Fondos
2006-11-03_Extraordinaria. Acta de sesión 2006/11/03_Extraordinaria
Acta de sesión 2006/11/03_Extraordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.366/2.2006-11-03_Extraordinaria
Título Acta de sesión 2006/11/03_Extraordinaria
Data(s) 2006-11-03 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido Folla: No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as nove horas e trinta e cinco minutos do día tres de novembro do ano dous mil seis, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, Dona Francisca Canal Gómez, D. Raúl Emilio Castro Rodríguez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Julio César García-Luengo Pérez, D. Emilio González Iglesias, D. José Antonio Landín Eirín, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Xabier Toba Girón e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión extraordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asisten os Sres. Deputados D. Ramón Campos Durán nin D. Efrén Juanes Rodríguez. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Damos comezo ó Pleno extraordinario que ten como orde do día o seguinte. ------ Folla: 1.5471.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 27 de setembro do ano 2006. Apróbase polo tanto. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 27 de setembro do ano 2006. ------ Folla: 2.5472.- APROBACIÓN DO PROXECTO MODIFICADO DA OBRA DE "AMPLIACIÓN DO MUSEO DE PONTEVEDRA E REHABILITACIÓN DO EDIFICIO SARMIENTO" Sr. Presidente.- Punto número 2. Aprobación do proxecto modificado da obra de "Ampliación do Museo de Pontevedra e rehabilitación do Edificio Sarmiento". Sr. D. José Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Ben, bos días a todos. Tal e como quedamos no anterior Pleno convocouse a unha reunión ós voceiros dos grupos políticos, onde viñeron os directores de obra e os autores do proxecto, Eduardo Pesquera e Jesús Largue, para explicar polo miúdo o modificado deste proxecto que supoñía unha contía final de 3.050.901 euros, que unha vez aplicada a baixa de adxudicación significa 2.577.706,32 euros IVA incluído. Ben, este proxecto eu creo que despois do esforzo que está facendo esta casa, creo que vale a pena que quede totalmente claro como foi xestado o que é o modificado, o modificado como podería haberse percibido, e creo que tamén se estaba explicando no Pleno do outro día, creo que había unhas certas dúbidas, creo que quedou claro de que non é só que aparecera a muralla, que tamén é unha parte importante, senón que os restos que contaban atopar alí pois foron vinte ou trinta veces superiores ós que se prevían nun principio, e ó final o que realmente se aumentan son as salas de exposicións en soto, co cal eso ten unha contía importante, porque quedaba alí unha parte que practicamente ía ser dedicada a almacéns e que agora esa parte dedicada a almacéns se converte en salas de exposicións, ó mesmo tempo de reincorporar a propia muralla, redistribuír o equilibrio dos muros existentes, en fin, toda unha serie de cousas que vén explicado por parte dos técnicos que fixeron o proxecto nun complementario que agora se incorpora ó expediente. Polo tanto, tal e como se reclamaba queda un informe de supervisión por parte do arquitecto municipal da casa, queda a proposta do acordo do servizo de Contratación, baseada no informe que fixeron os arquitectos despois da reunión mantida cos voceiros onde quedou claro o que alí se lle preguntou, e logo a proposta de acordo que tiñamos dende esta casa. Tamén, ó mesmo tempo, un cadro de prezos comparativos e a xustificación económica que tamén foi incorporada ó expediente, que segundo os autores do mesmo estaba mandada a esta casa con anterioridade, pero pola razón que sexa non estaba no expediente e que se incorpora definitivamente ó expediente. Polo tanto, nós o que queremos é que non quede ningunha sombra de dúbida no que é o modificado deste proxecto, cremos que é un gran proxecto para Pontevedra, e este simplemente en teoría sería o primeiro e o único reformado que hai no proxecto xa que despois quedaría a parte de liquidación, cando se termine o edificio, e logo está pendente de contratar o proxecto, está pendente de contratar o proxecto da calle Sierra, creo que é, onde alí para deixar a muralla vista hai que facer unha serie de obras que non están cuantificadas e que loxicamente pois xa en canto que o decidamos pois se lle fará o encargo ós mesmos, porque era unha condición que poñía o concello. En todo caso creo que nos debemos reunir concello de Pontevedra-Deputación e os técnicos para ver que tipo de proxecto se leva a cabo, se ben o que queren os arquitectos, ben o que pedía o concello de Pontevedra ou calquera outra solución. En todo caso eso estaría á parte deste reformado. Pola miña parte nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Crespo. Sr. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Eu en primeiro lugar lamento que esto tivera que chegar a convocar un Pleno extraordinario para este fin cando se puido ter aprobado. Pero bueno, en todo caso a responsabilidade non foi do que é coñecido, en todo caso recordamos, vamos a ver, nós temos clarísimo dúas cousas, o primeiro, a importancia da infraestrutura que se constrúe, que sempre apoiamos; e segundo, que se lle vai ir a bastantes máis cartos. Eso era bastante evidente de entrada. Bueno, que eso ía suceder así, pois bueno, por pura experiencia en actuacións doutro tipo, e polo volume da obra que se vai, aquí houbo un fallo de contas, se foi a excesiva obra, digo eu, se se quería facer, os cartos efectivamente se prevían. Ben, a partir de aí, digamos que o que se discutía o outro día era se o expediente estaba moi mal montado, regular montado ou ben montado, estaba mal, estaba bastante mal montado, de feito aínda agora segue adoecendo de certos problemas. Bueno, non fai falta ser profeta para saber que esa obra que en principio se ía ir, en fin, ata se aspiraba nalgún momento a rematala, homoxeneizalo todo en quince ou dezaseis millóns de euros pois se vai ir en total a 22 ou 24 millóns de euros, se vai a ir, agora xa está, está case en dezaseis, a liquidación vaise ir ó 10% máis, a obra de fóra se se lle deixa facer ós arquitectos tal como prevén, que bueno esa é unha discusión, en fin, unha obra que vai de por vida, bueno é unha discusión, se mellora así doutra maneira se vai ir a outro tanto, millón e medio, a musealización se vai ir a non se sabe canto, polo tanto se vai ir bastante máis, estou convencido, estamos convencidos de que no caso de que non fora porque a muralla e os restos son máis dos que inicialmente estaban previstos ía haber modificados, se cadra non de tres millóns de euros pero igual de dous, ía habelo igual, ía habelo igual. Pero eso son o que pasa nas obras e non nos vamos a meter, en todo caso que o que vamos a votar a favor, o que queremos é que esto pois se poida acabar canto antes, e bueno, sega os seus trámites para levar a bo porto esta, en certo modo aventura, no sentido de que xa foi concibida inicialmente con pouco realismo polo menos na relación obra que se pretendía facer e financiamento, ou sexa, foi prevista con pouco realismo e nese sentido pois as complicacións aumentan, agardemos que o financiamento se consiga e se poida sacar adiante. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. D. Cesáreo Mosquera. Sr. D. Juan Manuel Rey. Sr. Rey Rey.- Si, bos días, gracias Presidente. Nós efectivamente igual polo nivel de infraestrutura e pola importancia da institución tamén anunciamos un voto favorable que en calquera caso xa era así, ía a ser así no pasado Pleno, soamente recordarlle que por terceiro ou cuarto Pleno consecutivo vimos demandando o listado das empresas subcontratadas que xa o habíamos o outro día e que non nos chega e que danos noxo ter que insistir unha e outra vez nunha petición que de seu tiña que estar contestada hai moito tempo. Logo, no plano persoal, aclarar a ausencia do outro día, que pareceu a noticia máis importante do momento, quero recordarlle que chamei en dúas ocasións aquí, o Pleno a partir da unha e cuarto, por unha cuestión laboral desgraciada, e púxenme en contacto tanto coa Secretaria do Sr. Crespo como co Sr. Durán, entre a unha e cuarto e a unha e media, en tres ocasións, explicándolle a imposibilidade de asistir, a imposibilidade de asistir, que probablemente un compañeiro que estaba nunhas oposicións me substituiría se lle daba tempo. Paréceme, paréceme de moi mal gusto o comunicado de prensa onde daba a sensación de que o máis importante era a miña ausencia, superxustificada, non vou a entrar agora nos detalles, pero quero dicir que o nivel e a educación e a clase tense ou non se ten, esixible non é. Nada máis. Sr. Presidente.- Home, non sei, Sr. Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Ben, vamos a ver, eu pódolle asegurar que dende esta casa non se fixo ningún comunicado de prensa, simplemente que na reunión que houbo dos voceiros, e o Sr. Mosquera é testigo, había periodistas cando acabou a mesma, que estaban esperando por nós alí, eu o que lle podo asegurar é que elegancia máis pola nosa parte, vostede efectivamente chamou, quedou desculpado e pola nosa parte non houbo ningún tipo de problema. ¿Que ocorre?, que cando acabou a comisión, cando acabou a reunión da comisión estaban alí os periodistas que lle preguntaron ó Sr. D. Cesáreo Mosquera e máis preguntáronme a min, pero non houbo ningún comunicado de prensa desta casa, eso garantízollo eu, polo tanto, a elegancia está garantizada, non se preocupe vostede. Ben, en