ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

MÚSICA

Aproximadamente o 90 % das gravacións sonoras do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico teñen contido musical, o que se traduce nuns 11.250 documentos galegos realizados entre 1904 e a actualidade. Este importante corpus, integrado fundamentalmente por edicións comerciais, reflexa con fidelidade a historia da fonografía musical de Galicia. Partindo do concepto máis amplo de música galega, estas gravacións abranguen todo tipo de estilos nos que se desenvolveron as e os nosos creadores e intérpretes, tendo en conta as producións realizadas tanto en Galicia coma fóra do noso territorio, relacionadas coa nosa cultura. No devir fonográfico podemos diferenciar tres grandes períodos que se solapan nas súas últimas décadas: 1904-1958, das gravacións históricas; 1950-1995, do vinilo e do casete; 1985-actualidade, dos soportes dixitais.

1904-1958

Este primeiro período comprende as gravacións históricas, as máis antigas e polo tanto de altísimo valor patrimonial. O disco de lousa é o soporte dominante desta etapa na que convive con outros coma o disco de acetato e o rolo de pianola, que está a medio camiño entre a gravación sonora e a partitura. A colección de discos de lousa ou 78 rpm supera os 1.400 documentos impresionados tanto en Galicia coma na Arxentina, O Uruguai ou Cuba, principais destinos da emigración galega no continente americano. Dos selos editores que incluíron contidos galegos nos seus catálogos figuran algúns dos máis sobresaíntes como Gramophone, Victor, Columbia, Regal, Odeon, Pathé ou Parlophone, entre outros. Un número reducido de discos correspóndense con gravacións particulares de artistas ou edicións propias de entidades coma o Centro Galego de Bos Aires. A colección do SPDB permite realizar un percorrido polos conxuntos e artistas de música académica, popular e folclórica máis importantes da primeira metade do pasado século, desde as pioneiras gravacións comerciais realizadas en Galicia polo coro pontevedrés Aires d'a Terra en 1904. Cabe salientar un número considerable de gravacións da melodía galega interpretadas por importantes voces líricas de sona internacional, así como algunhas curiosidades entre as que se atopan gravacións do xénero flamenco farruca, interpretados polos máis renomeados cantaores, e de tango, compostos por creadores galegos e interpretados polos artistas arxentinos de maior repercusión. Os 15 discos de acetato sobresaen tanto polo seu contido único e inédito como pola singularidade do soporte; 7 deles son dubplates de 78 rpm de contido musical, entre as que figuran as gravacións do gran barítono pontevedrés Víctor Cervera-Mercadillo. Os rolos de pianola que se conservan neste fondo foron editados pola casa Victoria principalmente e conteñen temas como a Alborada de Veiga, a zarzuela Maruxa, a melodía galega Serantellos, de Enrique Lens ou o tango Galleguita. Aínda que o seu número non é elevado, cabe resaltalos pola súa importancia histórica e orixinalidade. Algunhas destas gravacións foron publicadas pola editorial da Deputación de Pontevedra nos traballos discográficos Galicia en 78 rpm e Gravacións históricas da melodía galega. Estes soportes atópanse dixitalizados nun 75 %.

1950-1999

O segundo período comprende a etapa do disco de vinilo e da cinta magnética analóxica (casete e cartucho), que ao tempo coincide coa época dourada da industria discográfica. A colección de discos de vinilo acada os 2.750 discos de 45 e 33 1/3 rpm: 1.250 entre singles e EP, 24 maxi-singles, 2.465 LP e 11 mini-LP. Estes vinilos recollen todas as manifestacións da música galega, académicas e populares, dos cincuenta anos do pasado século entre as que cabe destacar algúns dos movementos propios da época como a canción social e de protesta, o folk ou a movida viguesa. Nesta época artistas do país tamén dan o salto á escena nacional dentro da música lixeira, pop e rock. Entre os selos editores figuran os galegos Ruada, Edigal, Gal & Cia xunto con outros de ámbito nacional e internacional coma Edigsa, Belter, Zafiro, G. A. S. A., Hispavox, Sonifolk, Hermifono, Columbia, Emi-Odeón, CBS ou Polygram Ibérica, entre outros. O contido das 1.500 cintas de casete coincide en boa parte coa produción en vinilo, xa que moitas compañías adoitaban facer lanzamentos nos dous soportes simultaneamente. A maiores consérvanse 6 cartuchos de oito pistas de artistas coma Ana Kiro, grupos coma Los Tamara e orquestras coma Los Satélites, editados entre os anos 1974 e 1979. Estes soportes atópanse dixitalizados nun 90 %.

1985-actualidade

O terceiro período corresponde coa era dixital na que o soporte dominante é o disco compacto de audio. A colección conta 3.000 CD que recollen todas as manifestacións da música galega, académicas e populares, dos últimos trinta e cinco anos. Aos estilos xa presentes nos formatos anteriores súmaselle unha gran produción de música de raíz, tanto de recuperación coma de creación, o xénero rock bravú ou agro-rock, a reedición de gravacións históricas así como outras do tempo do vinilo, e todo tipo de xéneros coma rap, metal, indie ou jazz en galego. Nesta etapa aparecen diferentes selos galegos independentes que acumularon amplos e importantes catálogos coma Clave Records, Sons Galiza, Edicións do Cumio, Zouma Records, Phonos, Boa Música ou PAI Música. A partir de 2003 fíxose habitual a autoedición por parte das e dos artistas a través de empresas editoras como Falcatruada, Ouvirmos ou Inquedanzas Sonoras, entre outras.