ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

EDICIÓNS

A diversidade de temas e tratamentos que se traballan nas publicacións desemboca nun interesante expositor editorial que se pode estruturar en diferentes coleccións:

  • A provincia en imaxes

    O auxe do coleccionismo postal, ao que non é alleo -no que atinxe á provincia pontevedresa- a organización do I Simposio da Tarxeta Postal que tivo lugar en Vigo do 17 ao 23 de decembro de 1977, supuxo unha aposta polas edicións nas que, de maneira moi visual, se reflicten diferentes aspectos culturais e sociais do noso pobo, momentos, usos e costumes da vida cotiá nas aldeas e incipientes urbes, a arquitectura rural, a obra civil, os seus monumentos, as súas paisaxes e a riqueza natural. Sen chegar a ser estritamente "libros de fotografías", a imaxe claramente asume o protagonismo do que se conta. Trátase dunha colección numerada e pretende recompilar unha mostra visual de todos os concellos da provincia.

  • Arte

    Nos seus inicios en 1991 a colección denominada "Arte" nutriuse fundamentalmente dos catálogos dedicados a artistas que a comezos dos 80 conformaron o innovador grupo Atlántica. Francisco Leiro abriu a serie e seguírono Jesús Valverde, Xosé Freixanes, Fernando Casás, Manolo Moldes, Antón Lamazares, Manolo Paz, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Enrique Velasco, Darío Basso, Xoán Anleo, Tono Carbajo, Silverio Rivas e Din Matamoro; todas e todos eles naturais da provincia pontevedresa.

    Desde aquela, outros nomes importantes do eido da arte na provincia, con clara repercusión tamén fóra de Galicia, continuaron cubrindo as páxinas doutras tantas publicacións, que achegan deste xeito a obra que segue enriquecendo o noso patrimonio artístico.

  • Arte & Estética

    En 1998 o Servizo de Publicacións abre o seu catálogo a unha serie de textos de autoras e autores relacionados co mundo da actividade artística. Todas e todos eles compartirán un mesmo sinal de identidade: a excelente calidade técnica dos estudos e ensaios que estas autoras e autores de renome internacional irán achegando a esta colección. Arte & Estética constituirá a partir deste momento o buque insignia co que a Editorial da Deputación chegará a estar presente nos espazos máis esixentes do mundo da arte, achegando nestas edicións de pequeno formato visións innovadoras dos máis diversos aconteceres artísticos.

  • Benito Soto

    No outono de 1948 fraguouse en Pontevedra un ambicioso plan cultural, encamiñado a dar a coñecer unha colección poética na que un grupo de autores edita a súa propia obra. Así, entre 1949 e 1951 saen á luz diferentes volumes que se agrupan baixo o xenérico Benito Soto e asinan Emilio Álvarez Negreira, Sabino Torres Ferrer, Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, Tomás Barros, Ricardo Carballo Calero, Eliseo Alonso, Luis Pimentel, Manoel María, José Ruibal, Augusto Casas, Manuel Fabeiro Gómez e Juan Pérez-Creus. Ilustran a colección os lapis de Rafael Alonso, Agustín Portela, o propio Tomás Barros e A. Fernández.

  • Ensaio e Investigación

    Na súa clara aposta polo traballo de investigación -incesante para calquera persoa ávida de descubrir sempre algo máis da realidade cultural que a precede e a rodea- a Editorial da Deputación tratou sempre con especial mimo as achegas de calquera aspecto que contribuíse a conformar o coñecemento da nosa historia e cultura. Ensaio e Investigación é, de todas as series, a que máis propostas de publicación mereceu. Inclúe temas moi diversos referentes á provincia (Gamelas y marineros; Fortalezas de la antigua provincia de Tui; A comarca do Deza; O antigo concello de Lavadores; A Estrada rural; O nacemento dos concellos da provincia de Pontevedra...). E, por extensión, tamén a Galicia (A comarcalización en Galicia; O cooperativismo católico no proceso de modernización da agricultura galega, 1900-1943; Xogos de azar en Galicia; Geografía de la vid y el vino en Galicia...) En 1995, a Federazione Europea della Stampa Turistica premiou unha das obras incluídas nesta serie: Cartografía antigua de Galicia.

