Fondos
2015-07-14. Acta de sesión 2015-07-14_Extraordinaria
Acta de sesión 2015-07-14_Extraordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.44.398/1.2015-07-14
Título Acta de sesión 2015-07-14_Extraordinaria
Data(s) 2015-07-14 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido A C T A Da sesión extraordinaria urxente en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 14 de xullo do 2015 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as trece horas e dez minutos do día catorce de xullo do ano dous mil quince, baixo a Presidencia do Sr. Vicepresidente Don José Manuel Figueroa Vila (PP), reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona María Isaura Abelairas Rodríguez (PSdeG-PSOE), Don José María Bello Maneiro (PP), Don Uxío Benítez Fernández (BNG), Don José Antonio Cacabelos Rico (PSdeG-PSOE), Don José Crespo Iglesias (PP), Dona Ornela Fernández Salgado (BNG), Don José Manuel Figueroa Vila (PP), Don Horacio Gil Expósito (PP), Don Juan Antonio González Pérez (PSdeG-PSOE), Don Fernando Guitián Guitián (PP) Dona Marta Iglesias Bueno (PP), Don José Carlos López Campos (PP), Don Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo (BNG), Don José Luis Pérez Estévez (PP) , Dona María Pilar Ramallo Vázquez (PP), Don Eduardo José Reguera Ocampo (PSdeG-PSOE), Don Severino Reguera Varela (PP), Don Santos Héctor Rodríguez Díaz (PSdeG-PSOE), Don Moisés Rodríguez Pérez (PP), Don Alejandro Rodríguez Rodríguez (PP), Don Jesús Vázquez Almuíña (PP), Dona Ana Isabel Vázquez Reboredo (PP), Don Francisco Andrés Veiga Soto (PSdeG-PSOE) e Dona Iolanda Veloso Ríos (BNG), co obxecto de celebrar sesión extraordinaria urxente, do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asisten: o Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal (PP), a deputada Dona Begoña Estévez Bernárdez (PP) nin o deputado Don Alberto Valverde Pérez (PP). Da fe do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente (Sr. Figueroa Vila).- Bueno, bos días a todos e a todas. Vamos a celebrar Pleno extraordinario e urxente e a orde do día é como segue. 1.6632.- PRONUNCIAMENTO DO PLENO SOBRE A URXENCIA DA SÚA CONVOCATORIA Sr. Presidente (Sr. Figueroa Vila).- Primeiro. Pronunciamento do Pleno sobre a urxencia da súa convocatoria. Votamos a urxencia. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. Todos a favor. Apróbase, por unanimidade, a urxencia desta convocatoria. 2.6633.- ACTAS ANTERIORES Sr. Presidente (Sr. Figueroa Vila).- Segundo punto. Aprobación dos borradores das actas das anteriores sesións, extraordinaria do día 19 de xuño e ordinaria do día 26 de xuño de 2015. ¿Algunha intervención?. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. Todos a favor. Damos por rematado o Pleno porque é única e exclusivamente para aprobación de actas. Bueno, eu o único que quixera, en nome do Presidente, primeiro desculpalo, que está nun acto que tiña que asistir con obrigatoriedade e sobre todo pola transcendencia do que se está a celebrar noutra reunión, e o que quería era agradecer, pois o comportamento, o traballo de todos os corporativos. Creo que na vida política hai un traballo duro, difícil, ó longo dos catro anos que nos tocou vivir xuntos, pero creo que tamén hai satisfaccións persoais, de coñecer a persoas, de ter trato con compañeiros, incluso dos propios, pero tamén de outras cores políticas, e creo que iso é o que ten que ser a vida política. A vida política ten que estar nese escenario, no escenario da confrontación lexítima, do traballo diario, de intentar buscar o mellor para os nosos veciños e veciñas pero, loxicamente, tamén ter, pois, esa visión de miras, de amplitude, de que hai que traballar para os veciños e veciñas independentemente da cor política que cada un representa. Eu, en nome dos nosos compañeiros, de todos os compañeiros, dos que están agora aquí, pero tamén daqueles que estiveron durante esta lexislatura, pois, darlle as gracias ós medios de comunicación polo seu seguimento, sen vostedes sería totalmente imposible levar a cabo a nosa tarefa, porque son os notarios, son os que trasladan á opinión pública o que sucede en cada unha das Institucións. Nós, consideramos que traballamos