Retirada de distincións franquistas
O Pleno da Deputación do 29 de xullo decidiu por unanimidade retirar as distincións da institución entregadas durante o franquismo a verdugos coma José Calvo Sotelo, José Solíns ou Pedro Nieto e á Sección Feminina da Falange Española. Así mesmo, aprobouse o cese de Francisco Franco como presidente perpetuo da institución.
O obxectivo de que houbese un acordo unánime entre todos os grupos da Corporación provincial, incluído o PP, fixo que, se ben existen máis distincións concedidas durante o Franquismo, para chegar a un consenso só se acordase retirar seis propostas. Segundo dixo o entón deputado de Memoria Histórica, Xosé Leal, as distincións retiradas foron as máis sangrantes e duras.
Estas distincións outorgáranse no seu momento aos seus posuidores por seren "protomártir de la Gloriosa Cruzada Nacional", "intérprete más fiel de las directrices y consignas del Caudillo", ou por teren unha "valiosísima intervención en los primeros días de nuestro Glorioso Movimiento Nacional", é dicir, por cumprir consignas dirixidas a reprimir a xente, espallar o medo e, en moitos casos, "facer que moita xente morrese nas cunetas".
Leal presentara a proposta coincidindo co 18 de xullo, coincidindo co 80 aniversario do alzamento fascista que rematou coa democracia da República e impuxo un réxime ditatorial, no chamado Ano da Memoria. "O de hoxe é un acto de xustiza que escenificamos no Pazo provincial, un lugar tamén simbólico, posto que no salón de plenos xulgouse moita xente e o Edificio Administrativo serviu como cárcere para confinar as persoas xulgadas antes dos xuízos sumarísimos", dixo, para engadir que "todo o mundo debe saber que os edificios da Deputación teñen "un pasado escuro" e foron espazos nos que actuou a represión e nos que se tomaron decisións moi importantes e negativas, coma a da morte de Bóveda".