  • Etnografía. Socioloxía. Antropoloxía

    Esta colección está integrada por publicacións que resultan ser testemuño da sociedade en canto a interrelacións humanas, estudos de tipo sociolóxico, de comportamento individual e social no campo da antropoloxía, entre os que destacan as características da evolución dunha comunidade no ámbito da etnografía.

  • Fillos ilustres da provincia de Pontevedra

    Esta colección conformouse no seu día para darlles visibilidade ás persoas que, oriúndas da provincia de Pontevedra, chegaron a ser, en recoñecemento ao seu labor en pro do seu contorno, fillos ilustres da provincia. Dúas obras conforman a colección polo momento, referidas ás vidas de Joaquín Loriga, pioneiro no mundo da aviación, e de Wenceslao Calvo Garra, preclaro histólogo, ambos os dous fillos ilustres do concello de Lalín.

  • Helenes

    A colección editorial Helenes agrupa unha serie de títulos circunscritos á cidade de Pontevedra. A "Bella Helenes", como os neorrománticos apodaban a capital pontevedresa, sería deste xeito protagonista desde os diferentes vértices de estudo: política, deporte, literatura, historiografía, institucións, personaxes da cidade, todo o que xira arredor da vida local pode alzarse como protagonista se esperta o interese común.

  • Heráldica e Xenealoxía

    Ao pouco de crearse o Servizo de Publicacións confórmase unha obra que recompila a descrición detallada das labras heráldicas existentes na zona monumental da cidade de Pontevedra, a parte antiga amurallada. Por esas datas tiveron lugar as I Xornadas de Heráldica Municipal e Sixilografía en Pontevedra, coa asistencia dos profesores Menéndez Pidal e Messía de la Cerda, este último, autor do traballo sobre os escudos de armas pontevedreses. Foi o inicio dunha colección na que se foi recollendo o resto das labras situadas nos templos -Santo Domingo incluído- para, posteriormente, ir engadindo as doutras localidades tamén importantes pola súa riqueza en pedras de armas: Tui, as vilas do Morrazo, O Salnés , a comarca de Deza...

  • Infantil

    Nos seus inicios a Editorial da Deputación de Pontevedra publicou varios títulos destinados ao público infantil e xuvenil: A pequena aventura de Oscariño; 150 anos da Deputación de Pontevedra; Un camiño de auga; Colmeiro; Tres flores, tres pastoras, allá lejos; Os incendios forestais en Galicia; Fauna galega para nenos galegos... Pronto, coa excelente cobertura deste tipo de publicacións desde o ámbito da edición privada, a Editorial institucional decantouse por centrar os seus esforzos noutros espazos de publicación máis desatendidos a nivel local e provincial.

  • Natureza galega

    A riqueza do noso patrimonio natural foi sempre un dos temas favoritos á hora de editar unha obra. A paisaxe, a vexetación, a variedade ornitolóxica, as ribeiras hidrográficas, as peculiaridades das nosas rías, a frondosidade do interior, todos os recunchos naturais que en Galicia resultan sen excepción susceptibles de seren admirados atopan a súa visibilidade nesta colección.

  • Patrimonio documental da provincia de Pontevedra

    A partir do ano 1996 iníciase esta nova colección para a difusión do patrimonio documental da provincia, especialmente o dos concellos, pero tamén doutros fondos de interese, logo da modificación dos criterios técnicos no proceso organizativo desenvolto polo Servizo Técnico de Patrimonio Documental, nunha aposta pola unificación a nivel nacional. Modifícase o formato dos instrumentos descritivos e apóstase pola súa informatización. Inclúe xa a práctica totalidade dos concellos da provincia, esperando completarse nun futuro, ademais dos inventarios dos arquivos das entidades locais menores, do Instituto de Pontevedra ou do patrimonio documental conservado dalgunhas Irmandades de labregos, labregas e gandeiros, gandeiras.