coa máxima transparencia, coa máxima intención de facer as cousas como corresponde e, sobre todo, de traballar para os veciños e veciñas da nosa provincia. Seguramente, hai moitos acertos, tamén algún erro, e bueno, se puidemos molestar a alguén nalgún momento, o que facemos é pedir desculpas e intentar que non se repita se é posible. Polo tanto, nós queremos, como Grupo Popular, darlle as gracias ós compañeiros da oposición por ese traballo, supoño que cada un de vostedes o fixo coa maior integridade e coa maior transparencia e co maior cariño, para que todo saíra ben, e, volvo a repetir, que eu creo que chegou o momento de dar paso a outra corporación, corporación que, loxicamente, bueno, pois empezará a funcionar nos próximos días e a que, loxicamente, tamén desexamos os maiores éxitos. Polo tanto, gracias a todos desde o primeiro ata o último compañeiro desta Corporación, porque se terminan catro anos, catro anos de traballo e catro anos de interlocución directa entre todos nós. Polo tanto, gracias ós medios de comunicación, gracias a todos os corporativos, gracias tamén a todas aquelas persoas e ós funcionarios desta Casa que, creo que é importante o traballo que fixeron os funcionarios, funcionarios independentes, funcionarios cualificados, funcionarios que tamén queren o mellor para todos os veciños e veciñas e, sobre todo, axudarnos ós grupos políticos a que poidamos sacar os temas adiante, que é importante. Hoxe están aquí representados polo seu Interventor, moitas gracias Antonio e polo Secretario, Don Carlos Cuadrado, moitas gracias en nome do Grupo Popular, pois, que lle trasladedes tamén ese agradecemento a todos os funcionarios desta Casa porque o traballo que fan, dende logo, é importante, e son bos profesionais, e persoas, que estou totalmente convencido traballarán con absoluta independencia para o próximo goberno e para os veciños e veciñas da provincia de Pontevedra. ¿Algunha intervención?. Sr. Rodríguez Díaz.- Bos días a todas e a todos. Pois eu, en primeiro lugar, agradecer as verbas do Presidente, ¿non?, creo, son oportunas, termina unha lexislatura, onde se celebraron unhas eleccións, nalgúns lugares nos foi ben a uns, noutros lle foi ben a outros pero, en todo caso, foi unha contenda electoral na democracia e provoca, pois, alternancia tamén en gobernos, en concellos e tamén, como neste caso, na Deputación. Polo tanto, eu, primeiro saudar esa festa da democracia que foron as eleccións pasadas, felicitar a todos os que, e a todas as que obtiveron bos resultados nos seus concellos e, tamén, acordarme dos que non van a continuar aquí pero que si, tanto no goberno como na oposición desta Deputación, pois prestaron, seguramente, ou prestamos o mellor, ¿non?, todos somos saíntes, prestamos o mellor de cada un de nós e de cada unha de nós, coa mellor intención, e iso é o importante, cun claro servizo ós veciños e veciñas da provincia de Pontevedra. Polo tanto, desexarlle o mellor a todos e a todas, pois na nova andaina ábrese, evidentemente, unha nova, un novo tempo e unha nova lexislatura e todo apunta a que será un goberno distinto, que será un goberno do PSdeG-PSOE e do Bloque Nacionalista Galego. Un único goberno baseado na confianza, na lealdade e no bo facer e mellor facer para os veciños e veciñas desta provincia, como non pode ser doutra maneira, ese obxectivo. E eu quero tamén ter un recoñecemento a todos os funcionarios da Deputación e a todos os traballadores de cada unha das áreas e dos servizos, e cada unha, porque sen eles sería imposible sacar isto adiante. E tamén, ós traballadores e traballadoras dos medios de comunicación, que nos soportades día a día ou Pleno a Pleno, e que, bueno, pois vos quero agradecer, sinceramente, en nome do meu grupo, pois a vosa laboura e o voso esforzo por trasladar fielmente a realidade do que aquí tratamos e expoñemos. Polo tanto, eu creo que este é un acto de aprobación de actas, certamente, pero tamén é un acto, pois, un pouco de camaradería e de que nos tempos vindeiros, que todos empuxemos para que esta sociedade, pois sexa cada vez mellor, que as persoas e as familias que están pasando unha crisis terrible, pois que, pola nosa acción de goberno e acción tamén da oposición, onde nos toque, pois sexa posible e que melloren a súa situación, que atopen emprego, que non perdan a súa vivenda, pois, niso estaremos e eu creo que é o desexo de todos, polo menos, o do grupo político do PSdeG-PSOE que eu represento hoxe aquí. Así que, moitas gracias e moita sorte a todas e a todos. Sr. Presidente (Sr. Figueroa Vila).