ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.648
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.442

Exposición GalizAmérica

Setembro de 2018

A Deputación puxo en marcha unha mostra itinerante polos concellos da provincia na que se  recolle a evolución da lingua e da cultura galegas na diáspora durante os anos da Ditadura e se compilan materiais relacionados co florecemento da cultura galega en América. De forma paralela, proxectouse o filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo, e organizáronse conferencias sobre o exilio.

A mostra, composta por 13 paneis, percorre diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través das e dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas coma Bos Aires ou Montevideo. Estrutúrase en tres grandes apartados. O primeiro deles relaciona o exilio coa súa causa inmediata, a represión e explica a viaxe nos barcos e a estancia nos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións estiveran en campos de concentración do país veciño. O segundo apartado aborda a xenerosidade de América e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes do continente e na súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. A terceira parte da exposición ilustra a relación do exilio interior co exterior, especialmente a través dos programas de radio, da publicación de manifestos e da edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensabéis aquí. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados pertencentes a distintos ámbitos creativos, coma Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.