  • Plan de organización dos arquivos municipais

    Concibiuse como difusión do patrimonio documental dos concellos da provincia, logo da súa organización dentro do plan establecido para tal fin pola Deputación Provincial no ano 1981. Editáronse un total de vinte inventarios de diferentes arquivos municipais, cunha pequena guía, cadro de clasificación e inventario, de acordo co criterio e clasificación utilizado daquela na provincia de Pontevedra. Considérase unha colección pechada, chegando a ter un total de vinte números.

  • Poesía e narrativa

    En 1987 editouse un conxunto de poesías do desaparecido Luis Almazán e un conto do tamén falecido Eliseo Alonso. Máis entregas pertencentes a eses campos literarios precipitaron a creación da serie "Poesía e Narrativa", aberta a todo tipo de expresión e desenvolvemento formal. A esta colección pertence a antoloxía poética de Isaac Otero, Vuelo sonoro, que foi seleccionada, xunto con outras, para representar o libro español na Feira de Frankfurt en 1992.

    Andando o tempo, e dado que a poesía é a expresión literaria que máis dificilmente atopa saída editorial, a Deputación de Pontevedra mantén sempre unha porta aberta a este tipo de edición, quizais máis minoritaria, pero sempre necesaria no camiño cultural. Os nomes das nosas illas seguirán dando cabida á publicación de obra poética de interese:

    • Tambo

      O illote pontevedrés Tambo elixiuse para denominar unha serie de obras poéticas cuxas autoras e autores amosan unha traxectoria xa moi consolidada no campo da lírica. Iniciouse a colección en abril de 2000 e, con dezaseis títulos que supoñen o máis selecto da poesía da provincia con sona internacional, pecha o seu periplo editorial tres anos despois, dándolle o relevo á nova colección Cíes, que non desmerece a calidade que Tambo ofrecía desde o seu primeiro volume.

    • Cíes

      Ao concluír a colección editorial de poesía Tambo, outra das nosas illas lidera a recompilación da obra poética de distintos autores da provincia. Cíes é o nome baixo o que a Deputación auspicia os versos que discorren nas páxinas destas edicións sinxelas no seu formato mais de excelente calidade nos seus contidos.

    • Medal

      O fermoso illote daralle acubillo a unha variada mostra de poesía de autoras da provincia, poetas relevantes neste ámbito tanto pola alta calidade dos seus versos coma pola súa implicación como mulleres no eido artístico e literario.

  • Publicacións periódicas

    Desde 1981 as publicacións periódicas da Editorial xorden como resposta efectiva ás arelas daquelas persoas estudosas e investigadoras que non atopan unha vía apropiada para publicar os seus traballos, aínda que resulten dun interese indiscutible.

    Para canalizar este tipo de publicacións, que a miúdo non son excesivamente extensas, ofrécese a posibilidade de que se inclúan nalgunha das revistas que actualmente se atopan activas na Editorial.

    Cunha frecuencia que determina a propia afluencia de estudos orixinais de interese as revistas da Editorial reúnen temas de ámbito provincial, que teñen en común o carácter inédito de quen non desexa máis que achegar novas impresións sobre realidades do noso acervo común, que doutro xeito nunca chegarían a ver a luz.

    • Pontevedra, Revista de Estudios Provinciais acolle traballos de recoñecidos investigadores e investigadoras de ámbito local nos máis diversos campos.
    • Pontenova, Revista de Novos Investigadores supón a oportunidade para que estudosos e estudosas noveis poidan achegar importantes colaboracións ao coñecemento da nosa cultura no sentido máis amplo do termo.
    • Pontenorga, , revista encamiñada a deixar reflectida a evolución e a problemática da lingua galega, a súa situación a nivel social e cultural.
  • Banda Deseñada

    Esta colección enmarca publicacións que a través da banda deseñada intentan chegar a un público máis novo, para transmitir coñecemento sobre feitos relacionados coa nosa provincia, con fins didácticos e ao mesmo tempo de entretemento. Unha forma máis áxil e amena de conectar coa xuventude lectora e que á súa vez serve de escaparate para artistas de recoñecido prestixio e outros/as noveis que comezan a súa andadura neste campo da banda deseñada.