- Gracias D. Santos Héctor. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Ben, bos días a todos e a todas, grazas, Presidente. Home, eu creo que quen debía falar hoxe aquí serían os Deputados e Deputadas que, en principio non nos van acompañar. Pero bueno, dado que non foi así e algún incluso xa se marchou e non está previsto, pois bueno, falaremos os Portavoces. Eu quería dicirlle un par de cousas, supoño que, incluso se saen un pouco do convencional dentro deste tipo de actos. A primeira é que a Administración Local, sexan concellos ou Deputación, son as grandes descoñecidas, son un mundo que moi dificilmente chega á inmensa maioría dos cidadáns, en canto o que son e para que están, e incluso, e con todo o cariño, terminoloxicamente, ¿non?, aquí escoitouse un par de veces lexislatura, e non lexislamos, lexislan sobre nós, este é un mandato, lexislar lexisla quen pode, que son os parlamentos, sexa autonómico ou do Estado. E os concellos ou as deputacións a única posibilidade que teñen é de aplicar o que lexislan sobre eles, ¿non?, pero, digamos que a presión doutras instancias administrativas e políticas sobre a Administración Local é tan forte e difumina tanto as súas funcións, que incluso se nos escapan e incluso se nos meten na lingua, ¿non?, nese aspecto. En segundo lugar, quixera, vamos, dicir que, aproveitar para reivindicar o papel da oposición e nós, eu, levo aquí, nesta Casa, vinte e catro anos, na oposición, e a moita honra e a moitisima honra. Creo que o Goberno ten a responsabilidade de sacar adiante as cousas, ás veces nunhas circunstancias francamente embarulladas, que ten que dar a cara ás veces por fallos que non son achacables, e bastante traballo ten en sacar as cousas adiante, e en tomar decisións, ás veces, pois moi precipitadas ou simplemente erróneas, ¿non?, pero é o seu labor. E para iso está a oposición, e unha oposición seria, unha oposición que estea, digamos, non poñendo “paus nas rodas” senón dicindo “pódese facer as cousas doutra maneira, vaiamos a facelas e demais”, é, radicalmente, necesaria e fundamental, e eu reivindico, é máis, estou, ou estamos, ¿non?, os compañeiros que tiven, francamente orgullosos, de que moitas das cousas que hoxe se fan na Deputación, aquí, e que incluso se consideran como, bueno, como avances, pois foran, saíran como propostas da oposición, e agardo, independentemente da situación que poidamos ter nós no próximo mandato, agardo que quen sexa a oposición aquí, que pode ser que sexamos nós, probablemente non, xa o veremos, exerza ese papel e o exerza con orgullo, porque estamos nunha sociedade que parece que aquí só hai, só se pode facer traballo se un ten o goberno e fai non sei que. Bueno, pode facer traballo ou pode facer desgrazas e na oposición pódese facer moi bo traballo ou pódese facer desgrazas. Agardo, agardo que sexa así no próximo, no vindeiro mandato. E, nada máis, despedirme dos que se vaian e teño, temos á gala que as relacións persoais, en xeral, son bastante boas e, incluso, compañeiros que foron aquí, nesta Corporación, hai anos, pois, seguimos véndonos ou saudámonos cando nos vemos e todo o mundo co que tiven relacións e os medios de comunicación, funcionarios ou o que sexa, digo, os que se marchan. Moitas grazas. Sr. Presidente (Sr. Figueroa Vila).- Pois, moitisimas gracias. ¿Alguén quere intervir?. Pois damos por levantada, terminada, a sesión. Acórdase, por unanimidade, aprobar os borradores das actas das anteriores sesións, extraordinaria do día 19 de xuño e ordinaria do día 26 de xuño, de 2015. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as trece horas e vinte e cinco minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario, Asdo. José Manuel Figueroa Vila Asdo. Carlos Cuadrado Romay
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota