ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.654
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.588

MUSICA NOTADA

A colección de música notada está formada por máis de 1.000 documentos, entre partituras e monografías, con obras musicais galegas, de creadores e creadoras galegas ou de temática relacionada con Galicia.

Aproximadamente o 70 % son partituras manuscritas e impresas de finais do s. XIX e do primeiro terzo do s. XX, con música de salón formada por obras breves para piano, instrumento rei deste período, e para canto e piano, destinadas ás reunións sociais da burguesía da altura. Neste conxunto de creacións, maioritariamente de inspiración popular, destaca un numeroso grupo do xénero melodía galega, no que relevantes compositores como José Castro Chané, Juan Montes ou José Baldomir e outros moitos, musicaron poemas de destacados creadores, entre os que se atopan as principais figuras do Rexurdimento. Así mesmo, destacan as máis de 30 obras manuscritas do pobrense Egidio Paz Hermo, moitas delas aínda inéditas, así como o arquivo do vigués Augusto Bárcena Saracho, formado por cerca dun centenar de composicións para piano, canto e piano, banda e pequena orquestra e unha ampla colección musical de autores clásicos, froito das doazóns da familia Cervera-Mercadillo e José Manuel Bárcena Guzmán respectivamente.

Outro interesante grupo constitúeno un cento de partituras impresas de tango editadas en Arxentina no segundo terzo do s. XX, coas creacións de letristas e músicos de orixe galega como Víctor Soliño, Eduardo Calvo, José Vázquez Vigo ou Joaquín Barreiro, importantes referentes da "guardia vieja" do xénero nacional arxentino.

Entre as edicións das últimas décadas do s. XX e a actualidade figuran obras corais e para canto e piano do ponteareán Rogelio Groba, un cento de composicións galegas publicadas polas editoriais especializadas Arte Tripharia e Viso Editorial, e máis de 30 obras galegas para banda de música de autores actuais editadas polo Departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra entre 2007 e 2015.

A colección complétase cun grupo de monografías nas que predomina a música notada e compleméntase cos fondos da Biblioteca, entre os que podemos atopar cancioneiros de tradición oral, biografías e obras de destacados compositores, intérpretes e artistas do país, prensa histórica, na que era habitual a publicación de pezas para piano e canto e piano, e máis e un bo número de publicacións relacionadas, que forman parte do catálogo da Editorial da propia institución.

Fondos no metabuscador ATOPO