definitiva para rematar eso agradecer que os dous grupos voten a favor, pero mire unha cousa, nós somos responsables do que somos, non do que non somos, cando se monta un expediente hai unha parte técnica e unha parte política, nós somos responsables obviamente da parte política. E mire, nós aquí temos a responsabilidade política de decidir que no mellor Museo que había en Galicia se acometera unha importante actuación, e deso é do que somos responsables os políticos, logo despois hai toda unha parafernalia técnica que entra en xogo e que logo cada un é responsable do seu. Se cando hai un modificado desto falta un papel ou falta outro, loxicamente non se pode achacar a eso a intencionalidade política nin moito menos, porque senón non faríamos ningún paripé de dicir que nos reunamos para que se aclare todo o que hai que aclarar. Nós o que queremos é que unha vez que se toma unha decisión política de transcendencia para a cidade de Pontevedra, porque mire, aquí o importante é que o mellor Museo de Galicia sufra unha ampliación para converterse sen dúbida que xa non a había, no gran Museo de Galicia, ese Museo encima está en Pontevedra, co cal aínda que os beneficiados somos todo Galicia, pero toda a provincia en xeral, dalgunha maneira especial a máis beneficiada é a cidade de Pontevedra, porque se converte nun atractivo importante dende o punto de vista turístico, etc., etc., para poder visitar a cidade de Pontevedra. Polo tanto, o primeiro agradecido é a cidade de Pontevedra, o segundo é a provincia e o terceiro Galicia, nesa orde. Polo tanto, a responsabilidade política nosa é única e exclusivamente decidir facer esa infraestrutura, o resto, home, non intenten votarlle lixo a un tema que non o ten. A nós pareceunos mal Sr. Mosquera que un tema de Pontevedra, que vostede ademais sabe, di "é que moitas das obras teñen reformados e complementarios e xa o víamos nós", bueno, ¿é que?, nós adxudicamos en boa lid ó mellor, á mellor proposta que houbo que obviamente ía un 15,51% de baixa, de acordo, que ía un millón de euros máis barato que outras ofertas, de acordo, que loxicamente eso podía traducirse en que ía haber algún modificado, nada máis lexos da realidade, o que ocorreu é que aí hai un modificado totalmente razoable e razoado polos técnicos, que vostede escoitou e creo que non ten ningunha sombra de dúbida. Nós o que queremos é que as cousas que facemos ben, e que nos preocupamos dunha maneira especial de que queden ben, polo menos que se nos recoñeza, e non que se intente baixo a xustificación de que falta un papeliño técnico, que realmente non hai ningunha intencionalidade política, faltaría máis, pois intentar poñerlle algún pau na roda, nada máis lexos da realidade. Despois por contra din, "esta é unha infraestrutura boa para Pontevedra non a vamos frear", bueno, pois que quede claro que nós non queremos nin freala, queremos votala para adiante o antes posible, e sobre todo queremos que quede o mellor posible, e pódolle asegurar que nos preocupamos tanto como vostede dos cartos desta casa e polo tanto preocupámonos de que o reformado vaia plenamente xustificado, así que eu creo que se en todas as ordes da vida o que é de Deus é de Deus e o que é do César é do César, nós queremos que quede moi claro, nós temos unicamente a responsabilidade política de amplíalo e de executalo o mellor posible e o antes posible, e polo tanto cando hai unha decisión política, despois a montaxe técnica que hai que facer, loxicamente para eso están os técnicos e para eso cobran, e se na exposición de motivos tiñan que haber razoado doutra maneira, que non era só pola muralla senón que era porque se ampliaban salas, etc., dende logo como comprenderá vostede non é responsabilidade política, eso loxicamente tíñano que ter feito os técnicos, entre os da casa e os autores do proxecto. Ben, eu creo que esto está visto, estamos todos de acordo no básico e se quere intervir que interveña, teño que cerrar despois outra vez. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Crespo. Sr. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Un par de precisións, a min non me gusta falar nin traer aquí debates digamos desta cidade, non, pero, pero, pero, Sr. Crespo, remítoo ás hemerotecas para que modificados e reformados que se fixeron na casa do lado nos que o prezo final sae máis barato, saíu máis barato por metro cadrado do que vai a saír o Museo, foron obxecto de auténticas batallas, e non digamos de votar en contra, xa con ahínco e demais por parte do seu grupo político, cousa que nós aquí nin se nos pasou pola cabeza, hai unha diferenza de actitude e de comportamento, non me veña a dicir que queremos ensombrecer nada, porque non é certo e o outro día na reunión algunhas das cousas que estabamos