ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

Acto de reparación institucional a expresidentes e funcionariado provincial

12 novembro 2016

A Deputación rendeulles homenaxes aos expresidentes e ao funcionariado represaliado en 1936 cun acto no salón de plenos e descubriu unha placa conmemorativa entre o Pazo provincial e o Edificio Administrativo, situados na avenida de Montero Ríos, na que está inscrito: "Na memoria das persoas que foron encarceradas, torturadas e xulgadas nestes dous edificios por defender a lexitimidade democrática fronte ao alzamento fascista de 1936".

Ambos os dous edificios foran, tras o golpe fascista, despoxados da súa condición de símbolos da soberanía do pobo e pasaran a ser usados como cárcere, o Edificio Administrativo, e como lugar onde se celebraban os xuízos e os consellos de guerra, o salón de plenos do Pazo.

O acto realizouse con motivo da  conmemoración do 12 de novembro de 1936. Nese ano , na estrada de Campañó ao seu paso polo concello de Poio, fusiláronse 10 persoas por defender a democracia e a República e por opoñerse ao golpe fascista de xullo dese mesmo ano. Entre estas persoas atopábanse dous expresidentes e varios funcionarios da Deputación de Pontevedra.

Ademais dos dous presidentes asasinados, Amancio Caamaño e José Adrio, incluíronse na homenaxe tres expresidentes máis que tamén padeceron as consecuencias da sublevación militar, Bibiano Fernández, Joaquín Maquieira e Maximiliano Pérez, e dous funcionarios, Ramiro Paz e José García Vidal. O Pazo provincial fora durante tres días de xullo de 1936 o lugar no que os dirixentes da Pontevedra republicana se reunían para facer fronte á sublevación militar, os mesmos dirixentes que despois o pagarían coa súa vida ou co exilio.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi cando Begoña Caamaño, neta do expresidente Amancio Caamaño Cimadevila e que falou en nome das e dos familiares presentes, insistiu en extender a homenaxe ao seu avó a "todas as persoas, a todas as familias das persoas que sufriron o xenocidio da Ditadura, cando este era un país arrasado polo medo". Tivo unha lembranza especial para o seu pai, fillo do expresidente, a día de hoxe afectado polo alzhéimer pero que aínda así lembra o acontecido no 36, e para a súa avoa Matilde, a viúva do avó fusilado. Ademais, leu a carta que Amancio Caamaño lle escribiu aos seus fillos, ás seis da mañá daquel fatídico 12 de novembro. "Queridos hijiños: los hombres que son muy malos conmigo me apartan de vosotros. ¡Cuánto os quiero! (...). Pero os dejo una madre que es la mejor madre del mundo. Mejor ¡ninguna! (...) es un orgullo para mi, para vosotros tenerla, haberla tenido yo, como esposa, capaz de todos los sacrificios por grandes e inmensos que fuesen. Amadla siempre. Acariciarla mucho, que en vuestras caricias vea las mías y las vuestras juntas, amor de esposo y amor de hijos nuestros. ¡Que grande será su consuelo! Un abrazo y muchos besos de vuestro padre. Amancio. 6 de la mañana. 12-11-36".