ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.648
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.442

Exposición "Rexas"

Xullo de 2017

A Deputación de Pontevedra reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936 coa exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A mostra, que aínda se pode visitar, percorreu boa parte dos concellos da provincia.

O seu obxectivo era poñer o foco sobre a memoria das mulleres represaliadas, que sufriron un maltrato moito máis duro que o dos seus homes ou familiares tras o alzamento. A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Divídese en tres bloques, o primeiro aborda a contextualización histórica e mostra como o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases coma desde o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas "coma menores de idade ou sempre dependentes do varón".

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesar de que segundo as cifras os homes son maioría nas listaxes das vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas formas de represión ca eles, senón que foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente e ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra recoñece o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, e ao seu protagonismo na transmisión da memoria.