dicindo e que se dixo no Pleno, e vostede o sabe, os propios representantes do Ministerio de Cultura e demais dicían que se faltaban podían crear problemas de financiamento, ou sexa, que o que se fixo foi mellorar o expediente para que non creara problemas despois e vostede o sabe, e vostede o sabe. Entón non sei que papel xogamos aquí, porque se me din, recoñece que hai un fallo no expediente, hai un fallo no expediente, o aparato administrativo desta casa non o detecta ou quen o quixo detectar non se lle deixou ou o que fora, culpa dos técnicos, se como oposición lle dicimos, mire, ten un problema co expediente que lle pode traer problemas de financiamento ou doutro tipo, entón estamos enturbiando. Entón ¿que?, a ver, cónteme, ¿que facemos?. Directamente sobramos parece algo así, non, ou sexa, creo que temos unha actitude absolutamente construtiva, mire, gustaríame estar ó revés, gustaríame estar, porque de feito xa estivemos noutras institucións e vostedes nunca votaron a favor dun modificado, un reformado, un complementario, un recoñecemento extraxudicial ou cousas semellantes, máis ben todo o contrario, montaron un alboroto público porque a ver non sei que, como se contratou, de onde saen os cartos, non sei que, bueno, un alboroto, gustaría, que esa é a diferencia de plantexamentos, nós queremos que as cousas saian adiante dende a nosa posición, que a nosa posición como oposición é que as cousas vaian ben e supervisar e facer este tipo de traballo, e estámolo facendo con responsabilidade, ou sexa, que esas acusacións sobran e á parte os feitos están aí, moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. D. Cesáreo Mosquera. Sr. D. José Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Ben, eu creo que o tema está sobradamente debatido, eu non sei, cada caso é cada caso e haberá que ver o por que. En todo caso no que nos trae aquí nós queríamos que non quedara ningunha sombra de dúbida sobre este modificado, creo que o conseguimos modestamente, creo que os técnicos explicaron sobradamente porque se modificaban algunhas partidas e o que realmente había pasado, eu pódolle asegurar a vostede que me pareceu completamente razoable a proposta que fan os técnicos redactores do proxecto, e creo que unha vez que está eso claro, home, mire, Sr. Mosquera nós estamos aquí debatendo nesta casa, e se ben é certo que no debate político xurden interpretacións doutra índole, non é menos certo que cada realidade ten o seu propio elemento de debate. Cando falamos aquí podemos falar da Xunta de Galicia, podemos falar do seu concello, do meu, etc., pero do que se trata é de aquí, era dun caso concreto onde daba a sensación de que nós estabamos chapuceando un reformado, e bueno, eu creo que eso non foi así e que quede suficientemente claro que todos votamos a favor, creo que é o mellor síntoma de que as cousas se fan ben. Pola miña parte nada máis, que creo que é, podémolo votar Presidente. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Crespo. Bueno, dicir antes da aprobación, que da información que me consta, e así debemos transmitila neste Pleno da Corporación Provincial, eu espero que pola axilidade administrativa desta casa, pola aprobación de todos os grupos da Corporación do modificado da mesma, espero que tamén por parte neste caso da empresa que está realizando as obras se cumpran os prazos. E o primeiro que teño que facer é pedir desculpas neste caso a todos os veciños desa gran área cultural polas molestias que puidemos estar causando, pero que sepan que o compromiso neste caso da empresa do Museo de Pontevedra é que no mes de abril poidamos ter rematada esta primeira parte importante da obra do Museo de Pontevedra, dese gran atractivo que vai ser para esta cidade ese Museo, conxuntamente coas molestias que estamos causando agora pola obra do Arquivo que tamén esperamos estar inaugurando no mes de abril, ou sexa que calculamos que no mes de abril poidamos ter rematadas a primeira parte, a parte máis importante, sobre todo a máis espectacular eu diría do novo Museo de Pontevedra, así como tamén o Arquivo Provincial, onde nas dúas obras neste caso a Deputación está facendo un esforzo económico importante e que creo que van a ser o gran referente para os próximos anos nesta cidade de Pontevedra. Por eso, xa sen máis, vamos a proceder á votación neste caso da aprobación do proxecto modificado da obra de ampliación do Museo de Pontevedra e Rehabilitación do Edificio Sarmiento. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Pois, non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión e moitas gracias a todos. Visto o Convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Ministerio de Educación e Ciencia e a Deputación de Pontevedra, con data 2 de decembro de 2003, para levar a cabo as obras de "Ampliación do Museo de Pontevedra e a Rehabilitación do Edificio Sarmiento", por un importe de 15.255.405,76 ¤, adxudicándose pola Deputación Provincial, dando cumprimento ó convenio, á empresa ACS Proxectos, Obras e Construccións que posteriormente se fusionou, mediante absorción, coa firma Dragados, Obras e Construccións por un importe de 12.889.292,32 ¤. Dado que a parcela onde se leva a cabo a construción da primeira fase está ubicada no casco antigo de Pontevedra, e por conseguinte, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia esixiu unha intervención arqueolóxica tendente a conservar para xeracións futuras a muralla medieval de Pontevedra deixando ó descuberto de forma total os restos da mesma, actuacións que obrigan a realizar unha modificación do proxecto inicial coa finalidade de adecualo ás directrices de dita Consellería. Condicionándose polo Concello de Pontevedra a correspondente licenza urbanística á esixencia, dun lado da modificación do proxecto para adecualo ás resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio, e doutro, á redacción dun proxecto complementario dos restos arqueolóxicos da muralla na zona exterior. Visto o artigo 101 do R.d. 2/2000 de 16 de xuño, polo que se presta aprobación ó Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, no que se establece que se poderán introducir modificacións nos contratos por razóns de interese público sempre que sexan debidas a necesidades novas ou causas imprevistas. Visto así mesmo o artigo 97 do R.d. 1098/2001 de 12 de outubro polo que se aproba o Regulamento Xeral da Lei de Contratos, permite a resolución de incidencias que xurdan na execución dos contratos mediante a tramitación do correspondente expediente contraditorio. Vista a Resolución Presidencial de data 23 de febreiro de 2006, pola que se autorizou a redacción do proxecto modificado de ampliación e rehabilitación do Museo de Pontevedra ós arquitectos D. Eduardo Pesquera González e D. Jesús Ulargui Aguruza, gañadores do concurso público de ideas convocado pola Deputación e directores, así mesmo, da obra, que procederon á súa redacción ascendendo o orzamento á contía de 18.306.306,84 ¤, que supón un incremento sobre o tipo de licitación da obra de 3.050.901,08 ¤, ó que aplicando a baixa de adxudicación da obra inicial (15,51%) resulta un presuposto líquido de adxudicación de dito proxecto modificado de 2.577.706,32 ¤ IVE incluído. Vista a cláusula terceira do Convenio na que se establece que a anualidade correspondente ó ano 2006 que debe achegar o Ministerio de Cultura por un importe de novecentos un mil euros (901.000,00 ¤), farase efectiva cando a Deputación certifique e os técnicos da Xerencia de Infraestruturas dean conformidade á terminación das obras da primeira fase, facéndose indispensable para poder certificar a empresa e así xustificar a inversión ante o Ministerio a aprobación deste proxecto modificado, por importe de 2.577.706,32 ¤. E, visto o informe emitido por Intervención, no que se pon de manifesto que a modificación supón un incremento, respecto do proxecto orixinal, de 3.050.901,08 ¤, ós que aplicando a baixa de adxudicación da obra inicial (15,51%) resulta un orzamento líquido de 2.577.706,32 ¤, IVE incluído, respectándose o límite do 20% de acordo co TRLCAP. Así mesmo, maniféstase que para o financiamento do proxecto modificado disponse unicamente do crédito resultante da baixa de adxudicación (2.366.113,44 ¤) descontando os honorarios de redacción do proxecto modificado por importe de 78.271,18 ¤, que fan un total de 2.287.842,26 ¤, polo que falta crédito dispoñible na partida 06/432.451.662.01 por importe de 289.864,06 ¤, polo que dito informe ten carácter suspensivo. O Pleno, dado que se considera que se trata dun gasto necesario e urxente, segundo o establecido no artigo 217.2.a. do TRLFL acorda por unanimidade: 1.- Prestar aprobación ó proxecto modificado de "Ampliación e Rehabilitación do Museo de Pontevedra" por importe de 18.306.306,84 ¤, que supón un incremento sobre o tipo de licitación da obra de 3.050.901,08 ¤, ós que aplicando a baixa de adxudicación da obra inicial (15,51 %) resulta un orzamento líquido de contrata de 2.577.706,32 ¤, IVE incluído, deixando sen efecto o informe suspensivo de Intervención, e continuar coa tramitación do expediente. 2.- O proxecto modificado financiarase con cargo á partida 06/432.451-662.01 do vixente orzamento provincial por importe de 2.287.842,26 ¤, a suma restante por importe de 289.864,06 ¤, consignarase no próximo orzamento provincial de 2007. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as dez horas do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario Xeral, ------
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota