudicial que, neste caso, abarca os Concellos de Vigo, Baiona, Nigrán e Gondomar. Segundo a Real orde do 24 de novembro de 1926, pola que se aproban as instrucións para o seu funcionamento, divídense nas seguintes seccións: Administración, Tesourería e Contabilidade, Inspección de Tributos, Avogacía do Estado e Intervención. Esta Subdelegación convértese en Delegación de Facenda polo Decreto 1778/1965 do 3 de xullo, que reorganiza a administración territorial de facenda, exercendo as súas funcións na demarcación territorial que tiña asignada e coa mesma organización, competencia e funcións cá Delegación de Pontevedra. Tras estes cambios a súa estrutura orgánica verase de novo modificada polo Decreto 407/1971, do 11 de marzo, e polo Real decreto 489/1979, do 20 de febreiro, desenvolto na Orde do 23 de maio de 1980. Por esta Orde a Delegación de Facenda de Vigo clasifícase como de segunda categoría, igual cá de Pontevedra, e está constituida polas seguintes dependencias: Relacións cos Contribuíntes, Inspección de Facenda, Avogacía do Estado, Intervención de Facenda e Tesourería. Un gran cambio prodúcese mediante a Lei 31/1983, do 28 de decembro, de cesión de tributos á Comunidade Autónoma de Galicia, pola que esta asume, por delegación do Estado, a xestión, liquidación, recadación, inspección e revisión, no seu caso, dos tributos cedidos, sen prexuízo da colaboración que poida establecerse entre ambas administracións de acordo coa Lei 30/1983, do 28 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas. Finalmente, os últimos cambios dignos de mención son, por un lado, a creación do Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria e as xerencias territoriais como órganos territoriais periféricos executivos segundo o Real decreto 1279/1985, do 24 de xullo, determinando a súa composición e funcionamento a Orde de 28 de xullo de 1986. E, por outro, a creación da Axencia Estatal de Administración Tributaria pola Lei 31/1990 de orzamentos para 1991. Polo Real decreto do 30 de decembro de 1990 cambian as delegacións a súa denominación pola de Delegación de Economía e Facenda.
Lugares Galicia - Pontevedra - Comarca de Vigo - Vigo
Área de control da descrición
Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)